A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 21 de agosto de 2012

O RESCATE DA BANCA: CRÓNICA DO ATAQUE Á POBOACIÓN



Grupo de traballo do 15 M da ria (Cambre, Culleredo e Oleiros)



Retomando ós inicios: A orixe da Débeda pública en Europa
contra maastricht
Como primeiro punto deste breve análise do rescate á banca, debemos falar de xeito resumido sobre cómo se chegou a esta situación: cal é a orixe da débeda pública, e cómo esta se converteu nun problema tan grande para nós.
Se queremos porlle unha data á orixe da especulación coa débeda pública ou soberana, que hoxe está na boca de todos para avalar as políticas de recortes sociais, temos que retroceder ao Tratado de Maastricht, en 1992. Nel, por influencia da lexislación de Estados coma o francés, onde este sistema téñeno dende 1973, prohibeselle expresamente ó Banco Central Europeo darlle diñeiro directamente ós Estados nin á mesma Unión Europea.
Antes desa data, o mecanismo fundamental de financiamento estatal era directo: o Estado, ou Tesouro Público, establecía as prioridades de investimento, e pedía ós Bancos Centrais correspondentes, que fabricasen o diñeiro que precisaban. Deste xeito directo non había débeda pública importante, pois o Estado non se prestaba a si mesmo con xuros de usura.
Mais coa aprobación do Tratado de Maastricht, este xeito de se financiar desaparece, e imponse a prohibición de facelo dun xeito directo. Agora, e a partir do Tratado, os Estados teñen que pedir os cartos que precisen aos bancos privados -ou sacar á venda nos mercados financeiros- os títulos de débeda pública, os bonos do tesouro. Son logo estes bancos privados os que lle piden o diñeiro ao Banco Central Europeo. Créase aquí un negocio perfecto para os “donos do capital”:
O Banco Central Europeo fixa os tipos de xuro dos cartos que entrega á banca privada a través do Euribor, que hoxe está nos mínimos (o 0,75%). Estes cartos, que non podemos olvidar que son PÚBLICOS, son utilizados en parte polos bancos para comprar débeda pública dos Estados, a un tipo de xuro que ven determinado polos mercados, polas axencias de calificación (que son parte dos propios mercados e polo tanto beneficiarios), e polas condicións políticas e sociais en cuestión. Estes cartos públicos son prestados nalgúns países a intereses moitísimo maiores. No caso de España, actualmente en torno a un 7%. En Grecia, xa por riba do 18%. Un interese que ademáis sube continuamente, de xeito forzado, polos propios mercados. É polo tanto un negocio perfecto, os bancos privados fináncianse con cartos públicos, para obter suculentos beneficios de cartos tamén públicos. Se os sumamos ós rescates aos bancos, temos que nós pagamos os beneficios da banca, e tamén pagamos as súas perdas. É unha máxima capitalista, privatizar os beneficios e socializar as perdas.
A isto chámaselle usura, e deste xeito, o endebademento convírtese nunha soga no pescozo dos Estados, e por extensión das clases traballadoras deses Estados afectados, que ven todas as súas conquistas sociais desmanteladas para pagar os xuros usurarios da banca e os grandes investidores.
Tamén destacar que nesta Europa, non existe unidade nin igualdade, xa que hai un claro beneficiario de momento cos problemas dos países do sur de Europa principalmente, e é Alemaña. A prima de risco, que levamos tempo vendo como non para de subir polos ataques especultativos, é un parámetro que mide a diferencia entre un bono, e bono de referencia, que é o alemán. Polo tanto, Alemaña estase actualmente financiando case gratis, á costa de que os países do sur cada día o fagan a un maior interese. De ahí que non teña de momento moita iniciativa por mudar a situación, na que ademáis os bancos do seu país están a facer un grande negocio no resto de países.

Da débeda privada á debeda pública: a socialización das perdas
Falemos agora de cómo con estas condicións se chegou a trasladar unha débeda que era na súa maioría privada, ás contas dos Estados, e polo tanto a repercutila na súa poboación.
Destacar aínda así, que cando no verán do 2007 prodúcese o comezo da crise actual, a débeda pública do Estado español non pasaba do 54% do PIB, mentres que a débeda privada, dos bancos, das empresas e das familias, multiplicaba por tres o PIB, nunha situación non moi diferente de outros estados similares ó español. E tamén que aínda hoxe, a débeda pública de España é moito máis baixa que a de outros países que non están pasando polos mesmos apuros. Dous exemplos, o Reino Unido, e EEUU, que é o país coa débeda pública máis alta do mundo (falando non en termos globais, senón en relación ó PIB).
Ó longo do 2008 e 2009, os gobernantes do mundo, salvo contadas excepcións, das que falaremos despois, saíron ó rescate dos bancos e grandes empresas. Mentras falaban de “refundar o capitalismo”, adicaron cifras de diñeiro mareantes para sacalos da crise que eles mesmos, coa súa cobiza, crearan. De onde saiu ese diñeiro para tapar os buratos de bancos e grandes empresas?
No 2008, cando entidades como Lehman Brothers, Merril Lynch, Goldman Sachs, nos EE UU, o Nothern Bank, en Gran Bretaña, o franco holandés Fortes, as inmobiliarias españolas como Fadesa ou Colonial, etc., é dicir, todos os que ó longo dos anos estiveron vivindo sobre a base de productos financieros, hipotecas, e préstamos non cobrables sumaban, segundo o propio FMI, un burato de 1,3 BILLÓNS de euros.
A verdade é que ninguen coñece, nin coñecía o verdadeiro alcance desta “estafa” a nivel mundial, Por iso, aínda que o goberno norteamericano aprobou daquela un rescate á banca, aseguradoras e grandes empresas, de 1,5 BILLÓNS de dólares, a crise non se freou. Era coma un campo minado, onde se tapaba unha mina e saltaba outra, ameazando o conxunto do sistema, de tal xeito que pouco despois, tiveron que emitir 900.000 millóns de dólares máis.
En Europa o BCE, e bancos centrais como o xaponés ou australiano, seguiron o mesmo camiño. A finais do 2010 levaban investidos en rescates ás entidades privadas unha cifra entre 13 e 15 BILLÓNS (12 ceros!!) de euros, o que significa entre o 21 e 25% do PIB mundial. Nesta cifra o Estado Español puxo a súa parte alícuota para salvar ós bancos e ás caixas de aforros, afundidas pola xestión irresponsable de xestores políticos e dos empresarios que estaban á súa fronte. Axudas que tamén chegaron a grandes empresas como as do automovil.
Deste xeito, o que ate o de agora era un burato nas contas de entidades privadas, salvo no caso das Caixas de Aforro, transformouse nun problema de todos. Roubaron o que quixeron, e agora témolo que pagar todos e todas. Esto é o que significa socializar as perdas, pasar a débeda privada a pública, e así xustificar todos os recortes nas conquistas sociais que en toda Europa veñen facéndose dende hai décadas.
A trampa neoliberal: Cómo chegaron aquí
A partir dun feito da chamada economía real, é dicir, a compraventa dun producto, sexa unha vivenda, un terreo, ou un investimento a través da bolsa nunha empresa supostamente rendible (moi coñecidas hoxe polas “preferentes” que teñen arruinado a miles de pequenos investidores), a combinación letal entre a banca, aseguradoras e axencias de calificación, dependentes daqueles, permitiu a construcción dunha pirámide investida.
Sobre ese feito económico construíron unha morea de productos financeiros, a cada cal máis enganoso e tóxico, avalado sempre polas siniestras axencias de calificación. Estas deron o visto e prace por exemplo ás subprime (chamadas tamén hipotecas basura) nos EE UU, cando era evidente que eran préstamos incobrables. Avalaron a Lehmann Brothers días antes da súa creba. Anos antes tiñan apoiado á Enron norteamericana, a maior eléctrica do mundo, dándolle a máxima calificación pouco antes da súa supensión de pagamentos. Actuaban e actúan ó servizo desa estafa masiva.
A simple dúbida de que os investimentos feitos na bolsa non ían dar a rendabilidade que se esperaba, ou que, como aconteceu coas subprime, o préstamo non sería cobrable, desmoronou todo o edificio construido. Cando a simple dúbida sobre a queda dos beneficios empresariais non é “dubida”, senón certeza, de que a industria non xera os beneficios que ten que xerar para xustificar os investimentos, a crise é sistémica.
Segue o efecto dominó: O rescate da banca española
E xa, falando do caso actual de España, como o burato dos nosos bancos (e antiguas caixas, coa complicidade ou ineptitude do Banco de España e dos Órganos de Administración nos que estaban tamén partidos políticos de distintas cores e incluso cúpulas dalgúns sindicatos), é moi grande, e xa o Estado nas súas condicións actuais non é quén de cubrir todas as súas perdas, optouse por recurrir ó Fondo de Rescate europeo, que aínda que se dicía que ía ser só á banca, a realidade é que pasa a engrosar as contas do déficit do Estado, e polo tanto seremos nós os que suframos as consecuencias, como comentaremos de seguido.

As consecuencias do rescate: a onda expansiva que destrúe o modelo social
Unha vez analizado de xeito máis ou menos sinxelo qué é a débeda, as causas, e cómo se transformou de privada a pública, ata chegar ó rescate, toca baixar o concepto á terra e ás nosas vidas, e analizar as consecuencias que ten para nós este rescate.
Hai un problema fundamental, e é o feito de que o verán pasado o PSOE e o PP pactaron unha reforma da Constitución, en tan só uns días e a espaldas do pobo. Con esta reforma, puxéronse os cimentos da nosa ruina, xa que se recolleu nela explícitamente que “o pago da débeda terá prioridade absoluta sobre calquera gasto”. Só por iso, os responsables deberían ser xulgados por alta traición.
Por iso agora, co rescate xa acordado, vémonos na obriga de aforrar moito máis aínda do que nos esixía Alemaña, xa que cada vez temos que pagar máis intereses, como consecuencia dos ataques continuos dos mercados, que buscan lóxicamente cantos máis beneficios mellor.
Todos sabemos cómo aforrar. Ou ben aumentas os ingresos, ou ben reduces os gastos. E aquí entramos nós. Para aumentar os ingresos, xa coñecemos as medidas que se foron tomando, e seguirán en adiante: aumento da idade de xubilación, subida do IRPF, subida do IVE, supresión do IVE reducido en moitos productos, Repagos en sanidade e no ámbito xudicial, privatizacións de organismos públicos que podan xerar beneficios a empresas privadas, subidas de impostos especiais, ... E logo, pola outra banda temos o de reducir os gastos. Aquí chegamos ós tristemente famosos recortes: eliminación da lei de dependencia, despido de funcionarios, reducción de salarios, recortes nas pensións, diminución drástica dos orzamentos destinados ó modelo social, con especial incidencia en educación e sanidade, reducción das prestacións por desemprego, expulsión do sistema sanitario de parte da poboación...
Pero temos un serio problema con todas estas medidas. Non funcionan. Por unha parte, porque tanto recorte deprime a economía, e recórtanse os gastos, pero caen máis os ingresos, polo que non se consegue aforrar. E por outro que os mercados, independentemente dos recortes que se fagan, seguen a súa estratexia, e forzan a suba da prima de risco. Polo tanto, suben os intereses para financiarse, e os cartos que hai que destinar para pagar a débeda son cada vez maiores. Entón, a débeda é ese monstro que se alimenta a sí mesmo: os recortes alimentan a débeda, e a débeda alimenta os recortes. Por iso este non é o primeiro paquete de reformas, como lles gusta máis chamarlle. E tampouco será o último deste ano, iso seguro. Será o pesadelo interminable.
Pero entrando máis en detalle nalgunha das medidas, temos unha que nos quita o sono estes días, e é a tan temida subida do IVE. Un imposto que ataca especialmente á clase traballadora. E que como todos xa sabemos, non vai facer senón empeorar as cousas. Pero é que ademáis de machacarnos, ríense directamente de nós. O señor Montoro, para explicar a necesidade de subilo IVE, dixo que é porque en España é máis baixo que noutros países. Casi mellor non entrar en comparacións, señor ministro! E que tamén se debía a que moita xente non o paga. Que quere dicir, que como moita xente non o paga, os que sí o fan, teñen que pagar polo resto tamén. Pero é que ademáis hai un detalle que o señor Montoro non quere contar. E é precisamente quén non o paga, e por qué non se persegue máis. Ademáis de ser algo “cultural” en España o de defraudar a Facenda, non o podemos negar, resulta que o mesmo Sindicato de Técnicos de Facenda estima que a fraude fiscal neste país cada ano ronda os 88.000 millóns de euros. Casi o rescate á banca completo. Pois resulta que sobre o 80 % desa fraude fiscal cométena os bancos, as grandes empresas, e as rentas superiores.
Temos entón que os que máis gañan, e ademáis menos impostos pagan, aínda por riba son os que máis defraudan ó fisco. E como non hai que ser rencorosos, o Goberno vai e lles ofrece fai pouco unha amnistía fiscal. Eso sí, subvencionada por nós, polo que vemos hoxe. A verdade é que a desfachatez dos nosos políticos parece que xa non ten límites.
Pero xa que falamos de medidas para reducir o déficit, vemos que todas elas van na mesma dirección, coma se tivésemos unha diana pintada na fronte. Pero existen moitas outras sobre as que se segue sen querer oír unha soa palabra: a eliminación das SICAV, instrumentos fiscais españois polos que os realmente ricos tributan sobre os seus beneficios un mísero 1 % (cando unha pequena empresa por exemplo paga o 30 % no imposto de sociedades). Perseguir e eliminar dunha vez os paraísos fiscais, onde según foi publicado recentemente, os ricos desviaron entre 17 e 26 BILLÓNS de euros en só cinco anos. Nacionalizar e poñer baixo o control ciudadano todo banco ou caixa que recibira cartos públicos e non os poda devolver de inmediato. Introducir impostos ás transaccións financieiras, que ata o de agora non pagan un só euro a pesares dos grandes beneficios que obteñen con elas. Eliminar o Senado, os privilexios da clase política, como as súas pensións vitalicias, e moitas outras que se poderían mencionar. Estas medidas, xunto cunha maior persecución da fraude fiscal, pero comenzando polos máis poderosos para que se poda falar de xustiza, terían un potencial de recaudación tremendamente superior a tódolos recortes que nos levan aplicado e que se lles irán ocurrindo en adiante. Pero obviamente esto non interesa.
Dúas parecen ser as consecuencias finais de todas estas medidas: o empobrecemento da poboación, a través dunha fuga continua de cartos dende toda a clase traballadora, ata uns poucos elexidos do poder financieiro. E as privatizacións, onde os mercados conseguirían por fin, e moi especialmente, meterlle o dente a eses “nichos de negocio”, como eles dirían, tan suculentos, como son a educación, e sobre todo as pensións e a sanidade.
Lembrar tamén que todo isto non é algo de agora, nin de Europa. Algo semellante se viviu en Arxentina por exemplo, onde estas medidas as impulsaba o FMI. E todos coñecemos unha das gravísimas consecuencias que tivo alí levar adiante estas políticas. Que foi o famoso “corralito”. Pois ben, aquí xa estamos comenzando a vivir tamén “corralitos”. O caso das participacións preferentes tócanos moi de cerca. E esta misma semana acábase de liquidar a CAM, e acaban de dicir, que as participacións que quedaban da mesma, xa non valen absolutamente nada. Os cartos directamente esfumáronse.
Alternativas: nin aceptamos a situación nin nos rendemos
A Unión Europea, os gobernos estatais e o FMI veñen afirmando que, diante desta situación de endebamento publico, non colle outra solución que aplicar duros recortes sociais, e que isto permitirá a estabilidade orzamentaria que sentará as bases para a saída da crise.
Nada mais lonxe da realidade, como acabamos de dicir. Estas politicas só teñen un obxectivo, e é procurar novos ou maiores “nichos de negocio”.
Por iso, rexeitamos a afirmación de que somos culpables por vivir por riba das nosas posibilidades (xa vimos de explicar cómo chegamos ata aquí e quén se beneficia, e quén sufre, as consecuencias), e sobre todo de que non hai alternativa posible. Teremos por tanto que falar dalgunhas, que existen e xa son visibles, ademáis das que podamos ir creando entre todo o pobo organizado.
A primeira delas acabamos de comentala. e é precisamente combater o déficit utilizando algo tan simple como a xustiza económica e fiscal.
A segunda delas, que non nos cansamos de lembrar, é o caso de Islandia. Sabemos que a comparación é compricada, xa que Islandia é un país diminuto en comparación con España. Pero amosou que hai outro xeito de facer as cousas. Por se alguén non o sabe todavía (xa que non lles interesa publicitalo moito), en Islandia ante unha situación semellante, deixouse caer á banca. O pobo islandés mobilizado, cando viu que os seus tres bancos principais tiñan xerado unha débeda privada que provocaba a creba de todo o Estado islandés, rexeitou salvalos: rexeitou o traslado da débeda dos bancos ás contas públicas, e suspenderon o pagamento da débeda. E mediante a presión popular conseguiron forzar a dimisión do Goberno en bloque. Hoxe, os responsables da crise e a súa xestión, tanto políticos coma económicos, están sendo xulgados por elo. Incluso o pobo elexiu libremente a un grupo de persoas que se encargarían de redactar unha nova Constitución. Dende organismos como o FMI ou o BCE pronosticaron unha catástrofe económica ós seus habitantes. Sen embargo, actualmente Islandia non só está crecendo, senón que se estima que o próximo ano crecerá o triple do promedio da UE. Para qué dicir máis.
http://95.142.175.118/15mria/content/public/upload/islandia.jpg
Un último punto que queremos introducir hoxe, é o da auditoría ciudadana da débeda. Seguindo un pouco o exemplo islandés, en diversos estados europeos como Grecia, Italia, Francia e España, teñen xurdido movementos dentro da sociedade para esixir unha auditoría da débeda pública. Partimos dunha base, e é que vivimos nun oscurantismo total. Ocúltansenos as contas, os gastos, míntese, despilfárrase, encúbrese, estáfase. E logo pagamos nós as consecuencias. Parece isto a Idade Media, na que nós matámonos a traballar (se podemos) para recaudar cartos para pagarlle impostos ós “señores feudais”. Por exemplo, cando se comezou a falar do burato de Bankia houbo un baile de cifras diario coma se contásemos céntimos, e non millóns de euros. E incluso tiveron que vir auditores de fora que cobraron moitos cartos por aclarar as perdas que tiña. Esto non se pode permitir. Hai que esixir unha apertura total das contas públicas. Se son os nosos cartos, e eles din ser os nosos representantes, temos que coñecer a onde vai parar cada euro. E a partir de alí, dispoñer de mecanismos onde decidir e controlar en qué se invirte e en qué non.
Esto sería para un contexto normal. Pero nun contexto como o de agora, hai que falar doutro concepto, que é o da débeda ilexítima. Unha débeda pode considerarse ilexítima, cando se contrae en contra dos intereses do pobo, e que polo tanto lle perxudica. E ante esa débeda ilexítima podería rexeitarse o seu pago. Entón, o levar a cabo co tempo unha auditoría ciudadana das contas, podería permitir aclarar cánto se debe, a quén se lle debe, e por qué se lle debe. E logo distinguir entre a débeda que sexa lexítima, e que haberá que pagar, e a débeda ilexítima, que sería rexeitada.
Esto sería para nós, unha auditoría ciudadana da débeda:
Unha auditoria non é que as empresas auditoras como Arthur Andersen controlen as contas do Estado, (sería como poñer “a raposa gardando o galiñeiro”), senón que ten que ter un obxectivo ben claro: que a sociedade coñeza as contas do Estado, que se acaben cos acordos comerciais e financeiros segredos, coas partidas orzamentarias opacas, coas subvencións a bancos e empresas a costa do erario publico, etc...
En segundo lugar, esta auditoria pública ten que servir para determinar qué parte da débeda ten que ver cos gastos sociais necesarios, e vixiar que non estean inflados, e o que é debeda imposta polo rescate á banca, ás empresas, macroconstruccións sen unha finalidade, etc. É dicir, o que si sería pagable, e o que non se pagaría de ningunha das maneiras.
Neste sentido, a auditoria tería como obxetivo, tamén, delimitar as responsabilidades políticas e penais dos xerentes públicos e privados das institucións, caixas de aforro, bancos, grandes empresas, e as dos políticos que permitiron, avalaron e xustificaron por activa ou por pasiva o desastre.
En cuarto lugar, esta auditoria non é unha auditoría ó uso, non se encargaría a unha empresa a súa realización. Tampouco consideramos que teña que ser unha auditoría consultiva, como fixeron no caso portugués ou irlandés, onde grupos de intelectuais independentes fixeron un estudo do desastre.
Para nós, esta auditoría ten que ter consecuencias prácticas, ten que ser parte dunha loita pola mundanza de fondo das estructuras das sociedade que nos levou a esta situación, ao borde do precipicio, e que está empobrecendo á maioría da sociedade, mentres algúns poucos enriquécense coma tolos.
Por iso, a auditoría ten que ser feita pola poboación traballadora autoorganizada, a través das asembleas populares, das súas organizacións sindicais, sociais e políticas, apoiados en técnicos e intelectuais independentes.
Entón, a súa conquista ten que ser resultado da mobilización social contra a Unión Europea e os Gobernos que xustifican unhas políticas de axuste e recortes, para unha débeda que foi creada polo sistema capitalista.
Este parécenos un punto importante no que traballar de aquí en adiante.
Agosto 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario