A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 26 de septiembre de 2015

A DERROTA D@S TRABALLADOR@S GREG@S



Carlos Dafonte

Syriza gañou as eleccións en Grecia; estou convencido que na grande maioría das chancelerías da UE, respiraron aliviados, agás no estado español, a proximidade das eleccións xerais e a sombra de Podemos, obriga ós nosos gobernantes e a leal oposición a tentar transmitir unha mensaxe de catástrofe; o “converso” Tsipras segue no cargo e é de supoñer que vai levar adiante dende a “a á z” o memorando imposto pola “troika”, aprobado no Parlamento co apoio dos dous grandes partidos que levaron a Grecia o desastre económico, o PASOK e Nova Democracia, que vai desencadear maiores penalidades para a poboación.

O mesmo que no estado español cos gobernos de Felipe González, as oligarquías europeas consideran que a organización vitoriosa é a única, dende o goberno, que pode vence-la resistencia do pobo grego á aplicación das políticas de austeridade. Do que se trata é de convencer ós resistentes que “esa é a única política posible”, que non hai alternativa á troika, e os sectores que dende a esquerda tentan implementar outras saídas, xa se encargarán os medios de comunicación de desprestixialos.
Convocando eleccións nun período de tempo moi curto e negándose a celebrar un Congreso da organización, despois da división xurdida nas súas fileiras, a causa da traizón levada a cabo por unha parte de Syriza unha vez celebrado o referendo, Tsipras e os seus seguidores, non permitiron a reorganización dos sectores de esquerda degallados, nin entrar nun debate en profundidade sobre os pasos a dar e as razóns para facer o contrario do que o pobo votou cando foi consultado. Tsipras e o seu grupo convertéronse en uns alumnos destacados, en moi pouco tempo, do que se fai acotío na maioría das institucións europeas, manobrar para enganar ós pobos e seguir levando adiante políticas contrarias ós seus intereses. Pensaba perde-lo referendo e xestiona-lo resultado? E si pensaba gañalo para face-lo contrario do que pedíalle ó pobo que votara, non hai razóns para convocalo. Para min segue a ser un enigma, que en todo o lido neste tempo, é certo que non é a maioría do escrito sobre o tema, non atopei aínda solución ó mesmo.
A Syriza actual, que foi elixida a principios de ano como colofón de todo un proceso de loitas levadas a cabo polo pobo grego contra as políticas de austeridade, resultados electorais que crearon a nivel europeo unha enorme expectativa,  vai a aplicar, a partires do mes próximo toda unha serie de medidas que truncan a democracia en Grecia, saquean ó estado en beneficio de grandes empresas e estados foráneos e van a dar un novo “golpe de parafusa” no empobrecemento da poboación, unha das máis pobres da Unión Europea. E @s e traballador@s greg@s a pesares de coñecer este proceso que se vai iniciar, votaron maioritariamente por Syriza. Son coñecedores do que representaron os dous partidos da quenda, os que levaron a Grecia ó desastre, e as manobras de Nova Democracia, aconsellada por Goldman Sachs- Mario Draghi, para falsea-las contas de Grecia; e a pesares do engano de Syriza, co seu voto @s traballador@s greg@s están a amosar que a xestión da nova situación, e o mesmo tempo a garantía de permanecer dentro do euro e a UE, é a organización que lles merece maior confianza. No Pasok e Nova Democracia non teñen confianza algunha.
Hai que recoñecer despois de transcorridos dez meses dende as eleccións, que o KKE, o Partido Comunista, nos seus análises postelectorais, que sempre pensei que facía por sectarismo, unha vez visto a acontecido, teño que rectificar e dicir que acertou plenamente sobre a perspectiva política a percorrer por Syriza. Se Podemos no estado español pódese considerar o seu homólogo, o apoio ás políticas de Tsipras é constante, non debemos descartar como posible, que o camiño a percorrer pola formación de Pablo Iglesias, Iñigo Errejón e outr@s, sexa moi similar ó de Syriza, polo que todas as valoracións sobre Podemos que  fan numerosos medios de comunicación, no senso de ser unha forza da extrema esquerda, chavista e toda outra serie de epítetos, son falsas; Podemos, considerando a súa actitude fronte a Syriza, non sería máis que unha forza política ó servizo da oligarquía europea, que tenta ocupa-lo espazo dos neokeynesianos, dos que din que o capitalismo pode ser outra cousa, cando se atopan na oposición, pero que cando gobernan, como Syriza, póñense ó servizo das oligarquías dominantes.
O referendo grego foi un avance moi importante; por primeira vez unha organización que conquistara un goberno, consultaba ó pobo sobre o enfrontamento que tiña ca oligarquía europea; púidose levar  a cabo o que significa que calquera goberno pode facer o mesmo, non se afundiu nada, foi unha imposición democrática nunha UE que non o é; os que defendemos que o pobo fale en todos os momentos, que se lle consulte non só nos períodos electorais, percibimos que podíase iniciar un novo ciclo de loitas e que Grecia podía ser un exemplo de que unindo as loitas d@s traballador@s á actividade institucional, aínda que as institucións tivesen un carácter burgués, pero utilizadas polos traballador@s para ocupalas cos seus representantes, podíaselle facer fronte á UE e a “troika”, que había espazo para as loitas; por iso a traizón de Syriza é tan grave xa que do ciclo político iniciado en Grecia hai uns meses, as forzas de esquerda saen moi debilitadas, non só en Grecia, en toda a UE. Pero tamén se poden sacar leccións importantes, a súa recuperación non vai vir en función das “novas forzas emerxentes”, das teorías que consideran o suxeito revolucionario á “cidadanía” ou a “multitude”, senón en reafirma-los principios da teoría revolucionaria, da filosofía da praxe e da organización partidaria.

En Galicia no mes de setembro de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario