A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 16 de enero de 2012

NOVO GOBERNO, NOVAS AGRESIÓNS CONTRA OS TRABALLADORES

Carlos Dafonte

Leváronse a cabo o debate de investidura e a creación do goberno do PP,. nun momento difícil para @s traballador@s do estado, posto que todo indica que nos atopamos no comezo dunha nova etapa recesiva, dentro do contexto de crise, froito das políticas de austeridade levadas a cabo polo presidente Rodríguez e esixidas pola U.E; políticas que frean o consumo interno e o investimento público. A entrada de novo en recesión vai significar máis paro e polo tanto maior sufrimento para a clase traballadora.
No debate non se resolveu ningún dos baleiros deixados na campaña electoral, que foron moitos, respecto, non as intencións do PP, tod@s as coñecemos por moito que as agachen, senón ós prazos nos que as van levar adiante.

No discurso de Rajoy, como na campaña, todo foron vaguidades, a espera de que se celebren, penso, as eleccións andaluzas. Só deixou claro polo de agora, que se lle vai facer perder capacidade adquisitiva ós millóns de pensionistas e que o mesmo vai acontecer cos funcionarios. Subirlles ós primeiros un 1% cando a inflación é maior, quere dicir que ca pensión actual, a unha grande parte dos mesmos se lles continúa facendo deslizar a unha situación de pobreza. En canto os segundos que levan varios anos perdendo poder adquisitivo, o PP como con anterioridade fixo o PSOE, parece querer sinala-lo colectivo, como un dos causantes da crise, polo que merece ser castigado no seu soldo e reducindo o colectivo. A CEOE e algúns medios de comunicación, falan de que é un colectivo sobredimensionado, cando a realidade é que se houbera moitos funcionarios, cousa que non é certo, por exemplo en relación á U.E. máis rica, a UE-15 á que pertencemos, nunca sería por razóns atribuíbles ós propios funcionarios.
+ Outras medidas que se anunciaron no debate, sen concretar nada, foron unha nova reforma laboral, a reestruturación financeira  e a da administración, polo que é licito pensar, que na primeira levarán adiante as medidas que esixe a CEOE, que non contrata, din os seus dirixentes, polas “rixideces do mercado”, cando contan con 43 tipos distintos de contrato que se foron aprobando segundo as necesidades que a propia organización empresarial foi expresando e esixindo nestas décadas.
O que a patronal quere en realidade é o despido máis libre que o actual, sen indemnización algunha, e o “descolgue” dos convenios, e dicir que podan actuar ó marxe do convenio do sector que é un xeito de defende-los traballadores das pequenas empresas que teñen pouca capacidade de presión, polo que o mercado laboral se converterá nuns “reinos de taifas”, completamente desregulado, onde os empresarios poidan face-lo que lles veña na gana. Nese senso premeron e conseguiron tallada co PSOE e seguirán premendo e conseguindo talladas co PP.
A reestruturación financeira consistirá, aínda que o disfracen con outras verbas, en seguir entregando cartos ós bancos a baixo interese, para sacalos da creba na que os meteron os seus dirixentes, por certo ningún se sentará diante dun xuíz, cartos que estas entidades en vez de servir para facilita-lo creto a quen o necesita, lles servirán para facer préstamos ó estado a interese alto; e o segundo piar  será  regalarlles caixas de aforros par “facer máis competitivo” o sector.
Hai que dicir que o estado español avalou ó sector financeiro en cerca de 280.000 millóns de euros, aval que debilita a súa posición diante dos “mercados” e fai aumenta-la “prima de risco”; por enriba de burros mallados.
E a terceira grande reforma, a administrativa, seguro que tenta seguir adelgazando o estado, baseándose nunha falacia, que son demasiados os funcionarios existentes, co obxectivo de privatizar sectores importantes do chamado “estado de benestar”. Nesta campaña de facernos crer unha realidade inexistente, xoga un papel moi importante a patronal, cas súas constantes alusións “ó enorme, mastodóntico e ineficaz” estado español ou á necesidade de austeridade.
A realidade da patronal española e que é defraudadora, posiblemente a que máis defrauda da UE, os técnicos do  ministerio de Facenda consideran que as empresas do IBEX, todas dentro da CEOE, defraudan sobre 90.000 millóns de euros ó ano e cobran outros 30.000 millóns de subvencións. Tamén podíamos falar dos constantes escándalos no que se ven involucrados empresarios da maioría das comunidades, que son detidos por participar en redes de branqueo de cartos, fraudes, negocios sucios, etc. A patronal española, por vergoña,  debía estar calada, pois non é quen de esixir nada a ningún sector da sociedade.
E dicía que é unha falacia falar do elevado número de empregados públicos, pois a taxa de emprego público do estado con relación á poboación activa é do 12,9 %, cando entre os estados que mellor soportan a crise e que menos paro teñen, dos máis ricos  da UE-15, Dinamarca por exemplo ten un 31,8 % de emprego público sobre poboación activa e unha taxa de paro do 7,4 %; Suecia un 26,4% e un paro do 8,4 %; Finlandia 25,1% e un paro do 8% e Francia ten un 24,3  %  sobre poboación activa e un paro próximo o 10%. Podémoslle engadir a Holanda con máis do 28 %, o Reino Unido que sobrepasa o 20% e Italia co 14%. Pero se a todos estes países se lles obrigara a ter un 12,9 % de empregos públicos sobre poboación  activa, como ten o estado español, todos terían cifras de paro que superaría o 20 %. Neses países, e estamos a falar dalgúns dos que teñen un “nivel de vida” maior, os empregados públicos, en tempos de crise xogan un papel dinamizador e de cohexión social moi importante. No estado español dos 2.636.900 empregados públicos, 1.587.011 son funcionarios de carreira e o resto persoal laboral ou teñen outro tipo de contratos.
Algunhas palabras sobre o goberno do PP, elixido por Rajoy; é curioso, un goberno de neoliberais pero cheo de funcionarios por oposición que gaban constantemente á empresa privada; Rajoy é rexistrador da propiedade, a vicepresidenta avogada do estado, o mesmo que Arias Cañete, Ana Pastor funcionaria de saúde, Gallardón, fiscal, Jorge Fernandez inspector de traballo, Luis de Guindos e Soria, economistas do estado, Montoro senón estou trabucado, funcionario de facenda; en total dez de catorce, opositaron, son funcionarios, non son “emprendedores”, nin se sentiron estimulados pola iniciativa privada; é curioso.
E hai dous que destacan, desde o meu punto de vista, sobre os demais, Luis de Guindos nomeado Ministro de Economía, antigo dirixente de Lehman Brothers para España e Portugal, o cuarto banco de inversións do mundo que quebrou en setembro de 2008 cun “burato” de máis de 600.000 millóns de dólares. Sería interesante aclarar, investigar, que pasou nesa quebra. ¿senón foron capaces de defende-lo seu banco, vai ser capaz de sacar a economía do estado da actual situación?, hai que recoñecer que é inquietante o nomeamento; como tamén o é que o Ministro de Defensa sexa Morenés, un home moi ligado a industria do armamento; foi conselleiro de INSTALAZA a empresa que fabricaba as “bombas de racimo” e cando o estado español asinou o convenio para poñer fin a este armamento, a empresa reclamou ó estado máis de 40 millóns de euros; presidente executivo da empresa europea de mísiles MBDA; forma parte do consello de administración da empresa guipuscoana SAPA, fabricante de carros de combate. A Morenés se lle sinala como o responsable, desde a Secretaría de Estado de Defensa, cargo que ocupou nos tempos da presidencia de Aznar, outro opositor, inspector de facenda, de ser o culpable da débeda impagable do ministerio, de arredor de 30.000 millóns, a causa da compra de armas. ¿Necesitábanse ou comprábanse pola súa ligazón cas fábricas?.
As primeiras medidas tomadas polo goberno do PP, son demagóxicas; non aumentan o IVE e si o IRPF, que é “mais xusto”, dixo a vicepresidenta, pero a realidade denunciada polos Técnicos do Ministerio de Facenda e que a suba vai afectar sobre todo ás capas medias e baixas da sociedade; as rendas inferiores ós 33.000 euros anuais, que aportarán 2065 millóns de euros anuais e os que gañan máis de 300.000 euros ano, 465; ós primeiros aféctalles ó desenvolvemento da súa vida cotiá, vailles facer máis difícil chegar a final de mes, moitos deles pensionistas, ós segundos sobre o seu aforro, que non é o mesmo. O ive o aumentarán pasadas as eleccións andaluzas. En calquera caso non cumpriu o compromiso electoral de non subir impostos.
Atopámonos cunha nova agresión contra a clase traballadora, continuación das medidas tomadas polo PSOE nos seus sete anos de goberno, colectivo que é quen esta a pagar os “pratos rotos” da crise
Estes mesmos técnicos afirman que aumentando o imposto de Sociedades nun 5%, permitiría recadar case todo o que estima o goberno pola inxusta vía do IRPF, e si se modificasen as SICAV, un “coadoiro do fraude das grandes fortunas”, ou se iniciase con determinación a loita contra “economía mergullada”, que representa un 23,3 % do PIB, máis de 245.000 millóns anuais, estaría solucionado o problema do déficit público.  Eu engado, sendo menos xenerosos coa Igrexa católica.
Neste senso hai que dicir que a patronal sempre di que o imposto de sociedades é moi elevado, que o modelo irlandés,... etc. A realidade é que despois de exencións, no estado español, págase menos que en Irlanda
Pero non esperemos dun goberno oligárquico medidas contra o sector da sociedade que representa, espero que moit@s traballador@s que os votaron o 20 de novembro, vaian aprendendo e sacando conclusións. Só a firmeza e a mobilización da clase, poden parar esta agresión permanente.

En Galicia no mes de xaneiro de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario