A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 20 de abril de 2011

RESCATES: A OLIGARQUÍA SOLUCIONA OS SEUS PROBLEMAS, A CLASE TRABALLADORA PAGA.


Carlos Dafonte

Todos os países menos un, Spain, que se agrupan baixo o acrónimo de PIGS, porcos en inglés, e indicaba a aqueles cuxa situación económica era moi grave, que necesitarían en breve espazo de tempo ser “rescatados” pola U.E., van cumprindo a previsión. Primeiro foi Grecia, máis tarde Irlanda, agora Portugal, Spain para cando?.
Diante desta situación debemos reflexionar sobre aspectos que me parecen fundamentais. En primeiro lugar sobre as causas que xeran a situación que leva a un goberno a solicita-lo rescate e en segundo que se rescata e a quen.
Por que Grecia, Irlanda e Portugal tiveron que pedir axuda?. Os medios, numerosos políticos e expertos, sempre o diremos, incapaces de predici-la crise, explican que estaban a punto de quebrar, que o déficit orzamentario era grande, así como a débeda exterior e que os “mercados”, e dicir a burguesía transnacional financeira, os bancos, os especuladores de toda laia, prestábanlle ó país cartos a un alto interese e facíase imposible o pago cos intereses correspondentes. E o interese era tan alto a causa do déficit interior de cada país, o que facía sospeita-los “mercados” que nalgún momento non poderían pagar; e xa se sabe, canto máis risco asumen os prestamistas, maior interese se esixe.
Están ademais as “axencias de cualificación”, moi ligadas a intereses especulativos, financeiros. Descoñezo a razón da súa existencia pero si o seu papel de estar ó servizo destes emporios; ós comezos da crise, moitas destas axencias proclamaron que determinadas entidades “gozaban de boa saúde”, Lehman and Brothers, por exemplo, cando a realidade era que estaban na quebra ou cualificaban moi alto as “hipotecas subprime” e néganse, por exemplo, a rebaixar, que sería o lóxico a débeda de EEUU; a pesares destes “pequenos erros” gozan de “grande prestixio” e indican, descoñécese como chegan as súas conclusións, se un país pode ou non pagar. Atopámonos diante dun armazón posto ó servizo da especulación, para seguir arrincando por calquera medio, maiores cotas de plusvalor @s asalariad@s.
E falábamos do déficit público, que é resultado do desaxuste entre gastos e ingresos; maiores os primeiros que os segundos.
A realidade dos tres países ata o de agora rescatados é similar en varios aspectos; os impostos que pagaban os sectores máis poderosos da sociedade minguaron nestes anos, igual que no estado español; os gastos sociais son dos máis baixos da U.E., igual que no estado español; os traballadores asalariados traballan máis horas mensuais con salarios máis baixos, igual que no estado español.
No caso de Grecia, ten un gasto militar moi elevado, en proporción dos maiores da U.E., e curiosamente moitos dos países que lle venden estas mercadorías inútiles, son dos máis críticos co que chaman a dilapidación grega.
A pesares desta realidade obxectiva, desde os medios e desde os gobernos, achácanlle o déficit orzamentario ós servizos públicos de carácter social, polo tanto si se lle quere poñer remedio a esa situación, desde os gobernos e os “gurús económicos” nos din que compre gastar menos en servizos e privatizar unha parte dos mesmos, pois a administración pública é pouco eficaz; e se rebaixamos dereitos laborais, conxelamos salarios e pensións, e soldos a funcionarios, temos parte da receita para saír de crise en marcha. Alguén pode crer hoxe despois do que coñezamos a responsabilidade das políticas neoliberais e do sector privado na actual crise, que se podan facer as anteriores afirmacións?.
Os tres países rescatados ata o de agora, son entre outros, dos que converteron a débeda privada do sistema bancario a consecuencia da mala xestión, do aventurerismo dos seus xestores, que por enriba se poñen soldos e pensións estratosféricos, en débeda pública, o que fixo reducir a capacidade das finanzas públicas para manobrar diante da crise; tamén restou capacidade no caso do estado español, as medidas do goberno tomadas nos primeiros momentos da crise, que tiveron efectos contrarios, xa que non foi capaz, ¡vaia dirixentes políticos!, de analizar a fondo a situación de febleza da economía, dos seus sectores, estruturas, e a gravidade da crise.
A reforma fiscal do ano 2006, a eliminación do imposto de patrimonio, a rebaixa do IRPF ós máis poderosos economicamente, as SICAV, a rebaixa no imposto de sociedades, etc., foron adelgazando a recadación, ó tempo que programas militares moi cuantiosos en avións, fragatas, tanques e o incremento das aventuras imperialistas que levan ó exército e forzas de “orde público” a participar en máis dunha ducia de misións no exterior, as axudas a bancos e caixas, sen levar os culpables diante dos xuíces, son verdadeiramente os elementos responsables do déficit público e da nosa cativa solvencia.
Chegada a hora do rescate, sempre se di que tal o cal país foi rescatado, pero iso é certo?; estase a rescatar ó conxunto das economías de cada un dos seus habitantes ou a economía das clases hexemónicas da sociedade, da clase dominante? Creo que despois do acontecido, non hai dubida algunha de que rescátase ós máis poderosos, e pagan o prezo do rescate, o resto da sociedade. Todas as medidas tomadas ata o de agora na U.E. teñen ese obxectivo; coa crise vemos na práctica o que verdadeiramente son acordos como o de Maastricht e o que representa para as clases populares a construción desta Unión Europea afastada do pobos, mellor dito, edificada contra os traballadores asalariados e o servizo das súas oligarquías.
Haberá que rescatar á oligarquía do estado español?. Este goberno puxo a súa disposición enormes cantidades de diñeiro e as reformas dos últimos meses, que non se discutiron na sociedade, son garantía de que a grande maioría paga as débedas da minoría explotadora.

En Galicia no mes de abril de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario