A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 19 de noviembre de 2018

QUE É UN GRAN PAÍS?


Carlos Dafonte.

A maioría do conxunto de persoas que habitamos o territorio sobre o que exerce as súas funcións o Estado Español, atopámonos con enormes problemas de todo tipo por moito que o antigo Presidente do Goberno “M. Rajoy” se cansase de dicirnos nestes anos que “este es un gran país” y posiblemente sexa así por ser tan diverso, plurinacional, por ter asumido influenzas de diversas culturas aínda que os poderes económicos, os políticos que lles serven e o funcionamento da maioría das institucións, parecen querer desmentir esa afirmación.
E a marcha da economía para a maioría d@s traballador@s asalariados, tamén o desminte, nun momento moi difícil como o actual, que sen saír dunha crise económica moi fonda, na que segundo a última EPA aínda hai máis de 3.200.000 parados, que transformou para peor moitos aspectos da nosas vidas, anúnciase, os datos económicos macro e micro así o amosan, o inicio doutra.
Podemos ser ese grande país que anunciaba “M.Rajoy” cunha débeda impagable do 100% do PIB?; cuns datos de pobreza infantil que nos sitúa nos primeiros postos dos países que configuramos a Unión Europea?; sen nada que ofrecerlle a nosa mocidade como non sexa taxas de precariedade no traballo, e de paro estrutural das máis altas da UE, e uns salarios que non permiten facer proxecto algún de vida, o que lles empurra a marchar cara a outros países onde lles garantan alomenos unhas pensións dignas, aspecto que no seu, non teñen garantido?. Somos ese grande país cunhas pensións miserentas para unha parte maioritaria dos nosos pensionistas, que durante anos foron os únicos en crear riqueza, aínda que as leis e a estrutura do réxime, permitiu que da mesma se apropiara unha minoría privilexiada, que pouco mudou respecto á clasehexemónica franquista, o que lle permitiu acadar enormes fortunas?

Están seguros os que asi pensan que somos ese grande país, cando cada vez se fai maior a fenda entre ricos e pobres e os primeiros cada vez o son máis, e os segundos aumentan dun xeito acelerado? Está seguro “M.Rajoy” e todos os que pensan como il, que cos niveis de desafiunzamentos que se teñen producido, cos miles de familias expulsadas das súas casas por non poder paga-las hipotecas que se converten en propiedade dos bancos e despois se crea o “banco malo”, cos cartos de tod@s, para alivia-los seus balanzos, podemos facer afirmacións como as que facía? Non hai nada que dicir do perdón da débeda ós bancos rescatados cos cartos dos nosos impostos, e negarse como o Pp e outros partidos, á suba do salario mínimo? Ou sobre o expolio da caixa de Reserva da Seguridade Social?. En outro país que polos menos amosou nuns momentos ser grande a pesares de ter un territorio pequeno, ós banqueiros se lles meteu no cárcere; si xestionan mal e cometen fraudes á sociedade, deben ser castigados e destituídos dos seus postos, neste “gran país” seguen nos seus postos e polos datos económicos que se teñen, están a preparar outro proceso de crise.
Para “M.Rajoy” e @s que como el pensan, posiblemente cando dicía “somos un gran país” teñan na súa cabeza a etapa imperial, aquelo de “polo imperio cara a deus”, a cantidade de territorios que dominábamos, as inmensas riquezas que roubábamos, os xenocidios que cometíamos e o oropel de todo aquel proceso, pero non fan a menor crítica a como monarquías corruptas e incapaces, Austrias e Borbóns, non foron quen de consolidar ese dominio e permitir, polo menos, que o pobo vivira mellor e servira para ser un dos países máis avanzados do planeta; o converteron nun patio de Monipodio cervantino cheo de picaros; a oportunidade se tivo, como a tiveron Inglaterra, Holanda e Francia, eso sí sometendo ás monarquías respectivas á lei, quitándolles poder, desaloxándoas do mesmo, durante etapas enteiras, ou proclamando a república ata os nosos días, cousa que no estado español non se levou a cabo e cando se conseguiu inicia-lo proceso, no ano 1931, un golpe levado a cabo por militares incursos no delito de felonía, deu o traste co mesmo.
Pois ben, cando por medio dunha moción de censura nos liberamos de “M.Rajoy”, agora temos que soportar a Casado, toda a vida adicado á política, desde que ocupaba cargos nas Novas Xeracións pasando polo gabinete de Aznar, sen contacto algún co mundo do traballo, con títulos universitarios sospeitosos, que nos repite que o proxecto de Orzamentos pactado entre Pose e Podemos, nos vai levar a unha nova recesión, cando debe coñecer que os sete anos do Pp no goberno crearon unhas condicións básicas para que esta se produza e antes de que se comezara a falar dos Orzamentos aínda hoxe non aprobados, xa todo apuntaba, tamén polas condicións internacionais, que sin saír da anterior crise económica, todo se atopa preparado para entrar na seguinte. ¡¡É o Capitalismo Sr Casado!!.
Un individuo que está a levar nestes meses, presionado polas posicións de extrema dereita, de C's, e Vox, o camiño que nos sitúe nos tempos de Aznar o seu mentor, que non hai que esquecer que a maior parte dalgún dos compoñentes dos seus Gobernos, ou están condenados, algúns no cárcere, ou incursos en procesos xudiciais que os poden levar a ela.
Non debemos esquecer tampouco que durante o tempo de goberno Aznar, aprobáronse determinadas Leis que explican a fondura da crise e o aumento da corrupción estrutural na sociedade; a Lei Eléctrica, do ano 1997, a Lei do Solo que é a base da enorme burbulla inmobiliaria, a Lei de Caixas, a Lei do ano 2002 de concesións de autopistas e radiais, e que despois tivemos que rescatar. Ou a alianza con EEUU, Reino Unido e Portugal para iniciar unha guerra en Oriente Medio pola existencia de “armas de destrución masiva en Iraq”, totalmente inexistentes, un verdadeiro golpe de estado a nivel internacional, contrario ó mandato da ONU, que o único que buscaba era unha remodelación de toda a zona en beneficio das grandes empresas petroleiras e do estado-xendarme de Israel.
Ademais o goberno Aznar finalizou o traballo comezado polo Psoe con González, de privatizar a parte das grandes empresas de carácter estratéxico, que comezara na época anterior, o que lle permitiu ter un adicional de máis de 38.000 millóns de euros que lle serviron para facerse propaganda sobre a súa xestión e o superavit, e deixou ó país sen capacidade de intervencións neses sectores, o que explica por exemplo, que paguemos o prezo da electricidade máis alto da UE. Polo tanto desconfiemos dun personaxe e dun partido que se identifica con Aznar e as súas posicións sobre determinados temas que hoxe hai que resolver; non esquezamos as posicións de Casado contra a actual lei do aborto e contra a eutanasia, apoiado por esa asociación que se denomina “Hazte oir”; o seu combate permanente xunto cos sectores máis reaccionarios da Igrexa, contra o que chaman “ideoloxía de xénero”; o estar a favor da libre elección de hospital e colexio o que significa un ataque os servizos públicos; ou o combate constante contra a Lei da Memoria Histórica e afirmar que non gastaría nin un euro en desenterrar a Franco, o que amosa considerarse un dos gañadores da guerra e como tal quere que todo permaneza “atado e ben atado”; ou a súa petición de ilegaliza-los partidos independentistas e as peregrinas manifestacións sobre o movemento 15 M, producido segundo a súa opinión, pola razón de que moitos mozas e mozos non ían ter esa segunda vivenda que teñen os seus país. Pero o que ten máis claro nun país como o noso que a maioría dos impostos os pagan as rendas do traballo, é que hai que baixar impostos, eliminar os de sucesións, doazóns e patrimonio e diferentes desgravacións, que obxectivamente só van beneficia-los máis poderosos.
Como sociedade dividida en clases, para aqueles que lles vai moi ben economicamente neste territorio, levando a cabo toda unha serie de negocios e axudando á corrupción de determinados partidos, o poden considerar un “gran país”, que se corresponde cos que teñen máis de 170.000 millóns de euros en paraísos fiscais, os que gozan dunha lexislación que permítelles a evasión fiscal xa que contan con bufetes de avogados e asesores que manexan moi ben todos os recunchos legais para pagar ou nada, ou moito menos; pero para a grande maioría os que cobran por nómina, este país e o seu réxime, se ten convertido nunha maquina de “destrución de futuro” e senón somos capaces de abrir axiña un proceso de mobilización, de explicación da realidade, que non é a que explican os medios de comunicación, a maioría en mans do capital financeiro, e non entran nos problemas reais da xente, senón somos capaces de escapar do cepo das institucións e comprender que a actividade política se leva a cabo tamén na rúa, paseniño pero sen pausa, se van seguir a recortar toda unha serie de dereitos polos que comezamos a loitar en plena ditadura. É necesario organiza-la loita ideolóxica, un elemento fundamental pero esquecido da loita de clases. Hai que desenmascarar, dende as posicións de esquerda, acotio, ó neoliberalismo político, á economía neoclásica e o keynesianismo, que son as armas cas que xogan os inimigos d@s traballador@s
Se o Pp entrou nun labirinto ca súa derrota no Congreso, por medio dunha Moción de Censura que puxo de acordo a “tirios e troianos” para sacala adiante, sobre todo polos casos de corrupción estrutural que algúns xuíces comezan a amosar como propia do Pp, e as eleccións primarias que o romperon en dous cachos, as posicións actuais do partido con Casado como presidente, afondan nesta situación ó “tira pola borda” o traballo de moitos anos co obxectivo de situalo nese “centro” inexistente, pero que a nivel propagandístico callan en certos sectores d@s seus votant@s e das clases subalternas. Hoxe co patrocinio cada vez máis claro de Aznar, e as presións de C's e Vox, pola súa dereita para quitarlle votos do sector máis retrógrado, atopámonos cun partido desideoloxizado, moi característico do panorama político actual, que desminte cas súas declaracións de todos os días que este sexa un “gran país”, pois cada vez máis o réxime imperante, actúa con aleivosía contra a cidadanía que di representar, e o PP é un alicerce importante do mesmo.
Para completar máis este mosaico revisionista, que xira cara a onde van os ventos en Europa, pero sen chegar a plantearse a saída da UE, desdicíndose do que hai un curto tempo dicían ser, o secretario xeral do PP á enquisa de, que é para ud España? Contesta falando de raza, non esquezamos que se lle atribúe a Franco o guión da película “Raza”, e de rezar un “padrenuestro” todas as mañás. Posiblemente sen querelo, traizooulle o subconsciente, para el España é unha colectividade minúscula, os poderosos, un grupo de xente moi reducido, que piden o amparo de deus para seguir explotando a forza de traballo todos os días. E o teñen crido, configuran unha raza aparte de tod@s cant@s vivimos no territorio do estado español.
Pero esta crítica, moitas veces feitas ó Pp, non debe levarnos a apoiar ó PSOE pacte con quen queira que pacte, pois despois de 22 anos de goberno, coñecemos todo o que fixo en contra da clase traballadora, así como non estar dispostos a facer nada que modifique as estruturas do actual réxime. Todo o que leven a cabo, será “pura cosmética”.
Pois ben señoras e señores do Pp e do resto dos partidos do “arco parlamentar”, un “gran país” é aquel capaz de comprender, primeiro, a situación na que vive a parte maioritaria da poboación que o habita, segundo, que respecta as diferencias de culturas, opinións e opcións políticas e que tente por todos os medios soluciona-los problemas que lles atinxen... Pero iso, dentro do capitalismo é imposible, sistema onde só o obxectivo dunha pequena parte, da máis poderosa da sociedade, a que ostenta o poder, é busca-lo beneficio a conta da explotación da maioría e todo o sistema traballa nesa dirección

En Galicia no mes de Novembro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario