A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 18 de febrero de 2020

ELECCIÓNS EN GALICIA NUN NOVO PANORAMA POLÍTICO CO QUE SE TENTA ESTABILIZA-LO RÉXIME



Carlos Dafonte.

            Xa estamos metidos nun novo proceso electoral, situación que nunca debe desagradar a un demócrata; votar, expresar unha opinión, ben facéndoo por unha das opcións políticas presentadas, ou en branco, ata nulo é importante; o que nos debe desagradar e habería de poñer remedio, se estivese en mans da maioría social, é que as promesas feitas en períodos pre electorais e campañas, despois non se cumpran sen que nada lles aconteza a quen engana o electorado; tamén que determinados partidos e organizacións saian con vantaxe na “carreira electoral” pola razón de recibir determinados apoios dos medios de comunicación que outras organización non reciben, os propietarios dos mesmos, case sempre o capital, está disposto a axudalos non só a nivel informativo, crear opinión favorable, senón a prestarlle os cartos necesarios para que poidan desenvolver os procesos electorais en condicións máis favorables.
            Se pode loitar contra esta inxusta situación? Moi difícil nunha democracia organizada polo capital, o servizo dos seus intereses e que ten como obxectivo, dentro duns canles que parezan de liberdade, que gañen nos procesos electorais quen lles da a seguridade de que todo vai seguir de acordo a determinadas liñas políticas, económicas e sociais, trazadas de antemán. Que garantan o beneficio, a explotación da forza de traballo e manter controlada a aquela opinión que se podan constituír nunha masa crítica importante para potenciar un cambio.

E cando fago esta reflexión, non o fago pensando como fan algunhas organizacións políticas que queren cambios para eles ter presenza importante nas institucións, polo feito de “estar” e gañar prestixio, moitas veces persoal e certo poder, sen maiores obxectivos; o fago na idea da necesidade de reflexionar sobre estes temas, poñer un pequeno grao da area na creación de “conciencia para si” e algún día se poda estar na condición de ser capaces de transformar, de que o voto da xente se utilice para modificar estruturalmente situacións que permitan que @s traballador@s, por ser os únicos en crear riqueza, xoguen un papel máis importante no presente e no futuro do país.
En calquera caso nas condicións que o capital ten establecido, hai que enfrontar este proceso para toda a xente que se considere de “esquerdas”, termo moi amplo, deturpado na actualidade, que abrangue a moitos partidos e organizacións: dende os que queren poñer fin o capitalismo aínda que o proceso sexa longo e difícil, ata os que non queren saír do marco establecido polo capital e se contenten con darlle un “lavado de faciana”, facer unha “xestión honrada” do mesmo, e iso é o que nos “venden”, aínda que uns e outros sabemos que hoxe é moi difícil; despois da derrota histórica que representou que en numerosos países do planeta, onde a burguesía fora expropiada se restaurara o capitalismo, hoxe o capital non está disposto a facer concesión algunha como non sexa obrigado por unha importante mobilización social.

A necesidade da autocrítica das forzas políticas en Galicia.
Algunhas das forzas que se van presentar, teñen un pasado, En Marea por exemplo, incluso chegaron a entrar na Xunta e co-gobernar co Psoe, o Bloque.  Outras como En Común Galicia formaron a parte maioritaria de En Marea e saíron da mesma deixando que un proxecto  que concitara tantos apoios, ficara inoperante.
Do pasado, dos erros cometidos temos que aprender. Os primeiros crearon unha enorme ilusión que permitiu que se configurasen, AGE primeiro e En Marea despois, como a segunda forza parlamentar en Galicia e ter nas Cortes un grupo importante; os segundo, o BNG, aínda non fixo unha crítica política de como constituíndo parte da Xunta se propiciou o regreso do PP con maioría absoluta durante un período de tres mandatos; situación que se ten intención de poñer fin nas próximas eleccións autonómicas; período do que podemos afirmar, que a causa das políticas levadas a cabo  polo PP, xunto cas repercusións da crise do capitalismo a nivel mundial, se converte nun período que sitúa á clase traballadora galega nunha verdadeira emerxencia social  e económica.
Os que no próximo abril teñen que ir votar e o fixeron en tempos por estas organizacións necesitan explicacións políticas, crítica e autocrítica, dende o campo da política, ó marxe das actitudes persoais sobre o acontecido estes anos e as razóns de que proxectos que recibiron apoios sociais moi importantes: desprazar a Fraga da Xunta ou levantar outro que aceptaba que forzas nacionalistas pactaran con forzas de esquerda galeguistas con vínculos estatais; pois ben, desembocaron  nunha volta do PP á Xunta e a disolución no segundo caso, como o zucre nun vaso de auga.
O electorado precisa explicacións e autocrítica, antes de dar de novo o voto; debe coñecer os erros e o xeito de solucionalos, ter a confianza necesaria de que non se volvan a cometer, a seguridade de que se ten aprendido dos mesmos e que non se volverán a producir. Unha vez pódense aceptar fracasos como os acontecidos, dúas non.

Un novo marco político para as eleccións de abril.
Na miña anterior reflexión neste Blog, chegaba a conclusión que feitos como a constitución do Goberno Psoe -Unidas Podemos, o pacto Goberno -Patronal -Sindicatos maioritarios, para a aprobación do salario mínimo, respondían a un acordo de darlle estabilidade ó “réxime do 78”.
De ser certo, limitan a acción e a proposta en Galicia de determinadas forzas; por exemplo as que formulaban unha campaña onde aparecera dun xeito nidio a proposta de creba co réxime, o factor do republicanismo e a loita polo dereito de autodeterminación. Unidas Podemos- Galicia en Común non creo que atopándose no Goberno, acepte propostas parecidas; do mesmo xeito determinados sectores sociais que podían artellar candidaturas ou dar apoio a outras, hai a posibilidade de que lle dean o voto a Galicia en Común ou Psoe, que é o mesmo que dicir darlle unha tregua ó Goberno, para ver como se desenvolve esa “política social e progresista” que din van levar adiante; sobre todo após da postura tan próxima ás posicións de Vox do resto da oposición.
Polo tanto se do que se trata é de conseguir alianzas, determinados programas non van aparecer na campaña, factible por exemplo, de terse levado a cabo a “grande coalición” a nivel de Estado. Queiramos ou non queiramos o marco político é novo e saber desenvolverse no mesmo é importante, así como as propostas que se poidan presentar, se o que se busca por enriba de todo é representación institucional.

Despois do acontecido co “procés” en Cataluña ó nacionalismo hai que esixirlle un proxecto de Estado.
@s elector@s non lles debe chegar con querer xogar, por parte dalgunhas forzas galegas, o papel de “conseguidor” en Madrid. Escoitando hai días a Aitor Esteban deixoume moi abraiado que non falase dun proxecto de Estado dende os nacionalismo periféricos, deu a entender que no PNV non o tiñan; o importante era conseguir cartos para proxectos, tanto do Psoe como do Pp.
O mesmo baleiro lle atopo ó BNG; non chega con asinar un papel con 13 puntos, que poden estar moi ben, e despois falar de autodeterminación, como se agora non tivéramos claro que para consegui-la, despois do que aconteceu en Cataluña, necesítanse alianzas a nivel de Estado, involucrar nun proxecto estatal a numerosos sectores sociais, e a única clase que pode apoiar e garantir esta proposta e a “clase obreira”, a clase traballador@s asalariad@s, sempre que conte cunha organización propia. O dereito de autodeterminación para a clase obreira en un chanzo máis no enfrontamento contra a explotación á que a somete a burguesía. Sobre este tema debe abrirse en Galicia unha reflexión.
O panorama político en Galicia é moi complexo, e a convocatoria de eleccións con tan pouco tempo para preparalas, ademais de amosar a debilidade do PP, complica as perspectivas programáticas e de alianzas que se debían levalas a cabo. Por iso o esforzo debe ser superior o levado noutros momentos, outros catro anos do Pp á fronte da Xunta seguiría aguzando a emerxencia na que se atopa a clase traballadora galega, pero a alternativa ó Pp, que vai ser plural e non vai actuar moi ó marxe das políticas neoliberais que establecen os membros da “troika” e a Unión Europea, de gañar, tampouco debe merecer a confianza nin de quen os votou; o importante é que dende hoxe, e sen perder nin un día, se traballe por afortalar a organización da sociedade, aumenta-la súa conciencia de que os problemas non se solucionan so nas institucións, que a mobilización e o traballo na rúa e fundamental.
Unha última reflexión; a crise económica deixou se di moitas veces, “orfa a cidadanía” que gritou polas rúas “non nos representan”. Toda esa mobilización a nivel de Estado trouxo como consecuencia o golpe contra o bipartidismo e a aparición de Podemos e Vox como elementos máis salientables; en Galicia a aparición de Anova e de AGE primeiro e En Marea, despois. Cando a Cidadanía, ese concepto tan pouco preciso constituído por numerosos sectores moitas veces contraditorios, atópase orfa crea organizacións preñadas de contradicións que é moi difícil se manteñan no tempo. Por iso, a importancia da organización de clase d@s traballador@s, que a pesares da fragmentación, das dificultades para concretala, etc, é a única capaz de establecer a hexemonía e avanzar cara a novas metas superadoras das condicións actuais.

En Galicia no mes de febreiro de 2020.


No hay comentarios:

Publicar un comentario