A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 27 de enero de 2020

BALANZO DUN ANO CHEO DE PROBLEMAS SEN SOLUCIÓNS. (II)


Carlos Dafonte

No Estado Español ó réxime continúa tentando estabilizarse.
            Se analizamos o que denominamos o réxime nado ca Constitución de 1978, temos que facelo de todos os seus compoñentes, ou de aqueles que o caracterizan dun mellor xeito e son os máis importantes. Polo tanto comezo por unha análise aínda que sexa superficial, sen entrar en moitas fonduras, do sistema político do mesmo, que non é outra cousa que cavilar se durante o ano pasado fortaleceuse dentro da crise que o domina, ou seguiu o proceso que o fai máis feble.
            Coido que a situación política, social e económica no Estado, co anuncio dunha nova crise de carácter global, tivo no ano pasado as características, que de existir unha verdadeira forza política de esquerdas con fortes ancoraxes na sociedade e nas institucións e forzas sindical non burocratizadas, dispostas a levar a cabo unha mobilización constante, explicación da realidade en todos os aspectos, facendo propostas alternativas, organizando sectores moi prexudicados pola situación que son moitos, o réxime podería atoparse hoxe nunha situación máis difícil, máis desgastado, que a sufrida neste ano pasado, tendo en conta tamén a inestabilidade electoral.
       
     Foi posible, pero non se produciu unha agudización da loita de clases, cando todo indicaba que podía acontece-lo contrario, dado que a situación da forza de traballo, datos de pobreza, precariedade e perda de dereitos, étc segue a ser inaceptable, na que alardea de ser a octava economía do mundo; pola contra, os datos macroeconómicos non foron malos, mellores que os do entorno da UE o que permitiu que as desigualdades entre a minoría máis rica e unha parte maioritaria da poboación seguira a medrar, pois a primeira seguiu acumulando, centralizando e concentrando capital, apropiándose da riqueza producida pola maioría da sociedade, mentres esta maioría non viu que a súa situación mellorase.
            A falla desa dirección política, xa dende anos antes, pero que foi moi evidente no ano 2019, fixo que a inestabilidade do sistema político, quebra absoluta do bipartidismo, aparición de novas forzas políticas de carácter neofranquistas, derrube doutras que “aspiraban a presidir o Goberno do Estado” xunto ca desaparición dos restos do PC e IU que eran os que nunha situación como a descrita tiñan que encabeza-la rexeneración e a mobilización, todo o anterior fixo que non se traducira nun maior grao de conciencia entre @s traballador@s e a oligarquía ca axuda dos seus medios de información, non dun xeito unánime, dera pasos  para que a crise do réxime comezara a superarse tentando restaurar, posto que o vello modelo bipartidista atópase hoxe moi afastado da realidade electoral, as bases da estabilidade sobre posibles alianzas.
E este ano pasado se foron consolidando dous polos de alianzas posibles, a do Psoe ca parte máis progresista da sociedade, que para seguir confundindo se lle denominará “a esquerda” e o PP ca maioría dos seus ex-correlixionarios que formaron Vox, cos restos de Ciudadanos, que serán “a dereita”; os nacionalistas de Cataluña, mentres non se celebren novas eleccións na comunidade autónoma e continúen na dinámica independentista, despois seguro que modifican o discurso e o proxecto, se atoparán en certa medida excluídos do novo proxecto político do réxime e as súas funcións son de “auxiliares” para evitar a creba dos consensos da transición e a recentralización, que é a política que Vox quere levar adiante e o PP, sen unha dirección con capacidade política, lle “compra” e fai súa.

A saída da inestabilidade do réxime se puxo en marcha.
            Se sorprendente foi o pacto Psoe-Unidas Podemos, pola celeridade con que chegaron a acordos despois de numerosos desencontros, máis sorprendente e necesario de reflexionar sobre o mesmo, é o pacto social entre patronal, sindicatos maioritarios e Goberno sobre o salario mínimo.
            Estou convencido que se produciu unha especie de “novo Pacto da Moncloa” secreto, que contou ca aceptación da Xefatura do Estado, co obxectivo de estabiliza-lo réxime, onde houbo cesións por todas partes, unhas cederon máis que outras, e o voceiro no Congreso deste pacto foi o PNV, na persoa de Aitor Esteban.
            O anterior que alguén pode considerar unha simple elucubración, dende o meu punto de vista expresa o seguinte; entramos nunha nova etapa política na que se vai a dar respostas a determinados problemas, sen que as mesmas vaia a satisfacer por igual a todas as partes, na que se acepta a creba do bipartidismo como elemento de estabilidade, se aposta por gobernos plurais, sen exclusións, inclusive permitindo a entrada do PC e IU, como elemento de estabilidade e dun certo control sobre a rúa, sería bo coñecer as concesións que fixeron; iso vai permitir manter os consensos da transición, ó tempo que é unha labazada ó PP e un aviso de que nin os poderes fácticos lles interesa a creba de determinados consensos, cos que Vox quere rachar e que o Pp como dixen máis arriba, se atopa hoxe de seguir por ese camiño, completamente fora de xogo.
            Creo que nestas circunstancias descritas, hai que entender tamén a modificación do Código Penal anunciada polo Goberno, deixando en mans dos xuíces a súa aplicación cando se aprobe.
            A proba de que este pacto se produciu e funciona vai se-la aprobación dos Orzamentos; nos mesmos como documento de grande importancia onde se establecen as políticas económicas, concesións a determinados grupos, investimentos en determinados lugares, etc, poderemos apreciar se o consenso acadado para investidura de Sánchez se amplía con novas organizacións que se suman ó acordo, ou pola contra hai incapacidade para mante-lo acadado e se perden votos.
            A realidade é, que o que hoxe coñecemos, cun goberno de coalición, co acordo sobre o salario mínimo e ca modificación do Código Penal, de levarse a cabo, se está a afortala-lo réxime, no aspecto político, no social e se constrúen alicerces para tranquiliza-lo grave problema territorial. Unha cousa é que se consigan determinadas reformas despois dunha loita e outra que se consigan por concesións; cando acontece o segundo, sempre é necesario inquirir, “a cambio de que?”

A influenza do pacto en Galicia.
            De ser certo todo o anteriormente escrito, vai ter importantes repercusións sobre Galicia  nun ano no que se van producir eleccións para constituír un novo Parlamento Galego.
            Podemos case asegurar que os posibles programas e polo tanto alianzas van a estar en función dos límites impostos ó Goberno do Estado recen constituído. De cara as eleccións, ca idea de despraza-lo PP do goberno da Xunta e no caso de que isto fora posible, na formación dunha Xunta que sería resultado dunha alianza entre diferentes partidos e organización, non creo posible que se acade unha maioría absoluta por parte dunha soa forza política distinta do PP, acontecería o mesmo. Estou convencido que os compoñentes de Unidas Podemos non van a participar en alianzas que  consideren determinadas críticas ó réxime actual. Neste senso a creación da Unidade Popular, que tan bos froitos acadou en pasadas eleccións, sobre a base dun programa de ruptura co réxime e de caracter republicano, vai ter serias dificultades para abrirse paso.

En Galicia no mes de xaneiro de 2020
           

No hay comentarios:

Publicar un comentario