A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 14 de marzo de 2020

ELECCIÓNS EN GALICIA NUN NOVO PANORAMA POLÍTICO CO QUE SE INTENTA ESTABILIZA-LO RÉXIME (II)

 Carlos Dafonte.

            Na Galicia non se elixe un presidente o día 5 de abril, se elixe un Parlamento que segundo os resultados que acaden as diferentes forzas políticas, e de non terse dado maioría absoluta, poden acontecer alianzas para elixir ó Presidente da Xunta; non hai presidencialismo en Galicia tampouco  no resto do Estado; nembargantes estes presidentes que elixen os parlamentos ou as Cortes, teñen máis capacidade que o de EEUU, que si é un país presidencialista e que non pode, por exemplo a pesares do seu poder, disolve-las Cámaras lexislativas e aquí si o poden facer; o que permite falar dunha anomalía da democracia burguesa pola que nos rexemos, pois a burguesía dende que tomou o poder, hai xa uns anos,  estableceu a separación e a independencia dos poderes, do executivo, do lexislativo e do xudicial; vendo o que acontece no estado español, non hai tal independencia.
          
  En calquera caso Feijoo, non esgotou a lexislatura, disolveu o Parlamento de Galicia e nos convoca para o día 5 de abril. Moit@s din que é un xesto de fortaleza do partido; outr@s moit@s, un signo de debilidade, que despois de unhas lexislaturas con máis sombras que luces, cando se volve a falar de crise, dos problemas que a Galicia lle pode carrexa-lo “brexit”, cando considera que a oposición é máis feble por liortas internas en unha parte, sen consolidar  liderados en outra, cunha comunidade mergullada nunha crise de desindustrialización, con grande emigración, sen que se teñan tomado as medidas necesarias para facerlles fronte e antes de que se lle podan esixir as responsabilidades deste feitos que o seu cargo ten, disolve o Parlamento e pasaremos polas urnas dentro de poucos días.
            Os obxectivos de todos cantos non estamos de acordo como o PP gobernou nestes anos deben ser acadar outro “xeito distinto de gobernar”, o que abrangue a acción política dende as institucións, a unha política económica que enfronte os problemas da sociedade galega, os d@s  traballador@s, dun xeito distinto o levado a cabo, que permita recuperar parte do perdido na crise, xa que se buscou a saída da mesma beneficiando ós poderosos.
Aprobando en resumo, as medidas que permitan unha articulación de Galicia como país, dende as infraestruturas do transporte, por estrada, camiños de ferro, étc,  ata unha política de reconversión industrial adecuada para corrixir, algo que non se fixo nestes anos, nin se tiña previsto polo executivo galego, frea la sangría do peche e marcha das empresas cara a outros lugares onde lles resulte máis fácil acadar maiores beneficios, ou enfrontar problemas como o de Endesa e Alcoa, para os que a equipa de Feijoo debía ter elaborados alternativas para solucionalos, en caso de que as competencias de Galicia o permitan, ou para negociar con quen as teña: a Administración Central ou a Unión Europea. Que fixo o Pp diante da realidade, vergoñenta para os poderes públicos, dos índices de pobreza en Galicia?; vai parar na súa obsesión de privatizar servizos públicos, como a sanidade, para permitir que funcionen peor, pero que a iniciativa privada acade beneficios?
            Feijoo diante dos enormes problemas ós que se enfronta o noso país, estivo de “vacacións”, aceptando as políticas anticrise da Unión Europea e o que lle ditaban dende Madrid os gobernos do seu partido, o da corrupción, do que un tribunal afirmou que era unha “organización para delinquir”; por iso o Presidente da Xunta tenta, nos cartaces, nos actos da precampaña, aparecer como un “galeguista independente”; parece que mudou, xa non é un home de partido, do PP, esconde o seu anagrama.
So se deixa enganar quen quere; un galeguista non trata o idioma galego do xeito que o fixo Feijoo nestes anos de presidencia, ata o punto que organismos internacionais advirten da mala situación na que se atopa o elemento central da nosa cultura e o que configura a nosa existencia como pobo. O idioma galego atópase en plena regresión na sociedade e dende a Xunta non se tomaron as medidas necesarias para frear esta situación; pola contra parecen satisfeitos de que este proceso se produza.
            Pero tampouco Feijoo é un independente, atópase moi unido ó PP e a súa “volta ó pasado”; senón fose así, cando se formulan as relacións con Vox, non o criticaría so por quitarlle votos e facerlle perde-la maioría absoluta, lle faría unha crítica política, por exemplo por querer poñer fin ás autonomías, polos ataques sistemáticos contra o galego, vasco e catalán e por non aceptar toda unha serie de pactos que se deron a traveso do período que se chama xenericamente “a transición” e que o PP ten asumidos e que Vox quere reverter.
            Feijoo non é máis que un “trileiro político” que nos quere enganar unha vez máis, e cecais o consiga, facéndose pasar polo que non é, un Presidente de Galicia ó marxe dos partidos, que so vive para Galicia e volve a presentarse facendo un sacrificio persoal, diante do panorama de liortas e desavinzas no que se atopa o panorama político galego.

            Botar a Feijoo non chega para solucionar os problemas.
            É unha condición “sine qua non”, pero para comezar a solucionar os gravísimos problemas d@s traballador@s de Galicia, necesítase, ademais desa condición principal, botar a Feijoo e ó PP da Xunta de Galicia e que quede en minoría no Parlamento, outro tipo de políticas, dende esixir maiores competencias ata modificacións no xeito de financiarnos, pasando por unha política anticrise, que unhas veces teremos capacidade para implementalas dende Galicia e outras servirán para premer ó Goberno do Estado para que modifique o seu rumbo e actuación de cara a U.E.
            Pódense acadar estes obxectivos hoxe en Galicia? As forzas políticas galegas se poden cualificar en dous grupos cun nexo común, as que son muletas do Psoe en Galicia e as que o son do Goberno do Estado. Por moito que se queira acubillar, esa é a realidade; xa sei con matices, como en todas as situacións políticas.
            É posible que unha forza política distinta do Pp, acade a maioría absoluta para configurar unha Xunta dunha soa cor? É posible en Galicia unha Xunta de alternancia ó do Pp na que o Psoe sexa secundario? Ten o Psoe, no caso de se-la forza maioritaria dentro da actual oposición ó Pp, os vimbios necesarios e a capacidade ideolóxica para levar adiante en Galicia, políticas diferentes das neoliberais que determina a Unión Europea para os momentos de crise? Alguén pode negar que nos atopamos nun momento dunha fonda crise, cuxas consecuencias contra @s traballador@s aínda non se fixeron efectivas e que se van sumar ás da crise iniciada no 2007?.
            O fundamental é despraza-lo Pp da Xunta e que sexa minoría no Parlamento; pero as solucións á situación de emerxencia económica e social de Galicia non son doadas. So a organización e a mobilización popular, como aconteceu en Verín, pode facer retrocede-las políticas neoliberais que dende a UE se van seguir levando adiante e que o Goberno do Estado e a Xunta, con certeza van  aceptar.
            Cando tiña a punto de finalizar esta reflexión, se toman as medidas contra a que se lle cualifica de pandemia, producida por un novo virus; se vai declara-lo “estado de alarma” o que significa peche de empresas, lugares de ocio, millóns de traballador@s para as súas casas, a coidar dos fillos que non teñen clase; e quen vai pagar os xornais, nestes momentos moi reducidos dende a crise de 2007?.
É posible que as elección non se celebren o día 5 de abril. En calquera caso, as empresas farán todo o posible ca axuda do “goberno progresista”, para asestar un novo golpe @s traballador@s nas súas condicións laborais e dereitos, ca colusión dos sindicatos burocratizados que so pensan no pacto ca patronal e mante-la calma social. Agora é o momento para amosar en Galicia quen esta á esquerda e quen foi aducido polo réxime burgués. Nunha situación de enorme gravidade os feitos e as declaracións políticas deben marca-las diferencias

En Galicia no mes de marzo de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario