A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 3 de julio de 2018

A PRECARIA SITUACIÓN DA ECONOMÍA MUNDIAL E A RECONSTRUCIÓN DO BIPARTIDISMO NO ESTADO ESPAÑOL.


Carlos Dafonte

O Fondo Monetario Internacional (FMI) un dos organismos que o capital ten creado para a vixilancia do cumprimento das súas teses, na súa xuntanza de primavera reitera o expresado na do outono pasado e advirte a gobernos, directivos de empresa e bancos que de novo a crise mundial pode estar á “volta da esquina” e que o acopio de “arsenal financeiro” para facerlle fronte é mínimo. A economía mundial esta valorada en 79,8 billóns de dólares, pois ben a débeda soberana e de empresas é máis do dobre 164,4 billóns; e si incluímos a débeda financeira, representa o 225 % do PIB global.
En Wall Street, os grandes bancos de investimento tamén falan cunha certa preocupación, os mercados auguran crise.
Bill Derrough que pertence a unha empresa que vixía a solvencia e os pagos no sector privado respondeu hai uns días a Business Insider, que no ano 2007 “tíñamos unha atmosfera similar á actual, de pactos de fusións temerarios e adquisicións entre empresas, nas que se asumían cotas de endebedamento desorbitadas” e aínda que considera que as economías industriais do centro seguen a ser dinámicas, e as fallas de pagamento das empresas reducidos, algo está a cambiar como consecuencia da alza dos tipos de interese por parte da Reserva Federal.

Tamén advertiu que os bancos de investimento nas súas notas a clientes aseguran que os riscos de suspensión de pago medran sen remedio. Os valumes de préstamos que acadaron 1,4 billóns de dólares a interese cero, tocan ó seu fin e o problema é agora como se paga todo ese montante.
Greenhill, unha firma de investimentos apunta que “se mesmo se se logra eludir un episodio de recesión nos EEUU”, o que é unha realidade é que “as empresas aseguradoras xa se fregan as mans, polo repunte de contratos de seguros para cubrir bancarrotas”.
E nos mercados emerxentes a economía non vai mellor; hai poucos días coñecíamos a noticia de que Arxentina pediu o seu rescate ó FMI; Turquía con problemas ca perda de valor da súa moeda; Indonesia, Filipinas e a India moi afectadas pola suba do valor do dólar...E a Bolsas da maior parte do mundo en números vermellos.
E nesta perspectiva económica global, M.Rajoy e a súa disciplinada muchachada, quíxonos facer crer que toda esta mala situación atopábase relacionada ca moción de censura. Había que botalos entre outras cousas, tamén por mentireiros e por non enterarse do que pasa no planeta.
Como afirma o sociólogo Wolfgang Streeck, nin a sociedade capitalista e capaz de atopar respostas claras ós problemas actuais, nin existen as alternativas de carácter ideolóxico, institucional nin de liderado á sociedade capitalista, polo que a curto o medio prazo, o sistema social non será substituído por outro alternativo polo que o capitalismo prolongará a súa enfermidade durante un longo período de “desorde económico”, tempo onde as crises sociais se encadearán unhas con outras. Algo parecido afirmou Antonio Gramsci cando falaba da vella sociedade que non morre e o novo que non se impón, e nesas circunstancias se creaban monstros; apunto, o monstro do fascismo, o nazismo e no estado español o franquismo. As condicións son moi distintas de cando Gramsci o escribiu; naquelas circunstancias o movemento obreiro moi organizado en partidos e sindicatos, disputáballe o poder as forzas burguesas, hoxe o movemento obreiro non ten forzas políticas que o represente e os sindicatos, é o que acontece no estado español, os maioritarios moi burocratizados perderon o seu carácter sociopolítico, convertéronse en órganos de xestión dos pactos ca burguesía, case sempre desfavorables para @s traballador@s, e de servizos que ofrecen ós seus afiliados; a súa esquerda, numerosos pequenos sindicatos que amosan a fragmentación da clase obreira e reducen a súa capacidade de acción.

Os fitos do panorama económico mundial
* O panorama económico mundial esta marcado polos problemas xerados polo capital no mundo do traballo como son o paro, a precariedade e os baixos salarios que converten a moit@s traballador@s en pobres e con xornadas de traballo propias dos principios do século XX, o que incide dun xeito moi importante sobre o consumo e a inflación.
* Os que xera o capital no medio ambiente, deforestación, o vertido de gases velenosos á atmosfera e o cambio climático, e a influenza que isto ten sobre a sociedade e a economía, etc.
* Os abusos constantes dos mercados financeiros que os políticos dos países do centro do sistema capitalista non queren poñer fin; non se atreven a enfrontarse con quen verdadeiramente manda no planeta e deseñan as políticas económicas; prefiren deixalos facer aínda que as medidas que toman van contra os intereses da maioría dos seus votantes.
*Unha acumulación brutal de débeda corporativa e soberana, que nalgúns estados como o noso, é imposible de pagar.
*As políticas dos EEUU que están a abrir unha guerra, que algúns “expertos” denominan tarifaria e outros comercial, contra China e a UE pero que tamén vai ter repercusións nos seus aliados como Canadá, Australia ou o Reino Unido, e non esquezamos a México, de difícil saída,  no fondo esta política ten como obxectivo mingua-lo enorme desequilibrio nas súas contas.
* Alza do interese da Reserva Federal e as consecuencias que para a financiación da feble economía mundial vai ter.
*A suba constante dende hai meses do prezo do petróleo que encarece todo o que necesita transporte e utiliza os seus derivados.
*A revalorización do dólar e como vai influír no pago das débedas de empresa e corporacións por ser nesta moeda ca que se pagan a maioría.
*A crise da UE que sen resolve-los efectos económicos e sicolóxicos do “brexit”, atópase agora co trunfo de forzas políticas en Italia que formulan saír do euro.
*Os tets de stress da banca europea que segundo algúns expertos non van aprobar 11 bancos en Italia, 6 en España, 5 en Alemaña e 2 gregos. E sobre todo a situación do Deutsche Bank, cualificado polo propio FMI como o “maior risco sistémico da economía europea”
*Recortes nos sistemas democrático burgueses para evitar respostas de masas a toda esta situación. Hoxe despois de tantos anos de crise, a clase dominante exerce a súa hexemonía, perdido o consenso e a lexitimidade na sociedade, utilizando maioritariamente a faceta coercitiva o que fai considerar ilegais e reprimidas con dureza, as manifestacións propias da democracia burguesa; como a participación o acceso a unha información non demasiado manipulada; a capacidade de opinión e mobilización, extremos gañados polo movemento obreiro, etc.
Na propia UE non se cren que se teña saído da crise, o amosa o programa do cumio de xefes de estado e de goberno de finais de xuño, que tentaba respecto á zona euro, crear unha especie de “apaga lumes”, para enfrontar con maior solvencia as turbulencias económicas que están por chegar.

A “grande coalición” á española.
Esta situación económica incerta e que se pode complicar aínda máis, repercute aquí e buscouse unha saída para a crise do réxime. Alguén dixo nestes días de zozobra pra o PP, que se levara a cabo a grande coalición, como non podía ser doutro xeito cando un partido elabora e aproba uns Orzamentos e o que votou non ós mesmos, se compromete en sé parlamentar a levalos adiante, a xestionalos. En Alemaña e noutros países do entorno, cando se ve a necesidade do pacto, faise e se forman gobernos de coalición, pero aquí, hai que seguir mantendo a ficción de que PP e Psoe son dúas forzas moi distintas. Tamén son distintas a organización que lidera Merkel e o SPD, pero non tanto como para non poder facer gobernos conxuntos cando o capital o necesita.
Polo tanto despois da moción de censura o goberno do Psoe vai xestiona-los orzamentos, que se aprobaron sen novidade a finais do mes pasado no Congreso; cunha novidade, que a UE considera que eses orzamentos, os xestione quen os xestione, teñen que ser recortados en algo máis de 10.000 millóns de euros.
O único que podemos esperar do novo goberno é unha política de xestos, como se fixo na etapa de Zapatero; lembrade, sacou as tropas de Iraq e meteunas en varios outros países para apoiar políticas imperialistas e axudou a destruír Libia e poñe-los islamistas radicais na “fronteira sur” de Europa; hoxe estes xestos se centran no traslado dos restos de Franco, igualdade home muller no caso de nacemento de fillos, unha postura que parece diferente cara a Cataluña e o País Vasco, con algunha outra medida provisoria de curto alcance, que lle permita recuperar algúns votos perdido nestes anos. A súa cativa representación nas Cortes tampouco lle permite máis. O importante é decatarse que a operación moción de censura ten como obxectivo afortala-lo réxime, recuperar unha “esquerda neoliberal” e afín as políticas de recortes sociais, os capitalistas non practican a austeridade, que pula a U.E., partindo das contradicións interburguesas que o PP ca súa incapacidade política, de xestión e corrupción, xerou.
A chegada o goberno do Psoe xa está a ter algunhas consecuencias no resto das forzas políticas; por exemplo para Unidos Podemos unha vez acadado o goberno polo Psoe e vendo que isto lle pode restar votos nas próximas eleccións, lánzase, na miña opinión, a unha política suicida de converterse na muleta do goberno fronte á dereita conservadora; o que debía facer era axudar á mobilización cidadá, a superar ese proceso que aconteceu en 1982 e 2004, anos nos que gañou tamén o Psoe as eleccións de desmobilización, cando comeza a aparecer nos medios de información do capital, que a “esquerda chegou ó poder”; proceso que entre outras cousas leva á pasividade, a esperar que dende as institucións se resolvan os problemas. Nunca as institucións da democracia burguesa resolveron os problemas d@s persoas que teñen que vende-la súa forza de traballo.
Se Unidos Podemos e as súas confluencias representan a alternativa fronte a alternancia nas políticas neoliberais que representa o Psoe, agora é o momento para amosalo. Nas institucións e sobre todo na rúa; poñer diante da faciana do goberno un programa social, con determinadas reformas de todo tipo, inclusive con medidas que o Psoe formula cando se atopa na oposición, pero que esquece unha vez no goberno.
Tamén debe mirar o que está a acontecer en Portugal onde un PS co programa económico máis neoliberal da súa historia, acepta apoios pola súa esquerda para tomar algunhas medidas sociais e beneficiándose dun trato moi diferente ó que sufriu Grecia por parte da Troika, que serva de exemplo que comportarse ben dentro dos “límites marcados” é beneficioso, hoxe o PS atópase moi preto segundo as enquisas, da maioría absoluta para as eleccións de 2019, e as organizacións que fixeron posible co seu apoio parlamentar que o PS, cambiara a súa política económica, e levara a cabo unha máis social, non avanzan no eido electoral.
Acada-lo goberno por parte do Psoe,  deixou tamén moi descolocado a Ciudadanos, que leva, dende que deu ó salto á política estatal buscando desesperadamente o seu espazo; primeiro asinando co Psoe un pacto “progresista”, para evitar un acordo Psoe-Unidos Podemos; máis tarde outro co PP para “rexenera-la vida política” que non eran máis que medidas sen substancia algunha, que non entraban no verdadeiro meollo, imposible facelo entre o partido de “M.Rajoy” e o de Rivera, para avanzar no construído na etapa da “transición” no senso de democratiza-lo réxime, e máis tarde tomando posicións próximas a Aznar e VOX, que sobardan ó PP pola dereita, e miren que isto é difícil.
E onde Ciudadanos podía facer algo que amosara a súa categoría política, en Cataluña, onde nas votacións para elixir o Parlamént situouse como a primeira forza política, é incapaz de presentar en sede parlamentar e a cidadanía ese proxecto para gobernar “atendendo ás necesidades de todos”, que din ter elaborado; ten amosado neste tempo unha cobardía política que non merece os votos que recibiu. A realidade é que Ciudadanos é un “bluff”, unha nova pantalla creada polo capital, non tanto para substitui-lo PP, máis ben para forzalo a determinadas políticas e se a corrupción e non saber dar a idea de rexeneración o leva ó desastre, é bo ter alguén no banquillo esperando o cambio.
Para os nacionalistas burgueses de Cataluña tamén pode ser un “bálsamo de fierabrás”, que permita un pouco de sosego e non obrigarlles seguir escalando posicións que os acercan ó desastre, non so a iles tamén ó propio réxime; volver ó pacto estatutario, modificar os artigos que o Tribunal Constitucional declarou inconstitucionais, pode ser o momento para desembarazarse da CUP e tentar recuperar a sectores da grande burguesía que abandonaron o barco do nacionalismo burgués.  

Debemos ser conscientes que nos atopamos nunha etapa de recontrución.
Que despois do batacazo sufrido polo bipartidismo nas últimas eleccións, o obxectivo é a súa reconstrución como alicerce fundamental do réxime, e si hai que sacrifica-lo que representa o PP durante un tempo, o seu panorama xudicial pola corrupción vai durar varios anos, reforcemos a outra pata do mesmo, o Psoe; estou convencido que os poderosos sectores económicos que dominan a política española atópanse nesa tesitura e a Unión Europea, tamén. Axiña o Psoe apuntouse ó intento de formaliza-lo tridente Alemaña-Francia-España, fronte ó que denominan euroescépticos e populistas; esta última unha verba que serve para todo, e que ven a cualificar o que se opón, tanto lles ten sexas de esquerdas ou de dereitas, ó que a “troika” establece, e as políticas que implementa cara ós países rescatados como é o caso de estado español. Se ó Psoe lle permiten entrar nese círculo, significa que ten pactada a súa posición respecto ás políticas de recortes, aínda que posiblemente como no caso de Portugal a disfrace, con levar adiante un proceso que poña “freo ó empobrecemento”. O que o Psoe non está disposto a facer é opoñerse ó que a “troika” aproba respecto @s traballador@s do estado.
Pero nas etapas de reconstrucións os planos que a clase hexemónica proxecta, poden ser modificados e a loita de clses, o enfrontamento entre explotadores e explotados, ten que pasar a xogar un papel fundamental; no pode proseguir o trasvase de rendas do traballo ó capital, fin último das políticas da UE, e ó longo da súa historia como goberno, do Psoe.

En Galicia no mes de xullo de 2018.

No hay comentarios:

Publicar un comentario