A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 7 de octubre de 2020

O BECHO NOS SITÚA DIANTE DA REALIDADE

Carlos Dafonte


A pandemia que padecemos nos está a situar diante dunha realidade, que en algúns aspectos non ten moito que ver co partido que se atope no goberno, pero en outros moitos si ten que ver co xeito das políticas que aplicaron durante todos estes anos.

En primeiro lugar destacaría a debilidade da nosa economía a nivel do estado e polo tanto, sendo Galicia unha economía dependente dentro do mesmo,  tamén se reflicte na nosa. Non é só pola nosa dependencia do turismo, que parece é o que no reparto internacional do traballo nos teñen asignado, ser un país no seu conxunto de servizos e onde se poda vir de vacacións en busca dun clima benigno e con moito sol e numerosas costas; no caso da nosa terra por sufrir por parte da administración autonómica, a deixadez de non defender os nosos sectores tradicionais, gandaría, pesca,  forestal, sector naval, etc

Lémbrome cando nun extenso artigo dun dos diarios máis importantes, hai máis de 20 anos, establecían as prioridades de investimentos no territorio do estado, segundo a UE. Trazaban un eixo Barcelona-Madrid -Sevilla e todo o que quedaba a súa esquerda, agás Euskal Herría, non había perspectiva algunha de desenvolvemento; o consideraban como un espazo que nunha perspectiva temporal, non debía atraer investimentos dunha magnitude considerable.

Pasaron os anos e teño a impresión que aquel artigo non estaba moi descamiñado e unha parte do que agora se denomina a “España vaciada”, pertence a un dos espazo nel deseñado.

A debilidade da nosa economía estatal non radica só no grande peso do turismo, que como agora se pode apreciar, a converte nunha economía sometida a determinados avatares de moi difícil control, pandemia como é o caso, mal tempo, apertura de novos espazos ó turismo máis baratos, etc.

Tamén acontece que dos sectores económicos dos que moitas veces alardeamos, como a produción de vehículos, todas as fábricas son de fora, o control sobre as mesmas non se atopa nas nosas mans, e si parte da produción na estableceron no territorio do estado, foi por un proceso de deslocalización, para evitar na maioría das veces pagar salarios máis elevados nos seus países, e a pesares das subvencións que lles temos concedido, teñen o control para desprazarse onde o consideren que van gozar de mellores condicións e acadar beneficios máis elevados; o caso de Alcoa é un exemplo. Que instrumentos temos para opoñernos a que Citroen traslade a súa produción de Vigo a Marrocos, si se dera o caso?. Moi poucos, por non dicir ningún.

Outro elemento preocupante é, que a cabalo da crise iniciada no 2006-07, a penetración de capitais de fora, as veces se lles coñecen como “fondos voitre”, nas principais empresas que ata o de agora considerábamos de aquí, foi moi importante; empresas moi grandes, nas que poden decidir fora o futuro das mesmas. Refírome en particular ó fondo BlackRock, e outros, presente en todas as empresas do Ibex 35 e moi ben situado como accionista maioritario en todos os bancos, agás Bankinter. Pois ben este fondo pula dende hai tempo, como saída o proxecto capitalista neoliberal e a súa crise, a construción dun capitalismo estruturado en grandes monopolios. Que cecais poda parece-lo mesmo, de feito é segui-la tendencia do capital formulada por Lenin hai xa moitos anos; haberá que esperar un tempo para recoñecer esa transformación no capitalismo que  ten sinalado Larry Finck, a principal figura do fondo. Se comenta que este fondo foi quen obrigou á fusión de Bayer e Monsanto, era maioritario en ambos, está presente en Caixabank e Bankia, e maioritario no Santander, é o principal investidor na bolsa de valores de México, onde o futuro dalgunha das nosas empresas dependen da marcha do país centroamericano;  é o principal accionista no 88% das empresas do índice S&P500, do que din que é o mellor  elemento para valorar a economía dos EEUU.

Si a perda de soberanía pola nosa pertenza á UE e o euro, e un elemento que non nos permite manobrar en momentos difíciles, seguro que haberá quen diga que nos salva da hecatombe cos cartos que nos vai prestar, que o sistema financeiro e grandes empresas teñan como maioritarios a “fondos voitres” cuxas decisións e planos descoñecemos, aínda lle engade máis debilidade a economía, e iso afecta a todos os territorios do estado incluída polo tanto Galicia. Non esquezamos que Black Rock era o maioritario no banco Popular, este se quedou co banco Pastor, que foi vendido por 1 euro ó Santander, onde ten un paquete de accións importante. Sería bo investigar as relacións entre os diferentes fondos que teñen presenza importante na economía do estado, o xa mencionado Black Rock, State Street, Chas Nominees, N.Y. Mellon, BNP Paribas, Fintech Europe, Coltrane Master Fund., Vanguard, etc 


Serven ou non serven as Autonomías?

Outro aspecto que a pandemia está a deixar en evidencia, é a incapacidade das Comunidades Autónomas para facerlle fronte. Sobre todo as gobernadas polo PP, Madrid, Galicia e Andalucía, reclamando sempre a intervención do goberno central unha vez levantado o “estado de alarma”; a presidenta de Madrid chegou a cualificar de ditadura aquela situación e ameazou con mobilizacións dos “barrios dos ricos”, senón se lle poñía fin. Agora non é capaz de enfrontarse cas súas responsabilidades; cecais por incapacidade, desidia, “banalidade da iñorancia”, ou por requerir a situación actual unha intervención estatal, “máis estado”, que eles como neoliberais non están dispostos a levar a cabo,  vai contra da súa ideoloxía.

O caso de Galicia pode servir como exemplo;  Feijoo atopase nunha coxuntura complexa, por unha banda ten a Madrid, punta de lanza, así o queren a sede central do Pp en Génova e Faes, contra o Goberno de coalición, chegando na súa descarada actitude primeiro, a negar a pandemia e após o estado de alarma así como medidas que se toman en todas partes, uso de carautas, confinamento etc. Feijoo considera se debe desmarcar desta posición que é a de Pablo Casado, pero sen que ninguén se decate que ten un dobre xogo, apoio a Casado pero enfrontado con el. Beneficiouse en certa medida da extraterritorialidade de Galicia, a dispersión da poboación, etc, pero agora vai ter que tomar medidas drásticas na zona de Ourense e non ten á sanidade de base reforzada, nin “rastreadores” funcionando; as medidas que tomou neste senso son demagóxicas e irreais. Vexamos si cas dificultades segue a actitude da Comunidade de Madrid, ou colle outro camiño, o da cooperación ca Administración Central.

Pero tampouco desboto que estean a xogar, seguindo a estela aberta pola extrema dereita máis reaccionaria, a carta da recentralización do estado. Estou convencido, podo estar trabucado, que de non ser o goberno do Psoe, algunha comunidade autónoma gobernada por ese partido, tamén estaríalle exixindo a administración central a intervención diante da súa incapacidade para facer fronte a grave situación que padecemos. 

Teño a convicción que o PP só quere gobernar nas Comunidades Autónomas, para te-lo poder e utilizalo no seu beneficio; non cren na descentralización para atender e solucionar mellor as necesidades das persoas que nelas viven. Lendo estes días o xeito de traballar nos lander alemás enfrontados á pandemia, cada un facíao, con lóxica dende a realidade obxectiva que estaban a sufrir, ningún sexa da cor político que sexa, ten nas súas cabezas  perdirlle o goberno a intervención; cada un asume a súa responsabilidade que constitucionalmente teñen atribuída. 

Debemos reforzar as autonomía fronte a idea de baleiralas de competencias e unha boa medida é avanzar o máis axiña posible, cara a transformar o inútil Senado, nunha Cámara das Autonomías; pero esta reivindicación, que sempre aparece nas campañas electorais, así como a desaparición das Deputacións, ninguén se atreve despois, nin cando é goberno nin oposición a reivindicalas e levalas adiante. Posiblemente pola razón de que a Constitución non permite a federación de varias autonomía e a sentenza do Tribunal Supremo contra as modificacións no Estatut así o confirma. Enfrontarse con estas realidades parece que non está na axenda dos grandes partidos.

A situación é moi complexa e de difícil solución; a da economía golpeada moi duramente pola crise que repuntaba sen ter saído da anterior, a iniciada no 2006-07, e a pandemia que ninguén tiña en mente, necesita de medidas extraordinarias e buscar cartos nos petos dos que estes anos non a sufriron, que non foron moit@s, pero que aumentaron en grande medida a súa riqueza; conseguir mingualas bolsas de fraude fiscal que son moi importantes; frear a saída de capitais, etc.

Tamén a situación da sanidade necesita urxentes investimentos, que as políticas liberais e a  incompetencia e as dúbidas das CCAA, permitiron este rebrote, moi virulento difícil de atallar; so reforzando a sanidade primaria e despregando numeros@s rastreador@s, axudados pola tecnoloxía existente e a disciplina, dentro das posibilidades de cada un, poderémoslle facer fronte. E por enriba de todo, a pesares das dificultades para elo, o pulo á mobilización para exixir medidas adecuadas ós responsables e responsabilidades a quen non ten cumprido cas que constitucionalmente ten atribuídas.


En Galicia no mes de outubro de 2020. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario