A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 28 de septiembre de 2015

UNHA PRIMEIRA REFLEXIÓN SOBRE AS ELECCIÓNS AUTONÓMICAS DE CATALUÑA 2015




 Carlos Dafonte
 O que menos debe interesar a hora de analiza-los resultados do día 27, é utilizalos para personaliza-lo proceso que hai aberto; si Mas debe ser President da Generalitat ou non, si debe dimitir o continuar; cuestións sobre as que fan moito fincapé os medios, para non falar do verdadeiramente importante.
O que importa, dende o meu punto de vista, é considerar se os resultados electorais axudan a consolidar ou debilitar as políticas neoliberais en Cataluña, impostas por CiU, co apoio de ERC, que significaron importantes recortes en servizos fundamentais como sanidade, educación, a privatización dos mesmos e outros como augas, en resumo, a aplicación sen que á burguesía catalá lle tremera o pulso, das mesmas políticas que o PP e PSOE aplican no resto do territorio estatal cando gobernan.

O proceso de loita de clases en curso en Cataluña, que levou á derrota de CiU no concello de Barcelona,  parcialmente enmascárase baixo o concepto de independencia, que a burguesía, dende o século XIX é capaz de controlar. Pero a pesares deste control, aguzou as contradicións entre os diferentes sectores da burguesía estatal, enfrotándose a catalá ós obxectivos de concentración e centralización impostos pola oligarquía española, ó tempo que leva tamén ó enfrontamento entre sectores da burguesía nacional en Cataluña que se concreta na creba da organización política CiU. Pero non debemos esquecer que a burguesía, onde priman os intereses de carácter económico, os beneficios, cando vexa que a súa hexemonía atópase en perigo, non terá ningún problema para recompoñe-la súa unidade contra @s traballador@s.
Que expresaron @s catalás co seu voto?. Facéndoo dun xeito masivo, o 77'44 %, afirmaron que estes comicios eran un plebiscito sobre abrir ou non un proceso negociado ca administración central do estado español e ca UE, así o afirmaron Mas e Romeva, que pode ser dilatado no tempo, e que de chegar a bo porto, haberá que modificar leis, facer outras novas, todo dentro dun proceso constituínte. O que non ía acontecer, por moitos votos e escanos que sacaran os independentistas de “Junts pel SI” era unha declaración de independencia inmediata, análise da maioría dos medios de comunicación dentro da campaña do medo e de condena de todo o que faga Cataluña. Todo este proceso negociado deberá concluír, senón se modifican os obxectivos, ca constitución de Cataluña como país independente, integrado dentro da UE da oligarquía e con importantes lazos co estado español; onde os habitantes dese novo estado terán dereito á nacionalidade española por haber nado no estado español e polo tanto serán cidadás da UE. Os contrarios á independencia teñen que explicar se están dispostos a quitarlles a cidadanía a tod@s @s catalás.
En segundo lugar os homes e mulleres de Cataluña deixaron claro co seu voto que apoian o “dereito a decidir” o seu futuro e a celebración dun referendo sobre a independencia. E isto afirmárono co número de votos, o 56,70 % dos votantes e en número de escanos, 83, resultado dos votos ás tres candidaturas que defenden estas cuestións, “Junts pel SI”, “Catalunya si que es pot” e “CUP”. E si se converteron en plebiscitarias unhas eleccións autonómicas e pola cerrazón e a parálise política que padece o PP, que cas súas posturas favorece, aínda que lle pode dar algúns votos no resto do estado, o pulo do independentismo. Estou convencido que a celebración dun referendo hai uns anos, non tería a favor da independencia os resultados do día 27.
En terceiro lugar, debemos denuncia-las trampas para non recoñece-lo resultado dos independentistas como preocupantes; para os partidarios da franquista “unidade da patria” por enriba de todo, por enriba dos dereitos colectivos e do dereito de autodeterminación dos pobos, recoñecido polo propio estado español. É tramposo dicir que o independentismo baixou xa que entre CiU e ERC tiñan 71 e agora 62. A razón é sinxela, “Unió Democrática de Catalunya” tiña 8 deputados e rexeitou o proxecto de independencia de “Junts”. Do que estou convencido é que de continua-lo PP no goberno, pronto os independentistas será unha maioría importante en Cataluña. Despois do día 27 os independentistas contan no Parlament con 72 deputados, e algún da lista de “Catalunya si que es pot” tamén ten declarado estar a favor de inicia-lo proceso, máis por medio dun referendo e non dunhas eleccións autonómicas. Polo tanto as cifras atópanse cerca do 50%.
Volvamos á primeira cuestión formulada ó principio, as políticas neoliberais e a súa aplicación; se a CUP e algúns sectores presentes en “Junts” levan a cabo a súa promesa de enfrontarse ás políticas neoliberais, de austeridade, é posible que Mas, ou o que sexa elixido president vai ter maiores dificultades para levar adiante este tipo de política, o que beneficiará sobre todo @s traballador@s de Cataluña. Polo tanto a burguesía catalá non sae reforzada, vai ter maiores dificultades , en principio, para impor as súas políticas de recortes, privatizacións, etc.
De querer seguir aplicando estas políticas a burguesía terá que contar co PP, PSOE e sobre todo con Ciudadanos, o que posiblemente significaría a creba de “Junts” e deixar no esquecemento o proxecto de independencia. A situación e bastante complexa.

En Galicia no mes de setembro de 2015.

No hay comentarios:

Publicar un comentario