A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 5 de febrero de 2018

A 100 ANOS DA REVOLUCIÓN SOVIÉTICA EN RUSIA

Carlos Dafonte.

Finalizado o ano 2017 que coincidía cos 100 anos da chamada “revolución rusa”, dos libros, actos, simposios, artigos e todo o que queiramos agregar, dos que teño coñecemento sobre a celebración desta efemérides que relatan a toma do poder no antigo Imperio Ruso polo proletariado e os campesiños pobres, podemos sacar dúas conclusións.
En primeiro lugar o medo que ese proceso segue producindo nas burguesías, que se manifesta a traveso dos seus intelectuais orgánicos que participaron nesta celebración; medo a que se interprete a revolución soviética tal como foi e hai que dicir que neste senso, fixeron enormes esforzos para tentar seguir impoñendo toda unha serie de argumentos e interpretacións que pouco teñen que ver ca realidade.

Un dos máis utilizados é interpretar o estoupido popular contra a autocracia tsarista de febreiro de 1917, como unha especie de revolta democrático burguesa, que máis tarde por medio dun golpe de estado dos bolxeviques, convértese nunha sanguenta ditadura cernando o proceso revolucionario iniciado a principios de ano e os seus logros democráticos. A realidade é que as masas que se sublevan, as mulleres traballadoras que padecían os rigores dunha guerra interimperialista na retagarda, en Petrogrado, saen ás rúas cunha consigna moi clara, Paz, Traballo e Pan. É un movemento espontáneo na súa maioría, pero que nunha situación crítica polas dificultades que a guerra e a derrota que nas frontes se estaba a producir, levan a un sector da aristocracia e a burguesía, apoiados por partidos burgueses e reformistas a solicitar a abdicación do tsar e a formación dun goberno presidido polo príncipe Lvov, á espera de que a situación se tranquilizase e o tsar volvera a “retoma-lo rumbo”. Como fixeron sempre determinados sectores da burguesía, aproveitáronse da loita das masas para poñerse á fronte e iniciar o camiño que máis lles interesaba.
Se crean nese período inicial, do mesmo xeito que aconteceu na revolución de 1905, os soviets, expresión democrática do pobo, que en mans dos partidos reformistas non representan un perigo para o novo poder aristocrático-burgués; non son o “dobre poder” necesario para toda revolución, os bolxeviques aínda que teñen presenza nos mesmos con aproximadamente 8.000 membros en todo o territorio do Imperio, non son aínda o partido capaz de facerse co apoio da maioría da sociedade; tardarán algúns meses en gaña-la confianza de amplas masas.
Pero dende antes do inicio da I ª Guerra Mundial en 1914, tiveron unha postura moi clara e firme, formularon por parte de Lenin nos órganos da II Internacional e despois nas conferencias que xuntaron a algúns dirixentes, pouc@s, en Zimmerwald e Kiental, contrarios a apoiar ás burguesías respectivas, a necesidade de converter a guerra interimperialista en guerras civís contra as clases hexemónicas, aristocracia e burguesía, que mandaban ó matadoiro a millóns de traballadores para conseguir novos mercados e materias primas, facerse con novas colonias e multiplica-los seus beneficios.
O tema da paz a calquera prezo, se vai converter na conciencia de moit@s traballador@s no elemento fundamental e o que fará que os bolxeviques pouco a pouco, a pesares das diferencias internas que sobre o tema tiñan, vaian medrando nas súas posicións tanto dentro dos soviets como na sociedade, ata converterse en nove meses, nun partido de máis dun cuarto de millón de militantes; un partido democrático onde se podían manter posicións contrarias e onde Lenin a maior parte das veces, tanto no ano 17 como con anterioridade, estivo en minoría na discusión de numerosos problemas, ata que foi capaz de ir gañando a adhesión d@s compañeir@s de partido e máis tarde das masas proletarias e campesiñas.
A paz para o proletariado e os campesiños pobres do Imperio, converteuse nun obxectivo fundamental, pois sen ela, non habería nin pan nin traballo, só morte nas frontes de combate e miseria nos campos e nas cidades. O resto dos partidos, os constitucionalistas, tamén chamados “cadetes” máximo representante da grande burguesía, menxeviques, socialistas revolucionarios e as institucións que dominaban, eran firmes partidarios de continua-la guerra, seguir mantendo vivos os pactos que asinara a autocracia tsarista cas outras potencias imperialistas europeas e apoiar ó goberno provisorio.
A paz, e a idea formulada por Lenin a súa chegada a estación de Finlandia no mes de abril, de que o goberno provisorio burgués tiña que ser substituído polo goberno dos soviets, idea ca que non estaba de acordo a maioría do Comité Central do Partido Bolxevique, pero que atopou o apoio de Trotski e o seu pequeno grupo que se integrará no mesmo, van se-los dous pes sobre os que os bolxeviques van acada-la súa maioría social.
Hai que dicir que cando Lenin chega en abril a Rusia atópase cun partido moi fragmentado respecto a esta cuestión do poder soviético; había dirixentes que consideraban que a revolución tiña que ser democrático-burguesa e que polo tanto había que apoia-lo goberno provisorio, outro grupo consideraba que o Partido Bolxevique era o que debía loitar polo poder e unha minoría que compartía a tese de Lenin de “¡todo o poder para os soviets!”. Tivo que facer un grande esforzo debatendo con dirixentes e base ata que a súas teses, coñecidas como as “teses de abril” se converteron en maioritarias e despois de que o partido comprendeu o alcance das mesmas, a loita nos órganos de dirección dos propios soviets en primeiro lugar, onde moitas veces Lenin e os bolxeviques foron apupados polas súas posicións sobre a paz, o goberno provisorio e todas as teses que presentaron; por exemplo no Congreso Pan Ruso dos Soviets, que estaba a debater o tema da unidade. Foron combates dialécticos moi duros nun contexto en que se acusaba a Lenin de ser un espía alemá por chegar a Rusia nun tren que cruzou territorio xermano.
A partires do intento de golpe de estado do xeral Kornilov, que contaba co apoio do Goberno, cuxo obxectivo de implantar unha ditadura e foi derrotado polo movemento de masas, os bolxeviques van conseguir maiorías nos soviets e estes comezan a tomar medidas que significan a existencia dun poder paralelo, se suprime a policía política, legalización dos sindicatos, control por parte dos traballador@s de servizos básicos como correos e teléfonos, os soviets dominan unha grande parte das forzas armadas, ata que chegados a outubro polo vello calendario, 7 de novembro polo noso, expulsan ós restos do goberno provisorio do Pazo de Inverno; goberno que había tempo deixara de controlar a situación e cuxo presidente Kerenski se había fugado. Polo tanto non foi un golpe de estado a xornada do 7 de novembro perpetrado por un reducido grupo, foi o colofón lóxico a todo un proceso de toma de poder por parte da maioría do pobo, pacífico e feito non en nome dun partido, senón dos órganos democráticos que o propio pobo creara. Pódese afirmar que foi a incapacidade do goberno provisorio para satisface-las necesidades das masas, nun claro proceso de loita de clases o que leva ós bolxeviques ó poder.
Hai que entender os procesos revolucionarios como ben dicía o propio Lenin, non como “un acto único, nin unha única batalla nunha fronte illada, senón toda unha época de agudos conflitos de clase, unha longa serie de batallas en todas as frontes, é dicir, batallas a redor de todos os problemas da economía, da política, que só poden culminar ca expropiación da burguesía”. Polo tanto, esa idea dun golpe dun pequeno grupo contra as masas, un feito illado, non ten ningunha verosimilitude.
Outro argumento esgrimido pol@s crític@s co proceso revolucionario soviético é o de que o pensamento e actuar de acordo cas propostas de Lenin, sempre vai conduci-lo proceso irremisiblemente cara ó stalinismo, pois o leninismo sempre é o seu limiar, é a mesma cousa; denominando co nome de stalinismo á burocratización do Estado e o Partido, a ditadura persoal, a falla de liberdades, o usufruto da riqueza producida polo país por parte da burocracia e a eliminación sistemática do adversario por métodos violentos.
O que as clases dominantes tentan traslada-la sociedade en todos cantos países utilizan estes argumentos, é que o tipo de sociedade que queremos construi-los comunistas hoxe, e “calco e copia” da sociedade que se edificou na URSS a partires de 1929, cando Stalin e toda a burocracia toman o poder dun xeito explícito.
Pero tamén se tenta transmitir outra idea fundamental á sociedade, que a organización pola que Lenin batallou toda a súa vida, o partido revolucionario dos traballadores, se chamara Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia, máis tarde Partido Bolxevique e despois Partido Comunista, non é a organización adecuada para facer política na época que vivimos, pois ese instrumento serviulle a Stalin para impor o seu réxime polo tanto non é un partido democrático acorde cas liberdades da democracia burguesa.

As ideas de Lenin sobre o Estado e o Partido.
Morreu en xaneiro do ano 1924 e os derradeiros dous anos da súa vida estiveron sucados por longas crises de saúde, pero decatouse, sen ter moitos medios para poñerlle fin, e amosou a súa contrariedade, do proceso incipiente de burocratización do Estado e do Partido, proceso que despois da súa morte deu pe a unha forte loita dentro do Partido Comunista ata que a Oposición de Esquerdas é derrotada e a partires de 1929 Stalin faise con todo o poder. Lenin combateu con diferentes artigos este proceso contrario ás súas ideas, escritos en 1921; “A crise do Partido”, “Novos tempos vellos erros”, “A cerca da significación do ouro despois da vitoria completa” e “Sobre as purgas no Partido”. Sendo consciente do dano que Stalin podíalle facer á organización solicitou publicamente a substitución do mesmo como secretario xeral do Partido na súa “Carta ó Congreso”, na que se atopa unha frase moitas veces esquecida: “O camarada Stalin chegado a Secretario Xeral, concentra nas súas mans un poder inmenso que non estou seguro de que sempre saiba usalo con suficiente prudencia”, e solicitaba a súa substitución.
Hai unha realidade que tampouco debemos esquecer, que moitas das apreciacións que coñece a xente que non é estudosa da obra de Lenin, se coñecen a traveso das obras e as valoracións do propio Stalin e toda a armazón produtor de ideoloxía, creado para dar satisfacción e xustifica-lo seu poder; obras de Stalin como “Fundamentos do leninismo”, terxiversan en grande medida o que Lenin pensaba, para reforzar as súas posicións políticas e o seu poder omnímodo.
Na cuestión relativa ó Estado, Lenin baseándose nos escritos de Marx sobre a Comuna de París, escribe en 1917, mentres se atopaba na clandestinidade despois dos acontecementos de xuño-xullo, “O Estado e a Revolución” onde formula elementos moi importantes que serán recollidos no ano 1919 no Programa do Partido, ó celebra-lo seu Congreso; son as catro condicións do “poder soviético”: 1ª eleccións libre e democráticas e dereito de revogabilidade para todos os elixidos. 2ª ningún funcionario debe recibir un salario máis alto que o que recibe un obreiro cualificado. 3ª non existirá exército permanente senón o pobo armado. 4ª Gradualmente todas as tarefas do Estado deberán ser realizadas por tod@s. Cando todo o mundo sexa un burócrata ninguén poderá ser un burócrata. Engels a esta estrutura chamoulle “semi Estado”, un sistema político de carácter transitorio co obxectivo de avanzar cara ó socialismo. Este esquema ten algo que ver co sistema político que se impuxo cando Stalin tiña o poder?. Conseguiu o poder eliminando a todo o antigo Comité Central do Partido Bolxevique e a cantos bolxeviques se opuxeron ás medidas tomadas.
Lenin tiña unha idea nidia do que sería o poder soviético; expresouno en outubro de 1917: “Unha vez co poder nas súas mans os soviet poderían aínda agora, asegura-lo desenvolvemento pacífico da revolución, a elección pacífica dos deputados populares, a loita pacífica entre os partidos no seo dos soviets, a comprobación na práctica dos programas dos diferentes partidos, o paso pacífico do poder dun partido a outro”.
Foi a intervención violenta dos chamados “exércitos brancos”, cando non estaba creado o exército vermello, a actitude da “lexión checoslovaca” que ocupou importantes territorios, o desembarco de exércitos de Inglaterra, Francia, Xapón, EEUU e outras potencias imperialistas, ocupando partes moi importantes do territorio do antigo Imperio Ruso, a ocupación por parte dos exércitos de Alemaña de toda a Ucraína, foron os elementos repito, que obrigaron ós soviets a loitar e inicia-lo camiño da guerra na defensa da revolución.
Se a actitude da burguesía e todos os seus aparellos de propaganda que se mobilizaron este ano, para dar unha idea moi determinada e contraria á revolución hai que considerala como normal, non poden aceptar ser desplazada do goberno dun territorio determinado, quero destacar en segundo lugar, a pouca importancia que a esquerda lle deu a esta conmemoración. Era previsible, pola razón de que dominada ideolóxicamente polas posicións liberais, a revolución dos soviets no Imperio Ruso, analizala, estudala, sacar conclusións e ensinanzas, non é algo que teña en mente; ó máis que se atreveu facer, como non podía ser doutro xeito, foi celebrar algún acto.
Estuda-la revolución soviética e polo tanto todo o seu entorno, a alemá, a húngara, non casa ca actitude reformista que a esquerda institucional leva adiante; e non vou a especificar, sería tanto como adicarme a dar certificados, que partidos e organizacións son ou non de esquerdas. Pero penso que ser de esquerdas é ter unha actitude contraria a manter o sistema capitalista e iso só se fai dun xeito coherente sendo marxista; non hai esquerda sen anticapitalismo, xestiona-lo capitalismo doutro xeito pode ser progresista, pero non de esquerdas, en calquera caso unha actitude moi trabucada.
Lenin o que fixo durante toda a súa vida foi defende-lo marxismo fronte ós numerosos intentos da socialdemocracia de quitarlle o seu carácter revolucionario e xunto cos soviets e os Comisarios do Pobo, levaron a cabo, a pesares das dificultades polas que pasaba a revolución no primeiro ano, a toma de medidas tan importantes como: Aproba-los decretos sobre a paz, para que o proletariado e os campesiños pobres non seguiran a ser a maioría dos mortos nas frontes de combate; aprobar decretos e facelos efectivos sobre a entrega da terra ós campesiños; control obreiro das empresas nun primeiro momento e máis tarde a nacionalización das mesmas; aprobación da Declaración de Dereitos dos Pobos, onde se establecía a igualdade e soberanía dos pobos, o dereito a dispor do seu propio destino ata o punto de poder separarse e constituírse en Estado e abolición dos privilexios nacionais e relixiosos; establecemento da xornada de 8 horas; creación do ensino público; decretos instituíndo o matrimonio civil, o divorcio e o aborto; creación do organismo de defensa da maternidade e a infancia; prohibición da prostitución; organización do Exército Vermello; nacionalización da banca e creación do Banco do Estado que garantira todos os depósitos; nacionalización da grande industria; apertura do diálogo cos traballadores de relixión musulmá; etc.
Moshe Lewin, no prefacio do seu libro “ O século soviético” á edición de 2017, afirma “A Unión soviética xa non existe. Como din algúns 'é historia', ou o que é o mesmo, esquézanla”, afirmación absurda afirma máis adiante, pois a antiga URSS vai seguir presente e durante moito tempo.
Esta posición é complementaria co afirmado por Josep Fontana de que non é posible comprender todos os acontecementos do século XX sen entender o acontecido en Rusia en 1917 e na URSS e engado, elementos tan importantes como o xeito de sortea-la crise do 29, a vitoria na segunda guerra mundial, as cesións do capitalismo ó movemento obreiro na etapa que se coñece en algúns países de Europa como “estado de benestar”, a planificación económica, as loitas anticoloniais e pola liberación nacional e todo un longo “etc”
Creo que hai elementos moi importantes que merecen por parte da esquerda, un análise máis fondo do que foi a “revolución rusa” e as súas consecuencias, do que neste centenario levaron a cabo.

En Galicia no mes de febreiro de 2018.

No hay comentarios:

Publicar un comentario