A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 24 de noviembre de 2020

O "DESTINO MANIFESTO" E TRUMP.

Carlos Dafonte.


A primeira potencia imperialista do mundo actual, leva moitos anos creando mitos para colonizar as nosas mentes e facernos crer que son dignos de imitación. Dende que se constituíron como os EEUU de Norteamérica, son diversos os intentos de aparecer como unha nación exemplar, loitadora contra o colonialismo das potencias europeas, impulsora da democracia fronte as monarquías absolutas e capaz de entrar en guerra civil, que lles custou máis mortos  que todas as guerras que ían vir xuntas, por unha causa xusta, poñer fin á escravitude.

Hai moitos anos que un presidente dos Estados Unidos de Norteamérica formulou, ó principio da etapa imperialista dos estados que constituían a nación e o formulou baixo obxectivo estratéxico, como non podía ser doutro xeito cunha frase, “América para os americanos”, e dicir os americanos do norte, en concreto a nación que se formara agregando diferentes estado que loitaran contra Inglaterra e constituíran un país dotado dunha constitución, por uns individuos a quen se lles considera os “pais fundadores” a grande maioría escravistas sen escrúpulos, tentaban expulsar ós países colonialistas de todo o continente americano para facelos máis ceibos, pero a razón fundamental era aproveitarse en exclusiva das inmensa riquezas do territorio, como quedou amosado en toda unha serie de ditaduras salvaxes que os USA fomentaron en determinados países e en diferentes épocas para asegurar os negocios das súas empresas.  

Desta acción “protectora” se beneficiaría unha oligarquía, que mediante toda unha serie de enmendas á constitución e ser algúns referentes primixenios dos que chegaron de todas partes do mundo, pero sobre todo da Europa anglosaxona e dende hai moitas décadas controlan todas as estrutura do país.

Unha segunda etapa importante é a que se inscribe baixo a fórmula do “destino manifesto”, que aparece por primeira vez nun artigo escrito por un xornalista de Nova Iorque, na década dos corenta do século XIX, un tal O'Sullivan, onde copiando un pouco a mitoloxía xudeu, consideraba ó seu país como escollido por deus, para espallar por todo o planeta as súas ideas de democracia e liberdade, o seu sistema político; había que conseguir que en todas partes rexésense, se organizaran a semellanza dos EEUU de Norteamérica, xa que deus lle encomendara esta misión.

Baseándose nesta teoría, se anexionan Texas e California e en guerra con México, Colorado, Arizona, Novo México, Nevada, Utah e partes de Wyoming, Kansas e Oklahoma. Unha vez consolidado o seu país con estes novos territorios os seguintes presidentes, van a mirar a todo o planeta ca idea de concretar o “destino manifesto” a un nivel global, e en eso estamos dende hai moitos anos; a ese destino manifesto, Lenin o renomeou como imperialismo, e a loita entre os imperialistas e os que están en contra, e as loitas entre os propios imperialistas de diferentes países, ten marcado a unha boa parte da humanidade nestes últimos 150 anos, cecais máis.

O terceiro mito se consolidou arredor da figura do presidente Lincoln, que conta cun grande mausoleo na capital federal e a súa loita contra a escravitude, sistema aberrante que tiñan determinados estados do sur agrario e grande produtor de algodón. Esa idea de que a guerra civil norteamericana se librou para liberar ós millóns de africanos escravizados, é unha patraña máis das que o imperialismo nos quere facer partícipes e admiradores.

A guerra civil entre os exércitos da Unión do norte e a Confederación do sur, non comeza co obxectivo de libera-l@s escrav@s da situación na que se atopaban; no fondo a Lincoln non lle importaban moito a situación dos escravos, como recalcou nun debate en 1858 : “Non teño intención algunha de interferir con as institucións da escravitude nos estado en que esta existe” e esta posición reiterouna na campaña electoral do ano 1861. Digámolo xa, a guerra civil é resultado da suba do prezo do algodón e da intencións dos escravistas de adicar a zona non colonizada entre o Mississipi e o Pacífico ó cultivo do algodón con man de obra escrava, non lles chegaban os territorios  que obtiveran ca Florida e a Louisiana, adquiridas a franceses e españois e os estados do norte tiñan a intención de abrila a un proceso migratorio e colonizador, que permitira que millóns de emigrantes mercaran todo tipo de utensilios de labor, se abriran novas liñas de camiños de ferro, etc, todo fabricado nas industrias do norte. Había ademais outro “pequeno problema” os industriais do norte esixían a imposición de aranceis ós produtos elaborados polos capitalistas británicos e os cultivadores de cotón do sur moi ligados ós británicos, temían con razón, que a política proteccionista ía en contra do seu interese por un comercio libre.

E un dato do que nunca se fala, os escravos liberados foron en aqueles estados que se atopaban formando parte da Confederación, nos estados escravistas que estaban dentro da Unión non foron liberados en pricipio; foi unha estratexia militar máis que un convencemento moral de que a escravitude era indigna dun país adiantado.


Que pinta Trump en todo esto?


Pois que representa a verdade do que son unha parte dos USA, sempre escondida nunha retórica influenciada por diferentes medios e a propaganda que se utiliza para afirmala. Pero Trump nos ten dito nestes catro anos que todo é unha mentira, que hai moi pouco de certo no que millóns de inxenuos pensan sobre os EEUU de Norteamérica; Trump non minte, considera que o sistema democrático do seu país non é seguro e se poden facer trampas e el está disposto a facelas como seguro se fixeron en moitas ocasións ó longo da historia;  se cavilamos un pouco actúa seguindo o mesmo patrón que lle ensinaron a actuar á oposición venezolana, : non é vencedor, o sabe, pero se proclama vencedor, impugna as eleccións os estados onde perde, tenta invalida-lo voto por correo por si favorece ós demócratas, acusa de esquerdistas e terroristas ós seus inimigos, e fai saír á rúa ós seus matóns para intimidar ós partidarios dos demócratas que premen nas rúas para que ninguén se deixe intimidar polo presidente. Como o reconto de votos dun xeito teimudo indica que gañaron os demócratas alí onde había anos que non gañaban, agora intenta que, por ser unha elección indirecta, comprar os electores dos demócratas para que cambien de opinión e voten por el; é dicir unha especie de “tamallazo” á americana. Podemos sacar outra conclusión que a seudodemocracia norteamericana está blindada para todo o que non sexa os dous partidos da oligarquía. 

Fixo trizas esa entelequia do “destino manifesto” e as necesidades económicas lle levaron ó “américa o primeiro”, fronte a como sempre quixeron ser considerados como nación, os defensores das aperturas dos mercados, da liberdade de comercio, non esquezamos que abriron os portos de Xapón a cañonazos no século XIX, para entrar no seu mercado; agora Trump ten o apoio dunha parte moi importante da poboación para volver a unha especie de illacionismo, loita “sui xéneris” contra a globalización-imperialismo que os republicanos tamén representan, contra a Organización Mundial de Comercio, contra a ONU e ata contra a OTAN. Considera que en todos estes organismos non pode  o seu país impor as súas interpretacións do mundo e polo tanto coñecendo, que sen a súa participación non teñen moito obxecto, pois foron creados para apoiar ós EEUU na súas diferentes estratexias, vai ter as mans ceibes para facer o que lle da a gana sen ter que discutir, dialogar e chegar a algúns consensos; impón aranceis ata ós seus máis fieis aliados. 

Entra así nun illacionismo parecido ó de após a Iª G.M. cando o seu presidente Wilson, propón a creación da Sociedade de Nacións ás potencias que interviran e as institucións do país non aceptan entrar; e por outra banda as propostas de Trump, non sei si xa chamalo ex-presidente, contra os emigrantes, separación de nais e fillos, etc, parece querer devolvernos á época da escravitude...Por non falar do que pensa dos movementos sociais, das minorías e da igualdade muller home é dicir dos movementos feministas. Trump é unha parte moi importante dos USA, e é bo que moita xente descubra a realidade. Actúa como pensa co respaldo de máis de 70 millóns de votantes. Pero ollo, nun estudo da revista Forbes,  a maioría de grandes empresas e multimillonarios queren que Trump perda as eleccións, prefiren a Biden, a política de Trump non é boa para os negocios, pero a máis penosa contradición é que nunha situación de crise, un sector da clase dominante lanza a sectores de traballador@s a loitar contra si mesm@s. 

Trump non é un ideólogo, e o mesmo que ó que chamamos neoliberalismo non saíu das cabezas de Tatcher e Reagan, persoas moi limitadas no seu pensamento, senón que se foi xestando dende finais da II G M como alternativa ó keynesianismo, a nova ideoloxía é un “neoliberalismo modificado” para tempos de crises cíclicas moi fondas, cuxos experimentos máis salientables levan anos xestándose en Francia, Alemaña, Grecia (Amencer dourado), países nórdicos e Italia e en menor medida España, coa construción e éxito electoral e impacto sobre os demais, de determinados partidos cuxa ideoloxía, en algúns aspectos, preocupantes por certo,  nos fai lembrar a etapa de entre guerras. Un dos seus compoñentes fundamentais é unha volta ó nacionalismo centralista estatal, ó que recorren sectores das oligarquías en tempos de crise, peche de fronteiras, etc. 

Agora o inimigo non é un inventado comunismo que nunca existiu, había unha sociedade en transición cara ó ...capitalismo; agora a ameaza é máis real, outra cadea imperialista, que foi entrando sen grandes alardes en espazos como América Latina, África e Asia, levando a cabo importantes propostas como a nova “rota da seda”, prestando cartos a baixo interese e sen instalar, case ningunha base militar, dispútanlle o control económico a un país en decadencia, que todo o centraba no seu poderío militar e ser o “país refuxio”  fronte as ameazas existentes ou inexistentes na época da chamada “guerra fría”. Pero o tempo mudou, e non polos avances do movemento obreiro no mundo, a pesares do enorme proceso de proletarización que se ten dado neste últimos anos, senón pola razón de que a crise permanente do capitalismo, as contradicións dentro dos países imperialistas, a aparición de “países emerxentes” e a rebeldía de determinados países que aínda non se expresan dun xeito revolucionario así o indican.

Alguén afirmou referíndose ós resultados electorais nos EEUU, “hai dúas noticias, unha boa e outra mala, a boa que parece que perdeu Trump, a mala que gañou Biden”


En Galicia no mes de novembro do 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario