A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 22 de enero de 2020

A CRISE DO RÉXIME: LIMONADA VS. BILIS

Eusebio López
Os medios poden dicir o que queiran, pero o feito é que o réxime do 78 atravesa unha crise descomunal; as súas institucións fundamentais (monarquía, goberno e poder xudicial) non saben como resolver o que o 1de outubro puxo sobre a mesa o pobo catalán, o carácter neo franquista do réxime.
O TS pásase polo forro unha sentenza dun tribunal superior, o TSX Europeo, apoiándose nunha resolución administrativa dun órgano electoral, a Xunta Electoral Central; e carga contra o goberno e a Avogacía do Estado por dicir o que di sobre Junqueras.
O TS enfrontado ao poder político, o goberno; e mentres o rei de perfil. O mesmo rei que o 3 de outubro gritou como un hooligan, "aporellos", agora ponse perfil ante a crise que el abriu ao situarse coa a extrema dereita. Pero, coidado, ponse de perfil, non cambia de política, porque xa avisou a Pedro Sanchez de que "a dor" virá despois.

Estas tres do catro institucións fundamentais do réxime -o parlamento é un convidado de pedra que só pode facer declaracións institucionais sen resultados prácticos- están á gresca entre eles; e o cuarto, o exercito, non di nada pero xa sabemos que pensan a maioría dos seus altos oficiais.
Hai un quinto poder do estado, que Montequieu non tivo en conta, que é a Igrexa; experta institución en botar leña ao lume.
Ante esta situación temos tres opcións, unha, a que axitan desde a extrema dereita, "é un goberno ilexitimo"... e por tanto, todo vale, dous, a que adoptan os actuais membros do goberno, "tranquilizar", chamar á calma, sen adoptar nin a menor medida contra os que desde as institucións axitan contra eles, e a terceira, organizar a loita social pola ruptura con este réxime e abrir procesos constituíntes para resolver os problemas económicos, sociais e políticos da poboación traballadora.
Son tempos duros, de crises,... a polarización social non é algo que se inventaron catro políticos, nin os independentistas nin os da extrema dereita; a polarización social xéraa a burguesía como propietaria do capital, porque necesita facer retroceder máis aos traballadores / as e os pobos, para saír da crise que eles crearon.
Por iso o núcleo onde se manifesta a berros, con fakes e mentiras, esa polarización social é a prensa madrileña, as cadeas de TV, e xornais; posto que eles son os portavoces de todos aqueles capitalistas que viven dos orzamentos xerais do estado, os Florentino Perez e demais. Sen eles non fan negocios. Mais, non son só eles; o conxunto do capitalismo atravesa unha gran crise económica, non resolveu os problemas centrais que conduciron ao estalido do 2007/8, e vive co temor a que se reproduza en calquera momento.
Necesitan acelerar o que eles chaman “reformas estruturais” -levamos máis de dez anos de reformas estruturais!, cantas máis precisan?-, é dicir, reducir máis os salarios, privatizar todo o que quede -até a auga como en Chile-, recentralizar máis os capitais arruinando se é preciso aos periféricos. Feijoo hai uns días díxolle á Cámara de Comercio da Coruña, que se queixaba de que o Corredor Atlántico á UE non pasa por aí, que menos queixas, o que hai que facer é “aplicar” o que xa está decidido. Feijoo era o portavoz da patronal europea e española fronte á coruñesa.
Esta incapacidade para resolver os problemas económicos, sociais (estes están a piques de podrecer, como a violencia de xénero ou o desastre climático) e económicos, é o que xera a gran polarización social, e o novo goberno quere resolvelos, parafraseando a Rosa Luxemburgo, botando vasiños de limonada no oceano, para “converter o océano en limonada”.
A crise do réxime, como manifestación política da crise social e económica, non se resolve con “vasiños de limonada”; iso só adormenta á poboación traballadora, a desmoviliza e aparta dunha política reducida ao compadreo nos despachos, abrindo as portas aos que están a botar, non “vasiños de bílis” na sociedade senón cubos enteiros.

En Galiza no mes de xaneiro de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario