A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 6 de abril de 2011

RODRÍGUEZ NON SEGUE, TEN ALGUNHA IMPORTANCIA?



Carlos Dafonte

Alguén dubidaba que o presidente do goberno, Rodríguez, ía renunciar a seguir sendo candidato nas próximas eleccións xerais?. Durante meses este tema menor, foi a estrela dos medios de comunicación; unha das cortinas de fume empregadas para dedicar menos espazo  á crise económica, as propostas do goberno e os seus efectos desvastadores sobre amplos sectores da sociedade.
Clarexado este aspecto, agora a maior parte dos medios, apréstanse a ocupar a maioría dos espazos informativos cas cábalas acerca de quen vai ser o sucesor ou sucesora  de Rodriguez. Como se a alguén lle importara este aspecto. Distinto sería que houbera algún candidato que ofrecera unha política económica distinta,  no senso de cargar o peso da crise sobre as costas dos máis poderosos, os artífices da mesma, pero todo o que ofrecen os dous máis barallados nos medios é manter a mesma política e afondar nas reformas, que tanto satisfán ós grupos empresariais cos que se xunta  o goberno na Moncloa.
Os gobernos de Filipe González, de 1982 a 1996, tiveron, entre outros,  como eixo político fundamental a cooptación de importantes sectores do movemento obreiro e popular para as políticas neoliberais; lembrade, os que tedes unha certa idade, as constantes afirmacións como  “esta é unha política de esquerdas” ou o “é a única posible” que repetían constantemente con gran eco nos medios de comunicación; quen se opuxera a estas políticas recibía cualificativos de “iluminado”, de  “estar fora da realidade” ; ademais o PSOE e os grupos mediáticos que lle son afíns, fixeron todo o posible para crear problemas internos dentro das organizacións que combatían e mobilizaban contra as políticas dos gobernos “filipistas”;  como tamén era moi de esquerdas renuncia-lo marxismo, manternos na OTAN, entregarnos atados de pes e mans á U.E, ou pactar cos nacionalistas cataláns e vascos cando o podía facer con IU.
O ciclo dos últimos oito anos do goberno PSOE, deixa ben claro algo que era clamoroso nos gobernos de González, pero  do que moit@s non se quixeron convencer a pesares das evidencias, que o PSOE é un partido burgués, que defende intereses minoritarios, dos sectores máis poderosos da sociedade e que sempre goberna cando a situación esta moi deteriorada e require dunha forza que na conciencia colectiva de amplos sectores da sociedade a considera“de esquerdas”, para levar adiante unha política de dereitas e imperialista, agresiva no exterior, coa menor mobilización posible.
Nesa perspectiva de estar ante unha forza política que nas circunstancias actuais vai facer todo o posible para que quen os apoia con cartos e medios informativos, os grupos empresariais máis importantes,  recuperen a taxa de ganancia, pouco pode importar quen substitúe a Rodríguez; sabemos, podemos asegurar, que quen o faga, de gaña-las eleccións no ano 2012,  seguiría ca mesma política económica, de recortes sociais e de restricións de dereitos políticos no interior,  e no exterior, participando das aventuras imperialistas dos EEUU e a U.E. . Para mostra temos todas as reformas levadas  a cabo contra os traballadores asalariados e xubilados, as reformas fiscais que rebaixan  impostos ós máis ricos, quítanlles outros e permítenlles eludir o pago na maioría das veces recorrendo a artificios financeiros e a aplicación da lei de partidos e o constante emprego da violencia por parte do estado para calar calquera tipo de crítica contra das súas actuacións. E podíamos seguir falando das Caixas de Aforros, das privatizacións anunciadas, das intervencións militares en Libia, Afganistán, Haiti, por poñer só tres exemplos onde intervén o exército, defendendo intereses que nada ten que ver cos da grande maioría do pobo do estado.
Pero que ninguén espere absolutamente nada do partido da alternancia, o PP. A corrupción domina a maioría das institucións que goberna e a súa política económica e exterior en nada se distinguen das do PSOE.  Segue a ter nas súas filas, aínda que o neguen sistemáticamente, firmes defensores do franquismo, un réxime autoritario, feixista, que empregou o terror contra os seus adversarios; moit@s dos seus dirixentes defenden posicións moi próximas a ese grupo ultraconservador dentro dos republicanos estadounidenses, que se coñece coa denominación de”Tea Party”. De gañar o PP, algúns aspectos progresistas acadados grazas a loita e a mobilización de numerosos colectivos, poderíanse ver recortados.
E a chamada “esquerda institucional” esta desaparecida, desestructurada, sen programa, sen discurso; despois de oito anos apoiando no parlamento español, en moitos municipios, deputacións, e parlamentos autonómicos, políticas e orzamentos antisociais. Tamén por cingui-la súa sorte a cúpulas sindicais que traizoan os intereses dos afiliados. Agora é moi difícil rectificar, e cando se intenta facer non se ten credibilidade, sobre todo cando se amosa unha grande desorientación e afirmase que “hai que obrigar ó PSOE a xirar á esquerda”, Cayo Lara dixit.
O necesario cambio de rumbo que ninguén o espere como resultado da formación de novos concellos, deputacións e parlamentos autonómicos a partires do 22 de maio, ou de novas maiorías nas cortes do estado o ano próximo. Hai que perder toda esperanza. O sistema que xerou a transición política amosa nestes tempos, por se non estaba claro, o seu contido de clase, ó servizo de qué intereses actúa; podemos afirmar que non defende os intereses da maioría; é un sistema que en momentos de expansión económica, os menos, reparte algunhas migallas para a maioría que resgatará con intereses nos momentos de recesión económica que son maioritarios. A quen crea a riqueza, os asalariados, a clase obreira, sempre se lle esixen sacrificios; en etapas de crecemento para que a economía siga crecendo e nas que a economía non crece, para que comece a facelo. Conclusión, @s traballador@s non debemos esperar nada das forzas políticas da burguesía.
En Galicia nos últimos tempos, así como en outros territorios do estado español,  estanse a dar confluencias políticas, contactos de moi diverso carácter, aparecen tamén movementos de protesta espontáneos, aínda a nivel moi primario, pero que reflicten a necesidade de dar unha resposta a unha situación que golpea a unha grande maioría da poboacións.
Só a acumulación de forzas, a organización e un programa verdadeiramente alternativo, permitirá levar adiante a mobilización necesaria para cambialo rumbo.

En Galicia no mes de abril de 2011.

No hay comentarios:

Publicar un comentario