A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 29 de agosto de 2012

A PROXIMIDADE DO PROCESO ELECTORAL E A CREACIÓN DA SIRYZA GALEGA"


Carlos Dafonte

O Partido Popular anunciou o adianto das eleccións ó Parlamento galego para o día 21 de outubro, coincidindo coas eleccións no País Vasco. Dixeron que o fan así, só pensando en Galicia e nos galegos e galegas, pero todos pensamos que hai outras razóns para aprobar esta medida. En primeiro lugar o deterioro social e económico producido polos acordos tomados polo goberno central, que contaron co apoio incondicional da organización de Galicia; temen que canto máis tempo pase e as repercusións das políticas do PP, deterioren aínda máis a situación d@s asalariad@s, máis custoso lles vai ser obte-la maioría absoluta. Non teñen confianza en que as medidas que aproba o seu partido desde o goberno central, melloren a situación; teñen a certeza de que vai se-lo contrario, e adianta-las eleccións, pensan, é un mal menor.
En segundo, para aproveitar os problemas serios que están a pasar as dúas principais forzas da oposición.
protesta en el parlamento gallego
Un PSOE despois do trompazo electoral nas eleccións xerais, sen proxecto e sen liderado en Galicia, sen candidat@ á presidencia e ca maioría das organizacións en plena controversia por acada-lo poder por parte de diferentes sectores.
E o BNG tentando recuperarse despois das disensións da última Asemblea Nacional, que finalizou coa marcha de colectivos e personalidades moi importantes para numeros@s elector@s da formación nacionalista.
Estas son entre outras, razóns polas que o PP convoca anticipadamente as eleccións, deixando sen resolver temas como o da banca galega, Alcoa, a redución do número de parlamentarios, que hai pouco tempo parecíalles moi importante, a situación do campo, as listas de espera na sanidade, etc.
A proximidade de procesos electorais, produce sempre unha reacción en numerosos militantes e organizacións que Lenin cualificou de estupidez; na acepción de confusión, que non ven nada moi claro. O dirixente bolxevique, sabemos, era moi contundente nas súas afirmacións, eu que son menos, direi que a proximidade a procesos electorais produce en numerosos dirixentes e organizacións políticas reaccións curiosas, cando non, fora de lugar.
yolanda coordinadora de IUTraio todo isto a colación pola proposta de hai uns días de Esquerda Unida-IU, que tivo maior repercusión nos círculos políticos que na sociedade e nos medios informativos, de formar "unha Siryza galega" de cara o próximo proceso electoral autonómico; non me parece unha proposta moi pensada vindo de quen ven; paréceme froito da improvisación, diante dun proceso político, no que están abocados a presentarse cun pequeno bagaxe de traballo na sociedade, cando as circunstancias, moi penosas para quen é o principal grupo de onde debe saca-los votos EU-IU, esixía despregar unha grande iniciativa na sociedade, nas institucións nas que se ten presencia e unha forte política de oposición a todas as medidas que se están a tomar contra os asalariados, contra a democracia, que aínda que deturpada permite un certo grado de actuación, e contra o que podemos chamar xenericamente, a cultura galega.
Como nestes catro anos se fixo un traballo moi cativo na sociedade, parece que un xeito de esconder uns resultados presumiblemente  malos, vai ser dar un salto ó baleiro, facendo un chamamento á creación dunha nova organización, pero no fondo o que se esta a propor é formar unha alianza electoral, pois non vai ser máis que iso, no caso de que se chegue a algo concreto, o que verdadeiramente propón EU-IU.
Esta organización debía ter unha certa experiencia das alianzas cos nacionalistas; pactou hai anos con Esquerda Galega e hai poucos coa FPG, proceso que culminou con grande rebumbio nun teatro de Compostela, que deu como froito algunha candidatura municipal, e despois cada organización seguiu o seu camiño, como se nada tivera pasado.
A proposta de pacto electoral volve a ser cos nacionalistas, "non hai dúas sen tres", con preferencia con algúns dos que se separan do BNG despois da última Asemblea Nacional, e marcharon facéndolle, ata o que eu sei, unha crítica, á organización que abandonaban, no senso de xirar cara a esquerda, cara a unhas posicións alicerzadas no pasado e fora da realidade, cando a percepción que moitos temos é que o BNG se xirou, o fixo cara a dereita o que se plasmou nestes anos no apoio nas Cortes ás políticas antisociais de PSOE a cambio de "conseguir para Galicia" cousas que nunca se concretaron; no "goberno bipartito de Galicia", que foi como un "electrochoc" para moita xente que confiaba no BNG, e que veu defraudada esa confianza e confirmaba o xiro a dereita que xa se perfilaba nas políticas municipais destes últimos anos: Pero tamén hai xiro á dereita por parte do BNG no abandono da rúa, da mobilización social, para pecharse nas institucións, como se desde as mesmas se puideran solucionar todos os problemas que hoxe teñen @s galeg@s, esquecendo unha premisa que debe diferenciar a unha organización de esquerdas de unha que non o é, a certeza de que o estado burgués, e os Concellos, Deputacións e institucións autonómicas son parte do mesmo, están deseñadas en función do interese da clase dominante e moi pouco, non digo que nada, se pode conseguir desde o mesmo en beneficio d@s traballador@s asalariad@s.
Pois ben con tod@s @s que saen "pola dereita" do BNG, aí se sitúan el@s, é con quen EU-IU tenta pactar, e van ser os que terán maior peso nesa futura alianza electoral, aspecto que non me parece pouco relevante e que significaría, aínda que o podan  negar, un paso atrás moi importante na necesaria reconstrución da esquerda en Galicia.
polos servizos publicos
Unha forza de esquerdas nos momentos actuais, onde o capitalismo amósase realmente como o que é, un sistema de explotación desapiadado, que malgasta a inmensa riqueza xerada polos traballadores, que a privatiza e cando hai perdas, as socializa, que cas reformas que esta a tomar na maioría dos países do centro do sistema, nós sitúa nos finais do século XIX; unha forza de esquerdas repito, non se pode agochar, camuflar, ten que dar pasos adiante, ten que orientar tamén a aquel@s que non lles voten, ca elaboración dun proxecto alternativo de creba co capitalismo, cas súas políticas e cas súas estruturas institucionais, cun programa onde xunto cos obxectivos estratéxicos a longo prazo, aparezan elementos tácticos e cun discurso adecuado, para así conseguir que os votos que acade EU-IU, non sexan só de castigo, de cabreo, froito do fraude que outras forzas cometen co seu electorado, votos que chegan e marchan con moita facilidade, son moi volátiles, senón que sexan votos froito do convencemento, da aceptación dun proxecto distinto. Do que se trata é ser a vangarda das loitas, e para iso non fai falla ter moitos militantes, só ter un proxecto, un programa e un discurso adecuados, e levar a cabo un traballo constante na sociedade.
Sería máis rendible para EU-IU e a esquerda, facer unha análise sobre os resultados da organización grega; de como unha forza que naceu como unha copia de IU, iso afirmaron no seu momento moitos dos seus dirixentes, cun programa moi parecido e con posicións seguidistas co PASOK, o partido que se denomina en Grecia, como o PSOE, socialista, aínda que como aquí non o sexa. A partires dos inicios da crise soubo evolucionar e presentar un programa de rotura en moitos aspectos, a Unión Europea, por exemplo, co PASOK, etc, e face-lo posible para diferencia-lo campo do neoliberalismo do campo da esquerda; o que en tempos chamábamos en IU, "as dúas orelas". No estado español escolleuse outro camiño, que non conduce a ningures, o de "facer xira-lo PSOE á esquerda", o que non é unha utopía, que sempre se teñen acadado,  senón unha quimera, algo imposible de conseguir. As posicións de IU con respecto ó PSOE, durante estes anos e a formulación dos pactos IU-PSOE como “pactos de esquerda”, por exemplo en Andalucía, fan moi pouco a favor da necesaria reconstrución da esquerda no estado español; tamén a incapacidade de IU para dirixir nas actuais circunstancias, a loita contra as políticas neoliberais, presa das súas posicións respecto ó PSOE e as burocracias sindicais. Con moita benevolencia, pero sen chamarlle as cousas polo seu nome, Julio Anguita dixo que IU estaba “desbordada” e patrocina a creación dunha “fronte cívica”.
Pero volvendo a proposta feita en Galicia, penso que é contraditoria, pois EU-IU debíase considerar a Siryza galega; e se non é así, explica-las razóns e cales son os elementos a engadir, e non siglas, senón programáticos e de acción, que lles aproximen á forza grega.
O que favorecería esta construción sería entre outros aspectos, en primeiro lugar, abrir un debate na sociedade galega sobre que significa hoxe a loita polo poder, como conseguilo, como levantar un dobre poder, con quen; o papel das institucións no mesmo. En segundo debía de estar aberto, desde hai tempo, un debate sobre que modelo alternativo ó capitalismo; a formulación dun programa de esquerdas, e non me veñan co modelo socialdemócrata, de capitalismo de faciana humana e algunhas outras cousas polo estilo, pois iso, por moita xente de prestixio que o defenda, xa non vai ser posible, entre outras razóns, por vivir nun mundo globalizado onde a libre circulación de empresas e capitais é un feito, con toda a serie de privatizacións que PSOE e PP levaron adiante, en plena derrota das forzas políticas de esquerda, cunha construción europea imperialista, coa desaparición dos países que servían de contrapeso ó capitalismo e cunha crise xerada pola caída da taxa de ganancia, froito das contradicións do capitalismo. Hai que aceptar que non hai “saída de esquerdas” a actual situación dentro do sistema capitalista e a partires desta premisa, aborda-las solucións.

En Galicia no mes de Agosto de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario