A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 7 de mayo de 2014

O AGRAVAMENTO DA TENSIÓN EN UCRAINA


Carlos Dafonte

Despois do golpe de estado contra a lexitimidade existente no país, os acontecementos vanse desenvolvendo cun rumbo que posiblemente o imperialismo encabezado polos norteamericanos non tivese valorado, como aconteceu noutros casos recentes, como Iraq, Afganistán, Libia ou Siria.
En primeiro lugar porque posiblemente colleunos desprevidos a resposta contundente dada por un dos elos fortes da outra cadea imperialista, Rusia, que respondeu con prontitude diante dos acontecementos e incorporou Crimea ó seu territorio, despois dun referendo multitudinario, onde ten bases militares imprescindibles para o control de zonas consideradas xeoestratéxicas. Crimea pertencía a Ucraína desde hai poucos anos, foi un regalo de Krutchov, o substituto de Stalin, en 1954 e levouse a cabo dun xeito ilegal, contrario á lexislación vixente na URSS, pois non se solicitou a opinión da cidadanía. Por outra banda, as autoridades de Crimea utilizaron o mesmo procedemento que as de Kosovo cando se separou de Serbia, que naquel momento foi aceptado polos organismos internacionais.
En segundo lugar, e posiblemente a actitude rusa en Crimea axudou a tomar conciencia, a poboación de cultura rusa do leste, maioritaria e celeiro de votos do presidente ilegalmente expulsado do seu cargo, reaccionou diante do golpe dun xeito lóxico, en defensa da orde constitucional e polo non recoñecemento do goberno ilexítimo. Aspectos todos estes reforzados pola implicación no golpe dos dous partidos máis importantes de carácter neonazi, Svoboda (Liberdade) e Pravy Sektor (Sector Dereito) en cuxos programas aparece dun xeito nidio a persecución da cultura rusa e dos xudeus. Non hai que esquecer que o primeiro conta con tres ministros no goberno ilexítimo e que unha das primeiras medidas deste goberno foi que a lingua rusa deixe de ser oficial naquelas rexións do país onde tiña esa consideración.

Nesta situación, non sei que é o que máis lle debe repugnar á xente, se os crimes contra o sector do pobo de cultura rusa que se están a producir, a manipulación da maioría dos medios de información que levan meses terxiversando os acontecementos dando un claro pulo ó enfrontamento, ou o cinismo dunha UE, participe do golpe de estado contra un presidente lexítimo, constitucional e elixido tras unhas eleccións democráticas que só atopa culpables nos acontecementos que se están a producir en Ucraína, na parte rusa e considera terroristas, a verba máxica baixo a que os poderosos e explotadores do mundo tentan cualificar a todos cantos se lles opoñen, ás xentes que se levantan contra o que representa o golpe de estado. Unión Europea que criticaba con dureza o emprego da policía contra os manifestantes de Maidan que asaltaban e queimaban edificios públicos, cercaban o parlamento e agora ve lexítimo o emprego do exército contra os que se manifestan a favor da orde constitucional e contra o golpe de estado.


O asalto e a queima dos que se atopaban dentro da casa dos sindicatos de Odessa e o asasinato dos que se tiraban desde as fiestras e non morrían no intento, por parte de grupos neonazis, grupos protexido pola UE e os EEUU, e artífices do golpe de estado, é todo un indicio do que lles pode acontecer ós que non se enfronten ó pulo do nazismo, pero ó mesmo tempo da baixeza moral dos dirixentes da UE, que non son capaces de condena-lo suceso que indica dun xeito nidio, que os que hoxe mandan en Ucraína, van perseguir non só a todo o que sexa de cultura rusa, senón tamén dispostos a chegar ó xenocidio, contra todo grupo que se poida considerar de esquerdas ou defenda valores progresistas.
Os ucraínos do sur e do leste do rio Dnieper, coñecen perfectamente a ideoloxía neonazi de amplos sectores da poboación do oeste, unha rexión onde o campesiño foi maioría, en tempos dominados por grandes latifundistas e a igrexa ortodoxa, cuxa mentalidade variou pouco a pesares da revolución soviética, pois como dicía Marx, “os campesiños non teñen ideoloxía o que teñen son supersticións” e son moi difíciles de erradicar. A construción da muller e o home nov@ é cuestión de moito tempo, non se fai por decreto e proba delo é Ucraína.
Unha parte da poboación do oeste apoiou a invasión nazi da antiga URSS, algúns como o dirixente nacionalista Stepan Bandera, acadaron grados militares moi importantes dentro do exercito nazi e unha vez desaparecida a URSS, a súa figura foi enxalzada e homenaxeada na Ucraína independente. A súa imaxe, xunto á de Hitler, apareceu na praza Maidan de Kiev durante as protestas contra o goberno. El foi o creador da ONU (Organización dos Nacionalistas de Ucraína) en 1929 e do UPA (Exército Insurxente Ucraíno) en 1943 que baixo a ocupación nazi cometeu bárbaros crimes contra as minorías sobre todo polacos, cifrándose en máis de 80.000 o número de asasinatos cometidos sobre esta minoría e a utilización sistemática de moitos métodos utilizados na actualidade en Colombia, polo exército e os paramilitares, como destripar ou cortar con serras os membros dos asasinados.
Finalizada a guerra, Bandera e a súa organización actuaron ó servizo dos EEUU realizando numerosos actos terroristas en territorio ucraíno e foi asasinado en Munich, onde tiñan a súa sé central, posiblemente polo KGB en 1959. Os grupos neonazis ucraínos actuais teñen en Stepan Bandera o seu recoñecido predecesor.
Se alguén consideraba que a “guerra fría” finalizou, estaba moi trabucado; o hexemonismo dos EEUU, esa idea de que todo o planeta debe estar baixo a súa influenza, segue a ser real e necesita a creación do inimigo para mantela viva; antes foi o comunismo, despois o terrorismo ou o islamismo, agora Rusia e todos os que sexan os seus aliados; o complexo industrial militar dos EEUU, necesita a expansión da OTAN, a venda de novo armamento e levalo ata as fronteiras do seu contrario.
Aceptarían os EEUU armamento nuclear en Nicaragua, Cuba ou México?. Quen é o agresor neste caso e quen o agredido?. E conste que polo señor Putin e o grupo de oligarcas que representa, autores do roubo do patrimonio ó pobo soviético, non sinto simpatía algunha, pero débense considerar distintas, as actitudes agresivas das que son defensivas.
A nova actitude de Alemaña dada a coñecer na Conferencia de Seguridade celebrada en Munich en febreiro do presente ano, á que foron invitados todos os sectores, naquel momento aínda opositores ucraínos, hoxe goberno, vai ter unha enorme influenza sobre a Unión Europea, cuestión da que non se fala na campaña electoral para o Parlamento Europeo, pois púxose en evidencia o novo papel que quere xogar Alemaña como país imperialista de primeiro orde, o que lle debe levar á militarización.
Esta etapa da UE, que considero nova, pois nunca aparecera tan sometida ós intereses de Washington como nestes últimos anos, ten moito que ver, non o esquezamos, ca propia Constitución que PP e PSOE aprobaron e que xa denunciamos como imperialista, non podía ser doutro xeito, e que consagraba o mesmo principio que se condenara con anterioridade por exemplo en Iraq, o de “guerra preventiva”, o que pula ó intervencionismo.
Debemos esixir a quen se presenta ás eleccións ó Parlamento Europeo, a que tomen postura sobre: os acontecementos de Ucraína, pois ca actitude agresiva contra Rusia, estase a poñer en perigo a paz mundial; sobre o Tratado de Libre comercio que en secreto negocian a UE cos EEUU, pois seguramente de asinalo, vai ter unha fonda influenza sobre as nosas economías e vidas; sobre o euro, un dos causante da nosa situación de deterioro económico; sobre a Constitución Europea, que consagra principios antidemocráticos que os pobos deben rexeitar;os acordos de Maastricht, o eixo fundamental da actual UE antidemocrática e ó servizo dos intereses do capital; etc.

En Galicia no mes de maio de 2014.

2 comentarios:

  1. Insistes en la idea de la Ucrania nazi. Te pregunto,, ¿Cuál crees que es la razón por la que apoyaron los ucranianos a los nazis en 1941? Hay textos de soldados alemanes que hablan de la hostilidad de la población ucraniana. Te remites a Marx y a la consideraci´n de que toda Ucrania occidental son campesinos supersticiosos e ignorantes ?

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Contesto a “voa pluma” sen moitos matices.Creo que o tema de que existan grupos nazis armados en Ucraína, e que os utilice a democrática UE para dar un golpe de estado, paréceme do máis novidoso, sobre todo nas portas dunhas eleccións ó Parlamento Europeo e cando nos queren facer crer que agora si, imos ter máis democracia. Pois ben, as oligarquías europeas que nos gobernan en nome do capital, seguen a recorrer como aconteceu en Italia, Alemaña ou España ó fascismo e o nazismo para acada-lo seus obxectivos, que non son liberar a un pobo, senón abrir novos mercados, estimula-la venda de armamento e sometelo ás directrices da “troika”.
      Ucraína atópase sometida, cando menos, a tres tipos de contradicións; a primeira a principal, a resultante da loita entre o capital e o traballo, explotadores e explotados, que co presidente anterior non se resolvía, pero co novo á vista das medidas antisociais que tomou este goberno ilexítimo, para recibir apoio da UE e os EEUU, tampouco.
      Unha segunda contradición é intercapitalista, grupos mafiosos que se fixeron co patrimonio dos traballadores e actúan enfrontándose entre eles e onde a figura do presidente do país, xogaba o papel de árbitro. Pero a ambición de Yanukovich por facerse máis rico do que xa é, levouno a deixar de xogar este papel e ser desprazado: E a terceira é a que enfronta ás dúas cadeas imperialistas, a liderada por EEUU e a UE e a que lideran China e Rusia. Dentro de cada unha delas existen tamén contradicións.
      Maidán comezou, a finais do ano pasado como unha protesta contra as políticas antisociais do goberno, cunha clara intervención da UE e os EEUU, e cando esmorecía, interveñen os grupos paramilitares neonazis e cambia a situación, as forzas represivas do goberno son derrotadas e o control da situación pasan a telo estes novos suxeitos. Que fixo a UE diante deste novo panorama? Nada, seguir a apoiar todo o que acontecía, asasinatos, queimas de edificios e todo o que queiramos imaxinar. Vimos pola tele o que lle aconteceu ó fiscal xeral do estado e o director da televisión pública, o mesmo que a tortura de comunistas en plena rúa.
      Supoño que o colaboracionismo cos nazis dunha parte da poboación ucraína, foi o resultado da existencia dun goberno que saíu da revolución de 1917, ateo nunha zona con grande incidencia da relixión ortodoxa, que fixo cousas moi mal, como entregar a terra en propiedade ós labregos, que non é unha medida socialista, en vez de estimular unha propiedade colectiva, para despois quitarlla na época de Stalin, poucos anos antes da invasión nazi, cando aínda non estaban pechadas as feridas.
      Seguro tamén como reacción á burocratización do estado soviético no seu conxunto e algúns temas máis que podíamos considerar. Pero é un feito que nunha parte de Ucraína, a de maior peso campesiño, é onde os correlixionarios de Stepan Bandera seguen a ter moita forza e non esquezamos que ata os anos 60 a rede deste personaxe, servía para levar a cabo moitos atentados e actos de terror dentro de Ucraína.
      Despois de tanto tempo o franquismo foi derrotado definitivamente? Que alguén se atreva a dicir que si. Moitas veces se lle acusa ó PP de ter nas súas fileiras franquistas e que actúa nas institucións como tales. Pois ben aceptemos que en Ucraína hai un compoñente nacionalista excluínte moi radical que en situacións de grave crise económica é utilizado por un sector da burguesía para impoñe-los seus criterios.
      Na zona sur-leste á que os medios de comunicación din obediencia cega a Putin, o tema social e as medidas tomadas polo goberno ilexítimo atópanse en primeiro plano, a clase obreira ten un peso maior, polo tanto non é estraño que Rusia agora retroceda, acepte as eleccións á presidencia e os sublevados non, polo de agora; a que actúa é a contradición capital -traballo e son conscientes que eles son os que máis van sufrir. Pero Rusia penso, non ten interese algún en que haxa un trunfo popular nunha zona tan próxima, onde por cultura, ten grande influenza.

      Eliminar