A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 17 de junio de 2014

A CAMPAÑA CONTRA OS QUE PODEN POÑER EN PERIGO O BIPARTIDISMO

Carlos Dafonte


A loita de clase maniféstase tamén dunha forma moi crúa, na loita ideolóxica que ten como obxectivo quitarlle valor ós argumentos de inimigo de clase e conseguir que o xeito de pensar da clase hexemónica, a todos os niveis, sexa o pensamento maioritario na sociedade, convertido sen que os explotados se decaten, no sentido común.
O periodista Ansón escribiu hai días un artigo nun medio, loando a postura de Podemos e do seu dirixente Pablo Iglesias, por renunciar, di trabucándose ou tentando que teña maior sona o argumento, á subvención de máis dun millón de euros que lle correspondería a esa formación polos votos e deputados acadados nas pasadas eleccións. A realidade é outra, entendo que Podemos non pode cobrar máis que o que dixo ter gastado e o dito ata o de agora, non chega por moito a esa cantidade.

Ansón como home moi  de dereitas, ve con preocupación os resultados electorais ó Parlamento Europeo e o inicio da ofensiva popular contra o réxime, ocasionada a partir da mobilización que xuntou en Madrid a máis dun millón de persoas e que continúa cas celebradas a favor da república. O seu artigo vaime servir para reflexionar sobre a campaña iniciada fundamentalmente contra Podemos pero tamén contra IU e que se pode estender á Fronte Cívica Somos Maioría de Julio Anguita, AGE en Galicia, e todas as organizacións, colectivos e movementos, para evitar que os resultados do día 25 de maio sexan o inicio dun ascenso das forzas que formulan unha transformación fonda da sociedade e das institucións.
Como é unha persoa intelixente, sería erróneo considerar a todos os de esta tendencia torpes, tamén coñece a importancia que pode ter, para os procesos electorais próximos, un acercamento entre as forzas do que dun xeito cotiá establécese que é a esquerda no estado español. Por iso se ten iniciado unha campaña, que se está a producir, que ninguén o dubide, en varias frontes.
Nunha delas, vai primar o de desprestixiar no eido persoal ós compoñentes destes grupos e no mesmo vale todo, pasando por buscar actitudes ou actividades, actuais ou pasadas, que sirvan para o menoscabo da imaxe dos principais dirixentes. Recorrerase a mentiras, medias verdades, co obxectivo de sementa-la confusión, crear desconfianza entre as persoas que os votaron e as que tiñan pensado facelo no futuro. E para elo a dereita vai poñer todo o aparello que ten ó seu servizo, ata o do estado, para acadar o seu obxectivo.
Unha segunda fronte é máis ideolóxico, combate-las posicións e propostas programáticas de todo tipo feitas desde estas forzas políticas. Nótase nos últimos días un sistemático ataque contra propostas como o reparto del traballo, a nacionalización de sectores estratéxicos, avances no sistema para facelo máis participativo, etc. A maioría das persoas que fan este labor non entran no debate, a súa capacidade é cativa, a dar argumentos de peso en contra; quédanse na superficie, na denuncia do feito e só entran para preguntarse como pagaremos todas esas medidas, o que obrigará a un debate aberto sobre os temas e a quen os presenta a facer un esforzo de concreción maior. Polo visto e escoitado ata o de agora, acaban acusando, é o argumento estrela máis socorrido da dereita máis conservadora e retrógrada cando non ten algún outro que opoñer, de querer levar ó estado español a ser como Venezuela, xa quixéramos en algún aspecto, Cuba ou Corea do Norte.
Pero hai un terceiro aspecto que no debemos  deixar no esquecemento; a dereita vai facer todo o posible por frustrar todo tipo de achegamento entre forzas políticas que consideran, poidan poñer en risco o sistema político actual e que loiten por combater xuntas a agresión constante contra a xente que recibe un salario e aquelas clases intermedias entre, a burguesía e o proletariado, tamén moi agredidas polas medidas da oligarquía.
En este último capitulo inscribiría o artigo de Ansón; desde o meu punto de vista ten un obxectivo moi claro, abrir un espazo de incomprensión entre Podemos e IU, poñer atrancos no camiño da unidade servíndose, neste caso, dunha cuestión que ten calado na conciencia da xente a causa da corrupción, como é o financiamento dos partidos, que os medios máis conservadores utilizan contra a existencia dos mesmos e hai que recoñecer que moita xente acepta os seus falsos argumentos e tamén a maioría dos movementos sociais.
No fondo cando se trata este tema, aínda por parte de aquelas persoas que non son de dereitas, se fai, a maioría das veces, contra os partidos do que se considera no común da esquerda, que son os máis prexudicados por todos os argumentos que se expoñen, dándolle a razón á dereita máis retrógrada.  
Por que despois de tantos anos de goberno do PSOE e PP segue sen solución a financiamento dos partidos? Ese é o problema fundamental e non si Podemos deixa de cobrar ou cobra. Ansón sabe como todo o mundo, que si os partidos se financiaran só co "diñeiro dos militantes" e simpatizantes, a esquerda, a verdadeira, estará en serias dificultades, con militantes e simpatizantes de baixos ingresos e moitos, mentres exista o sistema capitalista, engordando o “exército de reserva”, no paro, sen medios de comunicación propios que leven á xente as súas ideas e programas e sometidos a constantes campañas electorais, vaille ser moi difícil acadar bos resultados e manterse cun número importante de representantes nas institucións, elemento táctico importante para que te vexan e escoiten, aínda que serva pouco para a transformación.
Despois de que os xuíces vaian desentrañando algún dos innumerables casos de corrupción, coñecemos ben como actúan as grandes e medianas empresas e os bancos, moi xenerosas cos partidos que defendan os seus intereses. Polo tanto, os partidos que xenericamente defenden os intereses da burguesía nunca terán problemas para financiarse e polo tanto prefiren este sistema, que outro que sexa transparente, no que se lle poñan límites estritos e que se considere delito e castigue con importantes penas de cárcere ós dirixentes que permiten esas actividades. Prefiren o actual a outro no que a sociedade financie ós seus partidos, cos impostos que pagamos todos e que están bastante mellor investidos nese concepto, que en outros moitos que aparecen nos orzamentos xerais do estado.
O financiamento por parte do estado, non debe ser considerada como concesión polo partido de turno nas institucións, é fundamental para os partidos e organizacións da xente traballadora, debe ser unha conquista como outras moitas que se acadaron despois de fortes loitas; recibir unha cantidade do estado non debe indicar nunca sometemento ás directrices do mesmo e á clase que se atope á fronte das institución, pola contra garante que se pode manter unha estrutura que che permita actuar en todos os eidos da vida social; potencia-la loita de clases.
Tanto PSOE como PP ó longo destes anos estiveron inmersos en causas de financiamento irregular; o chamado caso Naseiro, responsable en tempos das finanzas do PP, a trama Gürtel e a súa derivación Bárcenas ou o de Filesa e outros “montaxes” que dicían facer informes para empresas que nunca apareceron, pero os cartos se cobraban e desviábanse ás arcas do PSOE.
Como se pode apreciar son os partidos defensores da oligarquía española, os mesmos que se atopan interesados na existencia da monarquía e dunha construción europea ó servizo dos grandes emporios económicos, os que non quixeron cambia-lo sistema de financiamento dos partidos; os que non aceptan as regras da transparencia e da limpeza neste eido.
Hai que ser conscientes, que iso non é máis que un lavado de cara ó sistema como outras moitas propostas que se están a manexar estes días en pleno debate dos resultados do 25 de maio; que será importante se facilita a articulación de determinados sectores sociais nas loitas contra os recortes e a agresión oligárquica, pero tamén se todo este proceso permite a articulación e o avance na construción do partido da xente traballadora asalariada, sen cuxa existencia, a loita polo socialismo é unha quimera.


En Galicia no mes de xuño de 2014



No hay comentarios:

Publicar un comentario