A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 15 de enero de 2015

CHARLIE HEBDO DENTRO DA ESTRATEXIA IMPERIALISTA




Carlos Dafonte

Descoñezo cando o consello de redacción da revista Charlie Hebdo decidiu levar adiante a liña editorial que considero preñada de islamofobia, e que coincidiu, descoñezo repito, se desde os primeiros momentos, co proceso iniciado hai máis dunha década no que o imperialismo por medio da violencia máis extrema, tenta a “recolonización e remodelación” dos territorios de Oriente Próximo e Medio, cuxa poboación maioritaria é musulmá. Proceso que considero un elemento máis da loita de clases que tenta substituír a unha oligarquía autóctona que facía unha distribución da riqueza máis xusta, por outra foránea que sume á maioría da poboación na pobreza máis absoluta.  A revista francesa converteuse nun axente ideolóxico dese proceso, que sementa a morte e a destrución en importantes zonas desas rexións. Teño a impresión que tentaba, cas súas sátiras sobre o islam e os musulmás, xustificar en algunha medida moito do que está a acontecer nos territorios onde se están a producir desde hai moitos anos feitos dunha violencia e brutalidade imposible de xustificar, levada a cabo polas tropas da OTAN.

Pero a pesares do anterior, o crime cometido contra a súa redacción, non ten xustificación algunha; hai que defender a liberdade de expresión aínda que o seu exercicio leve á equivocación e a actuar indirectamente a favor dunha causa inxusta, demonizando e ridiculizando a quen sofre a agresión do imperialismo; debemos defende-la liberdade de expresión aínda que sexa para equivocarse. Polo tanto a condena do acto perpetrado polos dous irmáns Kouachi e os seus cómplices se os tiveron, non debe ser suavizada con argumentación algunha, debe ser unánime e o máis contundente posible, afastada de calquera argumentación que a converta en tibia.
Pero desde esta condena, e afectados pola natureza do crime, debemos facer un esforzo para comprender o que esta a acontecer no mundo e seguir a criticar todo canto nos pareza criticable. O crime de París non pode actuar de censura. E comprender en primeiro lugar as razóns que puideron levar á redacción da revista a iniciar unha campaña islamofóbica e só lle atopo unha explicación: o seu compromiso cas actividades do seu goberno en Oriente Medio, Próximo e Africa en defensa dunha pretendida superioridade occidental que neste caso é da oligarquía mundial e o imperialismo que esconde o roubo sistemático das riquezas que farían posible que moitos pobos deixasen e vivir na pobreza. Francia a día de hoxe é un dos países que máis tropas e armamento ten desprazado a numerosos países do planeta e non o fai para levar e implanta-la síntese do republicanismo do que tanto alardean. A redacción do semanario sumouse sen ningunha dúbida á pretendida e trabucada “guerra de civilizacións”, concepto simplista que tenta dar unha explicación falsa e tapa-los intereses espurios do imperialismo e o que é a loita de clases nesas rexións.
Despois do ataque contra as chamadas torres xemelgas, como continuación á primeira guerra de Iraq e o longo bloqueo que custou a vida a numerosos civís, sobre todo nen@s, os EEUU dixeron declara-la  guerra ó “terrorismo”. Esquecen que desde hai moito tempo este método de violencia é a resposta dalgúns dos pobos agredidos que non teñen nin tanques nin avións, nin drons, nin todo o armamento sofisticado que teñen as grandes potencias; utilízase para facerlles ver os países con alta tecnoloxía militar que si os agriden, eles tamén van sufrir. Que si aterrorizan ós seus pobos co seu sofisticado armamento, eles  consideran que con outros métodos non tan sofisticados, pero tamén eficaces, son capaces de facer sufrir ese mesmo terror e inseguridade a quen tanta destrución e terror leva ós seus territorios. Con esa declaración estaban a declararlle a guerra a todos os pobos do mundo que non estaban dispostos a dicir si, a todo canto a primeira potencia militar quixera facer; e elaboraron unha listaxe dos “terroristas” a quen había que exterminar, incluíndo na mesma desde organizacións políticas e de resistencia, ata países como Cuba. Todo o que lle molestaba era “terrorista”.
 O imperialismo sabe que de producirse actos de violencia extrema nas súas propias sociedades, levados a cabo por islamitas radicais, van levantar un sentimento contraditorio que vai aproveitar no seu beneficio; a aceptación por parte desas sociedades de recortes nos seus dereitos, o adelgazamento dos sistemas democráticos e polo tanto un maior control das respectivas oligarquías sobre os movementos de oposición dentro dos seus países. Lles vai permitir seguir construíndo o seu proxecto neoliberal, insolidario, segregador e clasista. E no caso de Francia, manter  a unha parte da inmigración, que no século pasado era ben recibida e se premiaba a aqueles empresarios que empregaban norteafricanos, metidos en barrios miserables, sen ningún tipo de servizos, soportando cifras de paro de vergoña, sen perspectiva algunha de mellora, consideradas como persoas de terceira clase e tentando que non se sintan como parte da clase obreira e que ata os partidos da esquerda, non se preocupen en absoluto polos seus problemas e futuro.
Utilizando o engano e o medo, destruíron a tres importantes países que eran bastións contra o islamismo máis radical, Iraq, Libia e Siria, cuxas consecuencias estamos a sufrir e o vamos a seguir sufrindo durante moitos anos; abriuse unha caixa de Pandora de consecuencias difíciles de valorar, mentres permanecen intocables, ca etiqueta de “amigos”, outros países que financian á yihad e a  maioría dos muhaidines que levan o medo ás sociedades do centro do sistema capitalista: Arabia Saudita e os Emiratos do Golfo.
En moitos territorios de Oriente Próximo e Medio, desestruturamos as súas sociedades e ademais, alimentamos os enfrontamentos entre as diferentes faccións  do islam; todas estas políticas xerarán terror e morte nas súas sociedades pero agora xa o comezamos a comprender, tamén nas nosas, situación que a maioría dos dirixentes proimperialistas que nos gobernan non foron capaces de prever; pensaron que serían capaces de mante-la guerra fora das nosas fronteiras; os atentados de Madrid, Londres, e París indican o contrario.
Mentres a derrota do imperialismo non sexa un feito, mentres os seus servidores sigan a dominar nas nosas institucións, cada vez máis, produto tamén da crise, o enfrontamento se vai aguzar entre as sociedades opulentas de occidente e as masas pauperizadas polas guerras e as intervencións imperialistas en todo o Oriente Próximo e Medio e na nosa fronteira sur, o norte de Africa.

En Galicia no mes de xaneiro de 2015

1 comentario:

  1. Dacordo! Pero para matizar:
    Non son lector de Charlie Hebdo, teño noticia dela dende a bronca pola republicación nas súas páxinas das caricaturas de Mahoma dun diario danés que recibira ameazas, alá por 2006. Pero botando un ollo as caricaturas, non parecen propagandistas islamófobos ó servizo do imperialismo. Mais parecen os bufóns que lle dan caña a todo quisque. Comprobable en Google: https://www.google.es/search?q=charlie+hebdo&source=lnms&tbm=isch&sa=X&ei=MVy9VIfgN8WqUbKpgkA&ved=0CAgQ_AUoAQ&biw=1280&bih=672#tbm=isch&q=charlie+hebdo&imgdii=_ Aparte dunha calidade desigual e bastante mal gusto ás veces, penso que en xeral non se libra nin dios literalmente. Que despois o goberno francés e a outros poderes lles compense aproveitar certas pallasadas e tragar ás veces outras é outra cuestión. Quero dicir que tal vez non sexa a revista a que transmite islamofobia, senón outros medios que a raíz das caricaturas sí mesturan islam e integrismo, terrorismo, etc. E os poderes lles compensa tragar relativamente cando lles caen as coñas a eles, porque non lles fan dano algún na situación actual, e de feito nestes momentos lles reforza. Sempre terán o argumento de seren tolerantes e por tanto distintos ó integrismo (ou os poderes tras del). De feito parece que a quen mais lle compensou o atentado foi a Hollande, bastante atacado pola revista.

    Lorenzo.

    ResponderEliminar