A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 23 de abril de 2016

UNHA DOBRE PERSPECTIVA ELECTORAL NUN PROCESO DE "REVOLUCIÓN PASIVA".



Carlos Dafonte

Coido que non se vai producir milagre algún e como vaticinei neste mesmo blog, ó día seguinte  que o xefe do estado encargara a Pedro Sánchez tentar formar goberno, estamos diante dun novo proceso electoral; dous para @s galeg@s que neste ano celebraremos as que deben renova-lo Parlamento e si é posible desaloxa-lo PP da Xunta de Galicia.
O acontecido dende as eleccións xerais ata hoxe, ilustra a situación de crise que padece o sistema político e a economía, que puxo por primeira vez dende o ano 78 en cuestión a hexemonía social da oligarquía e por conseguinte o propio réxime. Pero tamén quedou amosado que si feble políticamente é o réxime, as forzas que dicían querelo cambiar, tampouco son moi fortes.

O bipartidismo sufriu unha derrota,  aínda que non foi suficiente para producir cambios importantes, en medio dun clima de corrupción xeneralizado e posta en cuestión do funcionamento das institucións por unha parte importante da sociedade; ás forzas políticas de novo cuño a nivel de estado, cóstalles apoiar a quen foi rexeitado por sectores do seu corpo electoral, pero ó mesmo tempo, a presión dos medios foi moi importante no senso de esixir acada-lo máis axiña posible, un goberno que seguise a xestionar os intereses da clase hexemónica, nun delicado momento da economía a nivel mundial. A chantaxe estivo á orde do día: senón hai goberno, aseguran, a situación se vai deteriorar aínda máis e quen non colabore na formación do goberno, será o responsable
Os partidos que se autodenominan “constitucionalistas”, os máis claramente substentadores do réxime, a tripleta ca se constituiría a “grande coalición”, en principio, e hai que certas dúbidas sobre o alcance das mesmas, atópanse dispostos a levar adiante toda unha serie de reformas, ata da Constitución para mellora-la visión que do réxime ten unha parte importante da sociedade, nun intento de integrar a sectores sociais cada vez máis afastados do mesmo.
A situación nestes meses, foi moi complexa para Podemos a forza política a derrotar, unha vez que IU quedou moi minguada, aínda que esté disposta a facer todo tipo de cesións, e foi o obxectivo de todos os resortes que o verdadeiro poder ten, ca orquestración de campañas de todo tipo, encamiñadas ou ben a que cedera diante da posibilidade de apoiar un goberno do PSOE, que non sairía dos límites establecidos pola “troika”, lembremos as afirmacións, tanto dos voceiros “socialistas” como de medios e C’s, de que de non aceptar o pacto previo asinado por PSOE-C’s, Podemos estaría apostando para que seguira o PP e negándose a un “goberno progresista e reformista”; campaña copiada da que se fixo contra a IU cando Anguita era o coordinador e se inventaron “a pinza”; ou a volta ás andadas sobre a financiación, non da organización, senón de todo canto traballo realizaron os seus dirixentes antes de constituírse como organización política; en calquera caso do que se trata, e de conseguir o máximo desgaste da organización que dirixe Pablo Iglesias e facerlle perder o maior número de votos no caso dunha repetición das eleccións. Sobre IU a presión foi menor, pois os poderes consideran a esta forza política como marxinal durante un tempo considerable.
Hai que denuncia-la actitude do PSOE de pactar con C’s, unha organización da dereita conservadora, e despois esixir a todos os demais acepta-lo pacto, condición supoño imposta polos poderes económicos e sectores da extrema dereita do propio partido, que teñen unha grande influencia no mesmo. Creo que o PSOE non valorou ben as consecuencias do acordo con C’s, en certa medida quitouse a careta, e toda a campaña que fixo orientada a recuperar espazo na “esquerda”, se pode vir abaixo. O único responsable de que non haxa goberno PSOE-Podemos é Pedro Sánchez e o PSOE; pero que non se pense que ía ser un goberno reformista e de progreso, e menos de esquerda: sería un goberno ó servizo das directrices da UE e das políticas neoliberais. Podemos tardaría moi pouco en ser unha nova Syriza.
Podemos e en Galicia “En Marea”, se queren seguir a ser unha forza que siga a representar para moit@s traballador@s o intento de que algo cambie, non deben comprometerse con ningún partido que encarne o bipartidismo, a corrupción sistemática e o apoio ás políticas de austeridade, tanto pola xestión que fixeron da crise ata este momento, como polas cesións, hai alguén que o dubide?, que van facer diante das esixencias da “troika”, de recortar miles de millóns do orzamento actual e o complexo horizonte que o FMI establece, ca queda do crecemento para o estado español; esta organización xa está a esixir unha nova redución salarial. Pero, están dispostas estas organizacións a xogar ese papel?. Pola cantidade de concesións que vimos nestes meses de “debate político”, creo que en conxunto están máis pola cesión e “borrar liñas vermellas” que por manter unha posición firme de defensa dos intereses d@s traballador@s e outras clases afectadas pola crise.
O obxectivo político nestas circunstancias, debe ser que xestione a crise quen non quixo enfrontala doutro xeito, e se o único xeito é a “grande coalición” PP-PSOE-C's, que a formen e as esquerdas e quen se considere preto dos postulados da esquerda e defensor do pobo traballador, facer un esforzo para acada-la unidade na acción, e a mobilizar; que da crise do réxime do 78 non se debe saír cunha “revolución pasiva”, o termo que acuñou Gramsci para situacións como a que vivimos; que debemos tentar sexa de transición cara a un novo estadio nas relacións sociais de produción. Mobilizar non significa só saír ás rúas, que tamén, sobre todo nestes momentos significa explicar, discutir, convencer, utiliza-los foros ós que se teña acceso para levar adiante este labor fundamental, que debe confluír co da creación do partido d@s traballador@s asalariad@s

A “revolución pasiva” ou a “revolución –restauración”.
Antonio Gramsci nun dos Cadernos escritos na cárcere analiza, baseándose nos escritos de Vincenzo Cuoco sobre os acontecementos no Reino de Nápoles en 1799, como nalgunhas situacións de transición e cando a febleza é moita por todas partes, a clase hexemónica pode facer cesións que non alteren as estruturas do réxime, sempre que as masas non interveñan. Nalgúns momentos tamén denomina a este proceso “revolución-restauración” e que serve, para evalua-la capacidade que cada organización política ten para marca-la orientación no proceso e tamén para que a clase dirixente se reorganice, se reagrupe por medio das reformas, reacomode a súa visión da situación política e leve adiante algúns cambios reducindo ó máximo, como xa sinalei, a participación da xente.
Este concepto, Gramsci o une ó de “guerra de posicións”, o contrario ó de “guerra de manobras” que sería o enfrontamento ata as súas últimas consecuencias, inclusive o armado. A guerra de posicións é a loita pola hexemonía nos estados de occidente, onde a sociedade civil atópase ben estruturada, é robusta, o contrario de oriente “onde o estado o é todo e a sociedade civil é primitiva e xelatinosa”.
Segundo Gramsci o propio Lenin, que dirixira a revolución triunfante “en oriente”, en Rusia, comprendeu esta situación e como resultado da súa teorización, formulou a posibilidade da “fronte única”, que non se debe confundir ca táctica das frontes populares posterior.
Pois ben, eu entendo a situación política actual como un intento de levar a cabo unha revolución pasiva, onde o PP tenta capitanear un reacomodo da clase dirixente ca súa proposta de “grande coalición”, aceptando ó mesmo tempo diferentes reformas, as reformas que os poderes económicos permitan, que só servirán para que nada cambie; do que se trata é de reconstruí-la hexemonía da burguesía na sociedade, que cos resultados electorais na man e a mobilización contra as políticas de austeridade, sufriu un importante deterioro. Non digo que deixara de ser a clase hexemónica.
Hexemonía que significa consenso máis coerción e dentro do primeiro a vertente parlamentar, un home unha muller un voto, esa ficción onde todos nos igualamos, sexamos ricos ou pobres, explotadores ou explotados, xoga un papel fundamental, aínda que sexa iso, unha ficción. E digo que é unha ficción pola razón de que os mercados non se presentan, pero impoñen as súas políticas ós parlamentos e os gobernos; pero séguese a facer crer a millóns de persoas que co seu voto deciden as políticas que sufrirán.
Para acadar este obxectivo o PP e C’s,  necesitan a colaboración do PSOE, que si non se ten producido é, en política os devezos personais tamén xogan, pola razón de que ese paso, que estou convencido se vai dar, significaría a fin da carreira política de Sánchez e a súa substitución por outr@ secretari@ xeral no próximo congreso.  Tampouco debemos esquecer que tanto PSOE como C’s, fan moita fincapé en esixi-la “cabeza de Rajoy”, supoño que para anotarse un trunfo e entrar na “grande coalición” como vencedores, pero non lle farían ascos a un acordo co PP.

En Galicia o obxectivo debe ser derrotar ó PP e ó bipartidismo.
En todos os anos con goberno do PP, as políticas implementadas, levaron á maioría dos sectores produtivos a unha crise case terminal, pesca, leite, industria; abandono do monte, despoboación interna, problemas de comunicación interior sobre todo no sector ferroviario, ausencia dunha banca pública galega, etc. Resultado tanto das directrices económicas que se tomaron dende as institucións galegas, como as aprobadas pola administración central do estado. Polo tanto o bipartidismo é o causante do deterioro da situación económica que leva a unha parte da poboación a unha situación de pobreza e marxinación e á máis dinámica e preparada, numerosas mozas e mozos a emigrar. E tampouco debemos esquecer o que nos permite a consideración de pobo, o idioma cuxa situación non é mellor que todo o anteriormente sinalado.
Se o estado español, dentro da cadea imperialista é un elo feble, Galicia dentro do conxunto do estado xoga un papel cada vez menos importante e moi determinado pola súa dependencia e o rol que dende a UE se lle asigna. Atopámonos nunha situación de emerxencia. Os catro próximos anos, de ser anos perdidos, sen tomar as medidas necesarias, poden ser determinantes para o noso futuro.
Pero en Galicia hai forzas capaces, de traballar xuntas, de senta-los alicerces para as transformacións necesarias para dar un paso adiante.
Hai serias dificultades para a unidade, que debe ter os pes firmemente asentados en “En Mareas” e no BNG; e digo En Mareas e non en Podemos, porque a primeira e moito máis que o segundo, coñecemos máis ós seus compoñentes principais que levan moitos anos facendo política na nosa terra; Podemos é unha entelequia, formado nos últimos tempos con xentes chegadas de “todas partes” e que aínda teñen que amosar cal é o seu proxecto e o seu programa, concretados nun discurso para Galicia. E a partires de esa base, a sumar a moitos máis que existen, e teñen devezos de participar. Ninguén é imprescindible, pero todas e todos son necesari@s.
Hai unha cuestión que non esta resolta, é a de coñecer si no caso de que o PP sexa derrotado e o PSOE rebaixado a terceira forza polo seu peso electoral, estaría disposto a permitir que En Marea, ou como se chame quen concorra ó próximo proceso electoral, gobernara.

En Galicia no mes de abril de 2016


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario