A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 12 de febrero de 2014

O GRANDE ENGANO


Carlos Dafonte

Cada vez máis o PP, o seu goberno e unha importante cantidade de medios de comunicación, comezan a falar de que o estado español atópase no bo camiño para saír da crise. Un ministro que participou naquela, xa por min comentada, rolda de prensa do 26 de abril do ano pasado, Montoro, cando xunto ca vicepresidenta e o de Economía, por unha vez dixeron a verdade e debullaron un negro panorama para a economía e a sociedade nos anos 2014 e 2015, agora, por tratarse dunha consigna de cara as eleccións ó Parlamento Europeo, atrévese a dicir que “España vai ser quen tire da economía da UE e que xa se pon como exemplo en todo o mundo”. Se a frase non é así literalmente, o contido non cambia.
Algún partido da que se autotitula oposición, tamén admite que as cifras macroeconómicas comezan a ser boas; e neste “novo panorama” os datos que aporta a última Enquisa de Poboación Activa (EPA), volven a situa-la cuestión no seu xusto termo; un tertuliano que a analizaba un deste días pasados, dicía, e penso que con razón, que era comparable á dun país en guerra, pola sangría de poboación que ten marchado ó estranxeiro e a caída do número da que é activa en máis dun millón cen mil persoas.

Polo tanto este país intervido pola UE, aínda que o PP nos machaque acotío ca idea de que grazas as súas decisións evitaron a intervención, ten unha saída da crise, que non é posible vela afastada da loita de clases, na que se van definindo tres posibles camiños. Descarto a opción schumpeteriana de deixar que as crises cumpran co seu labor de destrución.
Quero facer unha aclaración sobre a posición respecto a quen representan as diferentes forzas políticas que se atopan no taboleiro social do estado. Todas elas actúan en nome de diferentes intereses ben dunha clase, ou dunha fracción ou capa da mesma, pero por ese afán globalizador que se ten na elaboración dos programas, para acadar votos de todos os sectores sociais, os mesmos chegan as veces a ser moi contraditorios. Por exemplo cando se di defender ás grandes áreas comerciais e o mesmo tempo ó pequeno comercio, ou cando se di defende-lo socialismo e deféndese “a terra para quen a traballa” e á pequena empresa con asalariados, como se na mesma non houbese explotación da forza de traballo e podíamos seguir a poñer moitos máis.
Desde o meu punto de vista PP, PSOE, CiU, UPyD, e algún outro, defenden intereses burgueses; oligárquicos uns, outros nun espectro máis amplo, pero todos eles ven a saída desta crise moi ligada os intereses do sector do capital financeiro en primeiro lugar e, se é posible e non prexudica ó primeiro, a algún dos outros sectores da burguesía.
Dicía que se abren tres posibles camiños cando goberna o PP; un primeiro é o que establece a chamada “Troika” que seguen o PP, e o PSOE cando se atopa no goberno. Hai que recoñecer que o PP é máis coherente, ven a dicir sempre o mesmo, agás cando hai eleccións e presenta un “programa lambetada” para consumo de incautos, despistados e estúpidos, e que ninguén se me enfade, utilizo a verba no seu significado verdadeiro que quere dicir, confuso, desorientado.
Esta política económica con grande repercusión social orientada pola UE, comezou a tomar corpo na segunda lexislatura do presidente Rodríguez Z, sobre todo a partires do 2010 e agora o PP a segue, pois non lle queda máis remedio como todo país rescatado, aínda que tentando facernos pensar que o que aproba, nada ten que ver co que lle ordenan.
Pero non hai máis que rele-los diarios dos días 28, 29 e 30 de maio do ano pasado, para decatarse que é a UE quen dita o que debe de facer o goberno, ata establece os prazos, e como hai compromisos electorais no 2014 e no 2015, permite un atraso de dous anos, na execución das medidas para cumpri-lo déficit fiscal esixido, sen impor castigo algún.
O 28 de maio os burócratas europeos anunciaban que “aumentarían a vixilancia sobre España” e que o día seguinte presentarían as recomendacións específicas, moi detalladas como no caso de Eslovenia, e que pretendían tutelar moi de cerca a economía española, a cambio de evita-lo expediente. Alguén pode pensar con este tipo de afirmacións, que se recolleron nos medios de comunicación, que somos un país soberano e que non houbo recate?.
Entre as recomendacións dos días seguintes aparece a “modernización” da administración, sobre todo en materia de contratación; a obriga de tomar máis medidas sobre as pensións, as tomadas as consideran insuficientes; engadir novas medidas para seguir completando a reforma laboral, algunhas xa se tomaron nestes meses pasados; diante da queda dos ingresos, unha nova reforma fiscal que abra camiño a novas subas de impostos, os indirectos, IVE e os ecolóxicos, sobre os carburantes; reforma enerxética e o tema da tarifa fiscal; liberalización de servizos. Como se pode apreciar máis do mesmo, medidas para afondar nunhas políticas que fan cargar ás clases populares, ós traballadores asalariados, co peso da crise.
Segundo o PSOE pasou á oposición, levantáronse voces dentro do partido ou próximas ó mesmo, esixindo outra política diferente á de austeridade, que podemos cualificar de neokeynesiana, voces que estiveran caladas cando ostentaba o goberno e había unha maioría parlamentar que o apoiaba, na que participaban xunto cos deputados e senadores do PSOE, os de IU e o BNG. Debemos ter claro que se continuaba ca política que fixo cando estaba no goberno, coincidiría co PP e non xogaría o seu papel no sistema bipartidista, de “oposición”. Polo tanto desenterran outra política, a que utilizan cando lles toca estar fora do goberno. Neste senso, no mes pasado, déronse diversas charlas nas catro provincias galegas para tentar de pular esta política.
Na mesma podemos distinguir dous elementos centrais; en primeiro lugar un análise da crise, as razóns, a súa xénese no que se pode atopar un intento de descarga-lo capitalismo do seu contido de clase; que espide o capitalismo do seu contido de clase e das súas características máis salientables, a explotación, a violencia sobre os explotados e que inexorablemente nos conduce a unha crise tras outra. Presentan unha banalización da crise moi na liña do novo “gurú” do neokeynesianismo, o premio nóbel Paul Krugman.
Téntase facer crer que son as “malas políticas e as malas ideas” as que levaron a esta situación; que o capitalismo e un sistema san, o único que hai que facer é aplica-las políticas adecuadas. Neste senso hai análises críticos de Paula Bach sobre algún libro de Krugman moi clarificadores.
Para eles os problemas son esóxenos, non son consecuencia do cumprimento das leis que rexen o desenvolvemento do sistema capitalista, cando a realidade é que o capitalismo, o proceso de acumulación leva constantemente a situacións de crise. Os problemas son endóxenos, como se ten amosado ó longo da súa historia.
Polo tanto, e o segundo elemento, seguindo a proposta neokeynesiana, só con aplicar unha política distinta á de austeridade, cunha maior intervención do estado; controlando ós banqueiros, esquecendo que o capital non é bancario, senón financeiro, e toda outra serie de medidas que soan moi ben nos oídos dos que sofren as consecuencias da crise, pódese dar un xiro cara a un novo “capitalismo de faciana humana” e iniciar unha nova etapa de expansión.
Pois ben considero que esa proposta é unha “gran mentira”, un grande engano, e debemos enfrontar ás masas golpeadas pola crise, non ca perspectiva dun novo pacto social que é totalmente imposible, de recupera-lo “estado de benestar” e todas outras propostas que xa non teñen cabida, pois cambiou o marco no que esas políticas se deron, senón ca única realidade que nos permitirá saír desta situación: a loita por un novo tipo de sociedade que chamaremos socialista e que ten que deixar dunha vez por todas de ser un concepto, que se esgrime fronte as masas e os nosos adversarios, para elevalo á categoría de proxecto. Ese é o terceiro camiño, o menos explorado pero desde o meu punto de vista o único valido para as grande maiorías sociais. Só hai, polo tanto, dous camiños, a proposta neoliberal e a proposta de socialismo, non hai vías intermedias, non hai terceira vía.
A única alternativa, desde un punto de vista de clase, á actual situación de crise, é a perspectiva do socialismo. Poñer fin ó capitalismo. E sabemos por experiencias acontecidas, que cambia-las estruturas sociais do sistema só desde o eido institucional non é posible.
Pero hai que recoñecer que a vía socialista conta con enormes atrancos. En primeiro lugar porque a propaganda capitalista ligou esta vía ó fracaso do chamado “socialismo real”, modo de produción que se implantou na URSS e nalgúns países da Europa oriental. O seu fracaso, segundo os propagandistas do sistema capitalista, invalida todos os intentos de supera-lo sistema capitalista. En segundo lugar a construción teórica do propio proxecto socialista. En terceiro, a cativa capacidade da esquerda anticapitalista para explicalo, facelo asumible á maioría social interesada obxectivamente no mesmo, pero que conta con toda unha serie de atrancos ideolóxicos, políticos e sociais, para aceptar a nova proposta.
Estes tres aspectos, entre outros, deben ser solucionados á maior brevidade, para non permitir que o segundo camiño se abra de novo paso entre a xente.
Relacionado co anterior, debemos ter en conta a aparición de cara ás eleccións ó Parlamento Europeo, dunha candidaturas como a de PODEMOS, que non se atopa alicerzada sobre unha organización estable, nin con proxecto coñecido, nin con programa, sobre a que penso que pode ser unha equivocación se a formulan como un avance na transformación da UE, no caso de acadar unha representación importante, como lle escoitei a un dos seus promotores. Pois aínda no caso de que así fora, sería unha representación moi cativa no conxunto do Parlamento e do complexo institucional do estado multinacional burgués imperialista, que son as institucións europeas e polo tanto o seu papel tamén. Nembargantes a confusión que vai producir a presencia desta candidatura pode ser enorme, no proceso de concienciación de moita xente, a quen se lle está a formular, cunha grande inxenuidade, uns obxectivos inalcanzables. Conecta cas propostas socialdemócratas reformistas, de conseguir cambios fondos desde as institucións, cando o proxecto estratéxico revolucionario debe ser o de conseguir poñer fin á UE, desde a loita dos traballadores tanto dos países centrais como dos da periferia. Este é o principal obxectivo internacionalista.
Pero ó mesmo tempo é un reto para as forzas da esquerda anticapitalista, pois o que está a poñer diante da sociedade, a candidatura PODEMOS, é a posibilidade de gañar dirixíndose á grande maioría, poñendo nun segundo plano a posible “unidade de esquerda”, que no caso de acadarse, non conseguiría, din eles, máis dun 15-20% que sendo moito, non serve para gañar e o que eles sitúan en primeiro plano é a vitoria. Supera-los resultados posibles desa unidade. Pero, que significa para PODEMOS gañar?
Neste senso, aínda que poda parecer estraño, conectan con dous feitos; un acontecido no estado español, a convocatoria de Julio Anguita e a construción da Fronte Cívica Somos Maioría, que tenta, simplificando, aglutinar á xente afectada pola crise que son moitos millóns, e de todos os partidos e cores a redor dun programa sinxelo neste caso 16 puntos.
O segundo a vitoria do NON en Chile, sobre o que se rodou unha película con ese título, no referendo convocado polo ditador Pinochet e a campaña levada a cabo polas forzas de oposición, que chegaron á conclusión que non había que facer unha campaña dirixida ós sectores da esquerda, senón ás grandes maiorías sociais, rompendo ca posibilidade de acadar esa unidade. Como tod@s lembrarán a campaña foi un éxito e o ditador tivo que marcharse. Pero a hexemonía da clase burguesa continuou, a explotación da forza de traballo se ten intensificado, os servizos fundamentais seguen en mans privadas, etc

En Galicia no mes de febreiro de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario