A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 10 de diciembre de 2020

UNHA TENSA SITUACIÓN POLÍTICO-SOCIAL Ó REDOR DA APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS.


Carlos Dafonte.


O Goberno central conseguiu a aprobación dos Orzamentos Xerais no Congreso dos Deputados para o ano que ven, nos que se incorporarán as axudas que imos recibir da Unións Europea, como elemento motor dese cambio de política que se ten producido: da política de austeridade que se mantivo perante estes anos, a unha política de gasto público, neokeynesiana, con obxectivos concretos como son entre outros, modificar o noso sistema produtivo.

En principio parece unha boa noticia, após de estar xestionando estes anos os orzamentos prorrogados elaborados en tempos do PP, con algunhas modificacións. Orzamentos que non facían fronte a “nova situación”, a pandemia, que afecta a todos os aspectos da vida d@s traballador@s e tamén o tecido empresarial, dende a pequena e media empresa ata a grande e ó número considerable dos coñecidos como autónomos.

Dende o meu punto de vista a aprobación duns Orzamentos é o acto máis importante que unhas Cortes levan a cabo na lexislatura; se establecen os ingresos, os gastos, as prioridades, en principio, para facer fronte as necesidades máis salientables da poboación, etc; debe polo tanto ser un debate fundamental na sociedade, o mesmo que de onde sacamos os cartos para facerlles fronte, se van producir maior débeda, como lle facemos fronte, que partidas van subir e cales baixar, canto se aumenta o destinado ós servizos públicos máis importantes, etc; e pode ser un debate moi duro, pois os diferentes intereses en xogo premen para levarse a parte máis importante  do que hai disponible. Acontece en todas partes, agás aquí. 

Non, o que aquí se discute e con moita vehemencia, utilizando mentiras, falsas verdades, cartas dirixidas ó rei por energúmenos que nas circunstancias actuais consideran que hai que fusilar a “media España” e toda outra batería de insultos, improperios, etc, situación á que os medios dan moita amplitude e polo tanto entran nesa dinámica cainita, é o tema de que partidos se comprometeron a axuda-la súa aprobación. 

Iso é o que se discute en verdade, que forzas políticas deron o seu voto a aprobar, e o curioso é que ese aspecto marxinal do que debe ser considerado o aspecto central, que son os contidos dos Orzamentos e a que clases e intereses sociais responden, non se discute. Discútese e infórmase do que a dereita conservadora e a neofranquista poñen sobre a mesa no seu rexeite dos orzamentos, que coinciden cos argumentos daquelas forzas políticas que non queren discutir nada dos mesmos mentres Unidas Podemos se atope formando parte do Goberno ó que consideran ilexítimo; como moitas veces ten expresado ese xenio da política, campión no seu pobo de cuspir osos de olivas, que é un dos voceiros do PP máis representativo, apoiados na súa campaña polo neofranquista Vox, de quen o PP a pesares de floridos discursos dende a tribuna das Cortes, non está disposto a separarse e segue a situalo no primeiro plano da política estatal cos pactos para gobernar en diferentes autonomías, e dicir facéndoos pasar por unha forza democratico burguesa, cando o que verdadeiramente queren é a chamada “democracia orgánica” que imperou perante os corenta anos da ditadura..

O eixo central de toda esta campaña, que non permite que @s traballador@s coñezan a fondo os Orzamentos Xerais, que debe se-lo deber dos medios de comunicación e dos partidos, se sostén en que o pacto cos etarras, Bildu, e os que queren rachar ca unidade da patria, ERC, non só ten como obxectivo aprobar uns orzamentos, senón poñer fin ó réxime e polo tanto á monarquía, a democracia burguesa na que nos dotamos cando aprobamos a Constitución en 1978 e ó capitalismo como modo de produción dominante na formación social actual.

Alguén dos que repiten estes argumentos verdadeiramente os cren? Estou convencido que non, pero levan a algunha xente a pensar que así pode ser. Verdadeiramente se pode pensar que o Psoe quere acabar co réxime? Ou que o quere Unidas Podemos? Ó máis que chegan estes últimos é a levar a cabo algunhas reformas, sobre todo en estes momentos de fonda crise política, social e económica, que teñen certa importancia e que de saír ben consolidarán ó propio réxime pois moit@s traballadore@s maltratados pola crise considerarán que dende o interior do réxime se lle poden dar algunha solución, diferente á austeridade, que foi o que se fixo sempre en tempos de crise.

O que é verdadeiramente noxento e a posición de antigos dirixentes do Psoe, que grazas ós favores que fixeron a importantes empresas cas súas políticas neoliberais, agora ostentan cargos nos consellos de administración, ataquen e compartan os ataques ca dereita máis reaccionaria ó goberno actual pois temen que se tomen algunhas medidas, que ós que lles dan substanciosos salarios, que leven a perder algún tipo de poder ou beneficios. Antepoñen como fixeron sempre, os seus intereses particulares e do conxunto do poder económico, ó interese d@s traballador@s do estado.

Bildu que eu saiba, está configurado por moitos pedazos de organizacións que actuaron no País Vasco; e algúns que foron moi críticos con Eta e as súas actividades, sectores de Esquer Batúa, IU; o grupo de Carlos Garaicoetxea, lendakari co Pnv, e Aralar; e sí tamén supoño que sectores de Eta que abandonaron as armas e ós que Aznar, presidente do goberno denominaba, supoño que obrigado pola propia Eta cando negociaba con ela, Movemento Vasco de Liberación Nacional. Sempre se dixo que deixaran as armas e fixeran política; pois ben algúns e algunhas dos que se atopan en Bildu, axudaron a que Eta se disolvera.

Por último creo que si a dereita non quere falar dos contidos dos Orzamentos Xerais, é por unha razón: si se coñecen a fondo e se cumpren, que esa é outra, o inestable goberno actual pode gañar estabilidade e inclusive non perder votos cando cheguen as eleccións.


Galicia nunca se beneficiou dos Orzamentos Xerais.

Ata o Goberno da II República, cando chegou ó poder quixo anular as partida do camiño de ferro que pasaba por Ourense; a mobilización popular e a proclamación dunha república independente, fixo retroceder esa iniciativa. Progresamos algo cos fondos estruturais chegados da UE; despois a maioría dos investimentos estiveron supeditados ó AVE e por iso parecía que non nos tiñan esquecidos. Un enorme investimento que non serve para articula-lo país e taponou investimentos que si son necesarios en camiños de ferro: dobre vía, electrificación, apertura de novas liñas, recomposición completa do de vía estreita do norte, etc. Temos dous superportos, outra toleada, Coruña e Ferrol e non podemos distribuír a xeito as mercadorías por camiño de ferro; o ave pode interesar si comunica con País Vasco, Francia, zona de Zaragoza e Cataluña, pero o actual que todo o programado segue o proxecto do século XIX, cando o estado era moi centralista, non ten interese algún como non sexa esta-lo servizo da centralización e concentración do capital.

Debemos exixirlle os deputados que veñan a discuti-los orzamentos, tanto ós que os votaron a favor como ós que non o fixeron; información veraz, transparencia, participación son as bases da democracia, aínda que se atope ó servizo da burguesía.


En Galicia no mes de decembro de 2020 

No hay comentarios:

Publicar un comentario