A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 15 de agosto de 2018

GRECIA: CASO TÍPICO DE DOMINACIÓN IMPERIALISTA


Carlos Dafonte

Pouco se falaba de Grecia denantes de aparecer Syriza no panorama político e o afundimento electoral dos dous grandes partidos, Nova Democracia e o PSOK, por medio dos que o verdadeiro poder mantiña a ficción dunha dereita e unha esquerda, para manter ó pobo grego nunha realidade inexistente. Ata o intre en que Syriza controlou o goberno, todo parecía ir ben aínda que todo fose mal para @s traballador@s e o trunfo de Syriza foi a expresión de que ese pobo, despois de moitos anos de sometemento ós intereses do imperialismo, dos seus instrumentos actuais, U.E., OTAN, FMI, BCE, tentaba iniciar outro camiño que puxo en evidencia que os novos dirixentes políticos non estaban a altura das exixencias populares.
O que tento amosar neste artigo é que a débeda actual grega, que a dereita, os neoliberais tanto progresistas como conservadores do estado español e da UE presentaron, cunha malévola intención, como resultado dos salarios elevados do funcionariado e pensionistas e non terse apertado o cinto durante anos, non son máis que argumentos que esconden a realidade, que non é outra que Grecia nos últimos 200 anos, non foi un país soberano con intervencións constante das potencias imperialistas que se beneficiaron da súa débeda que se pode cualificar, sen medo a trabucarse, de inadmisible e odiosa, desde os primeiros anos da loita pola independencia; e dende a creación da OTAN despois da II G.M., é o país, con respecto ó seu PIB, que máis gasta en armamento sen que a organización militar imperialista lle garanta a súa seguridade.

Grecia acadou a independencia en 1824 loitando contra o Imperio Turco que ocupaba e administraba o territorio, pero nunca foi un país soberano; tivo que financiar o armamento e todos os pertrechos militares con cretos e unha vez finalizada a loita caeu baixo o control dunha “troika” formada por Inglaterra, Francia e o Imperio Ruso, a partires de 1830, que como hoxe garantiron que a débeda ós bancos se ía pagar posto que os propios gobernos eran avalistas e para ela impuxeron toda una serie de medidas contra o pobo grego. Con anterioridade pedira dous cretos o primeiro en 1824 e outro o ano seguinte do que os banqueiros se aproveitaron parasacar enormes beneficios.
En conxunto os dous préstamos tiñan un monto de 2,8 millóns de de libras, que era o 120% do PIB do país pero só recibiu 1,3 millóns de libras e os títulos que tiñan un valos de 100 libras vendíanse no mercado a 60, pero quen os compraba recibía intereses como se houbera desembolsado 100; tiña que paga-lo pobo grego como si recibise o monto total.
Situación como relata ÉricToussaint, de cuxos libros e numerosos artigos saquei os datos, levou a Grecia a unha situación insostible, a partires de 1825, polo que o Goberno Provisorio tivo que suspende-lo pago da débeda en 1826 e non pola razón de que quixera suspende-lo pago, senón porque a a partir de 1825 estalou a primeira grande crise capitalista mundial e os banqueiros pecharon o grifo para novos préstamos, e Grecia un país en guerra, ca produción paralizada, pagaba a débeda vella con novos préstamos que permitían paga-los intreses e amortizacións dos anteriores. Pero este feito non foi singular de Grecia, o mesmo aconteceu cos novos países de América Latina, que unha grande parte dos mesmos tamén tiveron que suspende-lo pago.
A troika para garanti-lo pago da débeda, impuxo en Grecia unha monarquía á cabeza da cal situaron a un príncipe bávaro, Otón I. Ademais de imporlles unha monarquía fidel ós intereses imperialistas, negociaron ca banca Rothschild un novo préstamo de 60 millóns de francos franceses, dos que os gregos recibiron 9 millóns, o resto, a troika os distribuíu como lle pareceu, entre outras cousas pagoulle 12,5 millóns ó Imperio Turco como indemnización, e 7,4 a Otón I para os “seus gastos”.
Pero a pesares de todos os esforzos da troika a monarquía grega tivo que suspende-lo pago da débeda polas condicións leoninas impostas; a primeira en 1838 e a segunda en 1843 cando o pobo grego se rebelou diante dos sacrificios brutais que padecía para pagar unha débeda imposta e o malgastoo da monarquía imposta. Como no caso hoxe do estado español mediante a modificación do artigo 135, levado a cabo polo Psoe e o Pp, da constitución, o pago da débeda era o prioritario. Franceses e británicos ocuparon o porto do Pireo e así controla-la principal fonte de ingresos. Unha serie de sublevacións populares derrocaron á monarquía bávara, e a troika elixiu a un príncipe danés, para seguir mantendo a Grecia explotada polo pago dunha débeda inxusta e ó pobo grego na miseria agás unha pequena clase dirixente que vivía, e moi ben, unida ós intereses bancarios internacionais que o explotaban.
Moi diferente foi a actitude do Goberno Revolucionario Soviético. Unha vez se tomou o poder, nos primeiros anos do mesmo, repudiou a débeda que tiña o Imperio tsarista, como fixera en 1905 o Soviet de Petrogrado presidido por Trotski, actitude que significou un terremoto nas finanzas internacionais e a pesares das dificultades polas que pasaba, perdoou a débeda a todos cantos países a tiñan co antigo poder, un xeito de recoñecer que quen sufría o pago desa débeda ilexítima, era o pobo; así se condonaron as débedas a Estonia, Lituania e Letonia e o mesmo aconteceu con Polonia, Ucraína, Bielorrusia, Persia e a propia Turquía.
A nova crise capitalista iniciada en 1890, levou ós países do centro do sistema a tomar medidas de carácter proteccionista contra produtos que Grecia exportaba e pechouse de novo a billa dos préstamos, o que obrigou ó país a suspende-lo pago da débeda. Situación que resolve o imperialismo en 1898 cando se creou a Comisión Financeira Internacional que lle concedeu un novo préstamo que situou a Grecia baixo a tutela desta comisión formada por seis grandes potencias, que acapararon non só a maior parte do recadado polo estado, senón que lle quitaron toda a pouca soberanía da que gozaba, o que leva a producirse importantes movementos políticos e sociais que permiten ó recen creado Partido Liberal controla-lo goberno e a Vanicelos á presidencia do mesmo, que inicia un camiño de reformas.
A Iª Guerra Mundial quebrou o proceso, obrigou a Grecia a novos gastos e aínda que polo Tratado de Sévres acadou un importante pedazo de Turquía, con capital en Esmirna, as clases dirixentes iniciaron en 1922 un conflito para ampliar este territorio que levou á perda do concedido, novos gastos e preto de 2 millóns de repatriados de territorio turco. Esta situación obrigou a pedir un novo préstamo á Sociedade de Nacións dominada por Gran Bretaña e Francia, a cambio de condicións para o seu pago que representaban un monto superior ó 30 % dos seus ingresos, e o 10 % do seu PIB; para cumprir estas condicións se someteu @s traballador@s a condicións de vida moi extremas que se aguzan cando chegou a nova crise capitalista mundial no ano 1929, onde Grecia viu como as súas exportacións baixaban, unha parte dos seus bancos foron á quebra e a súa moeda devalada nun 50%, o que significou, ter en moeda local, o dobre da débeda contraída; de novo pechouse a billa do creto a nivel mundial e todas as consecuencias que coñecemos relacionada con esta crise; o resultado foi unha nova suspensión de pagos parcial en 1932, e digo parcial pois seguiu pagando parte da mesma baixo o establecido pola CFI.
Como en outros momentos, non foi só Grecia quen suspendeu pagos, Gran Bretaña, Bélxica, Francia e Italia tamén os suspenderon entre eles, e cos EEUU; o mesmo que Alemaña en 1933 e Letonia, Romanía, Hungría ou Iugoslavia.
Máis tarde Grecia foi ocupada polos exércitos nazis e hai que dicir que xunto con Iugoslavia non necesitou de exércitos estranxeiros para liberarse dos invasores a cambio de moitos mortos e a destrución parcial do país e da súa economía, danos polos que Alemaña nunca pagou indemnización algunha; e cando unha vez derrotado o nazismo o pobo grego ca esquerda comunista á fronte, libra a batalla por modifica-las condicións extremas nas que vivira dende a súa independencia, a intervención imperialista, os exércitos de Gran Bretaña e EEUU impoñen a “paz dos cemiterios” e Grecia sigue vinculada e atada as políticas imperialistas ata os nosos días que como podemos recordar, hai poucos anos, para satisfacción no noso país de socialistas, populares e outros partidos burgueses, agora a Unión Europea impúsolle leoninas condicións para salvar ós banco alemás e franceses que fixeran investimentos non recomendables e que a crise iniciada no ano 2007 puxo en evidencia.
Polo tanto, a crise grega non é de hoxe, ten as súas raíces ben asentadas na estratexia imperialista de utiliza-la débeda para exprimir ó máximo @s traballador@s dos países coloniais, semicoloniais ou dependentes; a débeda grega non é resultado, como no estado español se subliñou, das condicións de vivir por enriba das súas posibilidades do pobo grego.
As inadmisibles condicións impostas @s greg@s pola UE, é o escarmento e o exemplo de como a imperialista UE, vai tratar a todos os pobos que ousen liberarse das débedas ilexítimas, odiosas, ilegais e insostibles, como a do estado español, do 100 % do PIB, e pola que ningunha forza política pregunta nas institucións, e explica na sociedade que é o importante, como se chegou á mesma, quen son os culpables e como vamos a solucionar o feito que é imposible de pagar.
Pero tamén o que se saca en conclusión deste repaso sobre Grecia e a súa débeda, no que me inspirei nos traballos de Eric Toussaint, a quen recomendo ler por se alguén dos que se acheguen a este análise non o fixo, é que a oligarquía grega nunca tivo un proxecto de pais digamos “burgués capitalista”, impulsor da industrialización e o que iso leva, preferiu ser un parasito, unindo os seus intereses ós intereses das potencias imperialistas e as súas estratexias de dominación e saqueo.

En Galicia no mes de agosto de 2018.

No hay comentarios:

Publicar un comentario