A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 20 de febrero de 2011

TUNISIA E EXIPTO AVANZADA DA LOITA POPULAR


Carlos Dafonte
A mobilización popular en Exipto, igual que sucedera en Tunisia, conseguiu que o ditador capitalista Mubarak, dimitira da xefatura do estado e abandonara O Cairo pero non o país. O movemento espontáneo das masas, conseguiu a maior das súas reivindicacións, que o tirano deixe de capitaliza-la vida política do país, pero, desapareceu a tiranía? Exipto deixou de ser unha ditadura?
Teño a impresión que neste caso, sacrifícase a un home enfermo, en fase terminal, por parte dos EEUU, Israel e en menor medida algún país da U.E., os garantes da ditadura estes anos, para preservar o estado represor capitalista, as principais estruturas do réxime e iniciar un proceso de “occidentalización”; é dicir permitir procesos electorais que non van poñer en cuestión o sistema político nin a economía de mercado.
Poderá o mobilizado pobo exipcio evitar todo este tipo de trampas e non permitir que os centenares de mortos e miles de feridos, torturados e desaparecidos, non se convertan nun sacrificio estéril?.
Creo que coma sempre, son @s traballado@s @s que teñen a última palabra. Nestes últimos anos amosaron un grao de combatividade extraordinario, a pesares da represión e dos sindicatos oficiais. Leváronse a cabo miles de folgas nos centros neurálxicos da economía capitalista, e foron ca súa actitude nestas mobilización de 2011, os que inclinaron a balanza. A convocatoria de folga xeral e a paralización das instalacións do canal de Suez por onde circulan todos os días máis de cinco millóns de barriles de petróleo, foron determinantes para a retirada do ditador.
A prensa capitalista fala de rapaces novos, procedentes de sectores burgueses e pequeno burgueses, como os que dirixiron todo o proceso convocando por internet; a xunta militar recibiu estes días a algúns deles, nunha táctica ben calculada para disimular o enfrontamento de clase das mobilizacións. Todos vimos nas televisións @s concentrad@s nos diferentes lugares, os enfrontamentos, e quen participaban eran xentes sinxelas, do pobo, proletarios en paro, xentes dos arrabaldes, moit@s del@s posiblemente analfabetos, o 48 % da poboación en Exipto, e só un 20 % aproximadamente ten acceso a internet. O que non transmitiron as televisións da U.E. foron as fábricas paradas, de armamento, de téxtil, da madeira, os milleiros de funcionarios que abandonaron o seu posto de traballo, os ferrocarrís e así un longo etc..Non debemos esquecer que nos últimos anos Exipto, grazas ás deslocalizacións converteuse nun país manufacturero, con importantes investimentos, non só da U.E. e EEUU, senón tamén de Rusia con varias zonas francas, de China, de Brasil, de Turquía.
Outro aspecto salientable é o cinismo político das “democracias occidentais”, as que se pregan ós ditados dos mercados e non escoitan o que pensan os seus votantes, que son como xa sinalei os indutores das ditaduras, e agora, diante das mobilizacións populares, cun cinismo inaudito, saúdan e felicitan o esforzo popular para liberarse do sistema que estas democracias apoiaron durante estes anos.
Trátase de seguir intervindo nos asuntos internos, prometéndolles hoxe axuda para percorre-lo camiño, que din debe ser curto, para chegar a consolidar un sistema dominado polos sectores sociais que dominaron ata o de agora, e as estruturas da ditadura. O que queren para eses países son ditaduras, así o amosaron estes anos, e a situación actual é un revés para os planos da U.E., Israel e os EEUU
A zona é para todas as potencias imperialistas, estratéxica, petróleo, canal de Suez, beira do Mediterráneo, e necesitan a “estabilidade dos cemiterios” para que as empresas sigan a facer os seus negocios e sobre todo para que os pobos non poidan opinar libremente, sobre un mellor reparto das inmensas riquezas dos diferentes países. Por iso manteñen a un “estado fallido”, o de Israel, para que actúe como xendarme.
Outro aspecto importante é, aínda que non se exprese en todo a súa magnitude, que a actual é unha mobilización contra o neoliberalismo e todas as súas estruturas FMI, BM, OMC, etc., que obrigan a políticas de axuste que sitúan ós pobos ó borde da miseria; Tunisia e Exipto eran felicitados por estes organismos pola aplicación das políticas neoliberais e a realidade é que o segundo creceu no 2009 ó 4'7 % e no 2010 un 5'3%, aínda que aumentaron os niveis absolutos de pobreza, hai máis polarización social, cada vez os ricos son máis ricos e os pobres máis pobres, hai unha proletarización crecente de capas e clases intermedias, unha expansión crecente da economía mergullada e leis laborais cada vez máis duras.
Por conseguinte son revoltas obxectivamente antiimperialistas aínda que tampouco se teñan manifestado como tales, pero é de esperar que a nova situación creada nestes países, faga a unha parte da poboación tomar conciencia, desde unha perspectiva de clase, das causas da situación na que viven e quen son os responsables.
Pero tampouco debemos esquecer que o ditador era un atranco, como era Franco ó final da súa vida, para determinados intereses capitalistas que nos últimos tempos racharan co réxime, así como para algúns xerais-empresarios que consideraban en perigo o seu dominio sobre determinados sectores económicos. Importantes capitáns da industria e os negocios como Badrawy, Sawiris, Aclimandos e Thabet, seguro que algo teñen que ver na caída do ditador e na actitude do exército.
Estamos nunha fase revolucionaria en Tunisia e Exipto?. Considero moi arriscado plantealo deste xeito. En Exipto o exército é o de Mubarak, que recibe cuantiosos millóns de dólares anualmente dos EEUU e é a columna vertebral do réxime capitalista e en Tunisia a administración, o exército, moito máis feble e menos numeroso que o de Exipto, o parlamento, os gobernadores, son os da ditadura, tamén o primeiro ministro e algúns ministros; a policía foi derrotada polo pobo que comeza a organizarse, xorden por todas partes “Comités de defensa da Revolución”, un embrión do dobre poder, elemento fundamental para consolidar e facer avanzar todo proceso revolucionario. Pero unha revolución, como xa sinalou Marx falando dos acontecementos de Francia de 1848, non se caracteriza pola clase dos que loitan e morren nas rúas e prazas. Se fora así, sempre estariamos a falar, desde a revolución industrial e a aparición do proletariado, de revolucións obreiras.
En Tunisia e Exipto as demandas das masas, ata o de agora, do que eu coñezo, carece dun programa que unifique as demandas dos oprimidos, dos explotados; os interlocutores do poder, que poucos cambios sufriu repecto ó que había cos ditadores, con toda seguridade serán sectores burgueses, ben nacionais ou transnacionais, e do islamismo moderado. Dificilmente as organizacións obreiras e populares terán “chance” se paralizan a mobilización.
É necesario organizar a solidariedade cas loitas destes pobos, entorpecer a axuda do goberno e da maioría dos partidos do arco parlamentar español ós restos das ditaduras. As loitas contra o neoliberalismo e o imperialismo se libran a escala planetaria e derrotalos en calquera parte do mundo é un éxitos para todos nós.

En Galicia nos mes de febreiro de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario