A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 9 de febrero de 2011

2011 ANO ELECTORAL


Carlos Dafonte

Este ano, no mes de maio, van ter lugar eleccións no estado español; autonómicas en todas as comunidades excepto Galicia, Cataluña, País Vasco e Andalucía e municipais nos máis de oito mil municipios do estado. Tamén, aínda que non por elección directa, vanse renovar as Deputacións Provinciais.
Son as primeiras eleccións desde a aceptación por parte do poder de estar mergullados nunha fonda crise económica, e temorosos dos efectos electorais de facer recaer sobre as costas dos traballadores asalariados as consecuencias da mesma, a grande maioría dos partidos políticos e os medios que crean opinión, se desgañitarán para convencernos que son eleccións moi importantes e que a nosa participación é fundamental, pois temen unha alta abstención.
E claro que é importante falar, discutir e facer balanzo en Galicia da actividade dos Concellos e Deputacións e nas autonomías onde se celebren eleccións autonómicas, do funcionamento desta institución; pero non nos enganemos, a proximidade das eleccións xerais do ano 2012, converten ás do mes de maio nunhas primarias, o que vai facer que se perda a perspectiva concreta. Os dous grandes partidos do estado xóganse moito; o PP sabe que non gañará as xerais do 2012 sen obter uns bos resultados no 2011 e o PSOE cavila que manténdose firme en Concellos, Comunidades Autónomas e Deputacións onde goberna, tería moito avanzado para non saír derrotado no 2012, ou sufrir unha “doce derrota”.
Por iso as maquinarias electorais dos dous grandes partidos do estado, van facer un esforzo tremendo para convencernos que o que fixeron ata hoxe, era o axeitado, non se podía facer outra cousa e só votando por un dos dous é como se van soluciona-los problemas
No tempo electoral a xente é mais receptiva ás mensaxes políticas; se lles crean expectativas, falsas, pero se lles crean, polo que considero que @s traballador@s de vangarda, enfrontados a como a maioría do chamado “arco parlamentario” tenta saír da crise, os movementos sociais, sindicalistas descontentos ca actuación dos sindicatos maioritarios ós que se atopan afiliados, e quen pense que hai que enfrontarse ca crise e co capitalismo que a xera dun xeito firme, sen concesións, deben xogar un papel relevante na campaña e precampaña electoral, denunciando e mobilizándose contra das actuacións de Concellos, Deputacións e Comunidades Autonómicas e contra os partidos que cargan sobre as costas da gran maioría da sociedade os efectos da crise.
E hai moito que denunciar e discutir da actuación destas institucións; comezando pola falla de participación veciñal nos Concellos; a privatización de servizos o que quere dicir maior custe dos mesmos; o urbanismo especulador que programa a cidade e os municipios pensando en quen so mira a posibilidade de gañar cartos, esquecéndose da necesidade de deseñar e construír un espazo para que a xente viva e se relacione mellor; a corrupción que asola numerosos concellos, deputacións, e comunidades autónomas, que posiblemente non sexa máis que a punta do iceberg de algo que é consubstancial a esta democracia, onde o control dos votantes sobre os elixidos non existe; o papel que xogaron concellos e deputacións nos consellos das Caixas de Aforros permitindo políticas a todas luces pouco beneficiosas para os impositores e a cidadanía e que levaron a estas institucións a unha situación de serias dificultades económicas; a contratación de multitude de asesores que moitas veces convértense nunha administración paralela e utilízase como un xeito de pagar favores ou premiar posicións a favor duns ou outros dentro dos propios partidos; para abrir de novo o debate sobre a necesidade das deputacións e o gasto de manter a súa existencia; podíanse transvasar presupostos e competencias ós concellos; a falla de financiamento dos concellos que dentro da UE -15 somos dos que xestionamos orzamentos máis cativos; etc.
Moitas dalgunhas das cuestións máis arriba sinaladas, representan un aumento do gasto moi importante para certas administracións; contratar “asesores”, privatizar servizos, a corrupción, o urbanismo ó servizo de intereses capitalistas espurios, etc, se fóramos capaces de cuantificalas, veríamos que representan cantidades inxentes de millóns de euros, que axudan a configurar o importante déficit que teñen determinadas administracións.
Cantos miles de millóns de euros se terán pagado en comisións por parte de empresarios a poderes municipais ou autonómicos? Alguén pensa que iso non vai ó cargo das arcas das administracións? Pode pensar alguén que un empresario que da comisións para obter un contrato non a carga no presuposto a realizar? Que fixeron os partidos maioritarios para poñer freo a esta sangría dos presupostos?. Nada ou case nada; cada vez que se coñece un escándalo que lles afecta, poñen cara de “xogadores de poquer” e din unha e outra vez, que se perseguirán esas actuacións, que se lles expulsará dos partidos, pero pouco máis. E a lei establece para estes delitos, como para a maioría dos económicos, tibias penas que moitas veces non quedan en máis que estar un tempo sen poder volver a ter un cargo público.
Tampouco debemos esquecer o marco económico, político e social no que se van a dar as eleccións do mes de maio; nunha fase de agudización da loita de clases, de crise económica xeneralizada, de loita dos pobos contra o dominio imperialista e as políticas neoliberais; no estado español se teñen aprobado decisións que golpean á maioría da poboación, a reforma laboral e das pensións por exemplo, e os concellos, sobre todo os concellos, deben comprometerse en levar adiante, como institución máis próxima ós cidadáns, políticas activas e loitar contra estas decisións aprobadas pola administración central coa complicidade en ocasións das burocracias que dirixen os sindicatos maioritarios. Hai que esixirlle ós concellos que tomen acordos contra estas decisións que non foron presentadas en ningún programa electoral e ó mesmo tempo que desenvolvan políticas activas para enfronta-la situación de crise xeneralizada que se vive en Galicia.
Unha vez máis, nestas eleccións non vai ser doutro xeito, xa se esta a xoga-la baza do bipartidismo. Perspectiva á que axuda moito unha lei electoral que deturpa as votacións. Ningunha persoa de esquerdas debe votar por ningún dos dous grandes partidos. E os de ámbito galego que axudaron ó PSOE nas Cortes españolas para aprobar presupostos antisociais por “catro moedas” que nunca chegaron, tampouco deben ser merecentes da nosa confianza.
¿Que facer pois co noso dereito a voto?. En ausencia de candidaturas unitarias que representen valores da esquerda comprometida en poñer fin ó capitalismo e abrir unha perspectiva socialista, inclínome polo voto en branco. Sei que outr@s persoas que pensan coma min, ou parecido, consideran que a abstención e a postura máis apropiada, pero nela, no cómputo total, mistúranse os que combaten e os que se atopan satisfeitos, os acomodaticios, e no voto en branco, por ser un voto que representa actividade, ir a votar, exercer un dereito que custou moito logralo, agrúpanse sobre todo @s que din “ningún de vos me vale”. É un voto de castigo.

En Galicia no mes de febreiro de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario