A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 24 de junio de 2014

UNHA COROACIÓN BAIXO UN ESTADO DE EXCEPCIÓN. A PAZ REINA EN MADRID


Roberto Laxe

A proclamación do novo rei, Felipe VI, fixo evidente o que xa é un clamor: tras el só están os empresarios e banqueiros, que pagan a esgallo para sacar bandeiras e símbolos, os medios de comunicación, cunha asfixiante campaña de propaganda, os partidos do réxime, o PP, o PSOE, UPyD, e as cúpulas sindicais de CCOO e UXT. Enfronte, unha poboación que activa ou pasivamente, demostrou que Felipe VI vai ser o “breve”. As supostas multitudes arengadas polos políticos mais dereitistas, como Botella o Ignacio González, non apareceron por ningures e non pasaron duns miles de persoas, menos mesmo que os que habitualmente andan polo centro de Madrid.
E para evitar que esas multitudes si apareceran, mas baixo as bandeiras republicanas, declararon o estado excepción na capital do Estado, coa desaparición dos directos civís de expresión e manifestación, e a toma policial da cidade.

Quixeron resolver a crise aberta pola dimisión de Juan Carlos I en 15 días, e o único que demostraron é a febleza coa que nace o novo rei. Poden facer todas as trampas que queiran, poden silencia-lo, poden ollar para outro lado e presentar “normalidade”; mas non é normal nin democrático o que aconteceu o 19 de xuño.
A burguesía, os seus políticos institucionais e as institucións do réxime, desde a xustiza ate a igrexa saben que teñen un réxime agónico, débil e sen autoridade para impoñer as medidas que precisan para aumentar os seus beneficios, pagar a débeda á banca española e estranxeira, e achar novos “nichos de mercado” nos servizos privatizados. Saben tamén, que as nacións como Catalunya, Euskadi e Galiza séntense a desgusto neste estado de cousas, cuxos estreitos marxes de concesión xa non lles serven para mellorar a súa situación.
Iso saben-no eles; perfectamente, aínda que o escondan diante da cidadanía a través dos seus medios de propaganda chamados canles de TV e xornais. Por iso, as medidas de excepción adoptadas nestes dias anuncian “malos días para a ética”. Porque se o novo rei non ten ningún apoio que non sexan as minorías poderosas, se as institucións do réxime seguen tan corrompidas como sempre, e se a crise segue cabalgando, por moito que fagan malabarismos contables para xustificar subas do PIB, está claro cal vai ser o eixo do novo “reinado”, o pau e pouca, moi pouca, cenoria.
O fracaso estrepitoso do “baño de masas” co que pretendían referendar o novo rei, para roubar o dereito a decidir, fai preciso reforzar o traballo e a mobilización polo verdadeiro dereito a decidir, e non a pantomima semifeudal do dia 19.
Mas, non podemos ficar no simple dereito a decidir. A instauración da república ten que vir acompañada, se non no é mais que un troco de cromos, dun proceso constituínte que garanta todo o ate hoxe significou de loita contra as reformas laborais e recortes sociais, contra as limitacións dos dereitos democráticos e o dereito dos pobos á súa autodeterminación, o que inclúe o seu dereito a se separar do estado.
As forzas sociais e políticas que onte saímos a rúa, a pesar da “pax” decretada desde os gobernos e os medios, temos que facer o posible para avanzar nas canles de unidade acadadas nestes dias para conquista a creba do réxime do 78.
 “A paz reina en Madrid”, é a paz da toma policial e a censura nos medios, mas iso non vai frear as ansias de liberdade e xustiza da clase traballadora e as nacións oprimidas.

Galiza, no mes de xuño do 2014


No hay comentarios:

Publicar un comentario