A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 2 de enero de 2020

SENTENZA DE JUNQUERAS O PRINCIPIO DO FIN DA "ANOMALÍA" ESPAÑOLA?

Eusebio López
O Tribunal Europeo de Luxemburgo acaba de sentenciar que Oriol Junqueras é eurodeputado de pleno dereito, desde a súa proclamación en xuño pasado. É máis, a sentenza recolle o que o TS español debería facer, suspender a publicación da sentenza por “o proces” e solicitar ao Parlamento Europeo un suplicatorio, para, despois, emitir a sentenza.
Como non o fixo, agora converteu en nulos todos os seus actos posteriores, comezando pola mesma sentenza; pois todos adoecen do mesmo defecto de forma, vulnerouse, a propósito (porque era máis que evidente) o dereito europeo ratificado polo Tribunal. O réxime español tiña présa por dar un castigo exemplar a aqueles que ousaran levantarse en defensa dun dereito democrático, como é o dereito a decidir dun pobo.

Máis aló das consecuencias xurídicas e do ridículo, outro máis, da xustiza española por Europa, o problema catalán deu un salto; o que todos os gobernos da monarquía quixeron evitar estes anos, fóra o de Rajoy fose o de Sanchez, a internacionalización da loita do pobo catalán polo seu dereito ao decidir. Agora, segundo o tribunal, o TS español ten que elevar un suplicatorio ao Parlamento Europeo para poder aplicar a súa sentenza contra unha persoa que está condenada sen tem que estar.
E isto leva de cabeza a que o chamado “problema” catalán vaise a discutir no Parlamento Europeo, onde a “anomalia” española é máis que evidente.
Que é iso da ”anomalía española”
Para que se entenda, por pór uns exemplos gráficos. Se un quere homenaxear á “nove”, o rexemento español que entrou en París o día da súa liberación dos fascistas, ten que ir a Francia e baixo a bandeira republicana; no Estado Español é imposible, non existe ningún monumento, ningún recordo deses demócratas. Se un quere ir á tumba de Largo Caballero, presidente da república española, ten que ir ao cemiterio de Pierre Lachaise en París; no Estado Español sería imposible facelo; iso se, monumentos a Franco, Primo de Rivera, Mola e demais, existen por todo o territorio do Estado.
Se un quere lembrar a guerra mundial, e en concreto a fronte do leste, que se esqueza de homenaxes á Batalla de Stalingrado ou a ofensiva do Kursk, primeiras derrotas das forzas nazis, se non que o fará ante monumentos aos que combateron baixo as armas nazis, a División Azul.
Esta é a “anomalia” española; mentres en Europa Mussolini era executado sumariamente, mentres en Nuremberg procesábase ás xerarcas do réxime nazi, mentres en Francia os cárceres enchian-se de “colaboracionistas” cos ocupantes nazis (as ”divisións azuis” francesas); ou posteriormente, mentres en Portugal en 1974 disolvíase PÍDE (policía política salazarista) e rompía coa ditadura... É dicir, mentres en toda Europa rompeu co fascismo, no Estado Español a Transición deu “carta” de demócratas ás xerarcas do franquismo.
Esta “carta” ten nome e apelidos, chámase Lei de Amnistía, pola que se perdoaron todos os crimines cometidos desde 1936 até hoxe. Este “branqueo” do réxime trasladouse ás institucións, por exemplo; ao día seguinte da disolución do Tribunal de Orde Publico franquista, constituíuse a Audiencia Nacional, con exactamente os mesmos membros e as mesmas competencias de tribunal político.
É un principio básico do dereito burgués a “unidade xurisdiccional”, é dicir, non poden existir, baixo unha democracia burguesa, tribunais especiais para delitos políticos, pois, suponse, que estes non existen; os feitos que poderían ser constitutivos dese tipo de delitos están amparados baixo os dereitos de opinión, expresión, manifestación ou folga. Ese principio non se cumpre no estado español, onde hai tres xurisdicións paralelas, dúas políticas, e outra ordinaria. As dúas xurisdicións políticas son o Tribunal Constitucional e a Audiencia Nacional, ex TOP.
Esta é a “anomalia” española; un réxime que ten unhas orixes opostas aos do resto da Unión Europea e que a sentenza do Tribunal europeo pon de manifesto: o TS español actuou como o que é, unha institución do réxime herdado do franquismo/fascismo, o de Luxemburgo como o que é, unha institución que ten as súas orixes na derrota do fascismo, e agora só queda unha saída: declarar nula a sentenza e liberar aos presos políticos cataláns.
é a UE a solución?
Os dirixentes cataláns, con Junqueras e Puigdemont á cabeza, conseguiron darlle un golpe á estratexia aislacionista non só da burguesía española, que sempre insistiu en que era un problema “entre cataláns”, coma se o réxime do rei “aporellos” non fosen parte do mesmo; senón que puxo patas para arriba a política da burguesía europea, de que “é un asunto interno” español.
Ningún goberno europeo nin a UE quixo condenar a represión do 1Ou nin a virtual ocupación militar de Catalunya; todos insistiron nesa idea de que é “un problema interno”, cando a realidade é que é un problema da constitución mesma da Unión Europea, un acordo meramente económico para mellor explotar á clase obreira, mantendo as divisións artificiais entre estados, e situarse na competencia internacional para o saqueo do mundo.
Como a UE non é máis que un acordo entre estados con eses obxectivos ben capitalistas, espántanlle os conflitos políticos que como o catalán, pon en cuestión a estabilidade dos réximes que a conforman. Se os dirixentes europeos actuasen como din que son, demócratas, apoiarían o “proces” catalán que só esixía o dereito democrático dun pobo a decidir o seu futuro... Coma si fixeron cando lles interesou (Iugoslavia!).
Pero a súa democracia acábase cando é un réxime como o español, cuxa crise política pode desestabilizar todo o edificio construído estes anos; non se pode esquecer que o Estado Español é a 5ª economía europea (4º, se Gran Bretaña vaise). E é obvio que ningún capitalista vai apoiar que un pobo decida, se esta decisión trastorna a forma de dominación sobre a clase obreira e os pobos que construíron; por iso admiten de bo grado a “anomalia” española.
Aínda que a sentenza sexa un torpedo á liña de flotación a esta estabilidade, a mesma sentenza deixa en mans do Tribunal Supremo español as medidas a adoptar; e, sobre todo, non ten formulas de execución que non vaian máis aló de multas económicas que pagaremos entre todos e ás que o Estado Español xa está afeito por vulneración de dereitos fundamentais (Otegi, torturas, etc.). Enviaría o Tribunal de Luxemburgo á Europol aos cárceres españois para pór en liberdade a Junqueras?. Porque isto é o que faría calquera outro tribunal, executar a sentenza.
Nin pola súa constitución nin polos seus intereses, a UE é a solución. Engánanse, e enganan á poboación traballadora, aqueles que chaman a confiar nesta Unión Europea e non á mobilización unitaria pola liberdade de todos os presos e as presas políticas, a volta dos e as exiliadas e o dereito a decidir dos pobos.
En Galiza no mes de xaneiro de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario