A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 6 de marzo de 2020

A "COROA VIRUS", OS "CISNES NEGROS" E A CRISE ECONÓMICA QUE NON CESA

Roberto Laxe

Porque unha enfermidade cun índice de mortalidade que non pasa do 4%, ten a medio mundo en pánico, provocando caídas das bolsas, redución dunha décima no crecemento do PIB mundial, etc?
É obvio que o medo ao descoñecido é un compoñente moi importante da psique humana. A gripe, que ten un índice de mortalidade superior, é parte da rutina invernal e hai vacina coñecida mentres a coroa virus é unha novidade; non hai vacina coñecida, e aínda que non é moi perigosa, contáxiase como a gripe, rapidamente.
O imaxinario colectivo da sociedade está máis que predisposto para asustarse; está cheo de filmes posapocalipticos, de zombis e thrillers a cada cal máis retorto na capacidade de describir asasinatos. Atoparon que no “coroa vírus” e as fake fixéronse realidade estas premonicións atizadas polos conspiranoicos (cando dano fixo series como Expediente X): o colmo foi a utilización nas redes de fotos dos crimes nazis con miles de cadáveres nas rúas, para vendelas como a situación provocada pola enfermidade en cidades chinesas .

O medo conduce á escuridade”, repiten como un mantra os jedis na serie Star Wars; e non lles falta razón. O medo colectivo desarma aos seres humanos ante a realidade; impídelle vela con claridade e nesa escuridade crecen como fungos aquelas forzas sociais que buscan no “diferente”, no inmigrante, na muller, ... as causas de todos os males. Sen pararse a pensar dúas veces, atacan virulentamente todo o que sente como unha ameaza.
Se a iso unímoslle uns medios de comunicación que teñen como centro do seu negocio a desinformación e o amarillismo, resaltar o anecdótico para ocultar o fundamental; temos todos os ingredientes para que haxa, non unha pandemia tipo peste negra ou "gripe española", senón unha xustificación para tapar as miserias do sistema.
Porque disto é do que, de últimas, trátase. Cando a epidemia comeza a estenderse en China, co “peche” de cidades enteiras en corentena, o mundo descobre algo que era público, a “chinadependencia” que existe tras as deslocalizacións masivas dos anos 90. As fábricas do automóbil, un dos alicerces do sistema, víronse con problemas para ter moitos dos seus compoñentes como a Nissan en Xapón, e así en todos os sectores produtivos.
Resulta que un virus que non mata nin como unha gripe, pon patas para arriba toda a cadea da economía. O capital que se é algo, é miedoso, asustouse, e a semana pasada as bolsas caeron nun nivel que non se lembraba desde o comezo da crise no 2007; caeron ao nivel do pánico que xerou a quebra do banco Lehmann Brothers, até o punto que The Economist fala xa dunhas perdidas mundiais de 80 000 millóns de desbastares... Até agora, que non se pechou a epidemia.

Os “cisnes negros” e as debilidades do sistema
Un “cisne negro” en economía é un fenómeno imprevisible, normalmente extra económico, que coa súa aparición sacode toda a árbore do sistema, pondo de manifesto as súas debilidades.
Era un segredo a voces que o mundo deslizab-se na pendente dunha nova recesión. Todos os indicadores oficiais sinalaban un arrefriado da economía, no marco da agudización da guerra comercial de Estados Unidos contra todos. Porque non é certo que fose China a única afectada pola política arancelaria de Trump, aínda que fose a máis importante; as mobilizacións agrarias españolas tiñan como un dos seus motivos o fin da exportación ao mercado ianqui do aceite oliva ou do xamón español polas políticas arancelarias de Trump.
Pero vaiamos da parte visible do iceberg da crise, á que non se ve; a que está baixa a auga. O capitalismo non pechara a crise iniciada no 2007; senón que dera unha patada ao balón da especulación para diante. Non recuperara a taxa de ganancia xerada na produción de bens e servizos a un nivel que permitise un novo proceso de acumulación de capital e un novo ciclo expansivo atrayente para os capitais que se van aos paraísos fiscais.
As deslocalizacións dos 90, das que agora están a pagar o pato coa “chinadependencia”, non resolveran de maneira permanente esa caída, posto que a recuperación da ganancia xerada non se baseaba nun aumento cualitativo da capacidade produtiva do sistema, senón sobre a base da destrución das condicións laborais, non só nos países dependentes, senón tamén nas potencias imperialistas, e o incremento do endebedamento privado que permitise manter a capacidade de consumo da clase traballadora e os pobres. O empobrecimiento da clase obreira europea e norteamericana é un feito que ninguén pode negar.
Ao tempo, os ricos fixéron-se máis ricos, cun aumento insultante das desigualdades en todo o mundo, especialmente nos chamados estados centrais (Europa, EE UU, Xapón, China,...). Tendo en conta a dificultade (por non dicir, imposibilidade) para acceder aos datos nos paraísos fiscais, comezando polos estados ianquis de Delaware ou Florida, ou as europeas Luxemburgo ou Suíza, a concentración da propiedade aumentou en todo o mundo. Dependendo do país, se nos 70/80 o 1% da poboación mundial acumulaba entre o 10 e o 25% das propiedades privadas, hoxe sitúase na pinza entre o 20 e o 40%; nunha tendencia á alza (Thomas Piketty, Capital e Ideoloxía).
A existencia dos paraísos fiscais fixo que todos os países do mundo reduzan dunha maneira importante a presión impositiva sobre as grandes fortunas; así suceden coas exencións de impostos de sucesións. No estado español Madrid é unha especie de “paraíso fiscal”, pois as fortunas están exentas do pago da cota autonómica dese imposto. Este mecanismo fiscal, non ligado á produción de bens e servizos, senón ao control do estado, permite aos ricos facerse máis ricos. A súa riqueza non xorde da produción, senón da especulación, da lexislación fiscal permisiva, que conduce a que os bancos españois haxan pagado menos impostos desde que comezase a crise.
O outro gran nicho de enriquecemento é a especulación coa débeda publica, pois os estados ven obrigados a financiarse nos mercados, que no caso europeo está establecido no mesmo Tratado de Maastricht. Especular coa débeda privada, aínda que se mantén, baixou algúns enteiros tras o trompazo das hipotecas subprime na EE UU, que foi o detonante da crise no 2007. Unhas hipotecas que se sabían incobrables, posto que eran adquiridas por sectores sociais empobrecidos, foron vendidas entre os bancos convenientemente adornadas, transformadas no que se chamou “produtos financeiros tóxicos”; e o que comezase nos EE UU estendeu-se a todo o mundo, infectando todo o sistema bancario. A quebra de Lehmann Brothers foi a imaxe na que se miraron todos os bancos centrais.
Todos saíron a “salvar ao soldado Ryan” como tolos; a maquina de facer diñeiro nos EE UU primeiro, e na Unión Europea despois botaba fume por salvar un sistema financeiro que facia a augas por todos os lados. Había que tapar as vías polas que o sistema estaba ameazado e Sarkozy berro: “hai que refundar o capitalismo”. Fixéron-no como só saben facelo, vendendo até a camisa do estado (privatizacións!) e endeudando-o até o punto de que hoxe Xapón (máis do 200%), Grecia, Italia, a EE UU, teñen unha débeda publica superior ao que son capaces producir nun ano. Deben máis do que ingresan, e no mellor dos casos, como o estado español, Francia ou Gran Bretaña, debe o mesmo que produce ao ano.
No 2014 a EE UU e logo a UE dixeron que a crise pasara, e que o mundo entraba nunha fase de novo crecemento. Taparan os buracos a base de crear diñeiro, que como a pintura, só ocultaba os defectos e rapidamente esqueceron o berro de Sarkozy, de “refundar o capitalismo”. Pero non resolveran ningunha das causas que provocaran a crise, especialmente a tendencia decreciente da taxa de ganancia, que como o bosón de Higgs é difícil de ver salvo polos seus efectos: a crise do xigante eléctrico Enron ou a das sociedades “.com“ a comezos do milenio foi o aviso do que pasaría pouco despois, no 2007.
Desde os anos 80 o volume dunha empresa non se mide pola súa facturación nin polos seus investimentos reais, senón polo seu valor en bolsa. A partir deste momento toda empresa que queira aparecer como poderosa, ten que ter un gran valor bolsista; e como o logra, pois comprándose (especulando) a si mesmas accións, a través de sociedades interpostas.
O drama para o capitalismo, que se converte en traxedia para a poboación, é que este mecanismo sobrevalora as empresas nun fenómeno de tesoiras que termina por romper por algún lado cando a realidade da produción, expresada no balance de perdidas e ganancias demostra que ese valor en bolsa non se corresponde cos feitos. A quebra é á única saída; pásolle a Enron, pasou coas “.com”, pásolle ao xigante da alimentación italiana Parmalat, etc. Ao final da especulación atópase, sempre, a produción de bens e servizos sobre a que construír todo o armazón financeiro.
A crise do 2007 afundiu a débeda privada para a compra de calquera ben (vivenda, automóbil, viaxe turística, estudos, etc.) sobre a que baseou a súa recuperación nos anos 80/90 e agora non atopa un recambio na produción de bens e servizos que xerar unha taxa de beneficios o suficientemente potente para substituír ao petróleo e os seus derivados (automóbil, plásticos, turismo, etc.) como eixo da acumulación de capital. Hai indicios nos desenvolvementos tecnolóxicos dos últimos anos como a nanotecnologia, o grafeno, a industria verde, ... pero non ten a suficiente entidade, aínda, para substituílos como a columna vertebral da acumulación de capital que arrastre tras de si o investimento produtivo.
Parafraseando a Marx, o desenvolvemento das forzas produtivas rebélase contra as relacións sociais de produción presentes baseadas na industria do petróleo, sen a entidade suficiente para substituíla; e neste interregno, “xorden os monstros”... ou “os cisnes negros”.

O “coroa vírus”, paralizando cidades industriais chinesas, golpeando sobre a industria do turismo en todas as súas variantes como as compañías aéreas, as cadeas hostaleiras como a Wyndham chinesa que pechou 1000 hoteis e os 300 restantes a ocupación está ao 25%, a cancelación do Mobile en Barcelona ou o entroido de Venecia, é ese “cisne negro” que co pánico ao contaxio sacudiu unha recuperación económica que tiña os pés de barro.

O estado español na pendente
A ministra Nadia Calviño dixo que o crecemento da economía española apoiábase na melloría da economía mundial... Se non fose porque cando chega unha crise, quen a paga é a clase obreira e os sectores pobres da sociedade, seria interesante ver como a ministra xustifica esas palabras agora, cando un dos sectores máis vulnerable ao medo xerado polo “coroa vírus” é a nena bonita da economía española, o turismo.
Como o goberno de “progresso” vai enfrontar a caída de resérvas hostaleiras, na entrada de turistas, que xeran o 17% do PIB español; e que se basea na precariedade máis absoluta das relacións laborais? Porque se o goberno fiaba todo ao vento en popa da melloría a nivel internacional para facer pequenas concesións ao movemento obreiro e aos sectores en loita, como o 0,9% dos pensionistas ou a subida do SMI, que vai facer agora que o que sopra é o vento de proa da recesión?
Se ao goberno fálla-lle a “melloría” da economía mundial; de onde vai sacar os recursos para facer o que prometeu, políticas sociais?, tendo como ten un sistema fiscal regresivo onde os impostos ás empresas diminuíron en todos os países da OCDE desde o 2007 até o 2014, mentres subiron os impostos indirectos (IVE especialmente); cun estado do benestar en despezamento, coas privatizacións avanzando en todas as administracións, desde os concellos até o estado, cunha débeda publica que é igual ao PIB, ...
Coñecendo ao PSOE xa sabemos a reposta: Felipe Gonzalez e ZP, en condicións similares de crise internacional e crise estatal, fixeron contrarreformas laborais, de pensións, privatizaron e comezaron o desmonte do estado do benestar, ao que o PP lle deu a puntilla; polo que é obvio que o período de concesións do goberno vaise a terminar en curto prazo; no momento en que os ventos da recesión golpeen duro. E para iso debemos prepararnos, para enfrontalo desde a mobilización.
Humildemente desde estas liñas lanzo algunhas propostas frente a que se ven: que a crise a pague o capital, que é quen a creo. Que se nacionalice a industria en crise como toda a electro intensiva ameazada, que se fagan plans de transición na industria do carbón (minas, térmicas, ...), garantindo todos os postos de traballo. Que se derroguen todas as contrareformas laborais e de pensións realizadas polos gobernos do PPSOE. Que se renacionalicen todos os servizos sociais, de sanidade, educación, etc., privatizados, sexan concellos, comunidades autónomas ou estatais.
Porque hai outra opción, que é construír un programa de emerxencia obreira e popular, que se base en dous principios, a resolución das necesidades sociais e a planificación democrática da economía. Os “cisnes negros” só son posibles nunha sociedade baseada na irracionalidade da procura do beneficio privado por encima de toda outra determinación. Só desde a consciencia da loita polo socialismo a nivel internacional, poderase evitar que o medo aos “cisnes negros” dean ao traste coas esperanzas de futuro da sociedade.
En Galiza nos mes de marzo de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario