A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 9 de abril de 2007

ESTATUTO DE GALICIA E LOITA DE CLASES

 


A partires do trunfo do PSOE nas eleccións xerais de 2004 o tema da reforma dos Estatutos de Autonomía convertiuse nun dos principias temas de debate político no estado e de controversia entre as dúas forzas políticas maioritarias.


            Unha explicación pode ser a debilidade parlamentaria do PSOE e a necesidade de contar co voto das forzas nacionalistas burguesas, catalana e vasca, con representación propia, para levar adiante as tarefas de goberno; a cambio dese apoio parlamentar, estas burguesías consiguen maiores concesións da administración central ás autonomías a traveso dos estatutos. 


            A pesares do proceso evidente de transnacionalización das burguesías nacionais de Cataluña, País Vasco e Galicia, sobre todo nas dúas primeiras nacións, existen contradiccións evidentes, coa burguesía que segue a utiliza-lo estado centralista, consolidado no franquismo, no seu beneficio exclusivo. Neste proceso o nacionalismo burgués abandoa aspectos concretos do que foi o seu pensamento tradicional, a autodeterminación, por exemplo, pero segue a defender outros que lle son característicos ó longo da historia, como o monopolio do mercado interno e conseguir ventaxes para os interses que representan.


            PSOE e PP defenden un modelo económico neoliberal e globalizador e os movementos tácticos que levan adiante coas burguesías perifericas, según os resultados acadados nas eleccións, non deben levarnos a engano. Hoxe o PSOE aparece como o defensor dun capitalismo cunha “faciana máis humana”, xa que así é como se interpreta o que PNV e CiU  representan; pero non esquezamos que as dúas organizacións foron as sostenedoras do primeiro goberno do PP cando non acadou a maioría absoluta.


            En Galicia as forzas políticas parlamentarias, con certa indiferencia da sociedade, levaban desde hai meses discutindo a redacción dun novo estatuto que por falta de consenso ficou en suspenso.


            Á sociedade galega informóuselle de moi pouco, só de dous aspectos, e dun xeito moi parcial, e a través de consignas, sen argumentos; a financiación, é dicir como conseguir máis cartos da administración central para xestionar por parte da  administración galega, e o que foi a estrela destes derradeiros meses: se o novo documento debe recoller ben no limiar, ben no articulado, a definición de Galicia como nación. Do que se trata, entendo eu, é que o conxunto de “nacionalidades e rexións”  ó que se denomina España que constitue hoxe un estado, recoñeza dalgún xeito, distinto ó camiño da modificación constitucional, que no seu interior non hai só unha nación senón que é un “estado plurinacional”.


            ¿Ó proletariado de Galicia que é a gran maioría da poboación, beneficialles en algo a introduccións deste concepto ó marxe e sen levar aparellado  o conseguir un dereito como é o de autodeterminación?. ¿Non estará o debate actual, que seguro vai ter continuación a pesares do “parón” na redacción do estatuto, escondendo os temas que verdadeiramente lles interesan @s traballador@s, e sobre os que debía levarse a cabo un debate en profundidade, temas como a defensa dos servizos públicos, democratización da política galega e as súas institucións, control e novo papel das Caixas de Aforros, loita contra a deslocalización das empresas e contra da precarización do mercado laboral, fiscalidade, xornada laboral de 35 horas, e un longo etcetra?. Sentar no fondo as bases para avanzar cara a un novo tipo de sociedade


            Ë curioso observar como as forzas políticas parlamentarias cando discuten sobre o estatuto, todas falan do que “Galicia precisa”, cando a realidade da actuación da administración autonómica en todos estes anos foi moi sensible ó que as empresas precisan, a banca precisa, en resumo, ó que o capital precisa. Nos 16 anos de xestión do PP e nos meses que leva o bipartito, pódese albisca-la idea de que facilitándolles ás empresas e empresarios, a quen agora se lles chama “os emprendedores”, que consigan os beneficios mais cuantiosos posibles, Galicia vai prosperar, converxer, modernizarse e toda outra serie de conceptos que tanto lles gustan ós neoliberais de toda caste. A dura realidade nos dí, que a pesares dos inxentes beneficios das empresas, recollidos grazas ós grandes sacrificios impostor desde as diferentes administracións @s traballador@s, Galicia non converxe e cada vez atópase maís alonxada das medias do estado español e da Unión Europea a 15.


            No fondo aceptan a vella máxima de que o que interesa ás empresas interesa ó país, facendonos lembrar aquel eslogan mendaz, nado nos EEUU de Norteamérica de “o que beneficia a Xeneral Motors beneficia ós EEUU”.


            A estratexia de discusión dos tres partidos parlamentarios, e dalgunha outra forza que se lles agregue, esta clara, non entrar no debate sobre a base económica na que se sustenta a autonomía, cuxo obxectivo é asentar e afortala-lo capitalismo en Galicia, e convencer a grande maioría da población galega de que é imprescindible un estatuto para tod@s @s galeg@s, un estatuto de conciliación de clases, pero que  recollerá, sen lugar a dúbidas  os fundamentos do neoliberalismo. E non pode ser doutro xeito cando temos o antecedente do Proxecto de Constitución Europea, o seu carácter, e a defensa a ultranza que do texto fixeron PP e PSOE.


            Como se ten amosado nestes anos de democracia representativa, nin a constitución é para todos, nin o estatuto tampouco o foi. A primeira serviu, ainda que cando se elaborou parecía ía facilitar outras políticas, asenta-lo capitalismo transnacional e financieiro, enfrontado a unha crise permanente, producto das contradiccións internas. Crise cuxa solución aséntase nas políticas de todo tipo ás que denominamos globalización neoliberal, e os estatutos para facer concesións ás burguesías periféricas, para que as contradiccións interburguesas dentro do estado español, que se aguzan en tempos de crise, non sobrepasen determiñados límites.


            No século XIX, a loita pola constitución dos estados-nación, dentro dos grandes imperios, austro-húngaro, ruso ou otomán, tiña unha base económica clara, impoñe-la hexemonía dentro da formación social existente, do modo de producción capitalista. E decir,  son resultado das contradiccións interburguesas unhas veces, ou entre burguesía e aristocracia, en outras.


            As nacións sen estado dentro dos grandes imperios, enfrontábanse, lideradas polas burguesías nacionais, á clase dominante opresora centralista, arrastrando tras dela a sectores do proletariado. ¿Qué posición tiñan que defender nesa circunstancia @s traballador@s? A resposta de Lenin foi nidia, no senso de que o proletariado tiña que defende-lo dereito de autodeterminación, o dereito a separación, para non ser complice das clases dominantes da nación opresora, pero tiña que ser neutral na liorta entre os explotadores e non debía apoiar á burguesía da súa nación, na consecución de ningún dos privilexios que tentaba conseguir coa separación.


                        Polo tanto a base económica hoxe do dereito de autodeterminación, para a grande maioría da población galega, para o proletariado galego,  non pode ser ós intereses do capital senón o interés de avanzar cara o socialismo, que precisa para ser posible, nun estado como o español, da unidade da clase obreira.


            O dereito de autodeterminación, que é unha consigna transicional,  hoxe debe ser recollido polo proletariado, por dúas razóns fundamentais; a primeira por non ser razonable renunciar a ningún dereito que amplie o marco democrático e en segundo lugar, porque siñifica situarse mellor no proceso de loita de clases, para debilita- la burguesía de todo o estado.


            O estado español, a nivel económico,  arrastra un subdesenvolvemento secular por non terse dado unha revolución burguesa e manter a aristocracia ó longo do século XIX, posicións moi consolidadas no poder político, economico e social. Foron burguesías nacionais, catalana e vasca, as que primeiro plantearon a contradicción co réximen estatal, facendo boa a tese de que nun estado cunha economía  subdesenvolvida aquelas rexións onde máis forte sexa o desenvolvemento, antes entrarán en contradicción coa estructura estatal. Se engadimos que as contradiccións capital traballo de principios de século, xunto coas xeneradas polo intento de levar adiante tarefas pendentes da revolución democratico-burguesa, desenbocan nunha guerra civil e nunha dictadura de corte fascista, que non deu solución algunha ó particular desenvolvemento histórico do estado, é facil comprender toda unha serie de reivindicacións que son planteadas desde as dúas autonomías máis desenvolvidas económicamente.


            En Galicia, algunha organización  diante da ausencia dunha burguesía  defensora dos intereses nacionais, considerou, e a súa política tomou ese camiño nos últimos anos, a posibilidade de xogar ese papel, de cubrir ese oco, desde unha organización que dicía defende-los intereses dos sectores populares. Acabou caendo nunha contradicción de difícil avenencia cunha postura de esquerdas, defendendo a base económica  capitalista, para atraerse a unha burguesía non transnacional, cativa, mal organizada, feble,  que só se mobilizará polos intereses nacionais, cando Galicia teña un grao de desenvolvemento superior o resto do estado, abandone a súa posición parasitaria pois obteña maiores beneficios doutro xeito, deixe en suma de vivir das subvencións e do erario público, e defenda uns intereses propios sen medo a estimula-las contradiccións coa burguesía centralista,  como ocurriu nas outras dúas nacións do estado español.


            ¿Pero a onde leva esta política? A poñe-los intereses d@s traballador@s @s que dí representar, ó servizo da burguesía, e cooptar a sectores populares a un consenso co sistema , e a poñerlle atrancos ó pulo da loita de clases.


            Nesta perspectiva, colectivos de índole diversa, para establecer “distancias” interróganse sobre a necesidade da separación de Galicia do resto do estado. Eso, como dixo Lenin, é pura metafísica; a contestación como xa dixemos, esta en función do desenvolvemento da loita de clases. En calqueira caso, para dar unha resposta axeitada, é preciso facer unha análise do marco histórico e das particularidades do país, e ter moi claro que mentres a burguesía coloca nun primeiro plano as súas reivindicacións nacionais, o proletariado debe subordinalas ós intereses da loita de clases e o desenvolvemento de todos os ordes da súa clase.


            Hoxe para o proletariado galego o exercicio do dereito de autodeterminación, para que non seña un engano maís, debe ir cinguido á mellora das condicións de vida, en todos os seus aspectos, á loita polo socialismo e ó fortalecemento da solidariedade internacionalista da clase obreira.


            @s asalariad@s que teñan adquirida conciencia dos intereses da súa clase non deben distinguir entre un explotador español ou un explotador galego. A explotación da súa clase seguirá existindo tanto nun estado centralista como nun estado independente galego, e para loitar contra da explotación é preciso que os traballadores señan independentes do nacionalismo e que manteñan, como xa sinalamos a independencia nas liortas entre as diferentes burguesías.


            Hai aberto, aínda que de momento paralizado, un proceso de discusión sobre a reforma do Estuto de Autonomía, e o proletariado galego ten que plantear dun xeito nidio cales son as posicións que benefician á clase e que deben ser recollidas no estatuto; e si non hai sindicatos ou organizacións políticas que o fagan xa que defenden outros intereses distintos, hai que artella-los mecanismos para que ese debate non quede nos arredores do parlamento e os tecnócratas de turno, e se faga nas fábricas, nos centros de traballo, nas barriadas, nos concellos e chegar, se hai posibilidades, a apresentar unha Iniciativa Lexislativa Popular, recollendo as sinaturas necesarias, para que a voz do proletariado se escoite no Parlamento Galego. 


           


Galicia Abril 2007


 


C.Dafonte



lunes, 5 de marzo de 2007

REFLEXIÓNS SOBRE A CRISE DO SISTEMA CAPITALISTA

(este traballo foi redactado no verán de 2003, como base para unha discusión interna en EU-IU)



O neoliberalismo como proxecto globalizador, mantén o seu dominio no planeta, esperamos que sexa momentáneo, en tódolos campos, político, económico, social, ideolóxico-cultural. O seu obxectivo é, nunha situación de crise como a que atravesa o sistema capitalista, facer recaer as consecuencias da mesma sobre a maioría da poboación para acada-la revalorización do capital, fundamentalmente do transnacional e financieiro; polo tanto para as forzas da esquerda, que son aquelas que teñen como selo de identidade e proxecto estratéxico a loita pola desaparición do capitalismo, é unha necesidade organiza-la resistencia en todos os ámbitos, contra do mesmo, e derrotalo


Ó neoliberalimo enfróntanselle cada vez máis cidadáns conscientes de que as súas políticas de todo orde só conducen á barbarie, á exclusión de amplos sectores da población, á fame en grandes áreas do planeta, á perda de dereitos sociais e políticos, á conculcación sistemática dos dereitos humanos máis elementais, tanto nos países do chamado centro e en maior medida na periferia do sistema.


Asistimos pois, a un amplo proceso mobilizatorio que engloba a grupos sociais moi diferentes, desde importantes sectores do movemento obreiro, a organizacións labregas, pequena burguesía urbana …e sobre todo homes e mulleres novos a quen o neoliberalismo hipoteca o seu futuro; é un movemento dunha grande amplitude e complexidade, tamén no Estado Español e Galicia, e que reclama dun xeito incipiente, á necesidade de buscar alternativas ó sistema capitalista.


Un segundo aspecto a destacar é que o neoliberalismo esta a perder a súa iniciativa política; son agora os sectores populares quen a teñen, e o neoliberalismo como doctrina, as persoas que o impulsan e as institucións que o impoñen, atópanse con dificultades para remonta-la marea humana que se lles enfronta, o chamado movemento contra da globalización neoliberal, aínda que non debemos minusvalorar os intentos por parte da socialdemocracia e outros sectores, incluídas as burocracias sindicais, por integrar iste movemento no sistema.


Un terceiro aspecto é o fracaso do neoliberalismo para remonta-la crise capitalista iniciada a metade dos anos 60; a pesares da dureza das medidas económicas de tipo monetarista, do desmantelamento dunha parte dos dereitos sociais conseguidos polos traballadores na fase expansiva do ciclo, do recurso sistemático ás privatizacións, das constantes fusións entre empresas e en tódolos sectores da economía eliminando competidores…, a realidade é que a recesión económica e as crises, golpean as economías dos países máis desenvolvidos, EEUU, Alemaña, Xapón, Francia, Holanda, Italia…e ós antano chamados “tigres asiáticos” e os en tempos “emerxentes” como Argentina, México e Brasil; debemos ademais ter en conta para completa-lo cadro, o descalabro da chamada “burbulla tecnolóxica”, que “volatilizou” cantidades inxentes do aforro familiar en numerosos países, que un número importante de grandes empresas norteamericanas e sectores produtivos foron á quebra ou sufriron importantes remodelacións, deixando na rúa a máis dun millón de traballadores/as, e un sector como a automoción, mascarón de proa e xénese do desenvolvemento capitalista na primeira potencia industrial, con empresas tan representativas como a Ford, Chrysler e General Motors, atópanse en graves apretos; a segunda delas absorvida pola alemana Daimler e a terceira con problemas financieiros despois de facerse co complexo surcoreano Daewo, tamén quebrado, e os problemas de Fiat da que posee un 20% e no verán de 2004 terá que dar desposta sobre facerse ou non co resto; todo isto leva a General Motors a presentar un déficit de 19.000 millóns de dólares no seu fondo de pensións, o equivalente o seu valor en bolsa, e outro de 51.000 millóns no de saúde para activos e xubilados.


Se percorremos algúns dos países do G-7, vemos que a situación non é mellor, as quebras de Parmalat, Fiat, Alitalia e Cirio en Italia de Alston, Moulinex, Metaleurop, Air Lib, GIAT, e outras importantes empresas en Francia, e a caída xeralizada do índice de produción industrial, así o indican; para calquera marxista este índice, xunto coa formación bruta de capital(1), son os fundamentais que indican a verdadeira situación dun país e do mundo. Estes índices en negativo, en “coctel” cunha elevada débeda, indícannos a posibilidade dun inminente crack en calquera economía.


Numerosos analistas destacan tamén, para completa-lo cadro, a posibilidade dunha crise bancaria sobre todo con gran incidencia en Xapón, os propios EEUU e Alemaña, consecuencia da enorme débeda externa dos países da periféria do sistema e das crises “asiática” e rusa. Na Unión Europea pode ser exemplificador, a situación desde hai anos dos tres principais bancos alemans e a súa máis importante compañía de seguros, o Deustche, o Dresdner, o Commerzbank e Allianz, que atravesan por unha situación moi preocupante.



AGUDIZACIÓN DA LONGA CRISE ECONÓMICA QUE SE VEN ARRASTRANDO DESDE MEDIADOS DOS ANOS 60.



Para as forzas políticas da esquerda transformadora é prioritario caracteriza-la crise económica, que dende hai máis de 35 anos afecta ás economías do centro do sistema, e por conseguinte a todo o planeta; saber distinguir o que é fundamental de accesorio, o que é estrutural do coxuntural, cales son as súas causas, pois da caracterización da mesma dependerán as saídas programáticas que plantexemos á sociedade, a nosa política de alianzas a curto e medio prazo e o tipo de organización que necesitamos para facer fronte ás innumerables tarefas que temos por diante.


Caracteriza-la crise pois, non é unha cuestión baladí, é unha tarefa de primeiro orde para todo militante que queira transforma-la sociedade na que vive.


Debemos ter en conta que acertar ou errar na caracterización e na busca de saídas, no caso concreto de Galicia, vai depender que a existencia dunha formación política sexa considerada unha necesidade histórica por amplas capas da poboación, e polo tanto sexa capaz de acrecenta-la súa influencia política e a súa presencia na sociedade e nas institucións, ou se converta nunha forza marxinal, sen proxecto estratéxico propio e sempre cinguidos, na caso de España, nas solucións económicas e de goberno, á forza maioritaria que no imaxinario colectivo segue a ser considerada de esquerdas, aínda que na súa practica cotiá pule políticas neoliberais e de dereitas.


A crise actual é moi ampla, afecta, con ciclos curtos de recuperación, ás principias potencias do sistema capitalista, e como consecuencia diso expándese por todo o mundo, xerando millóns de parados, marxinados, famentos, ata en sociedades que hai poucos anos poñíanse como exemplo dun “desenvolvemento milagreiro”, debido ás acertadas “receitas neoliberais”, Arxentina, Corea do Sur, Mexico, Indonesia….




DIVERSAS INTERPRETACIÓNS DA CRISE



Sobre as causas da crise hai interpretacións variadas. Unha opinión moi popularizada afirma que é o resultado da falla de consumo da poboación, as chamadas crises de subconsumo, como consecuencia dunha política económica que impón unha rebaixa dos salarios para aumenta-lo beneficio. Prodúcese así, nestas circunstancias, unha falla de demanda do consumidor o que trae aparellada unha sobreprodución por parte da oferta e a conseguinte caída da inversión produtiva que se desvia á inversión especulativa de carácter improdutivo. Así pois céntrase a explicación da crise na falla de consumo final da poboación, a falla de consumo como a xénese da crise; non debemos confundir a xénese coas consecuencias de toda crise do capitalismo, que entre outras, está a xeración de subconsumo, pero creo debemos rexeitar con firmeza que a crise actual sexa xerada polo subconsumo.


Sectores da esquerda que aceptan esta causalidade da crise, ven como xeito de superala, en potencia-lo consumo dos traballadores que beneficiaría tanto a estes como os capitalistas, e polo tanto avanzar cara o pacto social con sectores dun capitalismo de “faciana humana”, e combater a outros sectores do mesmo, cun carácter máis depredador; son as solucións socialdemócratas, que consideran, erroneamente, que as súas políticas fixeron posible a época expansiva do capitalismo dos anos 50 e 60 do século pasado, cando a realidade foi que a etapa expansiva do ciclo capitalista, xerada pola destrución de gran número de forzas produtivas na IIª Guerra Mundial e a posterior reconstrución, permitiu determinadas políticas máis redistributivas, que tamén tiñan como obxectivo a integración no sistema de amplos sectores de traballadores/as, que podían ser “seducidos” de non ser así, pola existencia da URSS.


En calquera caso estas posicións levan á clase obreira cara á posturas reformistas e a desarman ideoloxicamente, xa que se lles está a dicir que é posible unha sociedade capitalista sen explotación, e con niveis de redistribución importantes.


A realidade, como xa constatou Marx, é que esta crise xeral esta xalonada de ciclos curtos de recuperación no que os propios capitalistas, a causa da competitividade, fan mingua-lo “exército de reserva industrial”, o que leva a unha suba dos salarios; este fenómeno pode ocorrer sen apenas loita obreira e agúzase cando se produce. No momento en que a taxa de ganancia nun ciclo curto de recuperación descenda, os capitalistas deixarán de investir e comenza unha nova etapa depresiva curta.


A constatación de que no comenzo dunha crise, os salarios son máis elevados e as taxas de desemprego baixas, leva a interpretar a numerosos economistas burgueses e sectores empresariais que é a presión obreira, a suba de salarios, a falla dun importante “exército de reserva” de desempregados, e a construcción gracias a esas circunstancias, dun sistema de protección social, de prestacións, o que se lle chama na linguaxe común “estado de benestar”, os causantes da crise. Pero esta explicación non dá satisfacción á pregunta de por que non se ten recuperado a acumulación ó nivel de hai 40 anos despois das caídas salariais, as reformas laborais o aumento da produtividade e o desmantelamento total nuns casos, e parcial en outros do sistema de protección social. É ademais moi esaxerado atribuirlle os salarios a capacidade para xerar unha crise, de longo calado, con crecementos moi febles, salpicada de recesións e depresións.


Para un marxista, as crises non se xeran no mercado senón na produción; ós capitalistas báixanlles as ganancias e deixan de investir, pechan fábricas, trasladánas, deixan de comprar maquinaria e materias primas, reducen o cadro de persoal, e toda outra serie de medidas.


É certo que os/as traballadoras/es perden capacidade de consumo e que se produce sobreprodución, pero estes dous elementos subconsumo e sobrepordución son resultados e os mecanismos de propagación e profundización da crise pero non explican a causa da mesma.




A CARACTERIZACIÓN DA CRISE PARA A ESQUERDA ALTERNATIVA


A crise actual é resultado da propia contradición que xera o proceso de acumulación capitalista. Contradición entre o capital que se valoriza por medio da explotación dos traballadores/as e a introdución no proceso produtivo da maquinaria que a competitividade intercapitalista lles obriga a empregar. Mentres o traballo vivo é a única fonte do plusvalor, o capitalismo leva adiante o seu proceso de acumulación tendendo a sustituír man de obra por maquinaria, minguando a fonte do mesmo. Deste xeito a taxa de ganancia, que vén determinada pola relación entre a plusvalía e o capital investido (2), tende a descender a medida que se avanza na acumulación capitalista. É o que Carlos Marx chamaba lei da tendencia da caida da taxa de ganancia, que se produce co aumento da composición orgánica do capital, é dicir da relación entre o capital constante e o variable. A tendencia ó descenso da taxa de ganancia é a expresión máis radical da contradición que trae consigo o desenvolvemento das forzas productivas baixo o capitalismo. Este é un sistema tan inxusto, pensa tan pouco no ser humano, que canto máis progreso consíguese, cando gracias á técnica é posible que se traballe menos e a Humanidade viva mellor, por estar este progreso en mans dos propietarios do capital, por non estar socializado, permite que a clase dominante, moi minoritaria, volva iste progreso contra dos/as traballadoras/es, deixando na desocupación, na precariedade e na miseria a unha parte da poboación coas crises que o propio capitalismo provoca.


Atopámonos nunha crise de acumulación, antecedida dunha etapa de forte crecemento, como foi o período que transcorre entre 1944-67, pero non diante da “crise final do capitalismo”; a pesar das súas dificultades actuais, se os traballadores non son capaces de introduci-los cambios estruturais necesarios, e levar adiante procesos revolucionarios, o capitalismo reiniciará de novo o proceso de acumulación.


As xentes da esquerda comprendemos que as crises non levan dun xeito mecánico á destrucción do capitalismo e que se poden dar nun contexto de loita de clases ou noutro de “calma e derrota”. Pero se para nós é importante o estudio das crises é para pula-la loita de clases que todo revolucionario ten a obriga de transformar en revolucións socialistas.


O neoliberalismo, todos os cambios introducidos estes anos no mercado laboral, nas relacións sociais de produción, etc, dicía, ten por obxectivo reiniciar de novo o proceso de acumulación, que levará tarde ou cedo a unha nova crise, máis fonda, que abranguerá a un maior número de países, que destruirá un maior número de forzas produtivas que no período anterior. Estamos nun panorama, en ausencia de enfrontamentos armados directos entre as potencias imperialistas, de crises cada vez máis importantes, que facilitarán as bases de todo tipo para unha accións transformadora, revolucionaria, para avanzar cara o socialismo. Pero este proxecto só se poderá levar adiante se a maioría da sociedade considera que é necesario este cambio e que hai que construir unha nova sociedade alternativa o capitalismo. Por iso a importancia do debate ideolóxico-cultural para derrotar ó pensamento único, o pensamento neoliberal, o da clase dominante, moitas veces fondamente enraizado na conciencia dos/as traballadores/as, que tenta levar ó ánimo dos pobos a imposibilidade de toda alternativa ó sistema.


A crise actual ten os seus inicios a partir do ano 1967, aínda que haxa moitos intereses en facernos crer que foi a suba do petróleo de 1973 quen a inicia; a realidade é que 1967 e 1969-70 son dúas etapas recesivas nas que aparecen fenómenos de estancamento económico, inflación, desemprego, que configuran unha situación de crise á que a suba do prezo do petroleo vai engadir un ingrediente máis. En 1970 a economía de EEUU tiña un crecemento negativo do seu PIB e o da C.E.E. perdía mais de dous puntos situándose por baixo do 3,5% ó tempo que o crecemento da economía xaponesa caía en 1971 por debaixo do 5%.


Esta desaceleración constatábase tamén nos sectores productivos, destacando o descenso na actividade industrial, que para o conxunto da OCDE apenas superaba o 3% fronte o 6% do decenio anterior. Outro dato interesante é a caida entre 1970-72, na Europa Occidental, da formación bruta de capital dun 7,1% ó 3,6%. (3)


Consecuencias desta dinámica foron o incremento do desemprego e a inflación, a redución da taxa de ganancia e do crecemento económico a nivel internacional, as perturbacións monetarias e as convulsións nos movementos de capitais.


Todos estes elementos desenvolvéronse no período 1967-71, e indicaban sen dúbida, unha fonda crise do sistema capitalista, que a suba do petróleo de 1973 deixa ó descuberto dun xeito nitido.


Podemos falar, a partir de 1967 de sete recesións eonómicas, a de 1967, 1969-70, 1973-75, 1979-1982, 1991, 1997-1998 e a actual que comenza no principio do século e afecta tanto a EEUU como ás principias potencias económicas da U.E. Cada unha delas máis fonda que a anterior e a súa recuperación máis feble.


Intercaladas unhas veces, ou poñéndolle nome outras, atopámonos coa crise da débeda de principios da década dos 80, a do dólar de 1985, o crash das bolsas de 1987, a chamada “crise do tequila” de México de 1994, o colapso dos “tigres asiáticos”, coincidente coa sexta recesión, e a crise de Rusia tamén de 1998.


É interesante analizar, aínda que non o vou facer polo miúdo, algunhas similitudes e diferencias entre a crise de México e a asiática para sacar algunhas conclusións; ámbalas dúas prodúcense en economías dependentes, obxectivos de descomunais fluxos de capital, unhas veces produtivo e outras de carácter especulativo, que nun intre determindo “abandonan a praza”, xerando unha recesión moi dura que se estende ós países do entorno. Outra similitude é que afectan a dous paises imperialistas, EEUU e Xapón.


Entre as diferenzas destacaremos, que no primeiro caso é o Estado mexicano o que se responsabiliza da débeda, o debedor, e no segundo os capitais privados os afectados; en segundo lugar que América Latina, onde a chamada “crise do tequila” vai ter maior repercusión, estábase a recuperar da crise da débeda externa, e aínda non acadara os niveis de producción anteriores á chamada “década perdida” (1980-1990), atopábase pois, nunha situación económica moi precaria, mentres na área do Pacífico mantíñase un crecemento importante desde había máis dunha década: absorvia máis do 50% da inversión mundial e xerábanse millóns de empregos industriais resultado da deslocalización de empresas levada a cabo nos países imperialistas; unha terceira diferenza era que os países centrais afectados, EEUU e Xapón, tampouco se atopaban nas mesmas condicións económicas. O primeiro en plena expansión, aínda que a “era Clinton” e moi enganosa xa que a súa expansión descansa sobre transferencias de capital que implican o estancamento doutras economías; o segundo estancado desde había cerca dunha década; en cuarto lugar, os países afectados dun xeito máis directo polas dúas crises e os países do entorno, nun caso paises latinoamericanos e noutro do leste asiático, presentaban, ademais das devanditas, outras diferenzas importantes; os primeiros, aínda que pareza o contrario, eran máis “sólidos economicamente” que os da zona asiática, por estar a súas economías “menos globalizadas”. As economías asiáticas afectadas, estaban orientadas cara a exportación, por enriba do 60% da súa produción, nun mundo no que 9 de cada 10 traballadores/as producen para o mercado interno. Mentres o ciclo esta na súa etapa expansiva, nestas circunstancias, todo vai ben, paro cando se entra na fase recesiva as economías máis globalizadas sofren moito máis os efectos xa que ¿que se fai con todo o que se producía para a exportación?. ¿cómo transformar todo o proceso produtivo para orientalo cara ó mercado interno que parece que é a regra para mante-la estabilidade como plantean algúns economistas burgueses como Krugman e Toffler?. Os países latinoamericanos, sobre todo Brasil e Arxentina, enfrontaron a crise con enormes dificultades, maiores no caso da segunda, pero con menos que os antano chamados “tigres asiáticos”, por ter unha economía menos orientada cara á exportación.


Pero é interesante sinalar, e reflicte as contradiccións interimperialistas, que mentres na crise de México, na que estaban comprometidas inxentes cantidades de millóns de dólares dos fondos de pensións estadounidenses que ameazaban con volatilizarse, inmediatamente o Fondo Monetario Internacional acode para “parchea-la situación”, no caso da crise asiática, que afecta os eslabóns maís febles da cadea imperialista xaponesa, e xera máis dun billón de dólares de “incobrables”, actualizados ó ano 2.000, por parte dos bancos da segunda potencia económica mundial, que como consecuencia perden a súa capacidade de prestar, o que xa fixo caer a finais do século pasado, o PIB en máis dun 5%, ninguén acode na súa axuda, poñéndose en evidencia unha vez máis as contradicións existentes. Esta situación leva a Xapón a pechar o ano 2003 coa maior débeda da súa historia, 6,2 billóns de dólares.


Unha das leccións que a burguesía mundial debía ter sacado da crise de 1929(4), é que se esta ocorre nun país imperialista e o resto non vai no seu auxilio ou non hai un país hexemónico que o faga, a crise e depresión esténdese a todo o mundo. Ata 1914 o Reino Unido xogou ese papel. Desde 1945 xogouno EEUU. Entre guerras ninguén o xogaba pola incapaciadde do Reino Unido para facelo. Na actualidade as oligarquías norteamericanas non están dispostas a prestarlle a Xapón, un dos seus competidores, a axuda necesaria nin a corre-lo risco que indudablemente, de facelo, existe.


Na crise rusa de 1998 o FMI fixo “inxeccións” de miles de millóns de dólares para soluciona-la coxuntura, onde Alemaña e os propios EEUU víanse gravemente comprometidas. Posiblemente no 2004 o comportamento non fose o mesmo, aínda que os EEUU teñan variado algo os tres grandes imperativos da xeo-estratexia imperial que cita Zbigniew Brzezinski, ex-asesor presidencial norteamericano nun dos seus libros, “impedi-lo choque entre os vasalos e manter a súa dependencia en termos de seguridade, manter ós tributarios obedentes e protexidos e impedi-la unión dos bárbaros.”




A CRISE INSTÁLASE TAMÉN NA “GRANDE LOCOMOTORA MUNDIAL”.



A partir de 1992, e según avanzaba o período presidencial de Clinton nos EEUU, diferentes medios de comunicación, propagandistas de carácter moi diverso e grupos económicos e financieiros, atréveronse a teorizar sobre a aparición dun “novo modelo económico” que recibiu diferentes apelativos: “modelo norteamericano”, “modelo anglosaxón”, “terceira vía”, utilizado polo propio presidente na conferencia impartida o 9 de Febreiro de 1998 sobre a Seguridade Social, tentando apropiarse da teorización de Giddens da existencia dunha terceira vía entre as políticas de Reagan e a socialdemocracia, ou “nova economía”, máis do gusto do Presidente da Reserva Federal Alan Grenspan e Sthephen Shepard editor da revista empresarial Business Week, etc.


Téntase desde a perspectiva teorizada uns anos antes por Francis Fukuyama da “fin da historia”, de impoñer algo similar a nivel económico que significase un futuro inamobible, unha nova revolución na produtividade da economía que garantiría ganancias corporativas, taxas importantes de inversión e crecemento, baixos niveis de desemprego, mínima inflación e ó mesmo tempo elevados índices en bolsa.


Esta “nova economía” ou como lle queiramos chamar, dogmatizaban, apoiábase en dous piares básicos: a revolución tecnolóxica e a globalización; mediante os mesmos, dicíannos, modificábase, como o amosaban os resultados dos EEUU na devandita “presidencia prodixiosa”, o ciclo económico, que asistíamos ó alumamento dunha nova orde económico e incluso os mais histéricos, chegaron a falar da fin das crises económicas.


Este novo modelo, o modelo norteamericano, e as regras da “nova economía” eran o exemplo a seguir en todo o planeta, e quen non o adoptara estaba condenado ó fracaso, ás crises constantes, ó desemprego, á inflación, e toda outra serie de males. No Estado Español un dos máis apaixoados do modelo e así o plasmou nunha entrevista no diario El Pais, é o actual presidente da Generalitat, Pasqual Maragall.


Pero a realidade que se presentou a partir do segundo trimestre do ano 2000 nos EEUU, vén a desmentir que se teña creado unha “nova economía” fronte á “vella”, que haxa inmunidade fronte á crise ou que as economías capitalistas de seguir o “modelo norteamericano” son menos propensas ás mesmas.


É certo que na época de Clinton producíuse unha certa bonanza económica, que beneficiou a sectores moi concretos e reducidos, da sociedade; pero non se pode falar de que se teñan producido avances espectaculares nin cifras moi distintas ás doutras épocas.


Nos oito anos de Clinton, a taxa de crecemento promedio real foi do 3,4 % mentres nas dúas décadas anteriores foi do 2 %; importante, pero non espectacular como queren facernos crer os discurseadores da “nova economía”.


A taxa de desemprego diminuíu desde o 6,7 % ó final da recesión do 1990-91, ó 3,9 % no pico expansivo, pero debemos ter en conta que o desempregado que deixa de cobrar subsidio non se lle considera parado.


A taxa de inversión bruta aumentou do 9 % ó 15 %.


Tamén é certo que houbo un “boom bursátil”, que se concretou entre xaneiro do 1991 e agosto do 2000, nun incremento do Dow Jones en 4,09 veces, e o NASDAQ en 10,2; e que o 48,2 % dos fogares norteamericanos converteronse en inversores bursátiles, pero esto fíxose gracias ó pulo do creto, a formas de financiamento non bancarias e a expansión do “mercado de derivados” cos que se asumen grandes riscos (swaps, opcións, futuros), como se constatou unha vez iniciada a crise. Para valorar este boom é necesrio coñecer que na etapa republicana, que apoiaron fortemente o capital financieiro, os prezos das accións subiron un 3,3 % máis que o PIB, mentres que na era Clinto fixéronno un 13,9%


A suposta bonanza da era Clinton débese a outros factores distintos que a utilización das tecnoloxías da información e a globalización; xa que a diferencia doutras revolucións tecnológicas, a da informática, non ten case impacto na produción de mercadorías. A maior parte do capital informático invístese en actividades improdutivas, particularmente como sinala o profesor Roach, e confirma o Departamento de Comercio dos EEUU, no sector servizos, un 82 % aproximadamente. Así pois, é unha tecnoloxía que aínda non ten logrado, en contra do que predican os apoloxistas da “nova economía”, ter grande incidencia nos procesos de produción do sector industrial e da agricultura.


Por outra banda, o sector informático e de telecomunicacións representa o 8 % da economía dos EEUU e o 0,3 %, por ano de contribución ó crecemento do PIB. Pouca cousa.


Os propagandistas do modelo establecen varias magnitudes macroeconómicas que se verán beneficiadas de adaptalo; en primeiro lugar a produtividade, aínda que como indicou o profesor Solow os efectos do modelo vense en todas partes menos nas estatísticas. Por exemplo a taxa anual de crecemento da produtividade no sector agrícola para o período 90-97 foi do 1,1 % moi inferior á do período 60-74 que se mantivo nunha media do 2,8 %.


Para Stephen Roach a mellora da produtividade ten moito máis que ver coa loita de clases e o retroceso dos dereitos dos traballadores que o emprego das novas tecnologías; co recorte de cadros de persoal levado adiante polas corporacións que representou máis de 1.500.000 despedidos no período 90-97. Estes recortes en período de expansión é un factor capital para unha mellora da produtividade e das marxes de ganancia; pero é ficticio, xa que si a productividade establecémola pola relación producción/ nº de traballadores, aumenta, por mingua-lo denominador e non por aumenta-lo numerador; o incremento moi importante da xornada de traballo, fenómeno que en moitos aspectos esta ligado á tecnoloxía da información, pero que non ten incidencia directa na produción; referímonos á extensión da xornada de traballo facilitada polo uso do teléfono móbil, fax e internet,etc., que permite que o “tempo de ocio” de moitos e moitas traballadores e traballadoras, e sobre todo executivos, poda ser utilizado como “tempo extra” sen remuneración ningunha. En EEUU según un estudio sobre o tema, o número promedio de horas traballadas por semana aumentou de 40,6 en 1973 a 50,8 en 1997.


Estas formas de explotación compleméntanse cun manifesto estancamento dos salarios reais e a grande precariedade laboral.


En segundo lugar está a loita contra a inflación, elemento que se destaca do “modelo”pero que no caso que nos ocupa ten moito que ver con fenómenos esóxenos, a sobrevaloración do dólar que permitiu importacións baratas; un contexto mundial de corte deflacionario asociados ás crises de Xapón, México e asiática, co colofón ruso e brasileño que significaron unha baixada das materias primas e da energía para os EEUU e o centro do sistema.


En terceiro lugar, dicían, é unha receita infalible a favor do crecemento económico; pero todas as análises do período Clinton indican que este mantívose gracias, entre outros parámetros, ó consumo privado, que creceu a unha taxa superior á do ingreso disponible. Esto foi posible pola cantidade de modalidades de crédito e a unha redución drástica do aforro e unha conversión dos consumidores en debedores netos. O aforro neto do sector privado pasou dunha taxa positiva do 5% do PIB a principios da década dos 90 a un déficit do 6% no ano 2000 según o investigado por Alain Parguez.


Outra realidade do “modelo norteamericano de explotación” e o predominio, no proceso de acumulación, das sociedades financieiras non bancarias e a febleza cada vez maior da banca comercial, que compite en condicións desavantaxosas cos intermediarios financieiros non bancarios para a captación de depósitos. Esta situación modifica, como se aprezou hai dos anos na quebra de grandes corporacións, a xestión das mesmas; o seu valor en bolsa pasa a ser agora o índice fundamental da súa rendabilidade e nesta dinámica, moitos procesos de fusións e adquisicións decídanse, non pola rendabilidade da empresa en función da súa produción e comercialización dos seus produtos, senón da repercusión na bolsa das súas accións. Pódese afirmar que son as prioridades do capital financieiro e menos as do industrial, as que determinan a acumulación de capital; esta situación leva a constantes crises bancarias e establece un contexto desfavorable para a inversión produtiva.


Por todo o anterior podemos considerar como un “conto”a “decada dourada” da economía estadounidense, carente de bases sólidas para beneficiar a unha parte importante da sociedade, pero que permitiu, que dúbida cabe, a creación de grandes fortunas e a expansión de moitas das existentes.


A etapa Clinton foi un ataque constante os dereitos dos traballadores e traballadoras norteamericanos; a suba do salario mínimo de 4,25 dólares en 1996 a 5,15 segue a representar un 30 % menos do valor real de 1968 mentres que a economía fíxose un 50 % máis produtiva no período. Toda unha serie de leis como a de permisos por cuestións familiares, inversión en forza de traballo, de sustitución de folguistas, etc, que eran as promesas electorais máis poderosas contidas no eslogan “Coloca-lo pobo en primeiro lugar” ou non se aprobaron, ou unha vez redactadas foron derogadas, ou cubriron obxectivos distintos dos prometidos.


Os salarios medios dos traballadores e traballadoras, así como os que se atopan no decil máis baixo da táboa salarial, diminuíron incluso por baixo da época republicana. Non houbo tampouco redución significativa nos índices de pobreza e si houbo un empeoramento xeral dos pobres ó desmantelarse os programas federais de benestar social.


Nestas circunstancias as organizacións obreiras non iniciaron a recuperación que se esperaba despois da época Reagan-Bush, e a sindicación caeu con relación ó período de presidencia republicana.


Foi pola contra o mellor alicerce para iniciar a desaceleración, etapa na que se atopa hoxe. Esta comenza entre o segundo e o terceiro trimestre do ano 2000, un ano antes dos sucesos de setembro do 2001, ós que considera a Administración actual como culpable das turbulencias de hoxe. Entre eses dous trimestres o crecemento do PIB descendeu do 7% ó 2,7 % quedando no 1 % no último trimestre do ano. O 2001 non comenzou mellor xa que o crecemento para os dous primeiros trimestres foi do 1,3 % e o 0,2 %, entrando perigosamente a economía norteamericana no camiño da recesión.


A bolsa dera indicios do que ía ocorrer desde mediados de 1999 en que sufriu un estancamento despois da incríble suba coincidente coa crise asiática, onde Wall Street se converteu no refuxo ideal para os capitais que transitaban polos mercados emerxentes. O estancamento convértese en “caída libre” entre marzo e setembro do ano 2000 en que o NASDAQ perde un 62,9 % do seu valor e o Dow Jones o 14,3 %.


A contracción da produción da industria manufacturera, o crecemento do desemprego, o descenso do consumo privado que representaba 2/3 do gasto total da economía, o descenso do índice de confianza dos consumidores que se atopaba no nivel máis baixo desde 1993, indicaban que a economía USA entraba como xa temos dito en recesión antes de setembro do 2001. Para algunhas autoridades, presidente Bush, presidente da Reserva Federal Greenspan, Secretario do Tesouro naquel momento Paul O’Neill, a desaceleración era un “proceso de axuste”. Vista desde a perspectiva do 2004, foi, e aínda segue sen verse unha saída clara, unha recesión axudada a se xestar en grande parte nas fondas contradicións da década anterior: caída da taxa de ganancia a consecuencia do aumento do gasto en capital fixo; entorno financieiro moi fraxil, consecuencia do proceso de liberalización, desregulación e globalización financieira; forte caída das inversións produtivas; barbulla bursátil só comparable a que antecedeu á grande depresión de 1929; acelerado endebedamentos dos consumidores e corporacións con bancos e sociedades bancarias non financieiras.


A realidade hoxe do imperialismo USA, según a opinión de Samir Amín, se o comparamos co resto da tríada, U.E. e Xapón, é que excepto na produción militar, no resto dos campos, económico, cultural, político, etc, pon en evidencia, sobre todo no económico, que ningún dos segmentos produtivos esta en disposición de superar os seus competidores nun mercado aberto como establecen as regras dos propios economistas liberais.


Proba delo é o déficit comercial que se agrava constantemente, pasando de 100.000 millóns de dólares en 1989 a 450.000 no ano 2000, e atinxe prácticamente a tódolos sectores do sistema produtivo. Incluso un superavit tradicional, o de bens de alta tecnoloxía, convértese en déficit a partir do ano 2000.


Pódese afirma que os EEUU non son na actualidade competitivos en ningún sector; nin na alta tecnoloxía fronte á U.E. e Xapón, nin nos produtos manufacturados correntes fronte a China, Corea, outros paises de Ásia e America Latina, nin na agricultura coa U.E. e o cono sur. Se os EEUU non recorreran a medios extraeconómicos que violan os principios que tentan impoñer ós demais, o afirmado liñas arriba sería unha realidade. Só compiten no sector do armamento xa que esta fora das regras do mercado e benefíciase do apoio do Estado, aínda que crea importantes distorsións en outros sectores produtivos.


Pódese afirmar que a economía dos EEUU é unha “economía parásita” en detrimento dos seus socios do sistema mundial, e o crecemento dos anos de Clinton foi moi feble e cheo de distorsións que se están a pagar.


Alguen dixo: “O mundo produce e os EEUU consumen e non pagan”. En realidade actúa como un depredador que cobre os seus deficits gracias ó aporte consentido ou forzado doutros: violando os principíos que di defender; impoñendo exportación de armamentos a paises subalternos (o 60% do mercado mundial); apropiándose de subrentas petrolíferas poñendo ós produtores baixo a súa autoridade; recollendo aportacións de capitais procedentes da U.E. e Xapón; tamén de oligarquías petroleiras e do narcotrafico e toda unha serie de ditadores que esquilman ós seus pobos; beneficiándose da sangría do servizo da débeda imposta a unha grande parte da periféria do sistema.




CONSECUENCIAS DA CRISE



1. Unha das consecuencias máis salientables que tamén amosa a fondura da crise, é, como xa sinalei, a aparición de importantes contradicións entre as potencias imperialistas, que se manifestan con toda a súa crudeza.


A guerra de Irak e a oposición de Francia e Alemaña a que os EEUU utilizaran á ONU como instrumento da súa política, como fixo durante todos estes anos pasados, reflicte unha quebra do consenso e a loita entre as oligarquías do mundo por facerse co control de materias primas e eliminar competidores. Ó capitalismo francés aséstalle un golpe moi duro pola perda de influencia en Oriente Medio e de tódolos contratos que tiña co rexime de Sadam para unha vez finalizara o embargo.


En calquer caso non é unha contradición de carácter antagónico, e diante do pulo do movemento obreiro e popular no mundo, e o perigo de transformacións de carácter estrutural, así como a posibilidade que o pobo iraquí se faga cargo da administración das inmensas riquezas que posúe no seu subsolo, recompoñerán a súa unidade.


O sistema capitalista a pesar da súa anarquía aparente, necesita de toda unha serie de condicións universais para garanti-lo seu funcionamento; dereito de propiedade privada; a existencia para o caso de conflitos intercapitalistas de toda unha serie de mecanismos de arbitraxe; un corpo legal predecible a nivel estatal e internacional que non produza sobresaltos ás inversións e lles garanta a obtención de beneficios; mecanismos de todo tipo que aseguren a subordinación da forza de traballo ós intereses do capital, etc.


Pero ó mesmo tempo é un sistema de explotación e de competencia, e levada esta última á esfera internacional provocou no século XX dúas guerras mundiais.


A partir da chamada Segunda Guerra Mundial, os EEUU van impoñer o seu papel hexemónico no mundo capitalista, impulsado pola bonanza económica. Hexemonía que debemos entender como “a existencia dunha potencia ordenadora do sistema, que o coordina, impón disciplina, que ten capacidade de liderago e ó mesmo tempo que é portadora dun modelo de cultura e produción, que o resto consideran digno de ser imitado polos demais “.


Hexemonía significa dirección, dominio, pero tamén consenso, aspectos que a actual situación de crise económica sitúa en corentena. Os EEUU non poden xogar no momento actual ese papel, pois desaparecido para o capitalismo o perigo soviético e aguzadas as contradicións pola crise, numerosos países do centro do sistema ven á política norteamericana na súa realidade máis espida, como defensora dunha fracción e non do conxunto, da oligarquía mundial.


A nova etapa de imposición, imperialista, é a resposta dos EEUU á perda do consenso; e as diferentes posicións de Francia e Alemaña no conflicto iraquí, xorden da necesidade de preservar unha parte dos beneficios para as súas fraccións nacionais das oligarquías transnacionais e financieiras. A propia participación de España hai quen a interpreta, como o movemento do seu goberno en defensa das inversións en América Latina, das máis importantes empresas transnacionais españolas, ás que o PP defende fronte ós capitalismos periféricos das nacionalidades.O apoio ás políticas agresoras dos EEUU sería o “seguro” para estas empresas cando o imperialismo norteamericano tente “poñer orde” no seu “patio traseiro”.


Toda esta análise pon en cuestión unha serie de razoamentos que ó amparo do proceso globalizador se fixeron nestes tempos, sobre a desaparición dos estados nacionais e a desnacionalización das empresas transnacionais, a sustitución dos antigos capitalistas por xestores, etc, moitas veces precipitados.



2. De acordo con esta nova dinámica, os EEUU teñen iniciado un “proceso de recolonización” do mundo, para controla-las fontes de enerxía e todas as materias primas de carácter estratéxico, que aseguren para a fracción norteamericana da oligarquía mundial, o seu dominio.


Chanzos deste proceso son o apoio a Yeltsin e o desmantelamento da URSS para “entrar a saco” nas repúblicas caucásicas, con grandes reservas de petróleo e gas; a intervención e desmembramento de Iugoslavia, as guerras en Afganistán, Centro África e Irak, os intentos de desestabilización da OPEP e Venezuela, as ameazas a Irán.


A presencia do exército de USA en toda américa Latina, coa construción dunha cadea de bases militares o longo dos Andes, baixo o subterfuxio neste caso, de “loita contra o narcotráfico e o terrorismo”, inscríbese na mesma dinámica; coñecemos que os “narcodólares” son vitais para a economía norteamericana e son os EEUU os primeiros interesados en que non desapareza un fluxo moi importante de dólares cara á mesma.


A reorientación da súa política africana, tentando desvincular a Nixeria da organización de produtores de petróleo, asetándose firmemente no Golfo de Guinea, abastecedor do 15% das súas necesiddes de petróleo, e onde se teñen atopado reservas moi importantes, ou desmembrando ó Congo e gañando influencia na África francófona, onde se suceden os golpes de estado con “acento anglosaxón”, como o de Costa de Marfil do ano 2002.


Todos estes acontecementos teñen por obxectivo este proceso de recolonización que debe garantir ós EEUU, fontes de enerxía e materias primas baratas, en momentos nos que grupos cercanos ó presidente, plantexan a sospeita de que Arabia Saudita non foi estraña ó 11 de setembro.


Pero este proceso vai ter consecuencias impredecibles, pois á marxe do poderío militar, e a importancia que os gastos militares poidan ter para levantar a maltratada economía norteamericana, abre numerosos campos de loita contra o imperialismo, aguzando as contradicións entre este e os pobos do mundo, poñendo nun primeiro plano o motor da loita de clases como elemento transformador.



3. As contradicións propias do sistema e a crise, levan a EEUU a unha acción sen precedentes nos últimos 60 anos que se teatraliza nas illas Azores, coa comparsa de Blair e Aznar e o patrocinio de Durao Barroso próximo presidente da Comisión Europea : levar adiante un “golpe de estado” a nivel mundial e intervir unilateralmente en Irak. Outra consideración non debe ter, actuar ó marxe e contra do dereito e das institucións internacionais, ás que sempre tivo o seu servizo, impoñendo unhas novas regras do dereito internacional baseadas na “guerra de caráter preventivo”, concepto tamén utilizado polos nazis para invadir diferentes países en Europa ó final da déceada dos anos 30 do século pasado, e condenada explícitamente nos xuízos de Nuremberg. É o uso sistemático da lei do máis forte, que devolve á comunidade internacional á lei da selva.


O pacto das Azores situa ó Departamento de Estado, á Casa Branca e ó Pentágono como as novas institucións internacionais que marcan o rumbo da política planetaria. A UE, quizás por ser a das empresas transnacionais e a grande banca, sae desta crise, políticamente moi debilitada.


Ós EEUU sóbranlles as institucións internacionais, desde a ONU ata a OTAN, o estado nazi abandonou a Sociedade de Nacións para estar máis libre para levar adiante a súa política agresiva; non precisan discutir nin consensuar, finou esa etapa; impoñen ó resto do mundo os seus intereses, porque como xa dixo un dos seus presidentes hai anos, “a nivel internacional os EEUU non teñen amigos nin aliados, teñen intereses” .


Quen domina hoxe os resortes do poder é un grupo da extrema dereita norteamericana da facción republicana, unha das dúas na que se divide o partido único do capital; seguidores e discípulos unha parte importante do mesmo, Cheney, vicepresidente, Rumsfeld, xefe do Pentágono, Kaplan, Bristol, Wolfowitz, Perle, Shuslsky, etc dun antigo profesor universitario, Leo Strauss, e ligados case todos eles ós intereses do Estado Sionista de Israel e as grandes empresas petroleiras.


Strauss, como Platón, ensinaba ós seus discípulos que dentro da sociedade “uns son aptos para dirixir, e outros para ser dirixidos” pero diferenciábase do grego en que pensaba que “os que son aptos para gobernar son os que comprenden que non hai moralidade e que só existe un dereito natural, o dereito do superior a goberna-lo inferior”. Seguindo a Hobbes, consideraba que a sociedade “é intrinsecamente malvada e debe ser gobernada, e o goberno so pode ser establecido cando os homes se unen e só o fan contra doutro pobo”. Con Maquiavelo, Strauss coincidía en que “unha orde política só será estable se é unida por unha ameaza externa e se non existe hai que fabricala”. Os “straussianos “ como o seu maestro consideran que “ a paz leva á decadencia” e a guerra perpetua e non a paz perpetua, debe se-la situación para impoñe-los seus valores.



4. Un aspecto moi salientable do momento, é que democracia e globalización neoliberal son cada vez máis incompatibles, xa que a dureza das medidas económicas e as repercusións sociais engadidas, necesitan mengua-la capacidade de información, organización, participación e loita dos/as afectados/as, para restarlle eficacia a súa resposta.


A democracia como sistema de participación, control e elección de representantes ten sufrido no planeta importantes retrocesos nos derradeiros anos.


Ó calor dos acontecemmentos do 11 de Setembro de 2001, dos que moitos extremos están sen investigar e son moi escuros, teñense tomado medidas que restrinxen as libertades individuais e dereitos básicos en calquera democracia, reforzándose as posicións dos sectores sociais partidarios do aumento da represión fronte ás mobilizacións dos cidadáns. Sobre todo temos que observar con grande preocupación o que está a ocurrer na primeira potencia militar do mundo, que tenta ser un exemplo e modelo para todos os demais. Foron suspendidas numerosas enmendas cosntitucionais que garantían os dereitos de liberdade de expresión e asociación pacífica, a que defendía a cidadanía de detencións inxustificadas, a que non permitía a encarceracións sen xúizo previo, a que garantía un xúizo inmediato e público e a que defendía ós cidadáns de castigos crueis e torturas. Coñecemos ademáis o control sobre as ensinanzas universitarias, as “primas” ós confidentes o control sobre as lecturas dos libros das bibliotecas e a desaparición de persoas e o seu peche en campos, algúns claramente de exterminio, como o de Guantánamo.


Diante desta situación hai voces que denuncian de estar a converter ós EEUU nun “país de soplóns”, recordando que “unha das características dun réxime totalitario e a creación dun estado de mutua sospeita, onde a sociedade civil se converte nunha rede de informantes da policía”(6).


Como sentencióu un autor norteamericano hai anos(7), “o fascismo chegará òs EEUU cun rostro amistoso, sen necesidade de prohibi-los partidos políticos, sen doutrinas da superioridade racial, ou eliminando a separación de poderes pero co mesmo fervor nacionalista, leis arbitrarias dictatoriais e conquistas militares violentas”.


A transformación do sistema político dos EEUU nun sistema totalitario, pon en perigo as conquistas democráticas en todo o planeta, polo que é necesario que todos os ciudadans fagamos un esforzo encamiñado a non permitir no noso país, un paso atrás no exercicio das liberdades.



6. A crise económica pon en evidencia a irresponsabilidade do sistema capitalista en todo o concerniente ó medio ambente, pois en aras do “beneficio empresarial” están a quedar nun segundo plano toda unha serie de medidas que avanzaban na dirección da protección medioambental e a poñe-lo freo á acción depredadora do sistema. Os acordos de Kioto non foron firmados por parte da potencia máis contaminadora do planeta e moitos dos que o firmaron non o cumpren.


Por outra banda cada vez é máis preocupante o control alimentario que estan a exercer determinadas empresas transnacionais da alimentación, que se están a facer con toda unha serie de “patentes” de productos , e a aparición de alimentos transxénicos, que permite poñer nas súas mans a alimentación dunha parte do planeta



7. Crea dificultades ó proceso de restauración do capitalismo naqueles países, sobre todo na antiga URSS, onde se sustituirán por outro sistema económico distinto. Os cidadáns deses lugares constatan de cotío como o capitalismo é un sistema depredador, que lles deixa sumidos nunhas condicións de vida deplorables, que lles rouba as súas riquezas e desmantela e vende a mafias organizadas os máis importantes sectores produtivos.


Nestas condicións, a medio plazo, pode aumenta-la mobilización social, a agudización da loita de clases e converter a URSS nun novo foco de todo tipo de conflitos e incorporar a sectores sociais á marea da loita polo socialismo.



Para concluír unha dobre reflexión; en primeiro lugar o carácter da crise non permite a súa superación con políticas socialdemócratas; os sectores dominantes do capitalismo son conscientes, como xa planteou Carlos Marx no Capital, que só privando cada vez máis ós traballadores/as e pobos de dereitos de todo tipo, pode remontar o capitalismo o seu proceso de acumulación.


Os partidos que seguen a denominarse socialistas son tamén conscientes desta situación e por iso o dobre discurso según as circunstancias de ser oposición ou goberno; propostas socialdemócratas cando están no primeiro caso, e neoliberalismo cando acceden ó goberno.


A entraña da socialdemocracia e da teoría económica na que se sustenta, o keynesianismo, baséase na resposta positiva á “loxica do capital”; o Estado debe crea-las condicións idóneas, o “bón ambente”, para as inversións dos capitais privados nos momentos de expansión. Pero cando a “lóxica do capital”, pola caída da taxa de ganancia, necesita baixadas de salarios e reducción de costes, e rexeita as teorías keynesianas e a súa premisa fundamental de “crear demanda que o capital proveerá a oferta”, a socialdemocracia non esta disposta a defende-las súas posicións e cede. Consecuencia desta debilidade diante do poder capitalista é que a política socialdemócrata é posible mentres haxa inversión, mentres a oferta responda adecuadamente, pero cando non é así, e nos atopamos con deficits comerciais, inflación,etc,a socialdemocracia deixa de ser tal e “refúxiase” no neoliberalismo para poderse manter no poder.


Na realidade de hoxe, o papel do Estado, sempre en función do interese do capital, en vez de ser “crea-lo ambente” convértese en “busca-la rendabilidade do investimento”, e para iso recorre a baixar salarios, desestructura-lo mercado laboral e todas outra serie de medidas que coñecemos como neoliberalismo, perfectamente estruturadas desde o chamado “consenso de Washington”.


En definitiva os partidos socialistas queren por todos os medios garantir a existencia da sociedade capitalista, xa que na base da súa teoría atópase a defensa do tipo de propiedade existente, do interese privado por enriba de calquera outro, e na crenza de que o mercado é o máis beneficioso é o mellor para a sociedade: nestas circunstancias convértense, como noutras etapas da historia recente, nos instrumentos adecuados para desideoloxizar e despolitizar a amplos sectores dos/as traballadores/as, introducindo presupostos neoliberais, neste caso, na conciencia dos mesmos.


A segunda reflexión é que as forzas da esquerda crítica e alternativa, a que loita pola transformación e a construcción dunha sociedade distinta ó capitalismo, debemos encabezar, potenciar e organizar as loitas contra do mesmo e rexeitar toda política de alianzas de carácter estratéxico que nos deixe sen espacio político e social, que axuda a desideoloxizar a grandes sectores da esquerda; política de alianzas que nun momento determinado nos pode facer chegar ó goberno pero desde o que non imos poder desenvolver unha política de esquerdas, como teñen amosado todos estes anos desde as eleccións de xuño de 1977. A realidade é, que salvo contadas excepcións, en lugares nos que contamos con maiorías estables, pero moi pouco coñecidos para servir de exemplo, o noso paso polas institucións defraudou a quen nos votou pois convertémonos en prisioneiros das nosas alianzas.


Parece unha perogrullada pero o horizonte das forzas revolucionarias é preparar e pula-la revolución.


Sobre a mesma debemos ter claro algúns aspectos; en primeiro lugar que deberá ter un carácter mundial, aínda que a súa realización se faga en diferentes fases. Esta circunstancia obriga a un dobre traballo político, no interior do pais para crear as condicións obxectivas e o de solidariedade e axuda á revolución en calquera parte do mundo.


En segundo lugar a necesidade de construír unha organización comunista a nivel internacional, para dar resposta á globalización neoliberal en todos os lugares do planeta, sen que isto signifique a desaparición dos partidos de carácter estatal ou de nación, que deben recolle- las especificidades da revolución en cada pais. Ten chegado o tempo de finar coas diferencias entre sectores do movemento comunista, e os que nos consideramos como pertenecentes a esa corrente debemos face-los esforzos necesarios para ir superando as diferencias que atopemos no camiño.


En terceiro a imperiosa necesidade de redactar un programa de transformacións e avance cara ó socialismo, pois sen teoría revolucionaria non haberá revolución. Programa que debe ser resultado da análise científica da realidade.





En Lugo Xuño de 2003



CARLOS DAFONTE DÍEZ







































































miércoles, 14 de febrero de 2007

SOLIDARIEDADE CON DIONISIO PEREIRA

A todos e a todas:
A transición á democracia, que escomenzou coa morte de quen encabezara o
golpe fascista que puxera fin a IIª República, non rematou coa entrada en
vigor da vixente Constitución nin coa sucesión de eleccións e relevos en
gobernos (central e autonómicos) e outras institucións. A ferida provocada
polo levantamento franquista segue aberta, porque aquel proceso que nos
quixeron vender como exemplar non foi máis que un intercambio forzado
nunha situación de clara desigualdade. Os resortes do poder seguían nas
mans dos franquistas: eles pretendían obter unha cláusula de impunidade
mediante o noso silencio, a cambio de poder exercer as liberdades públicas
máis ou menos recurtadas.
Pero aquel medo que durante os anos da ditadura pechaba as bocas, non
podía por sempre seguir sendo o parapeto protector dos verdugos e dos seus
fillos biolóxicos e ideolóxicos. Co paso do tempo, agromou na conciencia
colectiva a necesidade de botar luz sobre os arrepiantes acontecementos
que comezaran coa Guerra Civil e aínda hoxe rebrotan. Neste punto, a
Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes "Verbo Xido", que
forma parte do colectivo "Sinhor Afranio", implícase na tarefa de
colaborar con quen investiga para sacar á luz todo aquilo que nos quixeron
agochar.
Para honrar a cantos cerdedenses foron asasinados ou sofriron a represión
de calquera xeito por defender os dereitos individuais e colectivos e á
República, levamos a cabo a instalación dun monumento na Ponte do Barco
(Pedre) na lembranza de dous canteiros asasinados naquel lugar; apoiamos
unha iniciativa do BNG, aprobada unanimemente pola Corporación municipal
de Cerdedo, de honrar a todas as vítimas da contenda sen distinción con
outro monumento -algo que, pasados varios anos, o Concello aínda non puxo
en práctica- ; homenaxeamos a un ilustre exilado fillo da nosa terra, Xosé
Otero Espasandín; dedicámoslle a edición das Xornadas "Terra de Tod@s" de
2006 á recuperación da memoria da represión franquista e nela percorremos
un roteiro dos lugares da memoria e participamos na edición dun libro,
titulado A IIª República e a represión franquista en Cerdedo, escrito por
Dionisio Pereira.
Tamén aplaudimos a decisión unànime da Corporación, tomada en abril de
2006, de retirar a rúa dedicada a un ex alcalde franquista, Manuel
Gutiérrez, e advertimos do perigo que supuña outro acordo tomado en nadal
do mesmo ano polo que, tan só cos votos do PP, revogaba o anterior,
provocando o sanguento paradoxo de que un sistema que se quere democrático
honre a quen participou no seu esfarelamento.
En pleno retroceso ás cavernas da historia, o atentado contra o monumento
de Pedre serviu para advertir dalgo que nós xa sabiamos: os herdeiros do
"Caudillo" non se resignan e acontecementos como o protagonizado polo
Concello de Cerdedo sérvenlles de combustible.
No entanto, quédanos a forza da palabra e a fortaleza que nos dá saber que
defendemos unha causa xusta. Todos escoitamos en voz baixa os nomes dos
represores, sabemos de propiedades que cambiaron de donos a punta de
pistola e a golpe de multas, de violacións, de testemuñas de asasinatos e
de torturas. Co paso dos anos foron morrendo case todos, pero a verdade
dos feitos é a mesma. Aos historiadores e historiadoras correspóndelles
plasmala en libros e outras publicacións, e así contribuír á tarefa de
cicatrizar unha ferida que aínda está aberta, para que a Guerra e a
represión se convertan nun capítulo da historia do que apender para que
non se repita.
Pero mentres que por escribir nun papel uns nomes, que foron mil veces
pronunciados en voz baixa polas vítimas da barbarie e que se sinalan como
presuntamente vencellados á represión, alguén poida ser procesado, como
acontece con Dionísio Pereira pola frase contida no devandito libro,
"Verbo Xido" dará un paso para expresar publicamente o seu respaldo, ó
tempo que solicita o de todos aqueles colectivos e persoas que traballan
polos mesmos obxectivos liberadores e defendan que a palabra nin mata nin
fere.
 
¡Pola liberdade de expresión!
 
 
En Cerdedo, a 11 de febreiro de 2007
 
 
Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes "Verbo Xido"


miércoles, 7 de febrero de 2007

PERANTE O FRACASO DA REFORMA ESTATUTARIA

AS BASES DEMOCRÁTICAS GALEGAS



A Xunta do bipartido tiña como un dos seus obxectivos centrais nesta lexislatura o de conseguir a reforma do Estatuto de Autonomía, reforma negada rotundamente pola Xunta de Fraga e o PP. Ao longo deste ano puxéronse na tarefa, as negociacións e as reunións; mesmo chamaron a determinadas forzas sociais, políticas e sindicais para lle dar un aspecto “democrático” ao proceso, excluíndo a maioría das entidades soberanistas.


O seu obxectivo era o de adecuar a relación da Galiza co resto do estado, sen tocar as bases e os marcos da Constitución do 78. Esta, e non outra, é a razon do fracaso da negociación do Estatuto.


Fronte á firmeza do PP, representante “lexítimo” e administrador dos intereses do aparello do Estado –da xudicatura, do exército, etc.- na Galiza, presentáronse duas opcións, cada cal máis feble, a do PSOE que, no fondo representa o mesmo cá do PP, e ten a mesma política cara á Galiza que o PP só que co “talante”, e a do BNG, que presentou a súa oferta de Estatuto de Nación evitando calquera referencia ao dereito de autodeterminación.


O que escondía esta proposta, é que unha nación só pode considerarse como tal, se exerce o seu lexítimo dereito á decisión, o contrario é converter o termo “nación” nun saúdo á bandeira. Nos feitos, a mesma reforma do Estatuto é unha negación da autodeterminación, ao substituír o dereito do pobo a decidir por unha negociación. O máis que faria o pobo sería ratificar, ou non, o negociado en segredo polas forzas políticas institucionais.


O PP entrou na negociación coa forza de quen sabe que no outro lado da mesa non hai firmeza, mais aceptación dos mesmos criterios que lles confiren forza: a prohibición constitucional do dereito a autodeterminación, e que, por iso, non tiñan a menor intención de sacar a poboación á rúa, para esixilo.


Ademais, os defensores da reforma, como poderían apelar á poboación se negocian ás súas costas, e, ademais, non ten que ver cos problemas que teñen. Na negociación falábase de moitas cousas, dos subsidios, das obras de infraestrutura prometidas, da parte de investimentos do estado na Galiza, da parte dos impostos que ficarían na Galiza, etc., falábase de como a burguesía “galega” apañaría un pedazo dos orzamentos estatais que cuantificaron en 8%.


E este diñeiro ía a obxectivos concretos: a grande polémica do transporte non eran os servizos de proximidades ou intercomarcais, mais o AVE; as deslocalizacións e a precariedade resolvíanse con declaracións xenéricas, para logo dicir que non podian facer nada “contra as leis do mercado”; na reindustrialización só se lles ocorre privatizar o estaleiro ferrolán de ASTANO; na saúde só saben manter a mesma política de precariedade e infrautilización dos servizos, fomentando desta maneira a saúde privada; no terreo impositivo, pelexan polas cotas que van ficar na Galiza dos impostos indirectos, IVE incluído, e non se lles ocorría propor a prohibición expresa da imposición indirecta e o estabelecemento dun imposto directo e progresivo (“que pague quen máis ten”).


Nestas condicións, o debate “nación si ou non” era nominalista, e non tiña nada a ver con intereses da poboación traballadora, que a vían lonxe da súa vida privada.



O fracaso do Estatuto pode parecer un retroceso no “autogoberno” da Galiza, pero nada máis lonxe da realidade. O fracaso da negociación do Estatuto é o fracaso de quen pretende vender a negociación cos PP e o aparello do estado como a maneira de alcanzar un maior “autogoberno”. Mais, chegar a 8% dos orzamentos non resolve os problemas centrais da pobacion traballadora galega e non resolve o problema da dependencia da Galiza dun estado centralista.


Escoller a suposta vía de menor resistencia, é dicir, a negociación cos inimigos mortais dos pobos, dos mesmos que petardearon o proceso basco, dos mesmos que envían tropas a medio mundo, dos que insultaron e desprezaron a Galiza cando a crise do Prestige, os que representan o estado herdado do franquismo, é escoller a vía do fracaso.


O verdadeiro “autogoberno” da Galiza, e dicir, o dereito á autodeterminación que lle permita escoller libremente o seu destino, depende de que a poboación traballadora sinta que é parte da súa loita contra a explotación e a opresión, que a faga súa e a defenda coa mobilizacion social, única maneira de romper a “firmeza” dos inimigos da liberdade dos pobos.


As BDG pensan que todos/as aqueles/as que defenden o carácter de nación da Galiza, e polo tanto o seu irrenunciábel dereito á autodeterminación, estean debaixo das siglas que estiveren, teñen que reagruparse e traballar neste camiño.



Galiza 29 de Febreiro de 2007



miércoles, 17 de enero de 2007

A CIDADE DA CULTURA



A consellería de Cultura e Deporte, logo de cuestionar a viabilidade da Cidade da Cultura, e de moito “pensar”, decideu manter a construccion do proxecto da Cidade da Cultura, para o que vai facer uns investimentos multimillonarios nunha obra que, agora, o sr. Feijoo din que “se lles foi a man” (a boas horas o dín, alguen tería que respostar polo feito).


O PP alabou a decisión de mante-lo proxecto. A Conselleria desminte, como non podía ser menos que a decisión sexa continuista, tanto no que fai o proxecto en si mesmo, como a forma de xestion.


O que PP din é que a Xunta, e Bugallo, mudou a súa posición, non só sobre a viabilidade da Cidade da Cultura, senon sobre como xestionala, sobre a base da iniciativa privada (as fundacions), o que se engade a "privatizacion" das servizos comerciais. E ten razon.


O final do “culebron”, sexa cultura "fraguista", (é dicer, folclorismo da pior especie), ou cultura "galega", quen vai a xestionar a Cidade da Cultura vai ser a empresa privada. Moi ben... o final, o fondo da question son os beneficios dos "emprendedores" ou máis coñecidos por empresarios.


Pois ben, centos de millóns de euros en investimentos publicos para que logo se lucren os chamados “emprendedores/empresarios”. A loxica da Bugallo/Touriño é exactamente a mesma ca de Fraga /Feijoo.


A cultura ou é do pobo, das rúas, e da xuventude ou non é.


E se vai a priorizarse a xestion privada dun suposto servizo publico -neste caso a cultura, noutros o transporte ou a sanidade-, a final, o que mandará non é a investigacion e a cultura popular, senon a "cultura culta", é dicer, os grandes nomes, que son os que dan diñeiro.


Iso sí, polo menos non se confundirá a Saramago cunha cantante (Esperanza Aguirre dixit, Sara Mago), ou unha cantata baseada no medievo (Carmina Burana), cunha cantante portuguesa.


Pero iso non é cultura, é pedantería.


Pd. Pensou a conselleira como chegar a Gaias dende Compostela e o resto das cidades de Galiza, ou iso o deixa a iniciativa privada?. Porque, hoxe, a Gaias só se chega dunha maneira, o automovil privado, pois que se saiba, non hai nin camiño de ferro de proximidades (iso é un tema prohibido na Galiza) ou, polo menos, bus.
Que lles vaia ben; pero novamente a Xunta bipartita só muda a Fraguista nas formas: nos contidos teñen o mesmo codigo xenetico, a defensa do neoliberalismo



Roberto Laxe