A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 25 de septiembre de 2008

SOBERANÍA ALIMENTARIA OU DEREITO Á ALIMENTACIÓN

Roberto Laxe


As mobilizacións en corenta países contra a suba dos prezos agrícolas en produtos de primeira necesidade, as dos pequenos e medianos propietarios campesiños, que tanto en países como Arxentina como na Unión Europea mobilizáronse contra a imposición de prezos polas multinacionais ou de medidas que recortan as rendas agrarias, a sobreproducción de certos produtos, ligada á queda dos prezos doutras, e a especulación ao redor deles, converteron nun problema social e político central o que deu orixe á burguesía como clase dominante, a propiedade da terra, e porén, o dereito á alimentación.


Da mesma maneira que a explotación da forza de traballo ten os seus límites expresados na tendencia decresciente da taxa de lucro, a expansión da agricultura capitalista atópaos na produtividade da terra, base da renda diferencial da terra. Exprésase así, dunha maneira clara e meridiana, que nos atopamos diante dun proceso que avanza cara a unha profunda transformación social, que non necesariamente ten que ser cara adiante. A disxuntiva “socialismo ou barbarie” é máis actual que nunca.


Os límites á expansión cuantitativa do capitalismo comezan a ser obxectivos, ou o que é o mesmo, a posibilidade de apertura de novos mercados choca frontalmente co feito de que no século XXI o único modo de produción, que non coexiste con ningún outro, é o capitalista.


Mentres ao longo do século XIX o capitalismo cinguir a Europa e América (norte e sur), aínda que convivise nestas zonas xeográficas cos restos do feudalismo (Rusia ou Austria) ou modos de produción previos (os indios americanos), tiña todo un mundo por conquistar: África!; ao que se lle engadiu, no século XX a URSS e despois os chamados estados do “socialismo real”, que pola vía da expropiación da burguesía escapaban da explotación directa da forza de traballo.


Coa colonización de África no século XIX e comezos do XX, e a restauración do capitalismo no “socialismo real” a finais do XX, o modo de produción capitalista alcanzou hoxe un nivel planetario sen combinación con ningún outro modo. Deste xeito, a expansión cuantitativa dos mercados chegou o seu teito: xa non quedan zonas no mundo para que sexan incorporadas ao mercado mundial, e polo tanto, este camiño como vía de escape á crise económica esta pechada. Agora só cabe unha explotación intensiva, de cualidade das principais forzas produtivas, o ser humano e a terra.


 


Nos períodos de crises e transformación social como a que atravesamos xorden, desde os sectores oprimidos e empobrecidos da sociedade, alternativas coas que enfrontala.


A primeira coñecida da era do desenvolvemento capitalista foi a de Robert Owen, quen fundou en 1825 a Comunidade de New Harmony en Indiana, onde tratou de levar a practica as súas ideas sobre a organización do traballo e a distribución da riqueza, establecendo o seguro social, bibliotecas, escolas para nenos e adultos, e outras prestacións para os obreiros. Pero o experimento fracasou e tivo que vender o terreo en 1828, perdendo con iso unha boa parte da súa fortuna


Pouco tempo despois xurdiron os falansterios de Fourier, que serían comunidades rurais autosuficintes, como a base da transformación social. Os falansterios crearíanse pola acción voluntaria dos seus membros, que dispuña de terras para agricultura e para diversas actividades económicas, para vivendas e para unha gran casa común. Só houbo unha experiencia industrial de Jean Baptiste Godin, que callou un curto período de tempo.


Até este momento, os filántropos como Godin ou os chamados socialistas “utopicos” como Fourier ou Owen pretendían transformar as penosas condicións de traballo que xeraba o capitalismo na súa expansión. Son exemplos máis radicais do que facían as sociedades filantrópicas, amortecer os elementos máis duros dun capitalismo en expansión.


As únicas experiencias que estaban ligadas a este carácter “socialista” da proposta, e que “sobreviviron” ate agora foron os kibbutz creados a partir do chamado “sionismo socialista”, e fixérono porque foron os cimentos do actual estado de Israel. Despois dun éxito inicial como experiencias “igualitarias” e “sustentables” (por utilizar un termo actual), están inmersas nun proceso de privatización e de rexeitamento do “igualitarismo” que lles deu orixe.


Nos comezos do século XX, e coa expansión do capitalismo a todo o mundo, e o desenvolvemento do imperialismo e as clases medias urbanas, un sector da socialdemocracia alemá con E Berstein á cabeza, elaboran a teoría da vía gradual ao socialismo, que parte do feito de que a clase obreira é maioritaria na sociedade, e o parlamentarismo permitiralle dominala. Nas palabras de Rosa Luxemburgo, a proposta de Berstein procuraba encher o océano de limonada “vertendo vasos de limonada no mar”.


A I guerra de 1914, o crack do 29, as ditaduras fascistas e a II guerra, desatadas contra a clase obreira e contra todas as organizacións que de calquera xeito puidesen paliar as desastrosas condicións dos traballadores e os pobos, deixaron ben claro que tanto as vías gradualistas ao socialismo, como os remiendos filantrópicos ou as experiencias de “socialismo utópico”, eran iso, utópicos. A burguesía imperialista non admitía a menor marxe de manobra e non dubidaba en recorrer ás súas dúas ferramentas máis brutais para saír da crise que ela xerara, a guerra e o fascismo.


Nos 60, tras o boom da economía mundial da postguerra, e ante os primeiros síntomas do seu esgotamento, xurdiron os movementos hippies que, a través das comunas que se estenderon entre amplos sectores da mocidade occidental, buscaban unha alternativa a un sistema que estaba a xerar guerras como a do Vietnam. O final do movemento hippie é de todos coñecido.


Mentres, na America Latina, en Asia e nos países do chamado “terceiro mundo”, é dicir, as colonias do imperialismo danse un proceso de liberación nacional. Son as guerras de liberación de Alxeria, Vietnam, Cambodia, Laos, Sahara, etc., etc. Son os anos do auxe das guerrillas en América Latina baixo o influxo da revolución cubana, que buscan unha saída a unha crise da que se empezan a ver os seus primeiros síntomas, e que estalase no 72 e 73.


Sen querer facer un balance das experiencias históricas dunha procura de alternativas ao sistema desde sectores sociais que non son a clase obreira -sería motivo dun estudo moito máis amplo-, esta relación só pretende establecer unha primeira tese: non é a primeira vez que ante a crise do capitalismo cada sector social agredido, golpeado e empobrecido procure, por todos os medios, unha saída á súa situación. Ningunha clase nin sector social desaparece sen resistencia.


 


A fase imperialista do capitalismo


 


Atopámonos nunha fase moi concreta do capitalismo imperialista, na súa fase de decadencia; na que o dominio do capital financeiro e as grandes multinacionais bate día si e día tamén coas fronteiras e os estados nacionais, que son un freo ao seu desenvolvemento.


Porque esta é a contradición central na que nos situamos: o capital é xeneticamente internacional, e polo tanto “odia” as fronteiras, os aranceis, os limítes á súa expansión; pero as burguesías son xeneticamente nacionais, e necesitan das fronteiras para protexer os seus intereses, ben contra os competidores externos, ben contra o inimigo interno, a clase obreira e o pobo.


Nesta contradición permanente, nun período de crise, as burguesías comezan por levantar fortes fronteiras nacionais que lles protexan das agresións externas, da invasión de capitais máis poderosos. Péchanse sobre se mesmas.


A fase imperialista do capitalismo tamén é a fase na que o dominio do capital financeiro exprésase no dominio dunhas nacións sobre outras, duns estados sobre outros. O colonialismo directo do século XIX é substituído pola independencia formal, política dos estados, pero a súa dependencia cada vez máis absoluta das potencias imperialistas, nun proceso inevitable pero non pechado.


Dito doutra forma, o capital imperialista no século XX e o XXI domina por intermediación das burguesías “nacionais”, nunha dialéctica constante de loita e predominio. As burguesías nacionais foron reducidas a nivel de dependentes, pero como burguesías que son sempre queren o seu parte da plusvalía extraída aos traballadores.


Sempre deixan a mellor parte para a potencia imperialista de quenda, pero sempre buscan “rapiñar” parte dos lucros imperialistas. Doutra maneira, non se entendería a aparicion constante nas semi colonias de dirixentes populistas (non hai semi colonia no mundo que non teña o seu Peron, o seu Ghandi, o seu Chavez ou o seu Sukarno ou o seu Mugabe), que a cabalo sobre as aspiracións reais das masas, queren facerse “socios” do imperialismo, deixando de ser “súbditos”.


E para iso, recollendo lexítimas aspiracións das masas, sitúanse como Bonapartes, fora das clases sociais, representando á “nación” fronte ao “imperio”, que levan o progreso á “nación”, e facendo eixo nos aspectos máis pequeno burgueses das aspiracións das masas populares, especialmente o campesinado, posto que a gran burguesía deses países están absolutamente ligados ao imperialismo, e a clase obreira tende a ter a súa política independente.


 


Política agraria imperialista


 


Os países imperialistas fomentan a súa soberanía nacional alimentaria, protexendo dunha maneira sistemática o seu campesinado, que na súa maioría hai anos que se converteu en burguesía.


Na Francia, tras a revolución de 1789, a reforma agraria profunda que se realizou provocou a aparición dunha burguesía agraria, na Gran Bretaña tanto a Revolución de Cronwell como a chamada “gloriosa” revolución -que non foi máis que o pacto entre os terratenientes feudais e a nova burguesía en ascenso- tiveron como obxectivo transformar a produción agrícola feudal en capitalista e sentar as bases para a revolución industrial posterior. Nos EE UU, o seu paso directo ao capitalismo fíxose sobre a base dunha repartición das terras supostamente baleiras do oeste.


En todos os casos, as reformas agrarias permitiron á aparición dun novo sector da burguesía, a agraria, que constitúe, coa clase media urbana, a base social das democracias occidentais. Non é por casualidade que o esencial dos orzamentos da Unión Europea váiase á PAC (Política Agraria Común), a subvencionar a produción agrícola do campesinado europeo.


A PAC acapara perto de 50.000 millóns de euros anuais, o 50% do orzamento comunitario, polo que non é de estrañar que sexa na PAC onde os choques entre as potencias que compoñen a UE sexan dos máis duros.


Aínda que en Europa a porcentaxe da poboación no campo sobre o conxunto sexa minoritario, e en países como Gran Bretaña ou Alemaña non chegue sequera ao 5% da poboación, non resta que desde un punto de vista económico, a achega ao PIB é importante, como político e social teñan un peso superior á poboacional.


A PAC contribuíu ao crecemento económico, garantindo a subministración dunha ampla gama de produtos alimenticios de calidade tentando que os prezos sexan razoables. A UE converteuse no primeiro importador e o segundo exportador de produtos agrícolas a nivel mundial.


A “soberanía” alimentaria é, en fin, desde o punto de vista imperialista (en Xapón dase o mesmo proceso,  ser a 2º economía do mundo, permítelles adoptar medidas de soberanía alimentaria respecto da súa produción agraria “estrela”, o arroz), máis do mesmo, políticas defendendo a un sector da produción en detrimento de outros países.


Se esta contradición dáse entre potencias imperialistas como as existentes entre os USA e á UE achega do plátano e o banano, son “guerras comerciais”. Se esta contradición dáse entre as potencias imperialistas e as semicolonias, falamos de loita de liberación nacional.


 


Campesinado e liberación nacional


 


O campesinado como grupo social é a quintaesencia desa concepción de “nación” por encima das clases. Así, cando se fala do tema, esquecese sistematicamente que no seu seo hai diferenciación de clases. Nun informe  da OIT, no mundo hai mil cen millóns de persoas no rural, dos que a metade son asalariados con rendas e condicions sociais inferiores aos pequenos propietarios.


Desde un punto de vista simbólico, o campesiño non explota aos seus empregados, porque normalmente o seu enfrontamento co terrateniente, e agora a gran multinacional agroalimentaria, ocultan o seu verdadeiro carácter de pequeno propietario cunha renda, en moitas ocasións, inferior á dun obreiro industrial.


Desta maneira, o campesiño, como o pequeno comerciante ou o pequeno industrial, preséntase diante da clase traballadora como un elemento emprendedor, arriscado fronte ao conservatismo dos obreiros, que “só” defenden o seu salario, a súa xornada laboral, mentres eles xeran emprego, son a base social da “nación”, do seu progreso.


Nas potencias imperialistas este pequeno ou mediano campesiño defende os seus intereses, habitualmente a través de partidos de dereita ou de extrema dereita, posto que o peche de fronteiras, impulsado polas mesmas multinacionais que saquean o mundo (os USA e a UE son os mercados máis pechados do mundo), faise sobre a base de subvencións do estado que abaratan custos e o desenvolvemento tecnolóxico permiten producir nunhas condicións mellores que nos países semi coloniais (por exemplo, produtividade agrícola en Suecia multiplica por dez a media mundial). A defensa da “nación” imperialista é a defensa dos intereses imperialistas.


Pola contra, a debilidade económica, e a súa dependencia do imperialismo para case todo, fai que nas semi colonias o campesiño pobre non teña a menor proteccion, primeiro da rapiña das multinacionais, e segundo, da competencia dunha produción agrícola tecnificada e altamente produtiva.


Isto convérteos na base social das loitas da liberación nacional, posto que pecharse sobre si mesmos nestas economías protexe os mercados nacionais da invasión “estranxeira”, imperialista. Romper co imperialismo permitiríalles unha economía autarquica e, poren, segundo as súas ilusións facer o que fixeron os campesiños europeos e norteamericanos fai 200 anos, a revolución burguesa que lles deu a propiedade da terra.


 


Soberania alimentaria e liberación nacional


 


“A soberania alimentaria é o DEREITO dos pobos, dos seus Países ou Unións de Estados a definir a súa política agraria e alimentaria, sen dumping fronte a países terceiros…


“ Fai falta, baixo a égida das Nacións Unidas, dotar estes intercambios dun novo marco… “


Da Declaracion de Via Campesiña sobre a Soberania Alimentaria.


A pregunta ante esta declaración de intencións é ben evidente: quen pode garantir é soberanía, eses dereitos dos campesiños e consumidores. A mesma declaración contesta: “baixo a égida das Nacións Unidas”.


Francamente os redactores da Declaración ou son uns inxenuos ou son uns canallas. Por que fiarse da ONU, é dicir, o agrupamiento de estados dominados polas potencias imperialistas, onde tres das máis saqueadoras do mundo, os USA, a Gran Bretaña e Francia, teñen dereito de veto no Consello de Seguridade, é porse en mans dun organismo que, ou ben, avala ataques a países semicoloniales ou ben coa súa impotencia, permite que se destrúan outros.


Desta maneira converten en papel mollado as promesas de “soberanía” alimentaria, ao chamar a confiar nun organismo imperialista: “a raposa gardando o galiñeiro”, podería titularse a Declaración.


Ao revés do que defenden, a soberanía alimentaria, é dicir o dereito a definir unha politica agraria e alimentaria, sen intrusiones das multinacionais e as potencias imperialistas só se pode lograr rompendo cos organismos que as representan, coa ONU, co TLC, coa UE, etc., e avanzando en verdadeiras unións territoriais en pé de igualdade. Federacións democráticas de estados e nacións que rompan o esquema de dominación imperialista que hai hoxe no mundo.


Este camiño só ten un nome, o da independencia nacional real do imperialismo. A soberanía alimentaria só é concebible nun marco de verdadeira soberanía nacional, por iso o primeiro eixo da loita por eses dereitos debe ser a denuncia e o combate contra os organismos impostos polas multinacionais, comezando pola ONU. Xusto o contrario do que fai a declaración de Via Campesiña,.


Entregar toda a confianza na ONU é entregarse aos estados que representan a Monsanto, a Nestle, a Pescanova -non esquezamos que o problema da terra é moi semellante ao da explotación dos mares-, é dicir, ás multinacionais agroalimentarias, e poren, contraditorio polo vértice co termino soberanía alimentaria, salvo que por ela enténdase a estreita defensa do dereito do campesiño propio a enriquecerse máis que os veciños.


Un exemplo desta contradiccion na Galiza produciuse coa destrución de 25 mil litros de leite de gandeiros portugueses, máis barata que a galega; para as organizacions patronais gandeiras galegas “a soberanía alimentaria” dos gandeiros galegos é máis “soberanía” que a dos portugueses.


 


O mercado garantía da soberanía alimentaria e nacional


 


Como se viu, a soberanía alimentaria (“o DEREITO dos pobos…”) nos estados imperialistas esta relativamente garantida e protexida polas normativas tanto internas, como a da UE a través da PAC. A soberanía dos estados imperialista garante uns mínimos ingresos ao campesinado.


E como se denuncia desde todos os ámbitos, nos estados semicoloniales, esta soberanía non existe. Son os organismos internacionais, desde o FMI até a OMC, desde a ONU até o BM, os que coas súas políticas neoliberais, liberalizadoras, as que impoñen as normas pola que se rexe o saqueo da terra e o mar a nivel mundial.


A burguesía en todas as súas revolucións do século XIX procurou estender a propiedade e a produción capitalista a todos os ámbitos da economía e a sociedade, e pola vía da reforma agraria á terra. Nos estados máis desenvolvidos isto conseguiuse plenamente. Non así nas nacións que por calquera motivo non foron capaces de completar o seu proceso de independencia nacional, e a reforma agraria, como outras moitas reivindicacións democráticas, no mellor dos casos ficaron no medio camiño; mais as leis do mercado capitalista entraron na produción agraria, introducironse e foron destruíndo todas as formas de produción previas en practicamente todo o mundo.


As loitas de liberación nacional de mediados do século XX abriron en moitas nacións a expectativa da reforma agraria, e así sucedeu, por exemplo, en practicamente toda América Latina, onde se reproduciron diversas versións legais de reforma agraria.


O capital entraba definitivamente na terra e púñaa ao seu servizo, nun proceso agudizado nos últimos anos, coa aparición do bio combustibles, as crises financeiras, a procura de alternativas ao petróleo, etc., que levo a fraccións do capital non ligado directamente á produción agrícola a fortes investimentos no campo, terminando cos poucos restos de produción a pequena escala que existían.


A reforma agraria, en todas as súas variantes puras ou desvirtuadas, cumpría o seu papel histórico: servira para levar ao capitalismo ao campo. E como todo proceso capitalista, actuaron as leis deste sistema de concentración e centralización de capital.


Da mesma maneira que o capital na súa orixe disolveu aos gremios para liberar man de obra barata e “libre” para ser explotada polos capitalistas, e xerou unha ampla pequena burguesía que foi desaparecendo coas fusións e a aparición do gran capital, no campo, a repartición da terra que supón a reforma agraria só é a precondición para a aparición de grandes capitalistas na produción agraria.


As leis de mercado nas que se basea a reforma agraria -división da propiedade da terra- só teñen un final, a concentración e a centralización do capital agrario en poucas mans. É unha lei intrínseca ao capital, vulgarmente coñecida como “o peixe grande cómese ao pequeño”.


A definición da Soberanía Alimentaria como o dereito dos pobos a defender a súa política agraria e alimentaria é contraditoria coa existencia do mercado. As leis do mercado –“a man escura do mercado”, en definición do Adam Smith- son inexorables e automáticas, e non admiten control: só garanten que os capitais mellor investidos van ter unha rendibilidade superior, e, tarde ou cedo expulsan da produción aos capitais peor investidos. A concentración e centralización do capital producirase e os gobernos lexislaran para que este proceso sexa máis ou menos traumático.


A única garantía dunha verdadeira Soberanía Alimentaria para os pobos é acabar coas leis de mercado capitalistas, as mesmas que provocaron a desaparición do artesanado, que nos países imperialistas concentraron a produción até extremos de monopolio en moitas ocasións, que saquean a terra e o mar na procura constante de investimentos rendibles. Son, en fin, as leis do capitalismo que non garanten a soberanía de nada, posto que se basean na loita a matar polo control da produción e do excedente xerado por ela.


Fronte a este caos, a concepción de Soberanía defendida actualmente é unha volta atrás: é unha ilusión en que “calquera tempo pasado foi mellor”. Unha ilusión na repartición da terra, como da produción, en que “o pequeno é hermoso”, por utilizar unha definición dun economista dos 50/60, Schumpeter, elaborada contra a suposta concepción marxista de que “o grande e colectivo é o mellor”.


Nun remedo das experiencias propostas nas orixes do capitalismo para superar os desastres xerado por este, as propostas de control de prezos, de proteccionismo, de defensa de dereito a consumir e a producir o que se queira, sen cuestionar a esencia anárquica e depredadora do mercado converte en papel mollado, nun saúdo á bandeira para incautos, toda proposta de Soberanía que non atenten contra as bases mesmas do sistema capitalista, contra o mercado e a propiedade privada dos medios de produción.


A única garantía do dereito dos pobos a unha alimentación sa é a de acabar con estas bases, e a proposta campesiña de máis propiedade e máis mercado só conducen en dirección contraria.


 


Quen, entón, pódeo garantir?


 


O dereito á alimentación sa (que non é o mesmo que Soberania Alimentaria), como á vivenda, á sanidade ou á educación, é, por dicilo dalgunha maneira, un “dereito biológico” do ser humano. Son dereitos básicos.


Da mesma maneira que a vivenda non se garante con máis mercado, da mesma maneira que a privatización da sanidade só conduce a converter a saúde nun negocio, de igual maneira que a privatización da educación expulsa do ensino aos máis pobres, a privatización da terra que supón a reforma agraria só conduce a que o dereito á alimentación queda en mans dos propietarios, grandes ou pequenos, da produción agrícola.


Ao ser dereitos básicos da poboación, e non un negocio, só un estado que non este ao servizo dos propietarios e do mercado pode camiñar na planificación democrática e racional da produción. O mercado, sexa no sector que sexa, só paga ao mellor investidor, ao máis produtivo, non ao que xera unha produción ao servizo das necesidades sociais, senón ao que produce nas mellores condicións respecto dos seus competidores.


Acabar con este caos na produción supón acabar coa propiedade privada e planificar en función dos intereses sociais, que é o significado do concepto “socialismo”: o conxunto da sociedade é a quen ten que determinar qué, cándo e cómo se produce, nengún sector da sociedade pode impor ao conxunto esas decisións, e menos, facelo en función da rendibilidade dos seus investimentos.


 


Galiza, a 25 de setembro de 2008




 



lunes, 25 de agosto de 2008

O NON IRLANDÉS E ALGUNHA CONSIDERACIÓN SOBRE A CONSTRUCCIÓN EUROPEA

Carlos Dafonte


O “non” maioritario dado polo pobo de Irlanda no referendo sobre o Tratado de Lisboa, abriu toda unha serie de reflexións nos medios de comunicación, entre diferentes persoas relacionadas coa política e foi tamén motivo de discusión e debate entre as xentes do común preocupadas polo xeito en que se esta a levar a construción da Unión Europea.


En primeiro lugar hai que dicir que na lóxica da súa construción, este “non” debe paralizar o proceso de ratificación do Tratado; é o acordado, é o democrático, pero parece que o acordado diante deste atranco imprevisto, agora xa non vale e deste xeito si antes a construción europea era un proceso marcado pola falla de democracia, a partires de agora se convirte nun “cambalache” no que todo vale, con tal de acada-lo obxectivo final establecido polos intereses económicos dominantes.


Tamén é grave que ó calor da postura do pobo irlandés, téntese desacreditar, por parte dalgúns sectores políticos que se consideran á esquerda, as razóns que levaron a ese non: que se hai unha grande influenza no mesmo da administración dos EEUU, se esta en consonancia coa súa posición reaccionaria a favor da pena de morte e contra do aborto, etc. Descoñezo as razóns que levaron a unha maioría do pobo irlandés a votar non, pero o xuízo de intencións paréceme denigrante e “postura de mal perdedor”. Cando o que verdadeiramente debían reivindicar estes sectores era a celebración de referendos en todos os países e non ratifica-lo Tratado de Lisboa dun xeito clandestino e de costas ós pobos, como se esta a facer.


Pero hai un feito ineludible que é necesario plantear para entender ben o que é a Unión Europea; os primeiros organismos unitarios nacen non como resultado do pensamento de seres excepcionais, cunha visión particular do que debe ser un continente gobernado democraticamente, con respecto ás diferentes culturas, nacións sen estado,etc, que é o que nos queren facer cree-los propagandistas da Europa do capital, sobre os homes e mulleres que sentaron os alicerces da actual Unión, ós que moitas veces chaman “visionarios”, senón que a actual UE nace como resultado das posicións de personaxes como Wiston Churchill que xa expón no ano 1946, en Zurich, como resultado da consolidación da URSS, dos avances dos partidos comunistas en numerosos países europeos, gobernaban en coalición en Italia, Francia, Bélxica e Dinamarca, a necesidade de tentar buscar unha saída dialogada para as contradicións intercapitalistas europea, que dende principios do século dirimíanse por medios pouco pacíficos: dúas guerras en 25 anos. Agora, de continuar por ese camiño, as burguesías podían ser desprazadas do poder polo movemento obreiro maioritariamente influído polo comunismo. A segunda grande idea de Churchill foi a necesidade de establecer un “pano de aceiro” para evitar que o comunismo seguira avanzando por Europa occidental; como resposta lóxica a este postulado prodúcese a intervención imperialista en Grecia que fora liberada dos nazis polas guerrillas de tendencia comunista e a expulsión dos partidos comunistas dos gobernos da Europa capitalista.


É pois, a necesidade de buscar solucións pacíficas ás contradicións intercapitalistas, as que levan a aparición da Comunidade Europea do Carbón e o Aceiro; a defensa do capitalismo por enriba de todo.


Na etapa de expansión económica que vai dende o final da Iiª Guerra Mundial ata finais dos anos sesenta, poucos pasos se deron na construción europea. Acelérase o proceso ó entrar nunha etapa recesiva a nivel económico e cando as contradicións entre as burguesías nacionais vólvense poñer en evidencia; e sobre todo despois da desaparición da URSS, da restauración capitalista no leste de Europa, e a perda de forza da esquerda na Europa occidental ata, podemos aseverar, a súa desaparición. Pero que a esquerda tradicional europea se atope hoxe en bancarrota, refírome fundamentalmente ós partidos comunistas e algúns socialistas que non se reconverteron ó neoliberalismo, non indica que non haxa unha parte dos cidadás europeos que manteñen posicións da esquerda tradicional e outra que mantén posicións que podemos definir como “anti- globalización neoliberal”, aínda que non apareza con claridade unha alternativa ó sistema capitalista.


Estamos pois nun proceso pulado pola burguesía imperialista europea que aproveita a febleza do pensamento e da organización da xente da esquerda, para aceleralo e impoñer unha construción da Unión Europea antidemocrática, que é o propio do capitalismo, e que sexa un instrumento ó servizo dos seus intereses económicos, nestes etapa de crise, que abre de novo un período de contradicións entre os diferentes sectores da burguesía a nivel mundial. Un modelo excluente da maior parte da poboación.


E nesta perspectiva é importante subliñar tamén, que a construción da UE atopa importantes atrancos por parte dos EEUU de Norteamérica, que utiliza a fondo o seu instrumento máis eficaz, a OTAN, para materializar esta política: guerra de Iugoslavia, ingreso de países da Europa do leste antes da súa incorporación á Unión Europea, enfrontamento con Rusia, asentando mísiles en Polonia e a república Checa o que dificulta as relacións coa Unión nunha cuestión vital como é o subministro de petróleo e gas, etc.


Nestas circunstancias, inclusive entre sectores que se consideran da esquerda, pode medrar a opinión de que o importante é que a Unión se consolide, a calquera prezo, que xa chegarán tempos mellores nos que se poidan introducir modificacións fondas no que hoxe se aprobe. Están cegos os que así pensan, e o que nos indican é que deixaron de ser esquerda; apostan pola consolidación do modelo capitalista máis depredador, antidemocrático e agresivo, só superado polo fascismo e o nazismo.




En Galicia no mes de agosto de 2008



miércoles, 9 de julio de 2008

SÓ A MOBILIZACIÓN POPULAR PODERÁ FREA-LA AGRESIÓN NEOLIBERAL

Carlos Dafonte



A agresión contra dos traballadores asalariados do estado español e da Unión Europea, é cada vez máis patente.


Pero vai medrar, PSOE e PP, Rajoy no congreso partidario recen clausurado ofreceulle todo o apoio ó goberno para “saír da crise”, prepáranse a unir forzas e tomar medidas en favor dos máis poderosos, neste momento en que a recesión económica golpea os seus intereses; no sistema capitalista, os asalariados que somos a maioría da poboación, padecemos constantemente de situacións de crise, unha veces porque a economía vai ben e debémonos apreta-lo cinto para que siga así, e outras, cando as cousas van mal para supera-la crise na que nos meteron. E non podía ser doutro xeito nun sistema baseado na explotación dunha maioría por parte dunha minoría.


O Banco Santander vai ter máis de 10.000 millóns de euros de beneficio para o exercicio de 2008 e ninguén lle pide sacrificios. O mesmo ocorre co resto da empresas transnacionais, petroleiras, eléctricas, roupa, etc. Aínda estou por coñecer a un goberno que lles pida sacrificios, mellor dito que lles esixa sacrificios, por exemplo que parte dos seus beneficios os invertan en creación de emprego, rebaixando o número de horas traballadas por semana sen redución salarial.


Todas as medidas que o goberno vai tomando, din que para palia-la crise, están orientadas a mante-lo marxe de beneficio das grandes empresas, sobre todo daquelas que maior plusvalía acadaron nos derradeiros anos. As construtoras poden estar satisfeitas cun goberno que se convirte en inmobiliaria para tentar vende- los stock de difícil venda, despois do pinchazo da burbulla do sector, e das dificultades para acadar unha hipoteca por parte de posibles compradores. Construtoras que agora trasladan os seus negocios a África, Asia e países de Europa do leste, onde teñen mercados millóns de metros cadrados de superficie. E nalgúns casos acolá pechan as empresas sen oposición algunha, e sen que se lles esixa nada, ¡¡como se non fora co noso suor e comprando a nosa forza de traballo a prezos de miseria como obtiveron esas plusvalías!!.


E nesta situación atopámonos cun goberno que defende uns intereses de clase moi definidos, con algúns ministros que fan declaracións situadas no campo da estulticia, que tenta soluciona-lo problema dunha posible protesta ofrecendo 400 euros para estimula-lo consumo, que só cobrarán unha parte dos cidadás e non precisamente os máis necesitados a nivel económico; un goberno que pasou meses falando dun “colchón ante-crise” que agora recoñecen gastado en máis dun 80%, e aínda non entramos de cheo no proceso.


As últimas noticias aparecidas nos medios non presaxian nada bo para a nosa clase: goberno, empresarios e os dous sindicatos maioritarios no estado, xuntos, no Palacio da Moncloa. Estas xuntanzas sempre foron o limiar de medidas contra os nosos intereses.


E da Unión Europea tampouco debemos esperar nada; a aprobación das 65 horas semanais e da Directiva sobre “Procedementos e normas comúns para o retorno...”, coñecida a nivel popular como a “Directiva que crea campos de concentración” para os sectores da clase obreira procedente doutros países, indican que os neoliberais que nos gobernan no estado e na U.E., están dispostos a conculcar os dereitos humanos máis elementais, para que os especuladores financeiros, os grandes emporios económicos, os branqueadores de cartos do narcotráfico e da venda ilegal de armamento, os garantes dos paraísos fiscais, os que especulan co petróleo e os alimentos, os que fan subir ó seu antollo a inflación e a utilizan no seu beneficio, os que controlan os organismos internacionais, Organización Mundial de Comercio, Banco Mundial, Fondo Monetario, etc, salgan indemnes da crise que eles xeraron. Os mesmos que están a xerar novas burbullas especulativas, agora co petróleo e os alimentos, como noutros momentos fixeron coas empresas tecnolóxicas, coñecidas como “ puntocom” e despois cos mercados inmobiliarios de diferentes países.


Os políticos a quen eliximos están manexados na grande maioría dos casos, por estes “poderes na sombra”, antidemocráticos, sen control que enchen Bruxelas con máis de 10.000 empresas, lobbys, que sobornan e dirixen a actividade política dunha grande parte de a quen nos lle damos o voto. Polo tanto a actual situación para máis do 80% das sociedade non ten saída se pensamos que os que gobernan na actualidade ou os que serven para alternarse con eles no poder, van facer algo por todos nós. Eles son copartícipes da actual crise e non deben saír politicamente indemnes da mesma.


Para os traballadores debía ter certa lóxica esixir ós gobernos que o peso da lei caiga sobre os que xeneraron esta situación ¿ou non hai responsables?. Pero ¿que lei?. A realidade é que as leis no sistema capitalista están a favor dos especuladores, dos axiotistas, están en suma ó servizo de quen fai posible a actual situación. Si sobre os bancos centrais non hai control político nin democrático e non corrixen as actuacións do capital especulativo é consecuencia de que un grupo de políticos así o decidiron. Políticos do PSOE e PP, no caso do estado español, polo que non debemos permitir que nos digan que “non poden facer nada pois depende de Bruxelas”; dous partidos que realizaron os seus congresos sen falar a fondo da economía, da crise, do paro, do endebedamento familiar, da suba dos prezos dos alimentos de primeira necesidade, etc., e esqueceron aínda que era a súa obriga plantearlle a quen piden os votos, as alternativas para saír da actual situación. E iso é así, porque a axenda económica do goberno e a oposición, diríxena os grandes grupos económicos.


Os asalariados debemos ter moi claras nestes momentos as seguintes cuestións: que a crise débela pagar quen a xerou e se isto non é así e recae sobre nós, é pola complicidade de quen goberna e a maioría das forzas de oposición. En segundo, que só a mobilización pode para-las agresións sobre a clase traballadora; pero unha mobilización que sabemos esta chea de dificultades pola posición dos sindicatos maioritarios a nivel de estado e da U.E. En terceiro que a actual crise pon en evidencia a magnitude da debacle da esquerda nos países do centro do sistema. En momentos en que compróbase, percíbese, por parte dunha grande parte da humanidade, que o capitalismo é un sistema corrupto, ineficaz, que só beneficia a unha minoría que se apropia da riqueza producida por todos, non aparece unha alternativa político-institucional ó sistema, nin hai o debate nas sociedades sobre que tipo de sistema debemos construir entre todos, que desplace o sistema capitalista e que permita un reparto máis equitativo da riqueza que hoxe producen os traballadores, que é moita. En suma hoxe é máis imprescindible, aínda que moitos o teñan esquecido, falar do socialismo e do comunismo, o que nos debe levar a organizar o debate ideolóxico -cultural, como unha das partes centrais do traballo de todo revolucionario.




En Galicia no mes de xullo de 2008



miércoles, 18 de junio de 2008

TEMPO DE CONGRESOS

Carlos Dafonte

 


Estamos en tempo de congresos. O PP celebra o seu dentro duns días e o PSOE no mes seguinte, a primeiros de xullo; IU prepara a súa asemblea. E aínda que esta última non o é, creo pertinente, pois parece se ten esquecido, reflexionar sobre que é un partido.


¿O resultado da vontade dun grupo de individuos unidos por lazos de amizade, que viven nun territorio definido, con afinidades culturais, coas mesmas ou parecidas aficións, ou os partidos seguen a expresar os intereses dunha clase social ou fraccións da mesma, mergullada na loita de clases, polo tanto na loita política, económica e ideolóxica, para impoñe-los seus intereses sobre todo os económicos? Sigo convencido que a última afirmación é o que guía a existencia dos partidos; o resto soluciónase con outro tipo asociacións que a lexislación permite.


Traio isto a colación, pois para ser capaces de analizar o que acontece no PP é preciso mirar por enriba dos feitos diarios, dos enfrontamentos persoais, que tamén os hai, e tentar distinguir entre que é o fundamental e o accesorio neste enfrontamento, que ocupa as cabeceiras dos medios de comunicación.


A burguesía española, a clase dominante no estado, exprésase politicamente a traveso de dous partidos de ámbito estatal, PSOE e PP e varios das nacionalidades, CiU, PNV, Coalición Canaria, UPN...Existencia de diferentes partidos que expresan as contradicións propias no seo dunha mesma clase social nun intre determinado; non son os mesmos intereses os do capital industrial que o do financeiro, por exemplo, nin os das empresas petroleiras e eléctricas que os da adicada ós medios de comunicación e a chamada “industria cultural”; nin os da burguesía centralista e as periféricas; contradicións que se aguzan en tempos de crise, como na que hoxe nos atopamos. Pero estas contradicións non son antagónicas, como as existentes entre a burguesía e o proletariado, entre os propietarios dos medios de produción e os que venden a súa forza de traballo. Elemento que hai que ter moi en conta.


O actual estadio da crise económica inaugura tamén un novo ciclo político que é o da colaboración dos dous grandes partidos da oligarquía, PSOE e PP, cuxa posta en escena foi o acto de investidura de Rodríguez, despois de gaña-las eleccións celebradas o 9 de marzo. Os congresos confirmarán este feito.


E sobre a crise é preciso sinalar que levamos mergullados nela moitos anos, pero o aumento da taxa de explotación dos asalariados e o “tirón” dalgún sector da economía, permitían acadar crecemento, baixo, pero crecemento, outro dos grandes mitos da economía capitalista, e agora entramos nunha etapa sen crecemento ou con crecementos moito máis baixos, próximos á recesión e o que é peor, con inflación. A temida estanflación.


Estou convencido que Rajoy segue ó pé da letra a partitura que escreben os verdadeiros poderes que dominan no estado español, e os enfrontamentos con baróns e baronesas do seu partido non son máis que expresións da resistencia persoal á nova situación. Lara, o maior editor do estado, deixouno claro nun foro económico celebrado hai poucos días en Barcelona, afirmando que é tempo de colaboración entre os dous grandes partidos estatais.


Os medios de comunicación que seguen a apostar por “outro PP” cambiarán de postura cando algún gran emporio económico ameace con retira-la publicidade de non “practica-la ortodoxia”.


Ogallá do seu congreso o PP saia roto e fragmentado, máis feble, os asalariados bastante temos con loitar contra as políticas neoliberais de quen nos goberna.


E en xullo o Congreso do PSOE. ¿Haberá debate? Non o creo, a pesares da situación do planeta e do estado, mergullados nunha crise económica global que afecta de diferentes xeitos a unha grande parte da cidadanía e crise alimentaria que leva producida numerosos balbordos en países da periferia; da especulación que eleva os prezos do petróleo e dos alimentos ata niveles insospeitados hai poucos meses; a pesares da construción europea antidemocrática, levada a cabo de costas ós pobos, ¿como é posible que dos 27 estados que forman parte da U.E. só en un sométase a referendo o novo texto “constitucional” aprobado en Lisboa, e onde foi ratificado polos parlamentos sexa descoñecido?; da nova xornada de 65 horas que tentan impoñer, da entrada pola porta de atrás da directiva Bolkestein, das numerosas intervencións das tropas en lugares de conflito ó servizo do imperialismo norteamericano e europeo, da responsabilidade que como partido de goberno ten nestes momentos, estou convencido que amosando unha vez máis o foxo que se esta a abrir entre o sistema e unha grande parte do pobo, no congreso do PSOE non se van discutir a fondo os temas que preocupan, nin se van producir voces discordantes que reclamen centrarse na realidade. Sería saírse do guión marcado.


Unhas verbas finais sobre a próxima Asemblea Federal de IU. A crise é no fundamental unha crise do PCE. As discusións e os desencontros son produto das diferentes visións que hai entre os membros do propio partido. No PCE hai hoxe dous proxectos, un neoliberal, disposto a colaborar co PSOE na gobernabilidade do país, que se esconde baixo o eufemismo de “facer xira-lo PSOE cara a esquerda”, é o proxecto que encabeza Llamazares, e outro que sen moverse fora dos límites do capitalismo, poderíamolo considerar “socialdemócrata de esquerdas”, que pula a maioría da dirección. Tamén fican restos, cada vez máis inconexos e febles, do que se pode considerar un proxecto comunista, pero non vai ser determinante na futura asemblea.




En Galicia no mes de Xuño de 2008




 



martes, 27 de mayo de 2008

FINANCIACIÓN AUTONÓMICA, A PELEXA POLO DIÑEIRO.

Roberto Laxe 


O debate da financiacion autonomica é un dos puntos onde se pon de manifesto a debacle da esquerda, xa nacionalista, xa estatal, ao centrar o debate no "reparto" da torta fiscal, como pode facer calquer neoliberal do PP ou do PSOE, sen cuestionar o fondo da inxustiza dun sistema fiscal baseado nos impostos indirectos, no IVE, nos impostos o consumo das gasoliñas ou o que sexa, que veñen a sustituir as reabaixas no IRPF, trasladando a financiacion pública dos petos dos que máis teñen aos que menos teñen.


Alen diso, non se discute o carácter regresivo do sistema fiscal español, de maneira, por exemplo, que os desempregados teñen que pagar o fisco.


Fica claro cal é o verdadeiro contido da discusion. Non é unha discusion a favor do pobo traballador galego, senon unha discusion sobre cantos diñeiros imos consequir, para logo, ademáis, facer uns investimentos que pouco o nada teñen que ver coas necesidades sociais.


En vez de falar do transporte publico, do tren de proximidades, faise o AVE, que van utilizar os catro executivos para chegar a Madrid.


En vez de falar da contratacion MASIVA na saúde de persoal sanitario e non sanitario que resolva dunha vez as listas de espera, gastanse 600 millons no Mausoleo Fraga Iribarne, chamado Cidade da Cultura de Gaiás.


En vez de facer investimentos no ensino, mellorando a calidade e ampliando o servizo, seguimos financiando a Igrexa pola vía dos conciertos e demáis.


En vez de facer un plan publico de construccion de vivendas para aluguer, e un control de prezos, subvencionase aos consumidores, para que os propietarios poda subir os prezos e teñan máis lucro.


Este debate, en fin, pon de manifesto o verdadeiro caracter do debate, todos fillos da mesma ideoloxia, o neoliberalismo.


Pois ten no esquecemento a reivindicacion historica da esquerda, "que pague, quen máis ten", e de oposicion a imposicion indirecta, pois grava igual as rendas máis altas e as máis baixas.


Demostrase nos feitos que, hoxe, non ha unha verdadeira esquerda, que temos que construila.


Galiza no mes de maio de 2008


 



jueves, 22 de mayo de 2008

O AUMENTO DA EXPLOTACIÓN DOS ASALARIADOS É O ÚNICO XEITO QUE TEN O CAPITALISMO PARA SAIR DA CRISE

Carlos Dafonte


Escoito unhas poucas frases do presidente do goberno Rodríguez, no programa de TVE “59 segundos”. Todo son banalidades pero hai unha que fica gravada na miña memoria pois hai máis dun lustro foi tema de debate entre un grupo de militantes que analizábamos o temas das crises periódicas do capitalismo. O presidente dixo “ a saída da crise será socialdemócrata” e engadiu algo parecido a con amparo ós afectados...Levantou os brazos como si fora a voar e esbozou ese sorriso parecido ó de Toni Leblanc nesa película na que practicaba o timo coñecido como o “tocomocho”.


Algo temos avanzado; xa recoñece que atopámonos nunha situación de crise, cando hai trinta días negábao. Posiblemente a afirmación do presidente fora a última contribución do señor Tagoas, asesor económico presidencial, con categoría de Secretario de Estado, antes de iniciar a súa etapa como presidente da patronal SEOPAN, onde agrúpanse unhas decenas de entre as maiores empresas da construción, considero uns dos maiores grupos de presión existentes no Estado. Prepara con Rodríguez a aparición televisiva e despois vai concretar as verbas presidenciais, a saída socialdemócrata, dende o cumio dunha das patronais que máis se teñen enriquecido nestes anos e que destaca pola súa intransixencia cos traballadores e controlar un dos sectores produtivos con maior grao de explotación. ¿A quen quere enganar o presidente con semellante afirmación? ¿Como é posible que un presidente que ten como principal asesor económico a unha persoa que vai presidir unha patronal da construción, poda falarnos de pular unha saída socialdemócrata á crise dende o goberno que preside?. Algún inxenuo pódese preguntar como un asesor presidencial que coñece interioridades, proxectos, futuras decisións, etc., pode marchar a presidir un organismo do sistema oligárquico español. ¿Pode haber alguén que pense que o poder político que representan PSOE, PP e os nacionalistas burgueses, é independente do poder económico?¿Xa esquecemos, o acontecido non hai tantos anos, en que a gran banca pagaba a empresas tapadeiras de determinados partidos, cantidades importantes de cartos por informes inexistentes?


Pero ademais non debemos esquece-lo apoio do PSOE ó tratado de Maastricht, onde se plasmaron as políticas neoliberais e contra os traballadores, que leva adiante a Unión Europea. Tratado onde se admiten como verdades inamovibles, principios ideolóxicos que o son da dereita e onde a tríada PRIVATIZACIÓNS, DESREGULACIÓN E COMPETIVIDADE é a base da globalización que ninguén no PSOE pon en cuestión.


¿Pensa o presidente Rodríguez que xa esquecemos a campaña do referendo para un Tratado Constitucional Europeo, onde PSOE e PP foron da man para darlle rango constitucional ás políticas neoliberais? ¿Ou que eurodiputados do PSOE como Enrique Barón e Manuel Medina apoiaron publicamente a Directiva Bolkestein que consagra o principio de que as leis laborais son as do país de orixe da empresa?. ¿Ou que nunha U.E. onde máis do 60% das decisións económicas se toman en Bruxelas, hai posibilidades dunha “saída socialdemócrata” á crise?


¿Pero que é unha saída socialdemócrata á crise?. Hai decenas de anos, as políticas socialdemócratas eran unha alternativa, reformista, pero alternativa, ás políticas do capital. Por medio de reformas do capitalismo poderíase pasar, pensaban eles, a unha nova sociedade a sociedade socialista, incluída a transformación do estado. Os que en tempos foran socialdemócratas en Europa, e tiveron posibilidades de confronta-las súas políticas coas do neoliberalismo, dende finais dos anos sesenta, buscaron a posibilidade de non enfrontarse directamente coas necesidades do capital e “teorizaron” o que se chamou “terceira vía”, un xeito de renderse ó neoliberalismo pero que parecera que non o facían. Os teóricos da terceira vía acolleron as políticas de Toni Blair en Gran Bretaña o chamado “novo laborismo”, e as falcatruadas do Clinton nos EEUU, como a plasmación práctica dun novo xeito de facer política e de interpretar as necesidades da xente. O balanzo final non pode ser máis desolador; a terceira vía non pasou de ser o tatcherismo con outra faciana e o imperialismo de sempre e dicir, políticas neoliberais contra os traballadores e os pobos.


No estado español non houbo nin intento de enmascarar as políticas neoliberais, aplicáronse e se seguen a aplicar contando co fervor dun poderoso coro de medios informativos, que repite constantemente que se o PSOE foi, e polo tanto é, cuestión discutible, un partido da esquerda, as políticas que implementa tamén o teñen que ser.


Hoxe sería unha saída socialdemócrata, as solucións propostas por Keynes hai moitos anos, partindo de que nas crises o elemento fundamental e a queda da demanda e esta era resultado da queda investidora e do emprego. Fronte o derrubamento do investimento privado debía se-lo estado quen investise cunha política activa de intervención para loitar contra as recesións, aumentando o gasto público.


O problema do déficit solucionábase co aumento da demanda non só polo importe investido, pois ese gasto inicial transformado en salarios e bens, xeraba unha nova demanda, o chamado multiplicador keynesiano, sobre outros sectores.


Ademais o estado sempre aumentaría os ingresos grazas a maior entrada de impostos que xeraba a actividade económica; podíase gravar, tamén, máis ós máis ricos, anulando deste xeito o déficit público inicial.


Se analizamos as medidas tomadas ata o de agora polo goberno para enfrontarse á desaceleración, ou á “desaceleración acelerada” dos últimos días, búscanse todo tipo de eufemismos para non falar de crise, vemos que teñen máis que ver con poñer o estado ó servizo dos grandes emporios económicos, e dar esmolas, o que facía o franquismo, que con políticas socialdemócratas, imposibles de levar adiante nunha Unión Europea neoliberal. Flexibilidade laboral, rebaixa de salarios ós traballadores, non aumentan nin o monto da inflación, polo tanto rebaixa, e rebaixa tamén dos impostos ós máis ricos, privatizacións de servizos públicos, política de fusións, nestas circunstancias os peixes máis grandes cómense ós máis cativos, e toda unha serie de compensacións ós empresarios, serán os alicerces da saída a crise; a favor dos poderosos e contra os asalariados e dentro dos mesmos contra da clase obreira.


Non haberá saída socialdemócrata á crise, xa que a xénese da mesma non é unha queda da demanda senón a queda da taxa de ganancia, xerada polas contradicións internas do propio capitalismo. Os grandes emporios económicos non o ían permitir. O que necesitan é un maior exército de reserva, os traballadores atados de pes e mans, polo que con toda seguridade nos atopamos en portas doutra nova reforma laboral


Que ninguén espere que o capitalismo se derrube a pesares das crises cíclicas que padeza por graves e fondas que sexan; aínda que non tivera tan bos garantes como PSOE e PP, no estado español, a Unión Europea, e como recurso final ó xendarme estadounidense, se os sectores populares non se organizan e empurran, o edificio do capital, aínda con crise no sector do ladrillo, non cae.


Unhas consideracións finais; estes días púxose en marcha dende os medios de comunicación unha operación de adormecemento dos pobos do estado; a calquera hora do día o PP e o seu próximo congreso, ocupa todos os espazos. Aínda que o voten moitos asalariados é un partido conservador, representante dun sector da oligarquía española que ten amosado o longo dos anos ser un inimigo declarado dos traballadores, polo tanto pouco nos debe interesar o que lle aconteza, e canto peor lle resulten as cousas, mellor para a grande maioría do pobo español. Pola contra o partido do goberno ten próximo o seu congreso, para xullo; escoitei que xa aprobaron a ponéncia política, ¿vímola en algún medio sendo como é o principal responsable das medidas en relación á delicada situación económica na que nos atopamos? ¿Ou non van discutir sobre a situación económica?. Iso si que nos interesa ós asalariados e hai un sospeitoso manto de silencio sobre o tema nos medios.


O mesmo acontece co declive político e a desaparición institucional da esquerda no estado; non é un feito anecdótico, a grande maioría dos cidadás estamos obxectivamente interesados na información do que pasa na actualidade nos diferentes sectores da esquerda, na perspectiva da súa reconstrución, pero ós propietarios dos medios non o ven do mesmo xeito e tamén o silencio é absoluto. Os poderes fácticos fan todo o posible para que a idea da necesidade da existencia dunha esquerda forte, alternativa ó sistema capitalista, explotador da humanidade, despilfarrador de recursos, non se espalle entre quen máis necesita da existencia da mesma.




En Galicia no mes de maio de 2008



jueves, 24 de abril de 2008

O DEBATE DE INVESTIDURA ABRE UN NOVO PERÍODO

Carlos Dafonte



Nestes meses estase a pechar un ciclo económico onde o modelo de explotación español amosou a súa eficacia; os traballadores, grazas ás condicións de explotación crearon grande cantidade de riqueza pero non houbo un proceso de redistribución da mesma. Goberno, sindicatos, oposición e outras estruturas do estado capitalista, encargáronse de que “a parte do león” fora para os mais poderosos economicamente.


O modelo de crecemento español entra en crise coincidindo cunha posible recesión a nivel mundial. ¿Entramos no estado español tamén nun novo ciclo político?.


Rodríguez, o presidente do goberno en funcións, acaba de formar novo goberno despois dun debate de investidura soporífero e onde todo parece camiñar a darme a razón na opinión vertida nunha tertulia de radio, onde analizábamos os resultados electorais, de que o PSOE gobernaría só coa anuencia do PP; debate de investidura onde o candidato á presidencia do goberno, quizás por medo ou incompetencia, foi incapaz de situar ós diferentes pobos do estado, diante da grave situación económica e explicar un programa claro de medidas; unha situación, que no económico se degradaba día a día camiño da recesión, que vai agravar a xa feble economía dunha parte importante da poboación, con máis paro, perda de poder adquisitivo, de dereitos sociais, suba das hipotecas, etc,; e onde se percibe un certo reponte da mobilización social. Estas circunstancias e os propios resultados electorais, facíanme pensar nun acercamento das posicións do PP e PSOE, prescindindo nos labores de goberno de todas as demais organizacións políticas. E foi ese o elemento clave do debate de investidura, dende o meu punto de vista.


Rodríguez prescindiu de todo tipo de apoios, tamén de contraer compromiso algún e compareceu no Congreso dos Deputados dun xeito do que que durante a lexislatura se acusou ó PP, illado de todos e incapaz de concordar con alguén.


Todo o seu discurso e o debate posterior estivo inzado de requirimentos ó PP para levar adiante acordos, recibindo por parte do partido conservador, replicas no mesmo senso. O que interpreto, con todas as prevencións que o caso require, é que nas condicións económicas, políticas e sociais polas que esta a pasar o estado español, os chamados poderes fácticos, os que verdadeiramente mandan, dan cretos e perdoan débedas, poñen os medios de comunicación ó servizo dos partidos, etc, apostan por unha recomposición do bloque oligárquico, evitar fisuras para facer fronte máis unido ós próximos anos de forte crise económica e social.


Do que se trata é de tomar medidas para recompoñer o antes posible a xeración de plusvalor dos grandes emporios económicos, cuxos intereses e investimentos hai que defender no mercado interior e no exterior. Ese obxectivo acádase mellor co apoio, nos parámetros básicos, do principal partido da oposición.


Os cambios acontecidos no PP van nese camiño e os nostálxicos dende os medios de comunicación, dos catro anos pasados, pronto serán convencidos da necesidade da nova realidade, onde vai seguir exercéndose unha oposición dura en determinados aspectos, ou principiará un proceso de marxinación.


Polo tanto é previsible que os enfrontamentos no próximo congreso do PP, de producirse, non van poñer en cuestión a nova etapa que abriu o debate de investidura.


Nesa mesma lóxica está a constitución do novo goberno, carente de personalidade, mal estruturado e onde os ministerios de Economía e Industria teñen un papel relevante e os demais a non poñer atrancos, a dicir a todo amen. E se o importante é que se recupere a taxa de lucro ¿para que un ministerio de medio ambiente?. Tampouco debemos esquecer que o novo ministro de Industria, Turismo e non se sabe cantas cousas máis, antes de ser asesor persoal do presidente Rodríguez, tiña un alto cargo no BBVA. En tempos de crise bancaria, todas as axudas son poucas.


Este tipo de acordo entre grandes partidos non é novo na UE de hoxe, exemplos témolos en Alemaña e no “revolto” partidario do que Sarkozy sacou o seu goberno.


Por último, verdade que o discurso de IU, de forza-lo “xiro a esquerda” e do BNG, da importancia dos seus votos en Madrid para “conseguir”, soan un pouco a...?


A burguesía apréstase ós vindeiros combates, a enfrontarse ó desenvolvemento da loita de clases neste novo período, nas mellores condicións posibles para impoñe-las solucións de acordo cos seus intereses; ¿como organiza-la loita dos asalariados, con que instrumentos? Ese é o grande reto da esquerda no estado e na Galicia.




Abril de 2008