A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 15 de enero de 2020

BALANZO DUN ANO CHEO DE PROBLEMAS SEN SOLUCIÓNS (I)



Carlos Dafonte

Morreu o ano 2019 e a enorme cantidade de problemas cos que comezara non tiveron solución e outros, como o da crise económica cuxo inicio se establece no ano 2007, para a grande maioría da poboación que viu minguados os seus dereitos de todo tipo, tampouco se iniciou no mesmo a etapa de recupera-lo perdido e xa se anuncia a posibilidade dunha nova crise. Finalizou en medio importantes manifestacións como as de Chile, Ecuador, pero tamén en Francia e EEUU.

            Os conflitos armados.
            As guerras en Oriente Medio é Próximo, Afganistán, Siria e a guerra civil non declarada en Iraq, seguen o seu curso, lugares onde o imperialismo dos USA saíu derrotado, pero a súa intervención deixou unha herdanza de conflitos maior dos que tiñan eses territorios con anterioridade; síntomas desta derrota é ter que pactar cos talibán despois de máis dunha década de guerra, cando facilitaron a súa entrada na escena afgana; que os chiitas controlen Iraq e sexan apoiados por Irán, inimigo dos EEUU e principal opositor a Israel, ese “estado fallido” dominado pola casta militar e o integrismo relixioso, o xendarme do imperialismo na zona, ou o fallo táctico-estratéxico en Siria e a recuperación de grande parte do territorio polo goberno de Assad, grazas a Rusia e a milicias apoiadas por Irán dende Líbano, todo isto, pode significar que a reordenación desta zona formulada pola señora Condoleza Rice, Secretaria de Estado na época de Bush, custou moito sangue, moita destrución e moitos cartos tamén a unha  economía norteamericana chea de graves problemas e ameazas, pero fracasou estrepitosamente, polo momento, nos seus obxectivos.

Agora pode se-lo momento de preguntarnos e facer balanzo, sobre se a intervención dos nosos exércitos en Afganistán, para “reconstrui-lo país e instaurar un sistema democrático” e en Libia, para deixar fora de xogo a un ditador, non maior que moitos cos que a Unión Europea ten boas relacións, obtiveron os obxectivos sinalados; que os talibán segan a controlar Afganistán e sexan os interlocutores para acada-la paz e que en Libia, parte da nosa fronteira sur, a inestabilidade sexa, xunto co avance do integrismo máis radical, a realidade de hoxe, non debe tranquilizar a ninguén e sinalar que o balanzo da nosa submisión ás políticas dos USA, nesas zonas foi moi negativo. O Ministerio de Exteriores debía indicarnos tamén, pois supoño se financiarán cos nosos impostos, os “logros” acadados ca nosa importante presenza no Sahel.

            A loita pola hexemonía económica mundial, a continuidade da crise económica e os nubeiros que se aproximan.
            Outro aspecto que se consolidou neste ano, foi a reacción dos EEUU a non aceptan de boa gana a perda da hexemonía política e económica e seguiron a recorrer a todo tipo de medidas para retrasa-lo seu proceso de decadencia. Nesta perspectiva temos que ve-lo enfrontamento económico China-EEUU, con toda unha serie de aranceis que se foron establecendo ó longo do ano, dos norteamericanos sobre determinados produtos fabricados en China e a resposta dos segundo sobre produtos do primeiro, nunha cadea que parece que despois das conversas de finais de ano, atópanse dispostos a unha tregua; neste senso non hai que esquece-las verbas de Paul Krugman, premio Nobel de Economía, “Donald Trump fíxonos máis débiles”.
Pero a realidade é que resultado deste enfrontamento, restóuselle, segundo algúns informes, 760.000 millóns de dólares ó fluxo de bens e mercadorías mundial. Estas medidas xunto ca sombra do “brexit” sobre a economía planetaria, fixo que as taxas industriais retrocederan en case todas as economías máis poderosas do planeta e un sector moi importante como o do automóbil, viu como as súas vendas se reducían.
O que é unha realidade é que a moit@s  políticos que sempre estaban a predica-lo neoliberalismo económico, a necesidade da globalización, agora chámanlle así ó imperialismo, e o libre comercio, cando non lles sirva para aumenta-lo seu poder económico e poder esmagar ós competidores, axiña abandonan as súa crenzas e se converten en proteccionistas, pechando as súas fronteiras e poñendo aranceis, despois de anos e anos de exixir é tentar convencer das bondades da apertura das mesmas.
En realidade, esta situación non axuda á saída da crise que afectou inicialmente ó centro do sistema capitalista. Os bancos centrais, para estimula-lo investimento volveron a mante-los tipos de interese en cero, pero se pode afirmar que finalizou o ano, sen que no conxunto se producira un importante pulo investidor.
Con anterioridade outras crises tamén deixaron unha fonda pegada en anos próximos; a crise iniciada a finais dos anos sesenta do século pasado, agravada pola chamada crise do petróleo de principios dos 70, que trouxo a reacción neoliberal, como alternativa, dixeron, á incapacidade do neokeynesianismo para freala; a crise dos “tigres asiáticos”, países que sempre se puñan de exemplo a imitar, e que deixou malparado a Xapón; o crash bursatil do 87, pouco estudado e comprendido na actualidade; estas crises xa afectaran ó centro do sistema, pero outras como a do “tequila” en Mexico, a do reis en Brasil, a do rublo en Rusia, ou a de Arxentina co chamado “corralito”, eran por dicilo dalgún xeito periféricas, aínda que a da fronteira sur costoulle os USA 100.000 millóns de dólares, “pecata minuta” co custo da que se está a vivir. As que estalaron no centro do sistema, como a de 1929, e deixaron maltreitas as economías máis importantes do planeta, só tomando medidas neokeynesianas, intervención activa do estado ou confrontándose as principais potencias en conflitos armados, puideron paliar en certa medida os seus efectos e restaura-las economías do centro do sistema, pero a custos de vidas humanas e destrución de difícil cálculo e cambiando os “status” de hexemonía existentes; os mercados non solucionaron nada, porque contra do que predica o neoliberalismo, non teñen tendencia á estabilidade; púxose en evidencia que o capitalismo desregulado, que potenciaba Milton Fiedman como quere que sexa a oligarquía, do que o economista Minsky aló polos anos 70, advertiu que levaba cara a catástrofe, é unha máquina de producir crise e cando se regula, con menos intensidade tamén as produce, pois necesita das mesmas para levar adiante o proceso de acumulación, de centralización e concentración. O capitalismo sempre significa crise. É a primeira lección que deben aprende-l@s traballador@s.
O enfrontamento dos EEUU con Irán, e a saída da primeira potencia militar do mundo do acordo asinado sobre a utilización da enerxía nuclear co réxime dos aiatolás, atópase nunha estratexia moi determinada, defender a Israel pero tamén como un atranco ó desenvolvemento da chamada “rota da seda” que tenta pular China e onde o territorio de Irán xoga un papel salientable; outra consecuencia é o aumento do prezo do petróleo, que xunto ca suba das bolsas son os únicos datos positivos, pero iso mesmo aconteceu antes de entrar na actual crise, para a que os sesudos economistas neoliberais, formados nas mellores universidades, non atopan saída. Cecais pola razón de que esta situación non se estuda nas grandes universidades.

A crise na Unión Europea
E se falamos da Unión Europea, esta verba, crise, seguiu a estar moi presente durante o ano 2019, tanto no eido da economía como da política; ó “brexit” aínda non resolto, pero que ninguén dubida vai ter un impacto importante sobre diferentes economías, hai que unilo á crise económica en Italia e Alemaña, a primeira en plena recesión e da segunda se di que non entrou, pero faltoulle moi pouco, aínda que coñecendo o impacto económico que a recesión en Alemaña tería sobre as economías do resto do área, non me fío demasiado sobre as informacións facilitadas; o que si é certo é que a situación do Deutsche Bank, en crise dende hai un bo número de anos, se está a acelerar e case todos os analistas consideran que a súa pegada, en caso de afundimento, pode ser maior que o acontecido con Lehman Brothers. Algúns datos sobre esta entidade de inversións, a máis grande de Alemaña e un dos máis importantes do mundo, son moi preocupantes; o PIB de Alemaña é de 3,9 billóns, o da UE 13,2 billóns, pois ben a exposición do Deutsche  a “derivados financeiros” é de 64 billóns, aproximadamente o 75% do PIB mundial e 20 veces o PIB de Alemaña.
Tamén é moi preocupante a cantidade de outros “activos tóxicos”; fixo préstamos, segundo parece “fora dos libros”, sen que coñeceran estes datos os investidores do propio banco, a bancos que quebraron de Grecia, Bélxica e Italia e con serias dificultades en Brasil e Qatar; préstamos de difícil cobro  que hai uns anos aproximábanse ós 350.000 millóns de euros; en fin os bancos europeos representan 4 veces o valor de toda a economía da zona, mentres en Xapón e só o dobre e nos EEUU, pouco máis o menos representan o mesmo. Por iso  a señora Lagarde do FMI, hai dous anos recomendaba á UE que se fixeran máis fusións bancarias. Hoxe atópase á fronte do BCE, veremos o que fai.
A crise na UE tamén é política, cada vez son máis partidos nos gobernos que loitan por recuperar soberanía para os seus estados, ou que en moitos países teñen resultados electorais cada vez máis importantes; soberanía para os estados representa menos soberanía para as institucións burocráticas da UE. Pero en este caso concreto non hai que confundir a quen solicita soberanía dende posicións de esquerda, que teñen como obxectivo a construción dunha nova Europa afastada dos intereses da oligarquía e das grandes empresas, e polo tanto que busca unha mellora nas condicións de vida e de dereitos para @s traballador@s e a soberanía que solicitan aquelas organizacións da extrema dereita que a utilizarían para recortar dereitos, levar adiante as súas políticas de xénero, contra o aborto, contra os emigrantes e para endurecer aínda máis as condicións d@s traballador@s.

A crise dos chamados países emerxentes e en América Latina.
O cambio de rumbo da economía china, tivo importantes repercusións en moitos países sobre todo nos que se denominaban BRICS, onde tamén se incluía o coloso asiático; Brasil, Rusia, India e Suráfrica sofren o proceso de desaceleración económica mundial, o enfrontamento USA-China e as medidas económicas tomadas por China, e no caso de América Latina ademais da nova situación económica e política en Brasil o acoso a Venezuela, o bloqueo por parte dos EEUU e a UE a súa economía, os cambios políticos en Ecuador, o golpe militar en Bolivia, ca anuencia dos “demócratas” do centro do sistema capitalista, todos estes feitos fixeron fracasa-lo proxecto bolivariano, que non era un proxecto revolucionario pero si reformista, que se agrupaba no ALBA e que por primeira vez tentaba unha saída da situación económica das maiorías sociais destes países, deixando ó marxe, se que se pode levar a cabo despois de tantos anos de dominio, ós EEUU. Hoxe ese proxecto atópase paralizado, pero os pobos aprenden das experiencias vividas, non esquecen, e máis tarde ou máis cedo será recuperado nun plano superior, pois a historia nunca se repite.

A crise climática: un paso adiante na conciencia dos pobos.
Despois de moitos anos de loita por parte de determinadas organizacións, tanto políticas como sociais, de moitos asasinatos, sobre todo en América Latina de defensor@s da loita contra a contaminación e desaparición de enormes masas forestais en beneficio das grandes empresas que trafican ca madeira, fundamentais para mante-la capacidade de rexeneración do clima do planeta, fronte a agresión constante deste sistema económico, sen que a maioría dos medios de comunicación mantiveran unha postura firme e clara, cecais porque as solucións molestaban ás grandes empresas transnacionais neste eido, parece que o ano que se pechou hai poucos días, alumou despois dunha campaña levada a cabo por unha moza nórdica, que conta con importantes medios, unha certa conciencia entre importantes sectores sociais, de que de seguir na situación actual nos cargamos o planeta e non haberá posibilidade algunha de recuperalo. Neste senso a súa intervención foi positiva, aínda que, na miña opinión disloca nas súas intervencións a realidade do que aconteceu nos últimos corenta anos; ela centra demasiado n@s polític@s, en quen dirixen os países a solución do problema, cando o que non se atreve a dicir, ou non o ve así, que é o sistema capitalista, e @s polític@s que traballan ó seu servizo, os culpables; pero en principio é o sistema capitalista quen “necesita” da destrución da natureza para manter o ritmo de desenvolvemento necesario para continua-lo proceso de acumulación. Se temos petróleo, gas e carbón, non hai razón para gastar noutras tecnoloxías e mingua-lo beneficio, razoan os capitalistas; a recente Conferencia celebrada en Madrid, patrocinada por numerosas empresas transnacionais, non chegou a conclusión algunha e as grandes potencias seguen a estar renuentes a tomar medidas drásticas; non nos trabuquemos atopámonos no sistema capitalista que quere dicir que o capital e os seus intereses son os dominantes; algunhas reformas se poden levar adiante, é certo, pero non os cambios estruturais que se necesitan. A explotación da forza de traballo moi unida ó beneficio e o consumismo, seguen a ser piares fundamentais e mentres isto non se modifique, a natureza seguirá en perigo e polo tanto o cambio climático e as súas consecuencias, seguirá adiante.
Por último a nivel internacional, para o ano 2020 teremos a mirada posta nas seguintes situacións; como se desenvolve o conflito en Oriente Medio e Próximo e en particular a disputa EEUU-Irán, en segundo lugar se China e capaz de recuperar parte do crecemento pasado; en terceiro se EEUU entra ou non en recesión, a opinión de destacados analistas internacionais é “que pode ser”, en cuarto se aumenta en todas partes a mobilización social e por último, entramos en ano de eleccións presidenciais en EEUU, o que pode ter certa importancia para a marcha dalgunhas circunstancias que se deron no último ano.


En Galicia no mes de xaneiro 2020 


No hay comentarios:

Publicar un comentario