A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 3 de diciembre de 2018

ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS SOBRE AS ELECCIÓNS ANDALUZAS 2018


Carlos Dafonte.

Saltou a sorpresa? Os resultados foron inesperados?. O Psoe con todo o que se foi descubrindo ó longo destes últimos anos, con respecto á corrupción e os xuízos que en Andalucía se están a celebrar, eu tiña a impresión que non debían saír indemne.
Tamén que algo se estaba a “cociñar” dende había un tempo, como resposta ó acontecido en Cataluña; foron alarmantes as importantes contramanifestacións en Barcelona nas que participaron dun xeito destacado, sen decatarse do que representaba a súa presenza e o seu apoio, persoas progresistas e de esquerdas mesturadas con C's, Pp e toda unha serie de grupos que perfectamente poden configurar Vox; o nacional-populismo español estaba a saca-la cabeza en moitos lugares cun certo tufo neofranquista, cada vez máis envalentonado na “defensa da unidade da patria”, contra o estado das autonomías, contra a Lei de Memoria Histórica ou contra as ”políticas de xénero”, etc.; o acto de Madrid celebrado por Vox, foi un paso máis e sinalaba dun xeito nidio, as posibilidades certas de que todo ise movemento se plasmara en candidaturas e conseguira entrar nas institución.

Coñecíase isa tendencia e por iso Pp e C's deron un xiro ás súas propostas tentando que non se lles escaparan votos pola extrema dereita; pero non o lograron e en grande medida, sobre todo o Pp, fíxolle a campaña. Ciudadanos tamén, a campaña en Andalucía fixérona nunha maior parte, falando de Cataluña, eles, que sendo o partido maioritario non foron quen de presentar a súa candidata á investidura. A confluencia de tantos discursos de extrema dereita nas eleccións, fixeron que o que debía ser unha excepción, Vox, se convertera en algo normal.
Outros aspectos a considerar para entende-los resultados é o cansanzo por esta crise que non ten fin e a ineficacia do bipartidismo para darlle solución, sempre actuando na defensa dos intereses dos poderosos.
Ou a corrupción insoportable para a maior parte da sociedade, descuberta dende hai tempo nos dous partidos que durante todos estes anos ocuparon as institucións. Estes feitos explican a grande abstención como voto de castigo e creo que tamén, da mesma natureza é, parte do que se manifesta a favor de VOX, que introduce un novo elemento na política estatal, pero polo de agora non inserido na corrente anti-UE propia dos movementos que frutifican na maioría dos países dese espazo.
Na celebración dos 12 deputados conseguidos, se daban vivas á Legión, ó Rei e a unidade de España, segundo algúns correspondentes, que os identifican máis cos elementos residuais dun posfranquismo que segue a existir e que posiblemente, a partir de agora materialice a súa presencia nas institución.
O tropazo do bipartidismo é moi importante, entre Psoe e Pp perderon 21 deputados e unha morea de votos. Os dous partidos neoliberais, progresista un, conservador o outro, partidarios da actual construción da UE e dos tratados de Maastricht e Lisboa e de facerlles pagar @s traballador@s co peso da crise. Polo tanto non se deben analiza-los resultados na clave esquerda-dereita, pois o Psoe non o podemos considerar dentro do que se concibe como esquerda, e os titulares de “a esquerda derrotada”, o único que tentan é seguir mantendo unha ficción.
Adelante Andalucía” non callou, por unha razón moi sinxela, en política poucas veces 2+2 = 4; unha veces as alianzas suman e outras restan e as reticencias dunha parte de IU a ser fagocitada por Podemos, ten consecuencias e polo tanto AA baixa respecto ó que tiñan Podemos e IU por separado; é unha manipulación tomar a suma de ambos como punto de partida. Agora hai un punto de partida, se a coalición se mantén, xa hai unha referencia. O importante é que sexan capaces de analizar e chegar as conclusións atinadas duns resultados tan cativos, de conseguir ver os fallos que tiveron e se é verdade, como dixeron moit@s periodistas que fora a mellor campaña de todos cantos partidos se presentaban.
Tamén e digno de análise como un pacto para gobernar, como o que funcionou durante un tempo entre Psoe e C's se rompe e non beneficia ó máis grande, como sempre aconteceu tanto a nivel autonómico como municipal; a corrupción, a ineficacia fronte os problemas sociais, esa idea do Psoe cómplice dos independentistas para sacar ó PP da Moncloa, poden ser as claves para explicar este feito que leva ó Psoe ós peores resultados da democracia no seu feudo, no seu celeiro máis importante de votos.
Hai que analizar ben os resultados, pero cabe a posibilidade que o Psoe perdera votos que foron para Vox e C's e o PP a grande maioría para Vox. Os de AA, como suma de Podemos e IU, se foron moitos á abstención.

Que pode acontecer?
Podo estar trabucado, pero non creo que se vaia concretar axiña un pacto Pp-C's-Vox, e cando falo de pacto hai moitas variantes do mesmo; hai un panorama electoral 2019 moi complexo, Europeas, Municipais e Autonómicas e dar un paso en falso en Andalucía, na constitución do goberno, nos aliados, se pode pagar moi caro. Ademais o Psoe ten nas súas mans a convocatoria de eleccións xerais, o que complicaría máis a situación; pero despois deste desastre electoral parece non lle quede moita munición para seguir na Moncloa.
Unha vez constituído o Parlamento, mesa, comisións etc, alguén ten que presentar un proxecto para gobernar, que presentarse para ser investido. Pp e C's son partidarios ata hoxe, que o faga o que máis votos tivera, que busque os apoios que lle permita unha investidura. Así o repetiron ata a saciedade, cando o Pp non conseguiu maioría absoluta nas Cortes, perdera máis de 5.000. 000 de votos e dicían que eran os vencedores, o partido maioritario, e que lles correspondía gobernar.
Vai Susana Díaz a tentalo aínda que coñeza de antemán que vai ser derrotada? Poden pasarse así uns meses ata que finalice o período electoral próximo? Poden, é posible, e despois presentar un proxecto a tres.
Tamén hai outra combinación, que Díaz abandone, que os 17 de AA lle den apoio para a investidura á nov@ candidat@ e que C's se absteña. En política, sobre todo cando non hai unha verdadeira esquerda sobre o taboleiro, todo é posible.

En Galicia no mes de decembro de 2018.

No hay comentarios:

Publicar un comentario