A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 6 de marzo de 2018

GALICIA HOXE.

Carlos Dafonte.

Galicia como non podía ser doutro xeito, atópase hoxe mergullada en dúas crises que a calquera dirixente político enraizado na súa terra, lle obrigarían a considera-la situación con seriedade e non actuar como o teñen feito nestes anos, tanto os que aspiran a ser elixidos para controlar as institucións galegas como @s os que xa as controlan: ca certeza de que o máis seguro é seguir a corrente que nos pula, aínda que de facelo así, o futuro sexa incerto, pero é o que hai para todo o estado e presentar unha acción política con toda unha serie de medidas que non se atopan como repite constantemente M. Rajoy, dentro do “sentido común”, ten os seus riscos; o primeiro que os medios de comunicación hexemónicos demonicen a quen as formula. Sentido común nunha sociedade dividida en clases, como a nosa, sempre e o xeito de pensar da clase dominante, que consigue por métodos diversos que as “clases subalternas” acepten o seu pensamento.

Políticos hai, como os actuais que son maioría nas institucións, que asumen ese risco por razóns ideolóxicas; están convencidos como os outros, que por ese camiño, os datos obxectivos non amenten, imos a ningures, pero seguen a pensar que ise é o camiño que lles traerá maiores recompensas persoais e aceptan de cheo as políticas dos poderes económicos. Atópanse na política para medrar, non para solucionar os problemas d@s máis desfavorecid@s, que na súa concepción darwiniana do mundo, atópanse onde se deben atopar e son os culpables da súa situación. Senón medraron máis é pola razón de que non o merecen.
A situación de Galicia se enmarca pois, entre dúas crises moi potentes, unha económica, propia do capitalismo que cada poucos anos necesita da mesma para eliminar competidores e que é produto da queda da taxa de ganancia, resultado da competencia intercapitalista, e a crise política do réxime, crise de dominación, crise no fondo do proxecto de transición política da ditadura a un sistema democrático, proceso moi mediatizado por un aparello ditatorial que non foi desmantelado.
Como analizan Miras e Tafalla, na Unión Europea a crise económica serviu para situar a Alemaña no centro político e económico e ó mesmo tempo, recolonizar, “resituar” a todos os países da periferia, incluído o estado español.
As negociacións para a nosa entrada no espazo imperialista europeo, a UE, leváronse a cabo sen ningunha garantía e nos situaron como un país periférico, perdimos a industria máis competitiva, desindustrializado, agás para empresas deslocalizadas do centro do sistema capitalista, que levan os beneficios cara a fora, que só imos vivir do sol-turismo e as burbullas inmobiliarias que se producirán periódicamente. Situación moi difícil sen “harmonización fiscal” a nivel do espazo europeo, pois os nosos empregos precarios e de baixos salarios, non poden nunca competir cos empregos indefinidos do norte da UE e con salarios altos. A nosa Facenda vai ser sempre deficitaria e o drama, das medidas de recortes de todo tipo, constantes.
Por iso moit@s non aceptamos a entrada na UE, nin o tratado de Maastricht, nin os acordos de Lisboa e fomos manifestarnos a Porto, nin o camelo da “Constitución Europea” que PP e Psoe chamaron a votar, nin aceptamos a entrada no euro. Os que así opinábamos éramos conscientes de que a perda de soberanía, a súa transferencia a unha burocracia ó servizo do imperialismo ía, máis tarde ou máis cedo, debilita-los entramados institucionais dos estados, deixándoos sen instrumentos para defender determinadas conquistas e valores, feitas polo movemento obreiro despois da derrota do Nazismo e o Fascismo na II ª Guerra Mundial. Ficamos sen instrumentos para a defensa de toda unha serie de espazos, como os servizos públicos e toda outra serie de cuestións que se poden considerar como contributivas dun determinado tipo de civilización baseada no pacto co movemento obreiro, á que chegamos tarde pola permanencia da ditadura e que agora tentan, e o están conseguindo, arrasar ca mesma. A modificación do artigo 135 da Constitución levada a cabo polo Psoe e o Pp, con “nocturnidade e alevoisía”, afonda nese camiño.
Ademais da creación da UE, debemos considerar, que xa dende o ano 1973 o capital industrial iniciara unha “nova división internacional do traballo”, cuxo obxectivo era a destrución das conquistas sociais e do sindicalismo de clase, conseguindo por métodos moi diversos, “entre eles o de cambia-la estrutura produtiva co que se liquidou as “anteriores culturas do traballo, que construían e á vez daban autoconciencia, a un suxeito subalterno autónomo; lle permitían autocomprenderse nas súas expectativas, nas súas metas diferenciadas...”. O capital nesta brutal ofensiva, está arrasando con todo tipo de dereitos, liberdades políticas, sindicais e laborais, á saúde, a unha vivenda, ó traballo, ás vacacións, a un salario que che permita non ser pobre, á educación para @s fill@s d@s traballador@s. A sociedade faise cada vez máis clasista e aumenta o número d@s ric@s que son cada vez máis, e o de pobres, acadando cifras no Estado Español inimaxinables hai uns anos e que a calquera gobernante que non sexa este PP corrompido e que debía ser ilegalizado, tentaría poñerlle coto.
En Galicia esta situación é aínda máis precaria, cos salarios entre os máis baixos do Estado, cas pensión tamén das máis baixas e sobre todo das mulleres; ca chamada brecha salarial entre homes e mulleres das maiores do estado; cunha sociedade envellecida onde os novos cunha certa preparación atópanse condenados á emigración, se queren ter un proxecto de vida que no seu país non atopan; cunha Galicia interior cada vez máis despoboada e cuns sectores produtivos, os derivado do campo e do mar, con serios problemas estruturais que non lles van permitir subsistir diante da voracidade e os apoios institucionais ás multinacionais; ca reforma da estrutura sanitaria que vai crear un peor servizo e avanzar no proceso privatizador; cun pequeno comercio que esmorece pola competencia das grandes áreas comerciais, hai rúas na cidade onde vivo que onde hai uns anos todos eran comercios, hoxe, unha parte importante dos locais, teñen letreiros de se “aluga ou vende”, e unha senestrabilidade laboral das máis altas do Estado.
Galicia é máis sensible á “nova división internacional do traballo” como subministradora neta de man de obra, e a pesares de contar con salarios baixos as empresas, máis de 500 manteñen a matriz aquí pero para a expansión marcharon cara o norte de Portugal segundo o titular dun xornal. Os traballadores portugueses e galegos debíanse xuntar para establecer unha estratexia común que evite a brutal explotación á que están sometidos. A principios do século XX houbo xuntanzas para mirar o que acontecía co mercado laboral a ámbolos dous lados da “raia”.
Tamén e moi importante a venda de empresas galegas a capital de fora, como a Conserveira Cuca, Azkar, Fenosa, Fadesa, Operadora R, Comunitel, Audasa, Pizza Movil, San Luís, Toypes, Censa, Banco Pastor, Banco Galego, Tablicia, Nova Galicia, etc.
Esta competencia inhumana á que nos condena o capital ós países da periferia, se concreta rebaixando salarios e condicións de traballo, e si na UE se ten degradado tanto a situación d@s traballador@s que xa non é posible seguir por ese camiño, sempre as empresas terán a opción de India, Bangladesh ou países africanos. E neste caso, o das empresas galegas, non se marcha a sé social ou fiscal, como no caso de Cataluña, vaise, no mellor dos casos, parte da fábrica, o proceso produtivo, que é moito máis grave, pois non quedan nin os salarios.
Pero a expropiación dos traballadores, non se reduce ós contidos das reformas laborais, precarización, baixos salarios, que afectan, aínda que non se diga por ninguén que di loitar contra a suba ridícula das pensións estes días, ó futuro das mesmas, tamén se fai socializando as perdas das grandes empresas e a banca e corrixindo o déficit con impostos indirectos mentres as grandes fortunas e empresas multinacionais, teñen unha fiscalidade ridícula e as segundas gozan de todo tipo de exencións fiscais.
Mentres esta situación demoledora de verdadeira emerxencia social se produce, en Galicia discutimos si o Ave vai chegar ou non nos prazos que xa se estableceron numerosas veces e nunca se cumpriron. Pero verdadeiramente necesitamos o Ave? Vai se tan importante para a nosa economía? Con tres aeroportos, sen ter dobre vía en numerosos tramos e sen electrificar, que é o prioritario para articular ó país? Cun proxecto de Ave que fainos lembrar o trazado radial do primeiro ferrocarril con centro en Madrid cando o estado era centralista. Pero hoxe as circunstancias cambiaron e o Ave a Madrid non se precisa, posiblemente cara o País Vasco, o val do Ebro, Cataluña e Francia e sobre todo, o fundamental é estruturalo noso territorio co ferrocarril e non con autovías, como a de Lugo Santiago, que cando se contratou en numerosos tramos non circulaban nin 3000 vehículos día, e coñecido é, que se proxectan a partir dos 10.000. Ou a tolemia de ter dous superportos, Ferrol e Coruña, separados por poucas millas pero sen o ferrocarril necesario para o transporte rápido de contedores.
Teño a impresión que moitas destas obras, como as radiais de Madrid, fixéronse para sacar do apuro da crise a moitas construtoras, pero que van ser pesadas cargas para a economía galega e non solucionan o transporte nin a articulación territorial mediante o mesmo.
No noso territorio temos refinerías que contaminan pero pagamos os combustibles a maior prezo que noutras comunidades; encoros que asulagaron algúns dos nosos vales produtivos e parques eólicos que contaminan as nosas paisaxes e non pagamos menos pola electricidade producida e agora o PP na Xunta quere converternos nun país extrativista para que as multinacionais mineiras veñen contaminar, destruíla nosa paisaxe, facer negocio e sacar fáciles beneficios ó exterior. É a confirmación de que todo o discurso que durante moitos anos se vendía do I+D+I xa está esquecido e aceptan parecernos a un país semicolonial.
Ata nin ben financiada atópase Galicia, contribuímos con máis de 11 mil millóns de euros e recibimos pouco máis de 7 mil millón, grazas a un sistema de financiamento que tiña que ser modificado no 2014 e non se fixo.
E hai algúns outros problemas que a oposición chama agravios, como que o corredor atlántico de mercadorías circule por Madrid e non por Galicia, ficando excluída da “rede europea de transportes”, ou a emigración dos aforros das galegas e galegos ó non ter unha banca pública propia e oportunidades houbo, despois do acontecido cas Caixas, o Banco Galego e o Pastor. Pero non son agravios impostos dende o Estado Español, é a planificación realizada dende a UE que o estado leva a cabo.
Pero non nos enganemos, está ben que sinalemos a Feijoo e Rajoy e noutros momentos ó Psoe, pero o que non é admisible e que a oposición parlamentar en Galicia esconda o verdadeiro problema @s taraballador@s, a pertenza á Unión Europea e o euro. Ise é o no gordiano dos males de moitos países que pertencen a ese espazo e se non somos capaces de levantar un poderoso movemento para poñer fin a esta situación, en Galicia os problemas políticos, sociais e económicos van ir cada vez a peor para a maioría da sociedade. Os políticos atópanse ó servizo de intereses supranacionais, dos poderes económicos que dominan o planeta, que planifican co obxectivo de logra-los seus intereses.
E aínda que esta sexa a realidade, pódense facer propostas, buscar alternativas, loitar por elas que poden mellorar en certa medida a vida das clases explotadas, pero hai que marcar claramente a senda da liberación que non pasa por modificar a UE, “facela máis social” cousa imposible, é un instrumento ó servizo da oligarquía e nunca servirá os intereses d@s traballador@s; hai que conseguir que o proxecto actual de Europa sucumba.
A crise do réxime é resultado da incapacidade do mesmo para abrirse, para negociar, por ise compoñente autoritario que contén dende o seu nacemento que se reflicte no envellecemento da Constitución, que produce unha mingua nas liberdades de expresión, manifestación é políticas. Nos din as veces que non se poden facer determinadas políticas posto que a nosa permanencia na UE non as permite, pero no estado español atopámonos con delitos que na UE non existen, son resíduos do franquismo, que producen presos políticos por moito que as autoridades autoritarias, neguen. E como dixo o artista que presentou en Arco a obra censurada, esta se pode seguir ampliando nos próximos meses.
E a incapacidade para comprender a necesidade de cambios, conduce ó proceso de recentralización en marcha, quitarlle poder ás autonomías, centralizar; o caso da aplicación do art. 155 da Constitución é exemplo, que vai ter importantes repercusións en Galicia, sobre todo en aspectos básicos, diferenciadores da identidade de Galicia como son os culturais ca lingua como primeiro elemento.
Polo tanto a aquelas organizacións que queren cambios, ás que verdadeiramente os queren, non as que os queren na oposición e cando gobernan os esquecen, lles citaría agora que algúns celebramos os 100 anos da Revolución Soviética, dúas formulacións de Lenin: “marchar por separado e golpear xuntos” e “flexibles na táctica e intransixentes nos principios”.

En Galicia no mes de febreiro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario