A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 31 de mayo de 2022

A GUERRA EN UCRAÍNA E O CONTEXTO HISTÓRICO NO QUE SE PRODUCE.

Carlos Dafonte.


A actual guerra en Ucraína, que foi invadida nos primeiros meses do ano, é un acontecemento que ten a  suficiente importancia como para que fagamos, dende este blog tamén, numerosos análises, das condicións obxectivas que se foron creando para que se producira o feito, que seguramente vai modifica-la correlación de forzas no planeta e sobre todo, a nivel económico, no que chamamos dun feito equivocado o “primeiro mundo”, e vai ter repercusións moi importantes que poden explica-la aceleración na decadencia da “vella Europa”.

Todos os feitos históricos son incomprensibles senón somos capaces de situalos no contexto no que se producen; tanto no político como social ou nun momento determinado, na correlación de forzas que se atopan en conflito.

Tamén hai veces que os que teñen que explicar determinados acontecementos non se queren situar no contexto pola razón que de facelo, non axuda a que se poda entende-la explicación que queren dar dun determinado feito histórico; entón separado do contexto, poden dar calquera tipo de explicación, todo pode ser razoable, pero estarán terxiversando os feitos, tentando enganar ós receptores da información que subministran á sociedade.

No caso da invasión das tropas rusas a Ucraína é de manual. Non existe absolutamente nada que xustifique o feito, si se obvia o contexto no que se produce; deste modo os contrarios á invasión poden escoller como único motivo, o único que o explica segundo eles, é que existe un home sanguinario, un sicópata, un autócrata, que quere reconstruír a antiga URSS; a algúns iso lles chega a pouco e afirman que o que quere en realidade é volver ás fronteiras do “antigo imperio dos tsares” e polo tanto emprende  esa aventura que pon en risco a economía e a paz mundial, só por un comportamento sicopatolóxico.

Si se personaliza tanto como se está a facer, se pode chegar a pensar que se está a mandar a mensaxe ó estado ruso e ás institucións do mesmo, que si esa persoa desaparece do taboleiro político están dispostos os seus detractores, a Unión Europea e a OTAN, a esquecer todo o acontecido, facer “tábula” rasa, o que me parece ominoso pero o problema seguiría sen solución.

Eu que non son ninguén, e moitos outros que son personaxes de recoñecida capacidade intelectual a nivel planetario, pero que os seus análises non se atopan na maioría dos medios de comunicación europeos, onde a OTAN está a impor unha nova etapa de “macartismo”, pensamos que o contexto é moi importante, non para xustificar, pois o feito de agredir a un estado é inxustificable, senón para que a xente teña máis elementos de xuízo para opinar libremente.

Deixei claro dende o primeiro momento en que comecei a opinar sobre a invasión e guerra da que estamos a falar, que personaxes como Vladimir Putin e o seu antecesor Boris Yeltsin, son dende o meu punto de vista, moi criticables e sinto por eles o maior dos desprezos o mesmo que polo estado que construíron, que como aprendiz de marxista que son, afirmo está o servizo dunha oligarquía que robou a riqueza producida por moitos anos de esforzo d@s traballador@s soviétic@s concretada en determinados bens, apropiándose dalgúns, vendendo outros e pechando aqueles que o capital internacional non lles interesaba que seguiran adiante, supoño que a cambio dalgunha prebanda.

Recordo con repugnancia aquela “amizade fraterna” entre Yeltsin e Bill Clinton e o que se divertía o segundo cas borracheiras do primeiro, mentres se aplicaba sobre a poboación medidas liberais que os deixaba sen salarios, sen pensións e os desaloxaban das vivendas.


Elementos constituíntes do contexto histórico das relacións Ucraína-Rusia.

Ucraína nunca foi unha nación cunhas fronteiras como as actuais. Había unha Rada dominada polos grandes terratenentes e ca queda do tsarismo se produciu unha guerra civil onde os exércitos dos terratenentes e nobres aliados ós exércitos pro tsar, foron derrotados polos traballadores e campesiños pobres as veces baixo bandeira bolxevique tamén baixo as bandeiras negras do movemento anarquista.

Un segundo aspecto que é importante e que as fronteiras actuais se crean despois da revolución agregando zonas de cultura rusa  con outras de cultura ucraína, con relixións diferentes; do que se trataba era de facer unha República Socialista Soviética de Ucraína viable. Pero é necesario dicir que sectores derrotados na loita civil, moi nacionalistas, nunca aceptaron pertencer a URSS e menos cando o “stalinismo” deu a problemas reais, vixentes, solucións burocráticas e represivas.

Un terceiro aspecto, é que estes sectores consideraron positivo, a partires do verán de 1941 cando a Alemaña nazi atacou á URSS,  aliarse co agresor pensando que a máquina de guerra alemá que parecía invencible, lles daría a razón e a partires da derrota da URSS se constituiría unha Ucraína independente, nazificada, baixo a tutela do III º Reich, pero independente. Isa posición levou a millóns de ucraínos nacionalistas a sumarse á tarefa de exterminar xudeus-bolxeviques, e a apoia-la maquina de guerra da Alemaña nazi; non esquezamos que na terminoloxía nazi, na URSS o inimigo era o “xudeu bolxevique”. E algunha razón tiñan, pois moitos dirixentes bolxeviques eran xudeus, e o “Bund”, o partido dos traballadores xudeus, en determinados períodos estivo dentro do partido bolxevique. Ademais o NKVD, antecesor da KGB, estaba dirixido maioritariamente por xudeus e estes sectores nacionalistas o culpan da represión contra deles levada a cabo en Ucraína en determinados momentos. Como sinalou un xornal de Israel os grupos nazis actuais teñen exixido que Israel pida perdón a Ucraína pola actuación dos comunistas contra a poboación.

Pero a guerra non a gañaron os nazis, a gañou o pobo traballador soviético e Ucraína de novo foi incorporada á URSS, pero en algúns sectores nacionalistas ucraínos, non en todos, a oposición ó stalinismo e a URSS, se seguiu a formular dende a conservación de elementos da antiga colaboración co nazismo como sinal de identidade e chegou con eses contidos ata os nosos días. Así entendo eu a proliferación de grupos nazis na Ucraína actual, a súa conexión con outros de todo o planeta e a incorporación de decenas miles de mercenarios chegados de todas partes para participar na guerra civil que estalou no Donbass a partires de 2014.  

En cuarto lugar é necesario lembrar que nun dos lugares onde se produciu, cando se desmembrou a URSS unha resposta de masas, de clase, foi no Donbass, nas fábricas, nas minas; lembro aquelas asembleas onde interviñan aqueles homes ca faciana negra polo pó de carbón, saían nos telediarios e dicían @s periodistas que amosaban a súa sintonía cos intelectuais ultranacionalistas da parte oeste do país que querían a independencia de Ucraína. Lendo máis tarde algunha monografía sobre o tema do desmembramento da URSS, me decatei de que o que  nos dicían sobre o que acontecía no Donbass, non coincidía co que estudosos e historiadores afirmaron máis tarde.

Así, para unha muller que tivo certa fama co seu libro “O trunfo das nacionalidades. O fin do imperio soviético”, Hélène Carrére d'Encause membro da Academia Francesa,  no mesmo afirma que en Ucrania a creación tardía da “Fronte Popular pola Perestroika”, en mans de intelectuais nacionalistas da parte occidental do país, en pleno proceso de separación, se atopa cas folgas dos mineiros e traballadores industriais, de 1989 da parte oriental, o Donbass de maioría cultural rusófila, incluída a cidade de Mariupol, tan nomeada estes días, que fixo xurdir un poderoso movemento obreiro, que dun xeito autónomo se enfrontou ó partido comunista, os sindicatos e a burocracia soviética, pero tamén lle advertiu á Fronte Popular cando se decide a negociar cos folguistas, que o obxectivo número un, non era o problema nacional, a independencia, senón o problema social e esta contradición entre as dúas partes de Ucraína segue sen ser resolta.

En quinto lugar, dende o golpe de estado do 2014 ca intervención dos EEUU de Norteamérica, que obriga á dimisión do presidente democraticamente elixido, se leva a cabo a provocación á poboación rusófila por cultura, mediante a anulación o 23 de febreiro, da lei Kivalov-Kolesnichenko aprobada no ano 2012 que facía do ruso lingua oficial, co que este acto lexislativo representa de retroceso en dereitos, para unha parte importante da poboación.

Este feito aguza as contradicións entre as dúas partes de Ucraína que desembocou en maio de 2014 nos referendos de autodeterminación e autonomía, non de independencia, das repúblicas de Lugansk e Donetssk e en Mariupol e a continuación a guerra civil ca vitoria das repúblicas agás en Mariupol que foi tomada polas milicias, e na sinatura dos acordos de “Minsk 2” no ano 2015, baixo o patrocinio de Alemaña e Francia, que solucionaba a maioría dos problemas creados polo devandito golpe de estado. Pero EEUU e a UE non estaban por esta saída razoable, a boicotearon e entrenaron e armaron a grupos importantes de nazis moi tradicionais como xa indiquei, en Ucraína onde contaban ca axuda do oligarca de orixe xudeu Igor Kolomoisky, que conta con tres nacionalidades, ucraína, israelí e chipriota, e ten financiado a varios batallóns de mercenarios de ideoloxía próxima ós nazis. Este oligarca é o “pai político” do actual presidente Zelensky, un cómico que grazas a aparición na televisión do oligarca no programa “Si eu fora presidente” se fixo moi popular e recibiu a financiación necesaria, do seu titor, para gañar unhas eleccións presidenciais, non democráticas.

En sexto lugar, se pode considerar a Zelensky un presidente elixido democraticamente?. Existindo unha guerra civil, con miles de persoas desprazadas, cunha minoría próxima ó 40%, os de cultura rusa que non o van votar; se pode considerar o presidente dunha parte de Ucraína pero non de todo o país.

É certo que despois da súa elección, na cidade de Zolote tivo unha entrevista cas milicias nazis, que eran as que seguían combatendo no Donbass contra os que consideraban separatistas e “xudeos-bolxeviques”, levando a cabo actos de terror contra a poboación civil, destruíndo escolas, hospitais, poñendo coches bomba en barriadas e tamén utilizando armas e material pesado que lles suminisstraba a OTAN. Zelensky non os convenceu e continuou ca integración no exército dos mesmos que iniciara o seu antecesor: ”senón os podes derrotar únete a eles”, co que conseguiu que a ideoloxía “nazi” penetrara aínda máis fondamente no exército. Nomeou tamén a Dimitro Yarosh, fundador do partido nazi “Pravy Sektor”, “Conselleiro das Forzas Armadas de Ucraína”.

Hai que coñecer que estas milicias, entre os ucraínos e os chegados de fora representan a máis de 100.000 indivíduos, algúns chegados dos USA como a “Division Atomwaffen” ou “Orde nacional-socialista” creada no 2015, moi politizados, moi fanatizados que se consideran os autores materiais do golpe de 2014, sen a súa axuda non fora posible levalo a cabo, e polo tanto os forxadores da “nova Ucraína” que ten, como sinalou un dos seus líderes A. Biletsky en “The Guardian” o obxectivo de “liderar ás razas brancas do mundo nunha cruzada final”.

En sétimo lugar non podemos esquecer para comprende-lo contexto no que se produce a invasión, que o proxecto estratéxico da OTAN, era a destrución da URSS e o dominio do planeta nun mundo unipolar liderado polos USA.

Nese senso a constitución da “Alianza do Atlántico Norte”, ca súa presenza obrigou a “outra parte” a unha “carreira de armamentos” que non lle permitiu levar a cabo os investimentos económicos necesarios para se recuperar dos destrozos da II G.M, e cando a URSS se desfai, e se abre unha nova etapa no planeta ca restauración do capitalismo nos antigos territorios onde a burguesía fora expropiada, a OTAN segue ca súa política agresiva de tensión, incorporando a Polonia, Hungría, Rumanía, Bulgaria, Estonia, Letonia e Lituania.

Calquera persoa “neutral” ten que considerar que ese feito indica dun xeito moi nidio que as intencións da OTAN non son pacíficas; e se ademais está disposta a apoiar a que Ucraína se incorpore tamén á organización, é normal que Rusia considere que a súa seguridade atópase en perigo e as grandes potencias militares, e Rusia o segue a ser, antepoñen a súa seguridade á soberanía dos estados, máxime se é un estado en plena guerra civil onde se intenta quitarlle os dereitos e masacrar a unha poboación de cultura rusa. 

O que teño claro a estas alturas da invasión, que Rusia non tivo nin a intención de tomar Kiev, nin a de botar fora a Zelensky, foi unha simple manobra para atraer tropas e milicias ucraínas e concentrarse no que lle interesaba, levanta-lo cerco sobre o Donbass. Non tivo interese en cruza-lo río Nieper.

Só unindo todos estes elementos e algúns máis que seguramente descoñezo, podemos comezar a entender as razóns da entrada de tropas rusas no territorio de Ucraína.

Non teño datos para afirmar, como sinalan medios que non están sometidos á censura da OTAN, que sexa certo que o 24 de marzo de 2021 o presidente Zelensky emitiu un Decreto onde se instaba ás súas forzas armadas a reconquistar Crimea e comezou a mobilizar forzas cara o sur; coñecemos, os medios de comunicación deron conta das mesmas, que por esas datas a OTAN levou a cabo manobras militares en territorio ucraíno entre o Mar Negro e o Mar Báltico e como resultado das mesmas, Rusia comezou un movemento de tropas cara a fronteira con Ucraína.

E chegamos o verdadeiro nó da cuestión, o que verdadeiramente me importa que non é outra cousa que o que vai ser do Donbass e as súas repúblicas, a cidade de Mariupol incluída; non deben seguir baixo un goberno como o Ucraíno, que non respecta os seus dereitos e só lles leva represión, morte, destrución e miseria; penso que tampouco deben integrarse na Rusia de Putin por moito que as teña liberado das matanzas, do terror e da destrución. É un caso claro de necesidade de intervención internacional pero hoxe iso é algo como “pedirlle peras a un castiñeiro”.

Agora os que nada fixeron para para-la guerra civil despois do golpe de 2014 e buscar unha solución o que acontecía no leste de Ucraína, cun cinismo vergoñento se lamentan de que teñamos “unha guerra” en Europa. Dende o 2014 xa tíñamos unha guerra en Europa, unha guerra civil, sen que organismos internacionais ONU ou UE fixeran nada para poñerlle fin; coñecían perfectamente que era o anzol para a intervención de Rusia e seguir premendo na “política da tensión”, en beneficio  do elo forte dunha das cadeas imperialistas hoxe en claro declive, aínda que que os resultados de tanta tensión non beneficien en absoluto ós habitantes da UE. As grandes empresas transnacionais sacarán como sempre nas crises, importantes beneficios e ese é o obxectivo fundamental e para o que se creou a UE e se aprobaron os seus tratados.

Nin a defensa de Ucraína nin a defensa de Rusia; entendo que o que debe nestes momentos defende-lo progresismo e a esquerda pero é unha sinxela opinión, é o dereito de autodeterminación do Donbass, e a historia deste anos indica que mentres existan as milicias pronazis iso vai ser moi difícil.

Galicia no mes de maio de 2022


No hay comentarios:

Publicar un comentario