A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 21 de junio de 2014

REESCRIBINDO A HISTORIA DA SEGUNDA GUERRA MUNDIAL


Carlos Dafonte

Con gallo dos fastos para celebra-lo desembarco por parte dos aliados nas praias de Normandía, a maioría dos plumíferos e intelectuais orgánicos de sempre, os da burguesía, explican o acontecemento polas consecuencias que din trouxo esta acción bélica, gañar a guerra e implanta-la democracia en Europa.
Está hoxe bastante claro que a guerra estaba perdida para a Alemaña nazi despois da derrota das súas mellores tropas no leste, sobre o territorio da URSS; a retirada ás portas de Moscova, o fracaso no cerco de Leningrado, a rendición do exército de von Paulus en Stalingrado e a derrota posterior en Kursk no verán de 1943, permitiron ós soviéticos inicia-lo avance que tería fin ca toma de Berlín. A estas vitorias hai que sumarlles a actividade guerrilleira en Iugoslavia, Grecia e Albania, anticipo da derrota definitiva. Polo tanto dicir que grazas ó desembarco conseguiuse a vitoria sobre o nazismo, como se repetiu estes días, ten moi pouco de verdade e non pasa de ser máis que propaganda, da moita que sobre estes feitos teñen realizado os “ianquis” en estes setenta anos últimos.

Respecto ó obxectivo da instauración da democracia, como explica moi ben nun traballo o historiador norteamericano Jacques R. Pauwels titulado en castelán “El mito de la guerra buena” é tamén unha afirmación que habería que poñer en cuarentena, dado que o sistema democrático instaurado nos EEUU naquela época, que aínda se foi deturpando cada vez máis co paso do tempo, non podía ser un modelo a seguir para Europa por moito que estivésemos a sufrir o fascismo, o nazismo e o franquismo.
De feito á grande maioría dos norteamericanos, a pesares das verbas grandilocuentes plasmadas na chamada “Carta Atlántica” asinada por Roosevelt e Churchill, en agosto de 1941, onde se declaraba que se opoñían á Alemaña nazi en defensa das “catro liberdades”, de expresión, de relixión, de padecer fame e de sufrir medo político, cando se lles preguntou ós combatentes as razóns polas que estaban loitando, moi poucos contestaron dando razóns ideolóxicas, como restaura-la democracia e a xustiza. Como sinalou o historiador e veterano da guerra Paul Fusell, loitaban aínda que ideoloxicamente o fixeran “nun baleiro”; non loitaban por ideais, só por sobrevivir, para gaña-la guerra e que finalizara axiña.
Os civís atopábanse na mesma circunstancia; nunha enquisa de Gallup de setembro de 1942, revelou que o 40% descoñecían os motivos para atoparse en guerra, menos dun 25 % non escoitara falar da Carta Atlántica e só un 7 % era capaz de citar unha das catro liberdades. Como di Pauwels, non importaba o que os civís pensaran pois o seu sistema democrático só lles permite votar cada catro anos entre un republicano e un demócrata, pero as súas opinións non se teñen en conta, o cidadán común non ten influenza algunha nos círculos do poder.
Michael Parenti definiu á democracia dos EEUU como “unha democracia para uns poucos”, aparenta ser unha democracia pero “só un grupo reducido de individuos poderosos e acaudalados manexan os resortes”. Outro sociólogo Wright Mills definiu a este grupo formado polas elites económicas, sociais, militares e políticas da nación como “Elite do Poder”, cuxo centro neurálxico atópase nas grandes corporacións e non é nada desacertado, dicir que o goberno de Washington traballa para satisface-las súas necesidades, actividade gobernamental que funcionaba así desde moito antes da II ª Guerra Mundial. Un primeiro chanzo estaría formado polo grupo das grandes familias económicas históricas, moi poucas, Ford, Vanderbilt, Morgan, Dupont de Nemours, Rockefeller, Hunt...; un segundo esta formado polo managers, os directivos das grandes corporacións industriais, onde son os amos e gozan de extraordinarios soldos e beneficios de todo tipo; nun terceiro, atópase o Pentágono, “os señores da guerra”, o cumio dos militares; nun cuarto os políticos cos seus aparellos estatais, un elo feble dentro da cadea; Vanee Packard aínda establece outro chanzo máis ó que chama o dos “persuasores”, formado por celebridades, creadores de opinión, mitos de referencia e mediáticos que teñen como misión crear unha realidade que non existe.
Polo tanto é interesante coñecer que pensaban algúns destes homes da industria, que ocupaban un chanzo privilexiado dentro da “elite do poder”, sobre os acontecementos que se produciron en Europa, antes do estoupido bélico e a actitude cara a guerra.
A idea que se nos ten inculcado é que os EEUU foron os defensores a ultranza das liberdades e da democracia, nembargantes tanto os réximes de Hitler e Mussolini, contaban con un enorme número de simpatizantes que só minguou no momento en que Hitler lle declara a guerra a EEUU en 1942; sobre todo entre as elites e entre os católicos de ascendencia polaca, irlandesa e italiana, moi influenciados polo apoio do Vaticano a Mussolini, postura que se reforzou cando en 1933 asínase o Concordato ca Alemaña de Hitler, pola iniciativa do cardeal Pacelli, máis tarde Pio XII. A partires do mesmo, moitos prelados norteamericanos amosaron a súa simpatía por Hitler e Mussolini.
En plena depresión as decisións dos nazis de eliminar os partidos da esquerda e os sindicatos, foi moi ben acollida polos grandes empresarios americanos que tiñan importantes inversións en Alemaña, como Coca Cola e a súa factoría en Essen, a General Motors, Ford en Colonia, IBM ou a Standar Oil, socia de IG Farben e outras moitas como ITT, Du Pont, JP Morgan, Unión Carbide, General Electric, etc. A política de rearme axudou a conseguir a estes capitalistas importantes beneficios e a sentirse protexidos polos nazis. No caso de GM e Ford suministraban, o ano 1939 o 70% do material que se utilizaría na próxima guerra. IBM a traveso da súa filial alemá Dehomag, suministraba ós nazis a tecnoloxía das tarxetas perforadas, o antecedente do ordenador. Se ten dito e con razón, que a “guerra lóstrego” non sería posible sen os vehículos norteamericanos e o combustible da mesma procedencia, que chegaba a Alemaña pola vía de España.
Moitos destes “capitáns da industria” amosaron publicamente a súa admiración pola obra dos nazis e pola persoa do seu führer, como o caso de Henry Ford, coñecido antisemita que organizou unha campaña a favor dos nazis contando ca colaboración do aviador Charles Limberg, amigo persoal de Göring. Hitler tiña unha fotografía adicada de Ford no seu despacho e Ford recibiu unha condecoración concedida polo führer. Outros dos casos son os de Kennedy, pai dos políticos e Prescott Bush pai e avó de dous presidentes, que continuou suministrando materiais á Alemaña nazi cando xa entrara en guerra co seu país, polo que se lle fixo perde-la titularidade de diferentes empresas, que se lle devolveron unha vez finalizada.
Relato aquí algunha das actividades respecto os nazis, destes compoñentes da “elite do poder” norteamericano que nos permite comprender que si entraron en guerra contra Alemaña, non foi como afirman algúns inxenuos, para restablece-las liberdades, coñecían perfectamente o que estaba a pasar cos xudeus e as persoas da esquerda e sindicalistas, asasinados masivamente nos campos de exterminio, e non amosaron ningún tipo de preocupación. Aínda máis, algúns chegaban a insinuar o beneficio que lles reportaría actuar contra o movemento obreiro do mesmo xeito que os nazis. O nazismo aparecía como unha solución “ó perigo vermello” e a destrución da URSS, berce dunha parte importante dos revolucionarios, era o obxectivo fundamental da Alemaña nazi, polo tanto era necesario apoiala.
Tamén elites europeas, principalmente a británica participaban da mesma opinión, desde Lloyd George ata membros da familia real como o duque de Windsor, que foi recibido e tomou o té con Hitler no seu refuxio de montaña e recoñeceu en 1966 que Hitler “fixo que me dera conta que a Rusia Vermella era o único inimigo, e que Gran Bretaña e toda Europa tiñan interese en animar a Alemaña a marchar cara o leste e aplasta-lo comunismo dunha vez por todas”. Este devezo plasmouse na chamada política da “pacificación”, proposta por Francia e Gran Bretaña e apoiada por Roosvelt, cuxo obxectivo era o enfrontamento entre Alemaña e a URSS e a vitoria da primeira. Hai que dicir que Francia e Gran Bretaña, estaban dispostas a axudar ós nazis neste obxectivo e había planos concretos para acceder á zona petroleira de Baku.
Pero saíulles mal o proxecto e tiveron que entrar en guerra; non quixeron sacrificar a Polonia despois de facelo con Austria e Checoslovaquia, e a URSS, para gañar tempo no seu labor de defenderse, asinou o tratado ca Alemaña nazi.
Unha vez que Europa atópase en guerra, dentro da “elite do poder” norteamericana non había unha postura monolítica. Sectores produtivos consideraban que sacarían máis beneficios ca neutralidade e outros ca intervención como aliada de Gran Bretaña . Do que estaban todos de acordo, empezando polo presidente, era que a guerra, como acontecera na primeira, sacaría ó pais da crise.
Cales foron as razóns de abandonar o seu apoio ós nazis?. En primeiro lugar que os nazis non permitían ás empresas norteamericanas abrir mercados naqueles territorios que conquistaban; en segundo que o comercio con Alemaña fíxose dificultoso pola actividade da mariña británica e sufriu un forte descenso; en terceiro, por como os nazis penetraron en mercados e e áreas de influenza norteamericanos, como Brasil, Chile e México.
Estes aspectos e supoño que algún outro, convenceron a este núcleo que tiña a política norteamericana ó seu servizo que era máis beneficioso económicamente ser aliado de G.B, formalizándose a política de “lévao e paga”, que servía para calquera dos países contendentes e máis tarde, cando G.B xa non tiña efectivo substituída pola de “préstamo-aluguer”, pola que se lle concedía a este país un préstamo ilimitado a condición de que unha vez finalizada a guerra, abrise as súas fronteiras ás exportacións norteamericanas e as do seu amplo imperio; GB aceptou a chantaxe e converteuse nun monicreque dos EEUU, papel que segue a xogar.
Un matiz máis, en principio a elite económica á vista do negocio que a guerra representaba, aseveraban que a guerra debía ser lenta, de forte desgaste para os contendentes e segundo Ford, poder facer negocios cas dúas partes
Polo tanto nin instaurar democracia nin vitoria sobre os nazis. Negocios e evitar que o exército da URSS liberase a toda Europa de nazis e fascistas ca colaboración dos fortes partidos comunistas. Posiblemente no estado español non tivéramos aguantado corenta anos de ditadura.
Por último, para os que chegados a este punto pensen que se instaurarían sistemas de partido único, hai que dicir que segundo avanzaba o exército vermello se creaban, por parte das forzas políticas que non colaboraran cos nazis e fascistas, gobernos plurais e que foi a raíz da expulsión dos comunistas dos gobernos de Italia, Francia, Bélxica, Holanda, etc, cuxa presencia estaba máis que gañada pola súa resistencia heroica fronte a ocupación, por esixencia dos EEUU, cando como resposta a esa agresión á democracia, os soviéticos fixeron algo criticable desde o meu punto de vista, constituír gobernos a redor dos partidos comunistas con aliados que non se distinguían moito dos comunistas.

En Galicia no mes de xuño de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario