A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 4 de mayo de 2019

SOBRE AS ELECCIÓNS XERAIS DO 28 DE ABRIL DE 2019


Carlos Dafonte

Había unha enorme expectación por coñecer os resultados, despois da moción de censura e a chegada do Psoe ó Goberno apoiado por un amplo abano das fragmentadas Cortes. Tamén para coñece-las forzas reais dos independentistas de Cataluña asumida a súa fractura e división política e sometemento a xuízo a unha parte dos seus dirixentes; da intervención moi directa de Aznar na política do Pp, apoiando o seu delfin, Pablo Casado; da segunda aparición de Vox no panorama político, a primeira foi no 2016, os “duros” de dentro do Pp que cunha maior financiación e propaganda, aparecían ben situados nas enquisas o que levou a pensar a Casado e o seu equipo, que aproximándose as súas formulacións e dicindo barbaridades de Sánchez e o Psoe os ían neutralizar; de comprobar si C's acadaba os seus obxectivos estratéxicos de ser a primeira forza da dereita conservadora e xurar unha e outra vez, que nunca gobernaría co Psoe; malamente podería conseguir o primeiro obxectivo dicindo na campaña que, si os necesitaban, acabaría pactando cos socialistas, despois dos bos resultados xa está liberado desa promesa; das enquisas que daban a perda de grande número de escanos e votos de Podemos e polo tanto a dimisión de Pablo Iglesias; pero sobre todo se o Psoe e Pedro Sánchez conseguían consolida-la súa situación, tanto dentro do partido do segundo como nas institucións no primeiro.

Había algúns outro supostos que tiñan que confirmar estas eleccións, polo menos en Cataluña, como por exemplo, a hexemonía no campo do independentismo ou as razóns da saída precipitada da dirixente de C's, Inés Arrimadas, cara a candidatura de Madrid, despois de face-lo ridículo e amosar a súa incapacidade sendo o seu partido a primeira forza nas autonómicas. Veu a Madrid a axudar a consegui-los obxectivos estratéxicos marcados para estas eleccións, ou escapaba para que ninguén lle pedira contas pola posible desfeita electoral do seu partido en Cataluña?. A realidade é que non avanzou, 5 deputados tiña e 5 segue a ter, despois de dilapidar un enorme capital político. Sobre a hexemonía dentro do independentismo, a situación quedou moi clara, Esquerra é a forza hexemónica, e Puigdemont e o seu grupo, poden seguir a resistir nas súas actuais posicións, pero non creo que por moito tempo.

Unha campaña electoral vergoñenta.
Coido que os resultados teñen que ver co tipo de campaña. Instalado o PP pola presión de Vox, nun constante discurso revisionistas sobre leis que xa todo o mundo pensaba que se aprobaran e o que se podía facer en caso de modificalas era avanzar sobre o xa aprobado, o “Pp-Aznar” deixaron claro que estaban dispostos a facer retroceder moito do formulado nas mesmas; tamén tivo que influír no seu descalabro os ataques contra o resto das forzas políticas, sen argumentos, cheos de insultos, parecido os que facía o franquismo contra dos seus inimigos, que non prendeu nin nas fileiras de moitos dos seus militante e votantes, máis acostumados a un discurso, que aínda que non o sexa, se considera máis centrista; neste senso o grande derrotado da noite non só foi o Pp senón Aznar, cuxa lembranza non e bóa para a maioría dos traballadores que coñecen que algunha das súas leis do período no que foi presidente explican a fondura da crise económica no estado español; comezando pola “Lei das Eléctricas” que estableceu as tarifas, pasando pola “Lei do Solo”, que fixo posible a burbulla inmobiliaria, ou a “Lei de Caixas” e a de “concesión de autopistas e radiais”, que tivemos que resgatar con cartos públicos, ou a finalización da privatización de grandes empresas, iniciada polo Psoe, que beneficiou a un grupo dos seus amigos, ou meternos na guerra de Iraq. Pois ben o seu delfín, o seu protexido durante moitos anos, Pablo Casado non entendeu moi ben nin a situación de crise na que se atopa o réxime, fraco favor lle fixo ca súa campaña desnortada, nin a necesidade que ten este de consolidar dous partidos, neoliberais, un de centro dereita e outro de centro esquerda, como xermolo do novo bipartidismo que o afortale. Un Pp na ultra dereita non se necesita.
O Pp sae do 28-A nunha fonda crise de programa, de discurso e organizativa, que se non se manifesta en toda a sua virulencia é pola proximidade das eleccións Europeas, Autonómicas e Municipais, o que como xa manifestei, as converten nunha “segunda volta” das Xerais, agás cataclismo previo no Pp.
Nesta circunstancia a suba de C's era de esperar, pero recoñezo que non esperaba que fora a que foi, e a Vox, o propio PP lle fixo a campaña; non hai razón para votar un sucedáneo cando se presenta o xenuíno.
A cualifico de vergoñenta, pois ó marxe de insultos e feita en base a slogans e consignias, non se trataron temas esenciais como a actual construción europea, o euro, e outras cuestións que se atopan nun primeiro plano da situación socioeconómica que padecemos: recesión en Italia, queda do crecemento en Alemaña Seguro que o deixan para “cando toque”, para as próximas europeas, pero os slogans da maioría van ser o de “queremos unha Europa máis social, o servizo da maioría” pero sen explicar como se fai e si se pode facer baseándonos nas estruturas actuais, dun xeito nidio ó servizo da oligarquía e das grandes empresas e fondosespeculativos.

As razóns dos resultados
Dentro do argumentario do PP para explicar a súa derrota, os dirixentes, Feijoo incluído, argumentan que o que levou a este desastre foi o fraccionamento do centro dereita, deben incluír a Vox neste campo, pero o que non explican é a realidade: que nas eleccións de 2016, ese “centro dereita” xa estaba fraccionado, Ciudadanos conseguiu 32 escanos, Vox 46.000 votos e o PP máis de 130 deputados e maioría absoluta no Senado. Polo tanto o fraccionamento non explica nada, o que teñen que explicar son as razóns de por qué agora este fraccionamento os leva ó fracaso máis importante da súa existencia. Será pola corrupción?, polo xeito en que como xestionaron o procéss catalá?, pola aparición de novo de Aznar?, polo discurso dos seus líderes que metía medo e se atopaba fora das circunstancias que se están a vivir?. Se o Pp fai concesións a Vox e cada vez que deixa de gobernar o Psoe, que tomou algunhas medidas de prograso, o PP non as cambia, a xente non cre que o vaia facer agora e vota en quen ten confianza que leve o proceso de cambio adiante. O que xa dixen votan ó xenuíno e non o sucedáneo, pero os votos acadados por Vox deben de facer reflexionar tamén @s progresistas e á esquerda., que algunha debe haber nas Cortes. Como pode haber tant@s votantes contra a inmigración, contra a lei do aborto, contra o que chaman “ideoloxía de xénero”, contra a lei da memoria histórica, etc. Penso que ten moito que ver co institucionalismo, o afastamento da rúa e a incapacidade para a loita ideolóxica dos sectores da dereita progresista, Psoe, e dos restos da esquerda, que se atopan en Unidas Podemos.
Unidas Podemos acadou 42 escanos, moita xente non coñecía cantos tiña en realidade polo tema das converxencias con outras forzas. Non se coñecía a nivel popular se continuaban ou non no grupo parlamentar; forte descenso en calquera caso, pero que puido ser maior de non facer unha campaña distinta, de explicación de como solucionar algúns dos problemas actuais dun xeito afastado das receitas neoliberais ó uso, socialdemócratas, pero hoxe iso é chegar moi lonxe nun mar de austeridade imposto pola Unión Europea.
Teño claro que os enfrontamentos con determinadas confluencias restou votos, así como a traizón de última hora de Errejón, que admite ser nomeado pola militancia de Unidos Podemos como cabeza de lista para as Autonómicas e poucos días máis tarde abandona e vaise con Carmena.
Pero penso que o máis salientable é o “abandono da rúa”.

Galicia esta vez foi diferente.
Hai tres ou catro elementos a salientar nesta campaña; o Pp por primeira vez é derrotado, iso é o diferente así como a entrada de Ciudadanos ó resto das eleccións xerais celebradas nestes anos; a falla de unidade e o fracaso do Bng, do nacionalismo, era posible e así aconteceu, o que explica a cativa representación de galeg@s nas futuras Cortes, cunha certa concepción de país e a idea da defensa dos intereses do mesmo.
En Marea desapareceu non so por ter expulsado a EU, Podemos e Anova pola actitude do equipo de Villares, senón pola razón de que sen o compoñente progresista e de esquerdas, que é En Marea?, un sucedáneo do Bng?. Para xoga-lo papel do Bng, xa está o Bng.
E o mesmo aconteceu con Unidas Podemos, sen o compoñente nacionalista, Anova, reduce moito o seu potencial.
Polo tanto é preciso abrir unha ampla reflexión sobre o acontecido de cara ás próximas eleccións Autonómicas, e tentar corrixir nas que hai neste mes de maio, o que se poda dos erros cometidos.

En Galicia nomes de maio de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario