A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 4 de junio de 2019

¡¡¡FINALIZOU O CICLO ELECTORAL SEN FALAR DE ECONOMÍA!!!


Carlos Dafonte

Considero necesario, enmarcar as eleccións celebradas o pasado domingo nun contexto sociopolítico e económico, onde a nivel mundial, a cadea imperialista cuxo elo máis forte son os EEUU, esta tentando desestabiliza-lo planeta, con todo tipo de medidas para retrasa-lo máis posible o que é una evidencia, o declive do seu poder económico.
Esta ofensiva parécese moito a levada a cabo por Tatcher, Reagan e Juan Pablo II, para desestabilizar o intento de consolidar o que se autodenominaba “socialismo real”, aínda que de socialismo tivera moi pouco, que levou a un cambio radical das políticas da socialdemocracia e aceptar o neoliberalismo a todos os niveles. Os elos máis fortes da cadea imperialista, naquel momento, tentaban saír da crise que se iniciara a finais dos anos sesenta e que se consolidou ca suba do prezo de petróleo a principios da década dos setenta.

Neoliberais e socialdemócratas reconvertidos, lanzáronse pola senda da globalización, receita máxica que non era outra cousa que imperialismo, para abrir mercados, abrir fronteiras, deslocalizar empresas levándoas a lugares onde non actuaran sindicatos, onde se pagaran salarios moi baixos e non existiran medidas de defensa do medio ambente, nin dereitos sociais nin laborais; así tamén farían retroceder a masa salarial dos seus propios países e recortar dereitos gañados despois de dura loita durante moitos anos.
Eran os tempos do chamado “consenso de Wasington”, pero tanto libre comercio, dende o momento que China entra na OMC, este mundo tan aberto e “globalizado”, non serve ós intereses dos EEUU e agora tenta impoñer o “América primeiro”, que non é un “slogan” máis, é unha necesidade fronte a puxanza de China e o retroceso económico e tecnolóxico da superpotencia de América do norte. O libre comercio transfórmase en proteccionismo a cabalo da última crise. O que hai uns anos nos traería a prosperidade, agora o é de atraso, e os elos inferiores, os máis febles da cadea imperialista, deben adecuarse a nova realidade que se impón.
Ou alguén pensa que a onda nacionalista, de peche de fronteiras que se está a impor na UE nada ten que ver ca nova estratexia imposta pola potencia hexemónica? Xa nos tempos do “admirado” Obama, cando viña a Europa, primeiro se xuntaba co chamado “grupo de visogrado”, formado polas nacións máis reaccionarias da UE, Polonia, Hungria, as que máis atrancos poñen á consolidación da actual construción europea. Pero non polas mesmas razón que esgrimimos as xentes de esquerda.
Esta ofensiva conduce tamén a un realineamento da maioría das forzas políticas que se leva a cabo en base a unha dereitización das mesmas, asumindo a incapacida para enfrontarse ó novo reto imperialista e a aparición na escena política de forzas moi minoritarias hai poucos anos, cun matiz ideolóxico neofascista, neo franquista no caso español, que vai ser moi difícil frear, pola complicidade de algunhas e a incapacidade de outras para facerlle fronte a este novo proceso de loita de clases, que precisaba dende hai anos, entre outras cousas, un forte debate ideolóxico que no permitira que sectores d@s asalariad@s, foran captados para estas novas políticas. Moi debilitados os Partidos Comunistas e outras forzas de esquerda situados no entorno do marxismo, quen vai dar esa batalla no Estado Español, os socialdemócratas reconvertidos en neoliberais, a muchachada de C's?

O Psoe presentou o Plan de Estabiliadade á Unión Europea.
Ligada á situación económica, despois de finaliza-las eleccións xerais, o Psoe presentou o Plano de Estabilidade á Comisión Europea. E hai elementos no mesmo que verdadeiramente me confunden; por exemplo a valoración positiva das políticas levadas a cabo polo Pp na época de Rajoy e unha velada crítica á etapa de Zapatero, senón como podemos interpretar estes párrafos do mesmo?: “ ...Despois de 5 anos de recesión, entre 2008 e 2013, o PIB recuperou o signo positivo en 2014, iniciando unha fase expansiva que mantén ata a actualidade...A evolución da economía española nos últimos anos reflicte non só unha elevada resistencia e forte dinámica de recuperación da crise, senón tamén cambios estruturais importantes, que reforzaron o seu potencial de crecemento a medio prazo ó establecer un patrón de crecemento máis equilibrado e sostible...En efecto, ó contrario que en etapas anteriores, o crecemento non se asenta en fenómenos insostibles (crecemento excesivo do crédito, sobredimensionamento do sector inmobiliario, déficit excesivo da balanza de pagos por conta corrente e necesidade de financiamento fronte ó exterior...)”. Ou este outro: “...Senón que conta con fundamentos máis sólidos, que explican que o crecemento sexa rápido, duradeiro e compatible cun cadro macroeconómico equilibrado. Así o crecemento económico rexistrado desde 2014 permitiu avanzar na corrección dalgúns desequilibrios herdados importantes: a taxa de desemprego reduciuse en máis de doce puntos, desde el máximo del 26,9 % no primeiro trimestre do ano 2013; o saldo por conta corrente ten signo positivo desde entón, incluso con taxas de crecemento da demanda interna elevada; reduciuse a posición debedora neta da economía española fronte ó resto do mundo; e se ten redimensionado o sector da construción residencial”. A todo isto hai que sumar, e o di o Plano literalmente, “ O significativo axuste fiscal levado a cabo en España nos últimos anos. No período 2011-2018, o déficit público reduciuse en máis de 7 puntos do PIB. Case a metade do axuste fiscal realizado neste período foi estrutural, situándose España entre os países europeos que maior consolidación fiscal realizaron...”.
Pero o que debe ser máis preocupante para todos nós e que un goberno como o do Psoe, que se autodenomina “social”, se a economía vai tan ben, era de esperar que o gasto público aumentase para recupera-la taxa de investimento anterior á crise; pois non, no Plano presentado a Europa para 2019-2022 os incrementos reais son de 1,9, 1,6, 1,5, e 1,4 % todos eles inferiores os crecementos do PIB real que se consideran de 2,2, 1,9, 1,9, e 1,8 %. E o mesmo acontece co gasto real que vai descender no mesmo período do 41,3 % PIB ó 40,7 % . O que se pode traducir en un descenso en importancia do sector público, o que quere dicir que os servizos públicos que sufriron recortes non van recuperar o que se perdeu nestes anos.
Aquí está a clave de que nesta cadea de eleccións, non se falara nin de economía nin da UE e posiblemente foi asi polo pacto entre as forzas políticas máis representativas, ou o que sería aínda peor, unha imposición dos grandes medios para non introducir estes temas nos debates, por outra banda carentes de senso a maioría dos mesmos. Pero en calquera caso determinadas forzas políticas tiñan a obriga de falar destes temas e propor algún tipo de solución.

O deterioro da situación económica mundial contribúe a esta nova etapa.
Non considero que a economía o determine todo nas nosas vidas, moito si, pero asistir a unhas campañas electorais, europeas, autonómicas en 12 comunidades e municipais, sen facer referencia expresa a unha grave situación económica a nivel mundial e na entorna máis próxima, a Unión Europea, como senón fora a ter grande incidencia nas políticas que se din van ser aplicadas, por parte de todos os candidat@s, se pode corresponder ou ben a iñoranza do que sucede, o que sería moi grave, ou a un intento pueril de centrarse “no que corresponde”, facendo o que fai o avestruz. Con esa actitude, o único que conseguen é engana-la xente propondo toda unha serie de investimentos, que a causa da situación económica mundial, europea e estatal, os teitos de gasto, a modificación do artigo 135 da Constitución e as políticas de austeridade, non se van poder levar a cabo. É pan para hoxe e fame para mañá. A xente hai que explicarlle a realidade na que viven e as consecuencias que o marco vai ter nas súas vidas.
Posiblemente para non entrar no que hai que entrar, algúns políticos e os medios de comunicación, nos tiveron entretidos falando de quen vai se-lo “leader” da oposición no Congreso, si agora o Pp recupera o centro político ou si o “trifachito” que sostén o goberno en Andalucía se vai disolver e se convocarán nesa comunidade, novas eleccións nun prazo non moi longo. O último entretemento e o rexeite do nomeamento de Iceta como senador por Cataluña, e os males que o acontecido se cernen sobre tod@s nós, ou si os presos políticos cataláns van ser despoxados do seu cargo; primeiro lles permiten presentarse e despois non lles deixan exercer.

As valoracións da situación por partedo FMI.
A principios de anos Christine Lagarde, directora deste organismo, dicía que “a economía mundial esta a entrar en zona de risco” e que “ hai só dous anos, o 75 % da economía mundial experimentou un repunte. Este ano temos previsto que o 70% da economía mundial experimente unha desaceleración” afirmou nunha conferencia na Cámara de Comercio dos EEUU.
A realidade económica que recollía Michael Roberts nun dos seus últimos artigos, era para preocupar a calquera político cunha certa perspectiva e capaz de saca-la cabeza do burato; segundo os economistas de J.P. Morgan para o primeiro trimestre do ano en curso, a produción industrial global cae dun xeito importante, tamén o comercio e a produción de bens e servizos. O investimento e o comercio global atópase nun período de estancamento, o mesmo que as vendas minoristas nos EEUU.
Dentro deste contexto o que acontece en Corea do Sur, ca maior contracción económica dende a crise, con importante repercusión no sector tecnolóxico e unha queda do investimento empresarial do 10,8 % só igualable á da crise dos “tigres asiáticos” de 1998, da que Xapón aínda non se recuperou; ou os graves problemas que están a pasar as economías de Turquía e Pakistán, que rexeitaron os préstamos do FMI polas condicións inaceptables que se lles querían impor, ou a crise na Arxentina cuxo goberno encabezado por Macri, tivo que aceptar un creto de 57.000 millóns de $, o maior concedido polo FMI, o que supón un maior padecemento para os traballador@s e outras capas populares, xa empobrecidas polas políticas de austeridade do actual goberno.
Ou sen afastarnos moito de Arxentina, o que acontece en Brasil, onde os anos do presidente Temer e agora de Bolsonaro levan a diferentes organismos económicos a corrixir as expectativas de crecemento de hai uns meses. Nestes catro anos de políticas neoliberais onde o presidente Temer limitou o gasto público nos próximos 20 anos e non conseguiu rematalo “déficit público excesivo”; no 2013 a débeda pública atopábase no 50 % do PIB, hoxe no 76,7 %. No cuarto trimestre do ano 2018 o crecemento foi do 0,1 % e no primeiro do 2019 o índice de produción industrial descendeu un 2,2 % . A produción de vehículos, caeu no mes de abril o 52,1 %, e os beneficios de Petrobras, minguou no primeiro trimestre deste ano, o 42 % respecto a primeiro do ano anterior. Con estes datos e outros máis, é lóxica a revisión para Brasil dos seus índices de crecemento para 2019. Asi CEPAL rebaixa as súas previsións de 2,10 % a 1,80; unha enquisa do Banco Central de Brasil, do 2,64 ó 1,49; o Banco Itaú-Unibanco, do 2,50 % ó 1,30; e o FMI, fai unha rebaixa menor, do 2,40 % ó 2,10, pero é normal, Brasil aplica as súas políticas e non quere recoñecer que leven ó país a ruína.
E claro se os dous colosos económicos de América do Sur atópanse nunha difícil situación e se bloquea ata límites xenocidas, a economía de Venezuela, por parte do imperialismo encabezado polos EEUU, todo proxecto de independencia do subcontinente, respecto á potencia hexemónica, se vai vir abaixo. E coñecemos o que este feito vai producir: maior miseria na zona.
O Director Xeral da Organización Mundial do Comercio, Roberto Azevedo, afirmou a principios de ano, que “O comercio non pode desempeña-la súa función de pula-lo crecemento diante niveis tan elevados de incerteza. É cada vez máis urxente que resolvamo-las tensións e nos centremos en trazar unha vía favorable para o comercio mundial que responda ós verdadeiros desafíaos da economía actual, como la revolución tecnolóxica e a necesidade imperiosa de crear emprego e pular o desenvolvemento”. As medidas proteccionista e os novos aranceis fixeron baixa-las estimacións do crecemento do PIB mundial dun 2,9 % ó 2,6 % nos anos 19 e 20. Espero que en non moito tempo isto sexa corrixido á baixa.

Unha situación preocupante nos EEUU.
A principios deste ano, o destaca Eduardo Lucita, a FED formulou dous cambios na súa actuación destes tempos; non aumenta-la taxa de referencia en todo o ano en curso, e limita-la súa absorción de liquidez do mercado. No seu conxunto indican sinales de debilidade, que a economía medraba por enriba das súas posibilidades grazas á reforma fiscal de Tremp e as vantaxes impositivas que permitiron repatriar aproximadamente 7 billóns de dólares, o que tivo como resultado un pulo da economía que está a chegar ó seu final. A formación bruta de capital foi do 11% na primeira metade do ano 2018, pero no terceiro trimestre do mesmo descendeu, segundo Angela Klein ó 0,8 %.
E as medidas da FED son para evita-lo recalentamento da economía e a suba do dólar que faría medra-lo déficit comercial, o maior en dez anos, da orde dos 620.000 millóns de dólares, dos que 593.000 son con China e 126.000 millóns de dólares ca UE. Chegando a débeda pública a 21, 8 billóns de $
Este recalentamento do dólar foi o que levou ós problemas monetarios en Turquía, Arxentina e Brasil, pois capitais especulativos deses países marchan cara a EEUU na busca de refuxio, pero deixan maltreita as moedas respectivas.
Moit@s podémonos preguntar, se a economía dos EEUU non vai moi ben, como é posible que a bolsa teña importantes beneficios? As explicación que ofrecen algúns economistas é sinxela: as grandes empresas utilizan a financiación barata para merca-las súas propias accións, subir así o seu prezo e aumenta-lo valor da empresa no mercado. Neste tipo de operacións, no ano 2018 investíronse 1,18 billóns de $, más do dobre do que investiron as empresas en capacidade produtiva.
Ademais nos EEUU prodúcese o que se chama a “inversión da curva de rendementos”, que establece o beneficio da débeda; é dicir o tipo de interese da mesma cos seus diferentes prazos de vencemento. O normal e que canto máis tempo pase o interese sexa maior, tamén o risco é maior; a prazos de devolución da mesma máis afastados no tempo, maior interese exixido polos acredores.
Pois ben a realidade hoxe nos EEUU é que os intereses a curto son máis elevados que a longo prazo, o que preocupa, pois esta mesma situación se deu pouco antes da crise das “punto.com” e da crise das “subprime”. É en momentos de perigo, un xeito de actuar dos especuladores.

Na unión Europea a crise se ten instalado dun xeito permanente.
En primeiro lugar pola posición dos EEUU e o seu enfrontamento con China e a cuestión dos aranceis, en segundo polo “brexit” que se descoñece como se vai solucionar, en terceiro pola crise italiana que hai un mes, unha das economías máis fortes se consideraba estaba entrando en recesión e por último que a locomotora económica da UE, Alemaña ten gripado o seu motor. No 4º trimestre do ano pasado evitou entrar en recesión por moi pouco, o seu PIB medrou o 0'02 %.
Este descenso, segundo Ángela Klein débese a queda da industria automotriz, que representa un 15 % de todas as exportación e se ve afectada polo descenso decrecemento en Asia e sobre todo en China, o que conduce que por segundo ano consecutivo, as exportación foron menores que as importación. Segundo o Instituto de Economía Mundial de Kiel, esta tendencia ira a peor neste ano.
O Consello de Expertos do Goberno Federal, calcula que o PIB en Alemaña aumentará en 2019 un 0'8 %, despois do 2'2 % en2017 e o 1,5 % en 2018.
Tamén se desacelerou a economía no conxunto da U.E, do 2'4 % no 2017 ó 1'9 % no 2018. A eurozoa ficou rezagada respecto a UE-28.
O panorama económico, o miremos como queiramos non é bo, pero aquí, consumimos os períodos electorais en falar de cuestións que non molesten ós votante, como sería explicarlles a realidade na que nos atopamos e as consecuencias nas que os traballador@s se poden ver inmersos ó curto prazo.
Cecais preferimos utilizar a expresión de Nassim Taleb, profesor de “Ciencia de la incerteza” na universidade de Massachusets,  o “cisne negro”, para explicar a próxima crise e a próxima recesión. Como un fenómeno inesperado, como si nunha noite estrelada sen nubarróns, se produce un furacán. Pero algo aprendimos das anteriores crises, que é o capitalismo teña o apelido que teña, socialdemócrata, neoliberal... quen as produce e a súa xestación ten toda unha serie de elementos, que a maioría dos economistas e políticos non queren ver. Sería tanto como poñer en cuestión a súa xestión e algo máis absoluto, que o capitalismo as necesita, son algo consubstancial co sistema.

En Galicia no mes de xuño de 2019


No hay comentarios:

Publicar un comentario