A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 15 de septiembre de 2015

CHÁMANLLE DEMOCRACIA E NON O É: O PROXECTO DA CLASE DOMINANTE.




Carlos Dafonte


Sempre é bo falar e debater sobre o sistema político, una parte importante dentro da estrutura do réxime actual, pero sobre todo cando @s galeg@s temos a perspectiva de participar en dúas eleccións nos meses próximos, as de novembro a Cortes e as autonómicas do ano 2016 e seremos ademais espectadores, dentro duns días das Autonómicas de Cataluña.
Vese reforzada esta necesidade por dúas propostas asumidas por unha parte, importante ou non, non teño datos fidedignos, do corpo electoral. A primeira, o esgotamento do réxime nado despois da desaparición da ditadura e a segunda, que ten moita relación ca anterior, a necesidade de abrir un proceso constituínte no estado español.

O sistema político nace ca Constitución actual, aprobada no ano 1978, e foi o resultado dunhas condicións políticas e sociais moi determinadas, que non permitían o exercicio pleno das liberdades necesarias para tomar determinacións que, plasmadas nun texto constitucional, fagan súas as xeracións posteriores.
O ditador acostumaba a dicir que deixaba todo, para cando el desaparecese, “atado e ben atado” e hai que recoñecer que as forzas de oposición ó réxime anterior, non tiveron a forza necesaria para impor un rumbo distinto á democracia nacente; o mantemento sen modificar dos principais aparellos institucionais da ditadura, exército, a súa columna vertebral, corpos represivos, xudicatura e a posición golpista de todos eles que sobrevoaba calquera tipo de actividade política e se manifestou dun xeito contundente o 23 de febreiro de 1981 co asalto o Congreso dos Deputados e a trama cívico militar que o pulou; a intervención directa do
Departamento de Estado norteamericano e todos os instrumentos dos que dispón, aparellos segredos, e da Internacional Socialista, moi activa neste período, sobre todo do PSD, que non estaban dispostos a que a transición fose “á portuguesa”, así o expresou un representante dunha fundación alemá ligada ó partido, nunha comparecencia nas Cortes, con motivo da investigación levada a cabo por financiación, xunto con derrotas inesperadas como a do PCE e as forzas políticas que se consideraban a súa esquerda nas primeiras eleccións celebradas o 15 de xuño de 1977, onde a maioría dos traballadores decidiron que o PSOE debía se-la forza de “esquerdas”, aínda que houbera renunciado dun xeito explícito ó marxismo, que capitanease a transición, leváronnos á situación actual, onde a maioría das institucións “fan auga”, están completamente desprestixiadas, comezando pola propia monarquía que tivo que pasar por unha abdicación para tentar manterse á fronte da xefatura do estado.
Agora superadas algunhas daquelas situacións que marcaron dun xeito determinante o sistema político, pero tamén a súa base social oligárquica e o propio modelo económico, é necesaria para unha parte da sociedade unha revisión, tranquila, democrática, dos alicerces sobre os que se asentou e segue asentado; por que, como dixen máis arriba, hai unha realidade, desaparecidas xeracións que o toleraban e asumían, unha parte das novas, non están dispostas a facelo.
Ó sistema político actual o caracterizan como “monarquía parlamentaria”, pero con elo dícese moi pouco; o que interesa e coñecer se o noso, é un sistema político asentado sobre alicerces democráticos e sobre todo que entendemos por democracia cando falamos deste termo; se todos os habitantes e sobre todo as novas xeracións entenden por democracia o mesmo que as xeracións anteriores ou si é necesario facer unha síntese entre aspectos moi diferenciados da mesma, ou si é necesario rexeitar algún dos actuais por ser claramente antidemocráticos.
Se miramos en diferentes dicionarios a verba democracia veremos en que case todos coinciden en afirmar que democracia é o goberno do pobo, aínda que algúns pensamos que a democracia que temos necesita un apelido para sinalar con exactitude de que se trata cando falamos de democracia; apelido que algunhas veces foi o de “burguesa” e as máis “liberal”, matiz moi importante porque de ser certos os apelidos, o que nos indican en realidade é que do que se trata é de poñe-los maiores atrancos para que sexa o pobo quen goberne. Tanto o primeiro como o segundo establecen dun xeito nidio que se goberna non para a maioría e para defender os seus intereses, senón para una minoría, para una clase social minoritaria ou, nalgúns casos, para una capa de esa clase, xa de por si minoritaria.
Apelidos que sempre puxen, moitas veces co descontento de compañeir@s de partido cando militaba. Pero son os propios ideólogos liberais, que espero que ninguén a estas alturas do proceso histórico dubide, son firmes defensores do capitalismo e a hexemonía burguesa, os que consideran á “democracia liberal” como a única posible que “garante a liberdade”. E en que consiste este tipo de democracia?
Poñamos en boca dos liberais o que pensan ó respecto. Por exemplo, John Stuart Mill, o pai do chamado “utilitarismo”, que é unha das fontes fundamentais do liberalismo, tiña moi claro que “en toda constitución tiña que haber un centro de resistencia contra o poder predominante, e, polo tanto, nunha constitución democrática, un medio de resistencia contra a democracia”.
Ou E. Kant que considera que “os individuos están dispostos a loitar constantemente polos seus intereses opostos; no estado de liberdade “natural”, a contraposición tomaría xeitos de opresión salvaxe e é a Lei e o Dereito os que fan á sociedade, de onde podemos concluír que a única sociedade é o poder lexislativo, o verdadeiro pobo non é o pobo real, senón o Parlamento. Di Kant, “Contra o supremo lexislador do estado non pode haber ningunha oposición lexítima por parte do pobo; pois só grazas á submisión de todos á súa vontade universalmente lexisladora é posible un estado xurídico”
En tempos máis próximos, hai dous autores italianos que son citados recorrentemente polos defensores da “democracia liberal”, G. Maranini e G. Sartori. O primeiro na súa obra Mito e realidade da Democracia, afirma que “Para quen sabe que os gobernantes son sempre unha minoría, e que a democracia só consiste en determinadas capacidades e características desa minoría, o réxime da maioría non é máis que o réxime da tiranía. As grandes democracias históricas, débese referir a EEUU e Gran Bretaña, son en realidade, se estudamos a súas estrutura, válidos e complicados sistemas defensivos contra a maioría (...)”. Na mesma obra chega a firmar que a democracia liberal, “non é froito do sufraxio universal; pola contra (...) conseguiu resistir bastante ben o sufraxio universal”. Por se non quedaba claro outra perla máis: “Non sempre estivo clara para todos a incompatibilidade incurable entre a natureza profunda do goberno parlamentario e algunha concepción rigorosamente racionalista; particularmente, ademais, non estivo clara a incompatibilidade entre goberno parlamentario e soberanía popular (...)”. 
Sartori vai por un camiño parecido cando afirma “Os equívocos nacen polo feito de que as veces dicimos democracia para significar “democracia liberal” e outras veces para significar só democracia; no primeiro caso acabamos atribuíndo á democracia todas as características do liberalismo, mentres que no segundo, liberalismo e democracia volven a ser cousas distintas” e máis adiante, na mesma obra, matiza “O certo é que, que a democracia moderna existe, en canto esta instituída pola superación liberal da democracia literal. Aínda que pase inadvertido, a democracia que reverenciamos e que practicamos é a “democracia liberal”: esta é a razón de que a idea de democracia exprese hoxe unha idea de liberdade”.
Un autor moi querido polas elites  norteamericanas é Walter Lippmann, que coñezo polas referencias que sobre el fai Noam Chomsky;  segundo parece un teórico da “democracia liberal”,  en cuxos ensaios sobre o tema, fai especial fincapé na fabricación de consenso, é dicir, conseguir que a poboación acepte algo inicialmente non desexado, cuestión moi importante xa que “os intereses comúns esquivan totalmente á opinión pública e só unha clase especializada de homes responsables o bastante intelixente pode comprendelos e resolve-los problemas que de eles se derivan”.  Este Lippmann non coñecía a González, Aznar, Rodríguez e Rajoy. Para el existía ese grupo de privilexiados e fora do mesmo o que chamaba “o rabaño desconcertado” e o obxectivo era protexerse de “este rabaño desconcertado cando brama e pisa”. Polo tanto nunha democracia téñense que dar dúas funcións; por unha banda este grupo de especialistas, homes e mulleres responsables que exercen a función executiva, é dicir que coñecen os intereses comúns e traballan para solucionalos e por outro lado “o rabaño desconcertado”, que ten, segundo Lippmann un papel na democracia, non só ser espectadores, senón liberarse dunha grande carga, elixir o que vai se-lo dirixente do país e unha vez liberado desta carga, deben converterse en espectadores da acción, non en participantes. Por iso é tan importante a fabricación do consenso, para o que os medios de comunicación en mans dos que controlan o país, “os donos da sociedade” que di Chomsky, aínda que non se presenten, non sexan elixidos, vexan defendidos os seus intereses particulares, que aparecerán á vista das grandes maiorías, como os intereses de tod@s.
Como podemos observar, os liberais de antano e os “neoliberais” de hoxe, distinguen perfectamente entre “democracia” á que cualifican de tiranía e a “democracia liberal”, a deles, que lle garante á clase explotadora o seu poder e a protexe da maioría da poboación e toda a democracia que coñecemos dende a desaparición da ditadura a podemos clasificar como un proxecto acabado da segunda a que tenta excluír ó pobo do exercicio do poder, é un proxecto contra o poder popular, contra a soberanía, contra o exercicio directo do poder polas masas, ridiculizando moitas veces esta posibilidade atribuíndolle un carácter asembleario cando non ten razón para ser exercido dese xeito.
Nesta perspectiva, o “estado liberal” ou “de dereito”, froito da “democracia liberal ou burguesa”o que temos na actualidade, o goberno parlamentario, establece toda unha serie de contrapesos que actúan como freos ás masas, que non son deste tempo, algúns creados por Montesquieu, ideólogo burgués,  como a división de poderes, que ten como obxectivo que exista un poder fraccionado, atacando o poder unitario da soberanía popular. Ou pasándolle a soberanía popular ás Cortes ou Parlamentos, garantindo a independencia deste, respecto a ese pobo; a independencia do deputado e senador, respecto ó elector. Aínda que sexan elixidos nunha determinada circunscrición, considéranse representantes de toda a nación no seu conxunto, polo que non pode ser revocado polos seus electores no caso de non obedece-lo mandato electoral que lle proporcionaron os votos. Lembremos a Lippmann, os electores deben ser espectadores da acción, non actores.
Por iso nunca deben ser esquecidas as verbas escritas por Kelsen, un xurista burgués refuxiado nos EEUU a comezos da II ª Guerra Mundial: “A fórmula segundo a cal o membro do Parlamento non é o representante dos seus electores senón de todo o pobo, ou, como escreben algúns, de todo o estado, e que por elo non se atopa vinculado a ningunha instrución dos seus electores e non pode ser revocado, é unha ficción política. A independencia xurídica do elixido respecto dos electores é incompatible ca representación xurídica. A afirmación de que o pobo se atopa representado polo parlamento significa que, mentres o pobo non pode exercer directamente o poder lexislativo, o exerce nembargantes por delegación. Pero non existe ningunha garantía xurídica de que a vontade dos electores sexa cumprida polo elixido si este é xuridicamente independente dos electores”.
O problema político do estado español ten moito que ver con dous berros que nestes anos escoitáronse nas rúas das nosas cidades, “Chámanlle democracia e non o é” o primeiro, e outro que ten moito que ver cas verbas de Kelsen “Non nos representades”. A grande maioría da xente que berra estas consignas nin leu a ningún dos autores aquí citados nin outros moitos defensores das ideas burguesas que nos últimos anos se teñen manifestado no mesmo senso, nin o necesitaron, a súa experiencia lles indica, nestes tempos de aguda crise económica, que o sistema político actual, que sobre o que nos din que é o único posible, atópase ó servizo da oligarquía e que eles como pobo non contan para nada no momento de que se toman medidas, decisións que lles afectan directamente, aínda que se estableceu constitucionalmente que a soberanía reside no pobo.
Hai pois unha “democracia liberal” que funciona ó servizo da minoría poderosa do país; debemos polo tanto facer un proceso de acumulación de forzas, necesario para levar adiante un proceso constituínte que devolva a soberanía e a verba ó pobo traballador, sendo conscientes de que cando se cuestiona esta realidade, sempre os servidores da clase dominante tentarán afoga-lo proceso afirmando que a súa democracia non ten alternativa posible, que a única é copia-lo sistema da URSS e os países do leste de Europa que dicían estar a construí-lo socialismo. Pero a realidade deses países era, afirmo, que o seu sistema político estaba levantado, como aquí, no dominio non da burguesía, non había propietarios dos medios de produción, pero si dun grupo de burócratas que monopolizaban o poder dentro do estado, os sindicatos e o partido, que se converteron en usufrutuarios das riquezas producidas en cada un dos países e que do mesmo xeito que a burguesía e os seus servidores dentro das institucións do estado no sistema capitalista, a súa misión tamén era manter ó marxe da acción política, ó pobo traballador.

En Galicia no mes de setembro de 2015


No hay comentarios:

Publicar un comentario