A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 20 de enero de 2012

NA MORTE DE FRAGA





Carlos Dafonte

Para os da miña xeración, os que estamos na sexta década, Fraga e franquismo están intimamente unidos. Non houbo ademais, nos anos transcorridos desde que morreu o ditador, nada que Fraga fixera que nos axudara a cambiar de opinión.
Escoitando agora, unha vez morto, algunhas valoracións que se fan sobre a súa persoa, a súa actividade política e demais aspectos da súa vida por parte de políticos, periodistas e xentes da rúa, algunhas de carácter laudatorio, non me queda máis que pensar na fraxilidade que ten a memoria humana ou a incapacidade, o medo de moit@s a saír do rebaño, a singularizarse, a ir contracorrente. ¿Ou se trata dunha campaña perfectamente orquestrada para, unha vez máis, falsificar a nosa historia pasada?

Fraga foi calquera cousa menos un demócrata e non é certo que fixera unha grande contribución á instauración do réxime democrático. Como deixou claro ca súa participación no goberno Arias Navarro, pensaba na posibilidade dun “franquismo sen Franco” e por non comprende-la situación política despois da morte do ditador, por manter unha actitude intransixente, ditatorial, fronte a unha grande parte do pobo mobilizado que loitaba pola democracia, por un cambio de sistema, chegou a poñer en perigo ata a supervivencia da monarquía; ó monarca non lle quedou máis remedio que desfacerse de Arias e Fraga e dar un paso adiante con Suárez.
E actitude de Fraga seguiu orientada en poñer atrancos ó proceso, en facelo retroceder, xuntándose máis tarde con Silva Muñoz, Fernández de la Mora, Licinio de la Fuente, López Rodó, Thómas de Caranza, etc, un grupo de franquistas a quen se coñeceu como “os sete magníficos”, embrión da Alianza Popular,  dos que non hai máis que ler o seu programa, para comprender cal era o seu concepto de democracia.
A súa participación na Comisión Constitucional non foi máis que un paso táctico, que tiña o obxectivo de recortar, de poñer atrancos, máis que o de conseguir un texto avanzado que solucionase os problemas históricos que se arrastraban.

Tampouco é certo que Fraga xogara o papel de atraer ós franquistas ó xogo democrático, iso foi o que fixo Suárez; Fraga fracasou estrepitosamente en atraerse o que chamabamos o “bunker”, os franquistas máis irredentos, cara a posicións máis abertas; o 23 de febreiro de 1981 é a testemuña deste fracaso.
E durante toda a súa vida actuou como un autócrata, un personaxe autoritario, así é como sempre exerceu o poder, aínda que agora a esa actitude se lle chame “carácter volcánico”; non ten nada que ver unha cousa con outra, pódese ter un carácter moi forte e ser demócrata, escoitar ós demais, pular os organismos partidarios onde cada militante poda exercer os seus dereitos;  pero ese non foi o caso de Fraga; ata o propio partido que crea, reflicte a imaxe do Movemento Nacional franquista, onde as opinións do xefe atópanse por enriba de todas as demais e goza  incluso do dereito a nomear a quen o vai  substituír. Como no franquismo, todo debe estar “atado e ben atado”. Filipe González chegou a dicir que Fraga tiña todo o “estado na cabeza”, de ser así, hai que matizar, que  non era un estado democrático.
Sería interesante coñece-los motivos e onde se xestou toda a operación que leva á dimisión de Suárez, a voadura do seu partido, a UCD, e a  consolidación de Fraga, que non era máis que un franquista en declive, grazas a importantes  apoios mediáticos, económicos e políticos, a configurarse como o “gran lider da dereita española”. Tamén o sería  coñece-los compromisos por el aceptados, xa que por non ter chegado á presidencia do goberno, nunca tivo a posibilidade de levalos adiante.
E finou sen ter feito autocrítica polo seu pasado e sen pedir perdón ás vítimas do réxime franquista, que utilizaba o terror dun xeito sistemático contra todos os seus opositores.

En Galicia no mes de xaneiro de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario