A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 23 de julio de 2018

O PP NO SEU LABIRINTO. APUNTES DESPOIS DO SEU CONGRESO.


Carlos Dafonte

Pido perdón por copiarlle a García Marquez o título dunha das súas celebradas novelas, pero creo que é a realidade que está a vivir nestes tempos o partido da dereita conservadora do estado.
En primeiro lugar, pois se enfronta a súa saída do goberno e á desaparición de “M. Rajoy” da escena política, abrindo un proceso de pseudodemocracia política interna, con chatas moi considerables. O acontecido nas primarias, onde trunfou unha das candidatas, é corrixido no congreso celebrado o pasado fin de semana, e non vale dicir, como fan moitos destacados militantes e numerosos periodistas, que se trata dunha segunda volta como “nas eleccións francesas”, cousa que non é certa; nos países con segunda volta, nela teñen dereito a vota-los mesmos que votaron na primeira, e no caso do Pp, non é así. Tamén estas eleccións primarias puxeron en evidencia que non é o grande partido que propagandisticamente nos querían facer crer, o número de inscritos para participar nas primarias foi ridículo e xa non poden seguir a mante-lo engano.

Polo tanto o Pp necesita saír deste primeiro labirinto no que se meteu ca escapada de “M. Rajoy” e perde-la protección do seu dedo, que debía elixir @ futur@ president@; o labirinto de xogar a ser un partido cunha certa democracia interna cando o congreso ten amosado que non o é, e que os militantes contan pouco, situación que pode levarlle a que se abran feridas moi fondas que o poden converter, nun partido de tendencias, que nas súas circunstancias, perda do goberno, acosado pola corrupción e queda nas enquisas o poden levar a ser inoperante; non lle vai ser fácil, parecéndose nestes anos máis ó Movemento Nacional que a un partido que actúa de acordo ca constitución cun réxime interno democrático, no que prevalezan e poidan convivir diferentes opinións, que se produza un cambio tan radical.
En segundo lugar tamén está o labirinto chamémoslle “ideolóxico”, aínda que sei que empregar esta verba para cualificar o “debate” entre Sainz de Santamaría e Casado, é excesivo; pero pode servir para entendernos entre o que significa o “marianismo” que pode representar a primeira e o “aznarismo” que representa o segundo.
Polo que puiden observar na campaña previa ó congreso, @s candidat@s no superaron nunca , o “contraste de pareceres”, establecido no ano 1967 na “Lei Orgánica do Movemento Nacional” ca que o franquismo pechaba o seu ciclo lexislativo.
O goberno de Aznar era un goberno corrupto, e a realidade é que moitos ministros ou se atopan encartados ou condenados, que continuou a senda iniciada por los socialistas con González, unha senda que o ten levado hoxe a ter un horizonte xudicial a curto prazo, moi complexo; sentou ademais as bases económicas para que a crise que se nos viña enriba e que os socialistas no goberno pensaron que facendo como o avestruz, non ía ter incidencia no país, a tivera aínda maior. As medidas tomadas sobre urbanismo permitiron a enorme burbulla inmobiliaria e a política de privatizacións de empresas públicas permitiu que parecera que a situación económica era boa, pero non era máis que “pan para hoxe e fame para mañá”, e non falemos do desprestixio do país a nivel internacional aliándose cos “das Azores”, poñéndose ó servizo dos EEUU, para meternos nunha guerra, rexeitada pola ONU e fabricada a base de mentiras, como a existencia de armas de destrución masiva nos arsenais de Iraq.
Se estes son feitos obxectivos da etapa de Aznar, Casado segundo as súas declaracións destes meses enfróntase e non comparte os devezos das mulleres a acada-la igualdade, así como a todo o que lle cheire a progresismo, chegou un día a falar do “perigo do comunismo”, nese intento de recuperar aspectos do neofranquismo sociolóxico máis recalcitrante que representan personaxes como os que formaron VOX; alenta modificacións constitucionais e do Código Penal para perseguir os que defenden o dereito de autodeterminación e o dereito a decidir.
Considera que nos pode enganar falando de reconstruír esa entelequia que é o “centro dereita”, superando a Ciudadanos pola dereita?
O “marianismo” deixa este país nunha situación moi parecida a como o atopou e nalgunhas cuestións moito peor, por exemplo elevou a débeda o 100 % do PIB, impagable nunha situación como a actual e que non vai mellorar, baleirou as arcas da Seguridade Social, aprobou a chamada “lei mordaza” que reduce xunto ca modificación do Código Penal, dereitos fundamentais, foi incapaz de dar unha resposta negociada ás reivindicacións de Cataluña levando as súas institucións a un enfrontamento ca Administración Central do Estado de moi difícil solución, no punto en que se ten chegado; aprobou unha Reforma Laboral complementaria ca do Psoe que deixa @s traballador@s e os sindicatos sen instrumentos de defensa fronte á patronal; axudou ó Psoe a modifica-lo artigo 135 da Constitución, ataque sen precedente ós servizos públicos e servilismo diante da banca europea.
Pois ben estes dous “proxectos” foron os que se enfrontaron no congreso, que son idénticos en materia económica e social e que teñen como obxectivo seguir defendendo o proxecto de acumulación capitalista para unha etapa de crise; no fondo é o proxecto reaccionario de determinados sectores hexemónicos da burguesía. Por iso en todos este tempo os diferentes candidatos adicáronse a lanzar consignas e “slogans” prefabricados, pero non falaron en ningún momento de que políticas económicas e sociais ían levar adiante; se vai producirse creba co “marianismo” e cal alternativa ó mesmo.
De aceptar a tese de que había dous proxectos enfrontados, cousa que non acepto, hai que recoñecer que o congreso do Pp estivo cheo de contradicións e foi moi confuso; por exemplo a que significa a exaltación de “M. Rajoy” como o grande presidente que salvou España e a derrota do continuísmo con esas políticas que representaba Saínz de Santamaría; neste senso ca súa derrota pódese falar dunha segunda moción de censura; a propia contradición de querer presentar a Casado como algo alleo o actual Pp, ocupando como ocupaba, xunto con algúns do que acompañaban na súa equipa, cargos orgánicos do mesmo, e as acusacións a Sainz de Santamaría de non terse involucrado nos problemas do partido nesta difícil etapa; a fundamental, de gañar quen perdeu cando votaron os militantes ou a que amosa Javier Maroto cando afirmou despois de coñecerse a vitoria de Casado de “vamos a construír un proxecto”, recoñecendo que non o teñen o que me parece grave e antidemocrático, que nin nas primarias nin no congreso se teña presentado. Farano nun despacho de costas á militancia ou continuarán a vía “marianista” salpimentada con algúns toques ideolóxicos do aznarismo máis reaccionario.
Nada que poida ilusionar a ningún votante e menos a quen dependa dun salario para poder vivir; o Pp segue a se-la dereita reaccionaria, que se complementa moi ben ca dereita progresista que é o Psoe, para ternos engaiolados na falsa dicotomía de dereita-esquerda.

En Galicia no mes de xullo de 2018.

No hay comentarios:

Publicar un comentario