A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 18 de diciembre de 2018

OS CAHELECOS AMARELOS E OS GRAVES PROBLEMAS, NON SÓ ECONÓMICOS, DA U.E.


Carlos Dafonte

Tamén son problemas políticos e de primeiro orde, os problemas que acucian á UE; senón tiñan bastante os burócratas de Bruxelas con resolve-lo labirinto do “brexit” e todo o que iso implica, aspectos segredos do mesmo e revolta na Cámara dos Comúns para coñecelos, que puxo a Teresa May no disparadeiro e a obriga a que non volva a presentarse, ou a inestabilidade que xera as dificultades electorais de Merkel en numerosos lander que lle obrigan a marcharse, ou unhas posibles próximas eleccións en Italia, onde a Liga sobarda nas enquisas ó “Movemento 5 Estrelas” e pode que faga o posible para que isa nova situación tome carta de natureza na Cámara italiana, ou porque non, unha novas eleccións no “reino borbónico”, onde os nacionalistas non van facer concesión algunha diante da ameaza dun Tribunal Supremo que está disposto a enterrar en vida na cárcere a numerosos líderes catalás.
Pois ben, o piar máis firme desta UE imperialista e antidemocrática ó servizo da oligarquía, xunto con Alemaña, Francia e a súa cabeza visible, o Presidente Macron, atópase en serias dificultades por un movemento en principio espontáneo, coñecido como os “chalecos amarelos”, que acontece xusto 50 anos máis tarde que o célebre e celebrado maio de 1968, que anunciou non só en Francia, que se terminara o período de “vacas gordas” iniciado após do final da II ª Guerra Mundial e iniciábase o das “vacas fracas”, do que parece a economía mundial, agás pequenos períodos de bonanza, incapaz de saír.

Ó inicio deste movemento, o eixo central da protesta, foi a suba do gasóleo, iso era o que nos dicían os medios, un movemento contra os impostos, o que nos fixo lembrar o “poujadismo”, movemento moi francés aparecido na metade da quinta década do século pasado, moi escorado á dereita, que agrupaba a pequenos comerciante, tendeiros, rendistas... é dicir a pequena burguesía que chegou a obter máis de 50 deputados nun momento determinado, entre eles o señor Le Pen, o pai da actual política francesa. Ou os “forconi” italianos de hai poucos anos que cos mesmos obxectivos, paralizaron Italia, tiveron forza durante un tempo e despois desapareceron.
Creo que este movemento de Francia é algo distinto dos anteriormente sinalados, e algo máis que un movemento anti-impostos aínda que o tema do gasóleo foi importante nun país onde o 80% dos vehículos o utilizan e os que sofren a crise, sobre as costas de quen se quere saír da mesma, cada vez viven máis lonxe das zonas onde traballan, pola suba do aluguer da vivenda, nun país no que se queren suprimir preto de 11.000 quilómetros de camiño de ferro, o que obrigará aínda máis a utiliza-lo automóbil privado, cun combustible que aumentou o seu prezo un 23 % no último ano.
Tentando enganar, se dicía por parte do goberno, que se subía o imposto para protexe-lo medio ambiente, pero suprimir os miles de quilómetros que quere o goberno francés levar adiante, incrementará o número de camións transportando mercadorías polas estradas e o número de usuarios do automóbil. Todo é unha mentira. Á empresa petroleira Total se lle exonera de toda carga fiscal, segundo León Cremieux.
Non é so un movemento contra un imposto, as súas reivindicacións son as propias do mundo do traballo asalariado, sexas activo, parado ou xubilado, ten un carácter de clase evidente, a pesares da súa heteroxeneidade, nun país no que se rexeitan ós partidos que o dirixiron en alternancia, que regalaron os ricos o incremento das súas enormes fortunas, con medidas como suprimirlles impostos, as medidas do goberno reduciu os mesmos sobre as rendas do capital, aumentando o IVE, que pagan maioritariamente as rendas do traballo, mentres os menos favorecidos ven tamén reducidos os subsidios para vivenda, as pensións e os prezos dos artigos de primeira necesidade aumentan constantemente e as prestacións por desemprego e salarios non o fan.
Este tipo de políticas a favor da minoría rica foi a “pinga que colmou o vaso” e explica a actual situación e a saída espontánea en principio, de centos de miles de traballadores, pequenos comerciantes, etc, a paralizar estradas e cidades en toda Francia, movemento que ten rexeitado os intentos da extrema dereita de manipulalo e dirixilo, pero tamén hai que dicilo, que se o movemento obreiro non se atopa na vangarda desta loita, é por atoparse curando as feridas que o neoliberalismo lle produciu cas derrotas, nas importantes batallas perdidas como a de 2010 contra a reforma das pensións, a levada a cabo contra a Lei do Traballo ou a folga dos camiños de ferro, entre outras. Pero tamén por posicións inexplicables das direccións das centrais sindicais; algunhas organizacións de zona e rama si o axudan.
As reivindicacións máis importantes deste movemento, ademais da baixada do imposto sobre o gasóleo, son a suba do salario mínimo; por un sistema de pensións solidario e polo tanto socializado e que ningunha se atope por debaixo dos 1200 euros; dereito a vivenda digna para persoas en situación precaria; favorece-lo pequeno comercio en pobos e cidades e parar a construción de grandes áreas comerciais que matan as pequenas empresas; que as grandes fortunas e empresas transnacionais paguen impostos en función dos enormes beneficios que obteñen; protexe-los empregados das empresas prohibindo a deslocalización das mesmas; que volvan a ser públicas as empresas de gas e electricidade que dende a súa privatización aumentan constantemente os prezos; aumento de prestación para persoas discapacitadas...etc, estas son entre outras moitas, algunhas das reivindicacións do movemento, que nada ten que ver cun de carácter anti-impostos, como moitas veces se nos quere facer crer.
Si a extrema dereita non se puido infiltrar e conduci-lo movemento, a extrema esquerda e nos referimos á “Francia Insumisa” dirixida por Málenchon e Rufifin o NPA de Besancenot e Alternativa Libertaria, que se atopan moi en “horas baixas” e sen grandes perspectivas, apoian ó movemento e tentan construír sobre o mesmo unha alternativa política.
O Presidente Macron, o representante da banca Rothschild e todo o que ese mundo representa, cuxo índice de popularidade atopábase no 25% foi derrotado, a súa comparecencia de hai uns días pedindo perdón e rectificando algunha das medidas foi patética. A súa experiencia na política, sen partido que o apoie, pode finalizar axiña, pois nas circunstancias nas que gañou as eleccións son moi volátiles os apoios e ó primeiro síntoma de debilidade, moitos dos que tiña como vencedor desapareceran. Non debe esquecer tampouco que si tuvo tantos votos foi por enfrontarse a Le Pen nunha segunda volta.
Que facer?, a eterna pregunta en situacións complexas. O que non debe facer a esquerda que en Francia é moi plural, é tentar levar o movemento cara a creación dunha formación política, iso sería estragalo; o movemento debe continuar ca súa autonomía, ampliando o seu programa, impoñendo o asemblearismo como xeito organizativo, fuxir da institucionalización da representatividade para negociar co goberno, amplialo a outros sectores da sociedade en loita. Como di o sociólogo Alain Bihr, trunfe ou non o movemento, hai un campo enorme para sindicatos e organización de esquerda e si non levan adiante un traballo adecuado serán os responsables que en momentos de dúbidas este movemento se incline cara a extrema dereita.
O goberno, con Macron á cabeza, tentará que sexa unha simple perturbación nunha mañá soleada, unha treboada; pero os “chalecos amarelos” queren solucións inmediatas e o proxecto Macron viuse freado, que é o proxecto da UE; e este movemento, de non ser derrotado, debe poñer sobre a mesa este problema que afecta á clase obreira europea e que a extrema dereita aproveita no seu beneficio electoral.

En Galicia no mes de decembro de 2018.

No hay comentarios:

Publicar un comentario