A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 25 de abril de 2011

EN DEFENSA DA SEGUNDA REPÚBLICA, PARA AVANZAR CARA A TERCEIRA.


Carlos Dafonte

Desde hai uns anos no mes de abril asistimos a dous procesos que se fan máis evidentes segundo nos afastamos da morte do ditador. O primeiro levado a cabo por grupos que din ser partidarios da República que lanzan proclamas, conmemoran o 14 de abril, alzan a voz as veces con firmeza e despois...ata o ano que ven.
Pero son de personaxes doutro tipo dos que quero falar e coido hai que combater; ós primeiros hai que atraelos a un labor diario pola república; ós segundos que paseniñamente foron gañando en confianza e valentía e desde hai uns anos, apoiados por importantes medios de comunicación, fundacións e pseudo historiadores, formulan descarnadamente unha crítica, desde un punto de vista de clase, aínda que o queiran camuflar como un proceso científico, sobre o período republicano, que vai calando ata en sectores populares. Defenden basicamente, pero non sempre é así, as posicións que sobre o mesmo tivo o franquismo.
Dous conxuntos argumentais son destacados por este sector; por unha banda a ilexitimidade da república, nacida ó calor dunhas eleccións municipais gañadas polas candidaturas monárquicas; a república veñen a dicir, xurdiu dun golpe de estado, e en segundo lugar argumentan, que foron os republicanos de esquerdas quen tiveron maior interese en destruír á república e poñen como exemplo, os intentos revolucionarios de 1934.
Comecemos polo principio. En 1868 lévase a cabo un proceso de mobilizacións que poñen fin ó reinado de Isabel II. Este proceso é dobre, un encabezado por sectores da burguesía representada polos partidos Progresista, Demócrata e Unión Liberal que asinaran o chamado pacto de Ostende, antiborbónico, que tentaba desprazar do poder o chamado Partido Moderado que o exercía dun xeito ditatorial; para acada-lo seu obxectivo utilizan as forzas armadas. Pero ó mesmo tempo hai unha mobilización popular, “con programa propio”, que se expresa na existencia de numerosas “xuntas” que aparecen por toda a xeografía do reino. Por iso o primeiro labor dos sectores da burguesía triunfante, foi disolve-las xuntas e reconducilo proceso. Ábrese deste xeito o que se coñece como o “sexenio democrático ou revolucionario”, segundo que historiadores.
A volta dos Borbóns, que abre o período coñecido como “a restauración”, é resultado do golpe de estado do xeral Martínez Campos en decembro de 1874, e a constitución de 1876 a que os lexitima como unha monarquía constitucional parlamentaria.
Polo tanto o apoio de Afonso XIII ó golpe do xeral Primo de Rivera en 1923, e o feito de deixar sen efecto a constitución, sitúa á monarquía na ilexitimidade. As eleccións municipais convocadas polo almirante Aznar para o 12 de abril de 1931, convértense nun plebiscito sobre a monarquía; iso hoxe non o pode dubidar ninguén. E aínda que os monárquicos sacaran máis concelleiros, os republicanos sacaron máis votos; gañaron na grande maioría das cidades, nas zonas industriais e onde había a maior actividade política e económica, onde a xente era máis libre para votar. Os monárquicos, na “España profunda”, nas zonas rurais, onde os caciques seguían a manipula-los resultados electorais o seu antollo.
Coa república vólvese á lexitimidade, que é expresión da vontade popular, e o estado español entra por primeira vez na modernidade e sitúase decididamente na Europa democrática.
O contexto no que nace a república, non era o máis favorable para unha experiencia deste tipo. O estado atravesaba unha crise económica e institucional moi fonda, resultado das políticas demagóxicas da ditadura, en plena crise mundial dos anos trinta e en pleno asentamento do nazi-fascismo, en diferentes países, fórmula empregada pola burguesía mundial para facer fronte ó ascenso do movemento obreiro, cuestións que esquecen moitos dos críticos da república.
En 1933 Hitler accede ó poder en Alemaña, en Portugal xa existía a ditadura de Salazar, a Italia fascista desde os primeiros da década dos vinte, e desde o primeiro momento as clases dominantes e a Igrexa opóñense ó cambio de réxime dun xeito activo e as veces violento; fúndase a Falanxe en 1933 e Renovación Española o partido fundado por Calvo Sotelo, un prohome da ditadura primorriverista, establecía no seu programa o golpe de estado como un camiño posible para acceder ó poder. Golpe que se materializa en 1932 e cuxas cabezas son as mesmas que o levan a cabo en 1936, xunto cunha importante trama civil, que os dirixentes da república non quixeron castigar.
Tamén en 1933 nace a Unión Militar Española, onde se agrupa o máis granado dos militares golpistas, e a CEDA, o partido máis importante da dereita española, con discursos dalgúns dos seus líderes e prácticas por parte das súas mocidades, moi próximos ó fascismo.
Nesas circunstancias, prodúcese a derrota dos sectores reformistas en novembro de 1933. A división no campo da esquerda, a chamada á abstención da CNT, o maior sindicato con máis de 1 millón de afiliados, poden ser as causas.
A entrada no goberno da CEDA, con todo o seu programa de contrarreformas e cambio constitucional, en 1934, é o que levou á insurrección popular do mesmo ano, que non se produciría se amplos sectores da sociedade non considerasen factible a perda das liberdades e o avance cara a un sistema autoritario. Polo tanto os sucesos de 1934 non hai que analizalos como un ataque contra a legalidade republicana, senón como a defensa desa legalidade que as dereitas desde o poder estaban a poñer en cuestión. Tratábase dunha verdadeira “pinza” entre sectores fascistas e golpistas monárquicos, xunto con forzas que chegaban ó poder pero que non eran republicanas, a CEDA, e os que chamándose republicanos só querían o poder para beneficio propio, Lerroux. Por iso é moi importante non descoñece-lo contexto no que chega a república, de incremento da loita de clases, para explicar algún dos acontecementos, que fora de contexto, poden ser manipulados.
Para finalizar, o debate ideolóxico sempre é un compoñente fundamental na loita de clases; as forzas da dereita tanto as conservadoras como as progresistas, tentan impoñer un modelo de explotación, dentro do sistema capitalista, que enterre definitivamente o que xorde despois da segunda guerra mundial, baseado no pacto social e que coñecemos como políticas socialdemócratas. As primeiras escaramuzas deste proceso comezan con tres destacados líderes da reacción, Reagan, Thatcher e o papa Wojtyla. Agora a carón da crise queren remata-la faena contra @s traballador@s asalariad@s do que denominan “primeiro mundo”, infrixíndolles unha derrota que, durante moito tempo, non permita unha resposta organizada, contra das políticas que defenden os intereses das clases dominantes.
Os ataques contra da teoría revolucionaria, o marxismo, e contra da memoria das loitas da clase traballadora do estado español, forman parte desta estratexia, que se concreta, entre outros aspectos, nos ataques contra a república e a resistencia popular á chegada do fascismo ó poder. Tentan por todos os medios deturpar toda o que sexa resistencia, loita, unidade d@s traballador@s. Facernos crer que o esforzo e o sacrificio de decenas de miles de antifranquistas non valeu para nada; que tanto a defensa da república como a resistencia fronte a ditadura foron un fracaso e unha equivocación. A operación ten gran calado, e a resposta por parte dos sectores de esquerdas debe ser contundente.

En Galicia no mes de abril de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario