A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 16 de julio de 2018

GRECIA, O ACORDO SEMICOLONIAL


Roberto Laxe
O acordo asinado este 22 de Xuño polo goberno grego co Eurogrupo, presentado cinicamente por Tsipras como o "fin dos memorandos" que desde o 2010 non equivale a outra cousa que a certificación da conversión de Grecia nunha semicolonia da UE, de Alemaña especificamente, e como mínimo ata o ano 2032 nun protectorado ao servizo da devolución da débeda coa UE e o capital financeiro europeo.
O acordo prorroga 10 anos o pago da débeda pendente (a un interese do 4.14%) e permite de novo a Grecia  financiarse nos mercados financeiros, para o que o Fondo Europeo de Estabilidade Financeira facilítalle unha remesa de 15 mil millóns de euros ( que o pobo grego seguirá sen ver) que lle sirva de garantía para que os bancos présten-lle diñeiro.

Os datos de retroceso social antes do acordo son demoledores, o PIB está aínda un 25% por baixo do que tiña antes do comezo da crise, a débeda está no 178%, o que significa que cada grego ou grega “soporta” unha débeda de 30 000 euros. A taxa de paro subiu 16 puntos desde o 2008 e supera o 20%. O poder adquisitivo dos gregos, que era o 93% da media europea, na actualidade esborrallouse ao 68%. Os salários caeron durante esta década máis do 30% de media. A porcentaxe de gregos que vive na pobreza duplicou-se: hoxe son o 22%. E 500 mil novos gregos abandonaron o país.
A ruína social e a entrega do país
O goberno de Syriza-Anel, para asinar este acordo, comprometeu-se á aplicación de 88 novas medidas sociais e económicas contra o pobo traballador grego, e a que non se derrogará nin reverterá ningunha das brutais medidas impostas nos anteriores memorandos (reformas laborais, privatizacións, pensións, salarios...). Ademais, aceptan tomar medidas adicionais como o aumento dos impostos pagos pola clase traballadora e novas reducións das prestacións da Seguridade Social.
Así mesmo seguen coa venda en "parcelas" do patrimonio grego: á venda do porto do Pireo (o maior de Grecia) a capital chinés, súmase a privatización da empresa estatal de eletricidade (DEI) e do sistema de distribución de augas das dúas principais cidades, Atenas e Salónica, así como todos os térreos públicos cuxo valor sexa amortizable en mercado imobiliário... É dicer, que sexan rendibles. Lembremos que a comezos da crise, sectores do capital alemán afirmaron, sen rubor, que se Grecia quería ser resgatada, debería vender "ata as súas illas do Exeo".
Como mecanismo de controle de que este acordo se cumpre, mantén-se as auditorias trimestrais, os informes sobre o cumprimento dos acordos, as sancións en caso de incumprimento, etc. Pareceria que se está ante o "cuarto memorando", mais o certo é que pola súa duración e condicións é un verdadeiro tratado semicolonial que engloba os anteriores memorandos, profúndaos e prolonga a dependencia de Grecia máis de 15 anos, en que será renegociado.
A burguesia grega, débil pero que existe, mostrou unha dependencia extrema e cumplicidade co saqueo. Sobrevive beneficiando-se da caida dos salários e as condicións de vida provocada polas reformas e contrareformas, que lle permiten superexplotar á clase traballadora e aumentar a taxa de explotación. Por iso, non é de estrañar o apoio ao Acordo por parte de Anel (no goberno) e a morna resposta dada pola dereita burguesa de Nova Democracia e polo fascista Amencer Dourado; sobre todo este último, que tivera como eixo a demagoxia contra a UE, limitándose a sinalar os "erros do acordo".
A trampa da Débeda
O argumento-"xustificación", para imporlle ao pobo grego estes sacrificios é a devolución dunha débeda xerada nos anos de expansión económica, falseada ante a UE co asesoramento do banco de investimentos yanki Goldman Sachs, do que Mario Draghi, actual presidente do Banco Central Europeo, era representante para Europa. Unha débeda que afetaba como acredores a moitos bancos europeos, desde o Deustche Bank ata o Santander; non esquezamos que o capitalismo español era o quinto acredor de débeda grega. Fronte ao pobo grego, a unidade de Europa do capital era real: 
Pero, porque os estados, ou organismos supraestatales como a UE, tendo teoricamente a potestade de crear diñeiro, teñen que asumir débedas de grandes dimensións como a grega, que nos 2017 foi do 178,6 % do seu PIB. Asumir unha débeda de este calibre supón entrampar ao estado, é dicir ao conxunto da sociedade, nuns pagos que na práctica demóstranse como imposibles, ao superar por moito a súa capacidade produtiva. A partir do seu recoñecemento, éntrase nunha dinámica de usura; así, o acordo asinado en xuño supón uns tipos de interese do 4.14%. Tendo en conta que o BCE vende o diñeiro ao sistema financeiro a practicamente o 0% de interese, o negocio é máis que obvio.
Esta dinámica usurera lévanos a contestar á pregunta de "porque os estados asumen débedas de leste calibre". A resposta é dobre, primeiro económica, e segundo político-legal.
Desde os anos 80, co triunfo do neoliberalismo, á vez que se desmantelaban os servizos públicos, que pasaban a xestión privada aínda que a titularidade seguise en mans do estado, co aumento de custos que isto significa ("público é servizo, privado beneficio"), o sistema fiscal inclinábase dunha maneira descarada a beneficiar aos grandes capitais. Na maioría dos paises, Grecia incluída, o esforzo fiscal para soster os gastos do estado apoiábanse nas rendas do traballo, liberando cada vez máis ás rendas do capital; ao que se suma a fraude, os paraisos fiscais, etc. Este fenómeno provocou que no 2009 o déficit publico grego estivese realmente no 12.7% do PIB, e non no 3.7 que dicían coas contas falseadas de Goldman Sachs. A economía grega era incapaz de soster este gasto.
Aquí entra a trampa político-legal do Tratado de Maastricht. Ata o 92, en que se asinou ese Tratado, verdadeira Constitución da UE, os estados europeos financiábanse con caixa propia; é dicir, o goberno elaboraba o orzamento, e dáballe a orde ao banco central ou ministerio que tivese as competencias, a fabricar o diñeiro necesario para cubrir ese orzamento. O estado endebedábase consigo mesmo; e só marginalmente acudíase ao capital privado, por iso a débeda publica non adoitaba superar o 50% do PIB.
O Tratado de Maastricht no seu articulo 104, seguindo o exemplo francés que o introduciu nos 70, prohibe taxativamente aos estados (e despois á UE) financiarse con caixa propia. Teñen que emitir bonos, débeda,..., ir aos mercados financeiros e de aí sacar os fondos necesarios para financiarse. A prima de risco é un dato para medir a solvencia dun estado en relación ao de referencia, o alemán, que determinará o tipo de interese que eses mercados financeiros imporán. Por iso élles tan facil crear crise de débeda, con especular desde os "mercados financeiros" basta-lles para xerar unha situación como a que Grecia, Italia, Irlanda, Portugal ou o Estado Español viviron a comezos desta crise, cando se disparou a especulación ao redor da débeda soberana destes estados.
Grecia é de todos eles, o máis débil, e esta trampa da débeda levouna á situación actual; como na EE UU pasou con Porto Rico. Na EE UU varios estados e cidades como a mesma California ou Detroit, declaráronse en quebra, pero o goberno federal rescatounos fabricando diñeiro, e con medidas moi semellantes ás de Grecia... A Porto Rico, que non é un estado, senón asociado, deixouno caer sen achegar nin un dólar para o seu rescate. O afundimento da economía portorriqueña provocou meses de grandes mobilizacións sociais.
A débeda pública creada desta maneira convértese nun nó corredizo ao redor do pescozo dos pobos, e se non lla rexeita rotundamente, rompendo coas entidades financeiras acredoras e negándose ao seu pago, sérvelles de xustificación moral para esixir uns sacrificios bárbaros á clase traballadora e o pobo: "como non imos pagar a débeda, é deshonroso". Esta é a lóxica infame do articulo 135 da Constitución Española, pagar custe o que custe.
O problema non é Grecia, é a UE
O salto cara atrás social que supuxeron os tres memorandos, e que vai cristalizar neste acordo é unha imposición do capital europeo, preocupado, primeiro, pola recuperación das cantidades prestadas, e segundo, pola estabilidade da UE. Este acordo prodúcese despois do Brexit, e a poucas semanas do susto que deron os resultados das eleccións italianas co triunfo da xenófoba Liga Norte 
Tamén lles preocupa a inestabilidade do sistema financeiro europeo. Un banco de referencia a nivel europeo, "sistémico" na xerga oficial, como é o Deustche Bank, leva anos de retroceso, no 2016 as súas accións baixaron o 30% e o seu valor como entidade é inferior á da BNP Paribas. A banca italiana é un quebradizo de cabeza para toda Europa, ao mesmo tempo en que o BSCH "compraba" por 1 euro o Banco Popular, o estado italiano inxectaba en dous bancos venecianos 17 mil millóns de euros. É obvio que os problemas de Grecia teñen un nome: capitalizar unha banca incapaz de saír da crise na que eles nos meteron; e se para iso hai que destruír unha sociedade, destrúese. "Poderoso cabaleiro é don diñeiro".
A Unión Europea non é máis que o reflexo da economía europea, aparentemente unida pola moeda e politicas comúns de destrución de conquistas sociais e laborais, pero tremendamente enfrontadas entre as diferentes burguesias nacionais por defender cada unha a súa "parcela". Grecia é o fracaso da Unión Europea que paga o pato a clase traballadora e o pobo.
A liberación do pobo grego de acordos humillantes, semicoloniais, como o asinado co Eurogrupo o pasado xuño non é alleo á loita dos / as pensionistas españois, dos traballadores / as franceses,... Son parte do mesmo problema, a Unión de Capitalistas Europeos, que é a UE. O non pago da débeda grega ten exactamente o mesmo sentido que o rexeitamento ao desmantelamento do sistema público de pensións español, ou a privatización da SNCF francesa orixe das últimas folgas; por iso, calquera perspectiva de avance pasa pola construción da unidade da clase traballadora Europea contra a UE.
E que din os nosos progresistas
En setembro do 2015, dous meses despois da primeira claudicación de Syriza ante a UE e a Troika, Pablo Igrexas participou na campaña electoral grega con Tsipras e afirmou o seguinte: "É verdade que cando se fan negociacións, ás veces te podes atopar en situacións difíciles, pero desde logo os gregos non van querer volver ao pasado, non van ter posturas serviles nin van axeonllarse ante Alemaña, saben que con Alexis Tsipras van ter un león que vai defender á súa xente a pesar das dificultades".
Non se sabe o que significa para Pablo Iglesias “non ter posturas serviles”, porque o seu silencio ante Grecia é clamoroso; pero ata o xesto de Tsipras de por-se gravata ante os xerifaltes do Eurogrupo -Tsipras prometera que cando acabasen os memorandos, poríase gravata-, cando se asina non un memorando, senón un Tratado que ratifica o carácter semicolonial de Grecia paréceselle moito. A firma deste acordo, para máis humillación, chega a 3 anos xusto da traizón de Syriza ao pobo grego, quen con toda a rotunidade dixera en referendum que NON É NON ao memorando que desde a UE impúñanlles.
A realidade e os feitos destes anos puxeron branco sobre negro que sen acabar coa UE, a Europa do Capital, sen un programa de loita por unha Europa Socialista dos e as Traballadoras e os pobos, sen unha politica de ruptura coa Unión que se apoie na mobilización independente da clase traballadora, na solidariedade e a unidade internacional, o único que pode suceder é o que sucedeu: a claudicación de Syriza e a derrota da clase traballadora grega e, con ela, do conxunto de traballadores e traballadoras europeos.
O que fose ministro de economia con Syriza, Yanis Varoufakis, comento nun entrevista poucos meses despois que cando chegou a Bruxelas a negociar, o ministro de finanzas alemán díxolle, “sei que tedes razón, pero ímosvos esnaquizar”. Por que?, porque Grecia, o pobo traballador grego, coas súas folgas xerais e mobilizacións, puñan en cuestión a estabilidade do conxunto da UE; se gañaba a clase obreira grega, a greta na Unión era descomunal.
Por iso dixéronlle, “ímosvos a esnaquizar”; querían derrotar ao pobo grego, imporlle os plans que despois, servilmente, aplicou Syriza e Tsipras, e pechar a crise política que se podria abrir se os e as gregas conquistasen as súas esixencias contra a UE. O silencio ominoso de toda a esquerda cando desde Grecia se enfrontaba ese “ímosvos a esnaquizar”, converteu a esas forzas en parte do problema, non da solución.
Grecia, ademais do fracaso da UE, é o fracaso da chamada “nova” política, convertida nunha útil e servil ferramenta de desmobilización.
Galiza, no mes de xullo do 2018




No hay comentarios:

Publicar un comentario