A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 15 de abril de 2019

AS OVELLAS ELECTORALISTAS DISFRAZADAS DE LOBOS

Roberto Laxe

Agora que estamos metidos na fariña electoral, non está de máis lembrar o método educativo de Barrio Sésamo, cando decian iso de “dentro-fóra”, “arriba-abaixo”. Ás veces parece que estamos dominados por un infantilismo político moi grande. De conxunto xa sabemos que os conceptos de “esquerda” non están nada claros, posto que os medios -e iso cala na mentalidade da xente- insístennos en dicirnos que PSOE e Unidas Podemos son de “esquerda”.
Xorde a primeira pregunta, “esquerda” en relación a quen? Porque se collemos, por exemplo, o programa político do PSOE en Suresnes, o congreso dos 70 que entronizou ao dúo Gonzalez-Guerra, tanto o PSOE actual como UP ou o BNG ou En Marea serían de dereitas. As comparacións son odiosas, si; pero a historia está para aprender dela, presentan programas neoliberais con tinguiduras progresistas, onde o sistema capitalista e o regimen queda incólume... E fano cando o capitalismo vive unha das súas peores crises.

Pero este corenta anos de democracia vixiada polos administradores procedentes do franquismo (Casa Real, Exercito e poder xudicial), tiveron outro efecto devastador na esquerda: o virus do electoralismo. As organizacións da esquerda asumiron como seu a reaccionario lema de Alfonso Guerra, “prefiro 10 minutos de TV que 10 mil militantes”. Obvio, se um o que pretende é sacar a maior cantidade de deputados e deputadas posible, o que “renda” é a cantidade de promesas electorais que desde a TV, medios de comunicación de masas por excelencia, ao que se suman as redes sociais, póidanse lanzar.
É a mesma unha habitual “promesa electoral” que unha “proposta de loita”? Desde a esquerda electoralista, española ou nacionalista (o PSOE xa sabemos que por moito que a vistan de seda, dereita queda) está a insistirse moito en propostas electorais “rompedoras”, aparentemente contundentes,... sen decatarse de que o carácter rompedor dunha proposta non está tanto no seu contido concreto, senón na quen se dirixe, como se pretende conseguir e, sobre todo, se cabe ou non dentro deste réxime e sistema.
O dereito dun pobo a decidir, en Gran Bretaña, Canadá, ou Dinamarca, pode crear unha crise de goberno como moito, pero o réxime non sofre practicamente nada. No Estado Español, a esixencia dese mesmo dereito é practicamente revolucionario, pois choca coas estruturas dun réxime que ten unha das súas patas no centralismo.
A separación Igrexa-Estado en case todos os estados influenciados pola cultura da revolución francesa e yanki, é un feito; no Estado Español, froito do seu atraso que o fai equiparable a países como Grecia, Rusia ou países teocráticos, conquistar esa separación é, novamente, revolucionario, posto que choca cunha igrexa ancorada no aparello do Estado, do que non se separou nunca.
No Estado Español ter un plan educativo homoxéneo, que respecte as linguas e a historia das nacións que o compoñen, é revolucionario; porque ensinar o pasado é romper con el, e o réxime actual é herdeiro dun pasado que queren ocultar. Por iso, cada vez que cambia de ministro cámbiase de plan de estudos, se entra un “progresista” mellora a situación, se entra un “wert” calquera, léase parda.
Pero o central que define o carácter dunha proposta é como se expón que se pode conseguir; e é o que a diferenza dunha “proposta de loita”. Os electoralistas, aínda que levanten incluso a revolución socialista, destápanse cando a traducen nun “vótame”, ou “vota” para conseguila; cando introducen a menor confianza en que a través do voto se pode facer, mesmo, a revolución socialista. O “eu prométovos que se goberno farei...” é o máximo de confianza nas institucións do réxime para cambialo, e chama á pasividade da poboación traballadora, á espera dese “eu prométovos” tras o voto emitido (esto, e asistir aos mitins, é toda a actividade que se lle pide á poboación); á espera do salvador iluminado que conseguirá vencer ao dragón do Estado coa espada da súa gran capacidade oratoria, como San Jorge.
A “proposta de loita” é exactamente o contrario; non promete que “eu farei”, senón que só a través da loita, e o que leva de autoorganización, debate e politización, ponderam-se conquistar as esixencias sociais. Non chama a confiar en ningunha persoa, é o oposto ao personalismo implicito no electoralismo, senón a apoiarse nas decisións colectivas. Chama a confiar nas propias forzas da clase traballadora autoorganizadas. Por iso, a contundencia das mensaxes non está no que se di, senón como se pretenden resolver as necesidades sociais aos que responden.
Unha ovella con pel de lobo, non deixa de ser unha ovella para o regimen e o sistema.
Galiza, no mes de abril do 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario