A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 7 de junio de 2018

UNHA MOCIÓN DE CENSURA EXPRESIÓN DAS CONTRADICCIÓNS INTERBURGUESAS

Carlos Dafonte.

Eu, aínda que levo expresado neste blogue dende hai máis de 12 anos, unha crítica co labor do Psoe, tanto cando se atopa no goberno como cando exerce de oposición, se estivese no Congreso dos Deputados o día da votación da moción de censura, é posible que votara a favor da mesma; en política tamén funciona o fastío que produce un PP incapaz de facer o mínimo examén de conciencia e sitúanos constantemete na súa realidade cuns argumentos febles que ofenden á intelixencia de tod@s cant@s os escoitan; aínda que so fose por algo que se repetiu moito estes días, “por hixiene democrática”, por algo abstracto que non teño moi claro o que é, pois que significa “hixiene democrática” no contexto dunha democracia burguesa?.

Este partido que a partir de hoxe vai ostenta-lo goberno, nunca me engaiolou, nin en 1982 pensei que fose facer algo polos traballador@s deste país, e nunca tiven a menor dúbida que é unha organización ó servizo da oligarquía, tanto da española como a que constrúe a U.E., en contra dos intereses das maiorías nos respectivos países. Cando fixen estes argumentos diante dalgunhas persoas, axiña me contestaron que grazas ó Psoe a situación política cambiou moito, a miña resposta è sempre a mesma, tiñan que desenvolver unha Constitución e estou completamente convencido de que nos primeiros 14 anos de goberno non actuaron ó servizo da grande maioría d@s asalariad@s.
Pero a política é así, e tamén estou convencido de que moita xente progresista e de esquerdas, como no ano 1982, hoxe atópanse ilusionadas ca nova realidade que pensan, abriu a moción de censura.

Os obxectivos da “democracia burguesa” no Estado español.
A democracia con apelido, a “democracia burguesa” organízase para que esta clase social teña garantida a consecución do plusvalor d@s traballador@s e que o proceso de acumulación capitalista non teña atrancos. É o tipo de democracia instaurada pola constitución de 1978, diferente á que se instaurou nunha parte de Europa despois da derrota do nazismo e o fascismo, pola razón de que diferentes foron os procesos que levaron a aprobación das novas constitucións neses países; na maioría naceron da derrota militar na que contribuiu dun xeito importante e na mesma tivo un papel destacado o movemento obreiro, e aquí pasouse dun réxime ditatorial a un réxime democrático sen o desmantelamento dos alicerces do anterior. E seguimos a aguanta-la corrupción inherente á ditadura, por non ser derrotado o réxime franquista e polo tanto seguiu instaurada en amplas esferas da sociedade ata hoxe. Eso pode explicar que sendo nas democracias burguesas onde a separación de poderes deba ser máis explícita, aquí por medo a unha xustiza independente que poidera abrir os casos de corrupción e crime da etapa anterior, isto non se deu, e o executivo ten poderes moi amplos.
En outros lugares, o medro e o enriquecemento inxusto propio do capitalismo, atópase moito máis reglado e non permite as prácticas corruptas como as que aquí se producen e si as hai o peso da lei é superior e a condena social non permite que os corruptos e os corruptores manteñan os seus postos. No estado español hai unha continuidade a nivel de corrupción, co acontecido en 40 anos de ditadura, o que a converte para moita xente en algo cotiá, algo de sempre. Estou convencido que un partido como o PP, despois de coñecer o que coñecemos, nalgunhas democracias burguesas europeas estaría disolto e M. Rajoy non podería ter a desfachatez de alardear, na discusión da moción, de se-lo partido máis numerosos no Congreso e no Senado, posto que agora se coñece, e un Tribunal así o dí na sentenza da Gurtel, que facía trampa nos gastos electorais, na financiación do seu partido e existía unha “caixa b”.
A corrupción do PP chegou a tal grao, que sectores políticos burgueses tiveron que dicir “basta” e tentar cambia-lo rumbo, pois de seguir por ise camiño o propio réxime estaba a cavar o seu cadaleito. E viuse nos resultados da votación, a burguesía vasca e as pequenas burguesías de Cataluña, apoiando o mesmo que ese conglomerado que é Unidos Podemos, onde como xa analizamos hai tempo, atópase un sector da pequena burguesía radicalizada polo impacto que sobre a mesma ten a crise económica e as súas consecuencias no terreo da marxinación social. En tempos de crise a centralización e concentración do capital é un feito indiscutible e os sectores periféricos do mesmo sofren as consecuencias do proceso.
Unha pequena parte da Unidos Podemos, a que pode representar IU, se considera defensora d@s traballador@s, o resto da organización din defender intereses transversais, representados maioritariamente por movementos sociais que nunca falan, agás sectores moi minoritarios dos mesmos, da necesidade de supera-lo sistema capitalista.
E as burguesías periféricas apoian por diferentes motivos, a vasca polo botín que acadou nos Orzamentos para 2018 resultado da aritmética parlamentar, non dunha negociación co PP de chegar a un acordo sobre as necesidades da sociedade vasca; ó garanti-lo Psoe os Orzamentos -18, sumouse ó carro, e os sectores da catalana, nas dúas acepcións presentes no Congreso, para liberarse do PP, das súas concepcións do Estado centralista e visto como reccionou a grande burguesía catalana ó reto lanzado de “república independente”, recuperar parte do espazo que hoxe ten perdido, que non é tanto electoral como a nivel de confianza dos sectores máis poderosos da propia sociedade. Se hai que ceder, mellor facelo co Psoe pois co PP é imposible, diante da súa postura de recupera-los millóns de votos perdidos con relación ás eleccións de 2011, do enfrontamento cas forzas independentistas, levando pola falla de diálogo, ata límites insospeitados as posicións do nacionalismo das forzas catalanistas e o nacionalismo centralista español.
E digo contradiccións entre forzas burguesas, pois si dun lado da votación se agruparon maioritariamente forzas deste carácter, os contrarios á moción, PP e C's non representan outra cousa distinta. Xa coñecemos que grandes empresarios financiaban ó PP, algún día coñeceremos a realidade sobre o obxectivo da constitución de C's e o seu financiamento; hoxe podemos albiscar algúns, pero non todos.
Polo tanto a moción de censura foi un enfrontamento entre aquelas forzas burguesas e pequenoburguesas que consideraban que o grao de tensión provocado polas politicas antisociais, a corrupción e o enfrontamento territorial, podía levar a un maior desgaste do réxime e aquelas outras que na tensión consideraban podían acadar beneficios electorais. Os poderes fácticos teñen intervido nesta saída?.

Sen alternativa, a alternancia bipartidista se abre camiño.
En todo este debate non apareceu unha alternativa ó réxime; Garzón deixou caer que eles estaban por unha República Federal e nada máis; o que se abre de novo co Psoe é a alternancia no poder, como na época do bipartidismo máis puro, ata van ser aceptados os Orzamentos do PP e aceptouse explicitamente todas as políticas que a UE implementa contra @s traballador@s. Hai pouco tempo este mesmo partido falaba contra as “políticas de austeridade” esquecendo en todas estas viaxes retóricas, a modificación levada a cabo por Zapatero ca axuda do PP, do artigo 135 da Constitución.
Hai tres obxectivos, entre outros, que o Psoe e sectores do réxime queren acadar con este cambio e que o PP atopábase en dificultades para facelo; devolver unha certa confianza no réxime, esa idea de que se pode modificar desde dentro, utilizando as regras de xogo da Constitución, situacións problemáticas reforzando así o alicerce de consenso que toda hexemonía de clase ten, un de cuxos elementos fundamentais é o pensamento de que todos os votos valen igual e a función do parlamento ou como se queira chamar, ó servizo de tod@s. Difuminar, en segundo lugar, a mobilización social; como se dicía despois do trunfo no ano 82, agora que a esquerda xa se atopa no poder, non fai falla saír á rúa e así se liquidaron a unha grande parte dos movementos sociais existentes. En terceiro reforzar esta construcción europea que se atopa en horas moi baixas despois do “brexit” e do trunfo en Italia de forzas contrarias ó euro. Os indicios que a formación do goberno Psoe trasmite van nesta liña, un europeista combatente a favor dunha UE oligárquica e imperialista, Borrel, e unha ministra en tarefas económicas que pasou os últimos anos da súa actividade en Bruxelas. E como colofón a grande campaña destes días despois dos nomeamentos, de que son europeistas, como si os que queremos outra Europa non o fóramos ou só haxa un xeito de construíla.
O problema é que para que o bipartidismo funcione, necesita a outra pata e o PP ten difícil saír dun xeito definitivo da situación na que se atopa; terá que buscar unha saída provisoria, diante do panorama xudicial que lle espera, que pode queimar en pouco tempo a quen se asente na presidencia do partido; por iso unha elección de alguén que queira sacrificarse enfrontándose a un horizonte complexo, me parece a máis lóxica.
En Galicia debíamos face-los deberes, ter unha visión estratéxica e face-lo posible para derrotar ó PP nas próximas eleccións; @s traballador@s galeg@s o necesitan por moitos motivos que non vou enumerar, pero tamén pola razón, aínda que sexa unha das que se atopan en último lugar, de que non é o mesmo un Feijoo trunfante que un Feijoo derrotado, se algún día tenta se-lo presidente do PP estatal.

En Galicia no mes de xuño de 2018.


No hay comentarios:

Publicar un comentario