Xulia Mirón e
Roberto Laxe.
Loitemos para gañar
O 8 de marzo de 1917 segundo o
calendario xuliano, 23 de febreiro segundo o vixente en Rusia dese
ano, as mulleres do textil do barrio obreiro de Viborg en Petrogrado
declaráronse en folga. Foi, ata hoxe, a folga de mulleres máis
sonada da historia, pois foi o pistoletazo de saída da Revolución
Rusa, que cambiaría o panorama mundial por máis dun século.
As mulleres rusas declaráronse en
folga contra as consecuencias da I Guerra Mundial, por un aumento das
racións mermadas pola profunda crise que vivía Rusia. Pero non se
contentaron con simplemente protestar, con visibilizar a súa loita,
senón, porque as súas esixencias eran do conxunto da clase obreira.
Dirixíronse ás fábricas e centros de traballo maioritarios dos
homes e chamáronos a apoiar a folga. O zarismo respondeu enviando ó
exército para reprimilas, un exército maoritariamente campesiño
que vista a forza da loita, renunciou á represión e os batallóns
pasáronse ó campo da revolución que xa comezara.
"As traballadoras contribúen enormemente a forxalas relacións entre traballadores e soldados. Van ata os cordóns con máis audacia que os homes, agarran os rifles, rogan, case ordenan: "Baixade as baionetas, unídevos a nós". Os soldados están nerviosos, avergoñados, interambian miradas ansiosas, vacilan; alguén é o primeiro en decidirse e as baionetas érguense culpablemente sobre os hombros da multitude que avanza". (Leon Trotski, Historia da Revolución Rusa).
As mulleres traballadoras foron o motor
e a vangarda dunha revolución que nove meses despois, provocarían
os "dez días que estremeceron ó mundo". Toda unha lección
da que aínda podemos e debemos aprender, e a primeira de todas, que
asemella esquecida por todos e todas, que as loitas ou se dan para
gañar, ou as gaña o inimigo de clase.
Para este 8 de marzo, dende as
organizacións feministas, convocouse unha folga mundial co obxectivo
manifesto de "visibilizar" a opresión de xénero, das súas
consecuencias, e demostrar perante o mundo, o papel da muller na
sociedade. Namentres estas organizacións, que non se reivindican da
clase obreira, empregan o principal método de loita da clase
traballadora, a folga, as cúpulas sindicais, limítanse a dar
cobertura legal á convocatoria.
O chamamento debe avergoñar a unhas
organizacións que no seu seno teñen a decenas de miles de
afiliadas, de tódolos sectores, dende a industria textil ate a
conserva, dende a administración pública até o comercio, incapaces
de poñer no centro as reivindicacións das traballadoras e menos, a
empregar o mecanismo de loita de clase obreira, a folga, é dicir, na
súa acepción histórica, parar a producción e a distribución de
bens e servizos.
O papel das organizacións da clase
obreira
A meirande parte das organizacións
sindicais da clase obreira limítanse a dar cobertura a esta
convocatoria, cando é máis que evidente que a alianza que dende as
organizacións feministas quérese facer coa mulleres da pequena e
mediana burguesía, non ten máis percorrido que o da esixencia dos
dereitos democráticos para tódalas mulleres.
Atopámonos, de novo, coa pasividade
das organizacións sindicais, que se limitan a dar cobertura á
convocatoria da folga, sen ter a menor independencia para levantar as
súas propostas. Limítanse a seguir a unhas organizacións que ven
ás mulleres traballadoras coma un número máis dentro dun
batiburrillo de clases sociais.
Non nos confundamos, as mulleres da
pequena e mediana burguesía, as intelectuais e profesionais non
teñen as mesmas necesidades e esixencias que as mulleres
traballadoras. Incluso nun tema tan aparentemente transversal coma o
aborto. O dereito ó aborto que existe no estado español, aínda non
garantido plenamente dende a sanidade pública (obxección de
conciencia sanitaria, etc) xa lle basta e esos sectores non obreiros.
Teñen, a maioría, os recursos suficientes para pagalo ou, como
sucede en moitas ocasións (Galiza, Navarra, Andalucía). Aos
sectores non obreiros xa lles cega, posto que teñen recursos
suficientes para costearse os traslados.
Polo contrario, ás mulleres
traballadoras, que son as que máis sufriron na súa carne o
retroceso nos dereitos laborais, en precariedade, en salarios, o
recoñecemento formal dese dereito non lles basta, deberían seguir
loitando non só pola legalización do aborto, senón por un aborto
gratuito, na seguridade social.
Se isto sucede, cun dereito
transversal, democrático, que non será cos dereitos á igualdade de
salarios, á incorporación plena das mulleres traballadoras en total
igualdade laboral cos seus compañeiros masculinos.
Pedirlle ás organizacións feministas
que suplan o que as organizacións sindicais e da clase obreira
deberían facer, non é a súa tarefa. A igualdade salarial, os
dereitos laborais, a loita contra a precariedade e os baixos
salarios, que afectan principalmente ás mulleres e, especialmente ás
xóvenes, é unha tarefa que non podemos delegar en ninguén. Ou as
organizacións obreiras, sindicais e políticas as colocan no centro
das reivindicacións deste 8 de marzo, ou ninguén o vai facer.
A Folga, ferramenta de loita ou de
propaganda
A meirande parte organizacións
sindicais e políticas da clase obreira son incapaces de poñer no
centro as reivindicacións das mulleres traballadoras, porque están
derrotadas, renunciaron a pelexar por gañar fronte ó inimigo (como
se demostra dende fai anos nas loitas que se dan) e ideolóxicamente
están gañadas para as teorías da pos modernidade, do "fin da
loita de clases", de desaparición da clase obreira. Calaron
neles a socioloxía académica, que divide á sociedade, non en
clases sociais, senón en sectores sociais transversais, unidos polas
ideas e non polas necesidades comúns.
Isto exprésase no chamamento
indistinto a una "folga feminista" ou unha "folga de
mulleres". Non é o mesmo; unha "folga feminista" so a
realizarían as mulleres que se definen "feministas", en
tódalas súas perspectivas, que son unha minoría. Non existen as
folgas "ideolóxicas", senón de sectores da clase; por
iso, unha "folga de mulleres" é un concepto moito máis
amplo, abarca cuantitativamente a máis do 50% da poboación. Unha
folga de mulleres é un concepto moito máis amplio, abarca
cuantitativamente a máis do 50% da poboación. Pero para as
convocantes, na súa cabeza, como elas son feministas, consideran que
a folga é feminista. É o individualismo elevado á enésima
potencia. Confundir as ideas dunha persoa coas ideas de todo un
sector social, as mulleres.
Centremos a discusión, para o 8 de
marzo convocouse unha "folga de mulleres", que, segundo din
na convocatoria, ten coma obxectivo demostrar que "se as
mulleres paran, o mundo para".
Vaiamos por partes. Se as mulleres de
Bershka en Pontevedra paran, as tendas de Inditex en Pontevedra
paran; certo. E así o demostraron fai uns meses cando derrotaron ó
xigante textil coa súa folga indefinida (¿onde estaban as
feministas nesa folga de mulleres traballadoras?). Se as
traballadoras do textil de Bangladesh paran, como fixeron fai uns
anos, as fábricas de Inditex paran, certo. As mulleres poden parar
unhas fábricas, uns comercios, pero non porque sexan mulleres, senón
porque son traballadoras. A propietaria do 25% de Inditex é unha
muller que difícilmente ten os mesmos intereses que as das fábricas,
sexan en Arteixo ou en Bangladesh, ou das do comercio de Pontevedra.
A folga é unha ferramenta da clase
traballadora que, desvirtúase só se é empregada para visibilizar
unha problemática. Unha folga cuestiona o poder do empresario,
imponlle que as súas traballadoras deixan de traballar, non cando él
o di, senón cando elas o deciden; son dous dereitos, o do patrón a
impoñer as súas condicións e o da clase traballadora para
defenderse; e entre estes dous dereitos, xa se sabe que quen decide é
á forza.
Por iso, unha folga ou se convoca para
gañar, para derrotar ó inimigo; dito de outra maneira, non só para
visibilizar o problema das mulleres ou da clase obreira, senón cun
obxectivo, gañar un dereito e poñer en valor a forza da clase
obreira fronte ó capital. Ou só conduce a retrocesos, pois a súa
mala utilización desmoraliza e desmoviliza. Despois dirase, "as
folgas non serven para nada", "perdo cartos", porque
se desconta por día de folga, ou isto non o tiveron en conta as
organizacións convocantes, que cada traballadora que ese día faga
folga, vanllo descontar do salario.
Unha folga é algo moi serio para
deixalo en mans de organizacións procedentes de outros sectores
sociais que non teñen coma ferramente de loita a folga. Por iso
falan da folga alegremente. Pero volvemos a que non lles podemos
esixir o que é tarefa das organizacións obreiras, sindicais e
políticas: organizar unha folga.
O papel dos homes na clase obreira
Isto introdúcenos noutro aspecto
polémico, o papel dos homes da clase traballadora nesta folga.
Eiquí a precisión ten todo o sentido,
porque as organizacións sindicais legalizaron a convocatoria de
folga para o 8, uns de dúas horas, outros de 4 e algúns de 24
horas. Ben, esta legalización supón que calquera, sexa home ou
muller, ese día está cuberto legalmente para ir á folga.
Ante este feito, as feministas
contestan que é unha folga de mulleres, e por tanto, deixan ó marxe
ós homes. Por que? Non é máis lóxico unir forzas para loitar
contra a brecha salarial, as baixas pensións, a violencia machista,
etc? Non é máis lóxico chamar a que se sumen activamente á folga,
amosando o seu total apoio ás reivindicacións das súas compañeiras
de clase? É un principio básico da solidariedade obreira.
Pero non, co seu chamamento piden ós
homes que "substitúan" ás mulleres, o que traducido a
efectos prácticos, están chamando a que os homes fagan de
esquiroles na folga das mulleres. Ademáis, o chamamento a substituír
ás mulleres faise extensivo aos coidades e ás tarefas domésticas.
Parece que viven en outro mundo; fagamos un pequeno esforzo de
imaxinación e, situémonos nunha familia da clase traballadora, onde
dende fai séculos a división do traballo doméstico é unha
relixión e ese día, a muller dille ao seu compañeiro, "hoxe
fas ti as tarefas do fogar". ¿Cal pode ser a contestación na
meirande parte dos casos? E isto é proposto sen dar o menor apoio
organizativo a esas mulleres; porque nestos casos sería preciso un
piquete para impoñerlle ao home o que se propoñen.
Acaso pretenden que en un día cambie
todo por arte de maxia? Os cambios realízanse ó longo do camiño,
non nun só día.
Un 8 de marzo de clase
Isto condúcenos de cabeza á
imprescindíbel necesidade de diferenciar entre clases sociais. Como
vimos, nin tan sequera nun dereito tan transversal como é o do
aborto os intereses das mulleres son comúns; se isto é así, que
non será entre as traballadoras e as empresarias, Empregamos o
xénero feminino, porque na pequena empresa, de servizos, teñen un
papel importante, pero non só iso; a máxima representante do
capital financieiro español, o BSCH é unha muller, Ana Botín.
As reformas laborais de ZP e Rajoy
significaron un trasvase de 37.000 millóns de euros dos petos da
clase traballadora ó capital; e deste trasvase beneficiáronse dende
Ana Botín ate a dona do bar da esquina, que ten contratada a unha
traballadora inmigrante á que paga 600 euros por 12 horas de
traballo. Galiza, por exemplo, ten as pensións máis baixas do
estado, etre outras cousas, porque ten unha clase obreira altamente
feminizada (téxtil, conserva, servizos, etc) e sectores autónomos
tamén feminizados (marisqueo, redeiras, etc) e a famosa "brecha
salarial" termina manifestándose nas pensións de xubilación.
A "brecha salarial" da que M.
Rajoy non quere falar é unha necesidade do capital para a
"recuperación" da súa economía, por iso non quere falar
dela!
Os beneficios empresariais recupéranse a base de baixar os salarios, de empeoralas condicións de traballo, cebándose sempre nos máis débiles, as mulleres, as inmigrantes, a xuventude e, ó final, chegar á clase obreira masculina.
Os beneficios empresariais recupéranse a base de baixar os salarios, de empeoralas condicións de traballo, cebándose sempre nos máis débiles, as mulleres, as inmigrantes, a xuventude e, ó final, chegar á clase obreira masculina.
A meirande parte das organizacións da
clase obreira, sindicais e políticas renunciaron a loitar
coherentemente contra ela. Os prexuizos de amplos sectores da clase
obreira masculina son machistas, racistas, xenófobos, como
anticataláns. E as cúpulas sindicais, en lugar de combatilos, de
explicar que esos prexuízos só benefician ó capital, desmoralizan
ós sectores máis febles, claudícanlles, pola vía de non loitar
por poñer no centro da loita as esixencias das mulleres
traballadoras.
Este 8 de marzo, despois de 10 anos de
crise, onde tódolos indicadores da calidade de vida da clase obreira
retrocederon, e dentro desa, as mulleres traballadoras foron as
principais perdedoras, o eixo da folga debería ser ben claro:
CONTRA AS REFORMAS LABORAIS, A IGUAL
TRABALLO IGUAL SALARIO, CONTRA AS PRIVATIZACIÓNS dos servizos
públicos que só reforzan a opresión da muller, pois é sobre a que
reacae o peso do traballo doméstico que o Estado destrue ou
privatiza.
Ah! pero isto vai contra a "folga
de mulleres" proposta polas organizacións feministas, porque os
homes da clase traballadora tamén están afectados por esas reformas
laborais, por esas privatizacións, por tanto deberían ser tamén
suxeitos activos da mesma.
De outra maneira, claro está, ninguén
nega a opresión da muller; pero a clase que se beneficia da
explotación de ambos é a mesma, a clase capitalista (homes ou
muhlleres), ás que a división entre homes e mulleres, nativos e
inmigrantes, vellos e xóvenes, ben lles fai. Ou xa non se lembra a
máxima de "divide e vencerás"?
Eles van vencendo porque tanto dende as
organizacións feministas, como das cúpulas sindicais, admítese
como natural esta división: unha folga só de mulleres contra un
sistema, o capitalista, que actúa unido; a estratexia que prantexa
as batallas desta maneira é unha lince, ou non quere gañar.
Derrotar a opresión da muller
trabaladora vai máis aló de "visibilizar"
A opresión da muller ten un calado de
gran calibre, porque a muller traballadora ten que romper dúas
barreiras, a explotación como clase e a opresión como sexo; por iso
cando o fan, van a por todas, como fixeron as traballadoras do textil
ruso. Cando saíron á loita organizaron unha revolución. Por certo,
non foi o primeiro caso, na revolución francesa, a burguesa, foron
as mulleres pobres parisinas as que encabezaron o asalto a Versalles
cando se enteraron de que se estaba a facer acopio de armas no
palacio real.
As súas reivindicacións como clase e
comao sector social non teñen cabida dentro deste sistema
capitalista, dos seus reximes, e convirten as súas loitas en
verdadeiros terremotos sociais; por iso, facer unha folga para
"visibilizar" unha situación social é rebaixar a
profundidade da loita que é preciso desenvolver. Este 8 de marzo
debe ser o comezo dunha loita sostida no tempo, dende os centros de
traballo e estudo, cun carácter abertamente político, contra un
goberno que se limita a dicir "non toquemos o tema". Non
queren nin entrar, porque se podería abrir a caixa de Pandora.
As mulleres traballadoras, como parte
fundamental da clase obreira, non teñen os mesmos intereses que as
mulleres da burguesía, nin nas reivindicacións democráticas, como
vimos no caso do aborto, nin menos que menos, nas condicións
laborais; e iso ten que manifestarse non só este 8 de marzo. Senón
nas loitas que están por vir.
O seu aliado natural son os homes da
clase obreira, pois as súas condicións de vida dependen do mesmo, o
salario. Tanto a muller traballadora coma o home traballador, sen
salario non son nada, son carne de desfiuzamento, da eufemística
"pobreza enerxética" (que non é outra cousa que pobreza
pura e simple), de emigración, etc. Pero non vamos ocultar a
realidade de que os homes da clase obreira son parte dun sector
dominante, como sexo, que se expresa no machismo; contra o que hai
que loitar con tódolos medios, e nesta loita as organizacións da
clase obreira, sindicais e políticas teñen moito que dicir.
Non poden deixar en mans de ninguén a
erradicación das súas filas dos comportamentos machistas, que como
o racismo, o anticatalanismo, son lacras que dividen a clase obreira:
non vale ollar para outro lado, apoiar unha "folga de mulleres"
e quedarse tan contento. Combatir o machismo nas filas da clase
obreira é fundamental para construila unidade, superar as máis que
lóxicas desconfianzas das mulleres respecto ós seus compañeiros e
presentala batalla unida contra o mesmo sistema que se beneficia da
explotación de todas e todos, e da opresión das mulleres.
O 8 de marzo no réxime do 78: o
nacional catolicismo
Ainda que o machismo é mundial, non
hai sociedade que escape a el, no estado español ten unhas
características especiais, ó non terse producido a separación
igrexa-estado que si se produciu noutros estados, posto que a igrexa
católica é unha das grandes "reservas ideolóxicas" e
materiais dese machismo: o poder da Igrexa é ben concreto. No estado
español esa reserva ten un nome: "Nacional Catolicismo".
A Transición e o rexime que xurde dela
non só trae consigo as institucións do franquismo, como a Xefatura
do Estado, xudicatura ou o exército, senón tamén esa relación coa
igrexa e a ideoloxía que a sostén, o nacional catolicismo, que ten
un perfil especialmente machista, expresado nunhas atitudes que dende
as institucións que, se non fose porque son brutais, producirían
vergoña allea.
Dende as afirmacions de M. Rajoy sobre
a "brecha salarial", as declaracións de xuíces sobre as
"provocacións" das mulleres, até as sentencias xudiciais
para violadores e pederastas, amosan que para a muller, a Transición
tampouco foi nada do outro mundo. Cambiáronse, con dificultades,
algunhas leis (divorcio, aborto), derogáronse algunhas que eran
directamente medievais coma o dereito de coreción do home sobre a
muller, vixente ate mediados dos 70, cando tamén se modificou o
Código Civil, posto que nel prohibíase á muller poder adquirir
bens sen o consentimento do marido.
Ao manterse as institucións básicas
do franquismo que se apoiaran nesa lexislación retrógada, como o
poder xudicial e a Igrexa, o trasfondo político e ideolóxico que
movía esas normas non cambiou; e agora asistimos a un revival de
atitudes, en paralelo ao recorte das liberdades democráticas.
A loita contra o recorte de liberdades
como a lei mordaza, non é allea a este ataque ós dereitos das
mulleres, dende a xudicatura a outras institucións do estado, máis
aló de medidas cosméticas como as concentracións institucionais
cada vez que unha muller é asasinada. Son parte da mesma loita
contra un rexime que deixou intactas as esencias dos 40 anos de
franquismo.
A ESIXENCIA DE DEPURACIÓN DAS
INSTITUCIÓNS, COMEZANDO POLA XUDICATURA, DE ELEMENTOS MACHISTAS,
debe ser unhas das reivindicacións fundamentais deste 8 de marzo.
As mulleres traballadoras sofren nas
súas carnes non só a opresión como xénero, senón a explotación
como clase, polo que concentran como ninguén tódolos males da
sociedade capitalista. As organizacións obreiras, sindicais e
políticas non poden ser a retagarda desta loita, senón que deben
poñerse ó frente da organización e da loita.
O 8 de marzo debe recoller estas
esixencias laborais e políticas das mulleres traballadoras,
e como fixeron as rusas do téxtil en 1917, chamar ó conxunto da
clase obreira a unirse na súa loita; o 8 de marzo debe ser, non un
día para "visibilizar" unha situación máis que evidente,
senón de loita da clase obreira, coas mulleres
traballadoras á fronte, contra o goberno e o réxime
que é o sostén institucional da explotación e opresión que
sofremos.
Galiza, 9 de
febrero de 2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario