A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 18 de junio de 2016

FRANCIA, OS APAGAMENTOS INFORMATIVOS E OS FIDALGOS ESPAÑOIS.




Roberto Laxe 
Hai un tremendo apagamento informativo sobre o que está a pasar en Francia, coa loita de clases manifestándose como é, clase obreira contra capital, e as clases medias, aí, no medio, como o houbo cando na Arxentina varias organizacións trotskistas agrupábanse no FIT e sacaban 1.200.000, e facían actos baixo a faixa do "goberno dos traballadores", desmentindo a Laclau na súa patria.
Da mesma maneira que mentres a Podemos e os seus 1.200.000 votos daquela dedicábanlle todos os informativos, ao FIT, non. Os primeiros era "nova política", os segundos, "vella política". Agora co que sucede en Francia tres cuartos do mesmo, a "nuit debout" á que dedicaron paxinas, era a "nova política", as folgas e cortes de estrada, a "vella"; e a sociedade española, pequeno burguesa até a medula -aínda non superou o fidalguismo, iso de ocultar que un é pobre tras unha capa e un sombreiro de á ancha-, mirando para outro lado.

Aos que se cren clases medias, tapando o seu carácter obreiro baixo unha capa e un sombreiro de á ancha como os fidalgos do Século de Ouro: gústelles ou non son clase obreira. Viven dun salario e se llo quitan ou rebaixan, son desafiuzados, sofren ese eufemismo de clase obreira pobre que é "a pobreza enerxética", teñen que deixar de ir de vacacións, etc. Poida que a base de moitas horas extras, hai uns anos, conseguisen parecer que non o son. Que a base de hipotecarse puidesen ir de viaxes de noivos a Cancún, como calquera pequeno burgués, que cambiasen de coche,... Non eran máis que as súas capas que ocultaban o que realmente eran.
Coa crise todo iso acabouse, o capital quitou a capa que tapaba as miserias. A festa terminou e agora toca recoñecerse como o que un é, unha persoa asalariada, é dicir parte dunha clase social que depende para o máis mínimo da súa vida dese salario que lle reduciron a base de reformas laborais, como a que agora queren “endilgarlles” aos franceses.
O espello no que debemos mirarnos é no da clase obreira francesa, non crernos as estupideces seudo intelectuais que veñen das universidades anglosaxoas, ianquis principalmente, destinadas a nos facer esquecer que somos clase obreira, asalariada; e que só temos a nosa forza no papel que cumprimos na produción e distribución de mercadorías, como demostran a clase traballadora francesa, parando as refinerías, as centrais nucleares, o transporte colectivo, etc. etc.
No estado español tamén hai refinerías, centrais térmicas, nucleares, papeleiras, conserva, téxtil, fornos de aluminio, grandes almacéns e grandes empresas de transportes (o Metro de Madrid e Barcelona na folga), e os franceses demostran que unha loita non se dá se non é para gañar.
Aquí fixemos varias folgas xerais, coma se dun fetiche tratásese: un dia de folga, e despois desmobilización... Como o inimigo de clase non cede por un día de folga, loxicamente, posto que o recupera despois a base de horas extras e co desconto de salario, a conclusión da clase obreira española é que as folgas non serven para nada. E a burocracia sindical tan contenta, porque así non ten que volver convocar nada, limitándose a tomar café coa patronal.
Esta é unha concepción da loita ben pequeno burguesa, formal, como todo no Estado Español. "As formas son todo, o contido nada", seria o epitafio da esquerda española.
A clase obreira francesa fixo unha folga xeral, que non foi tan xeral, pero tiñan vontade de loitar, e mantiveron até a data as folgas parciais desorganizando a produción, os transportes e a distribución de mercadorías. Porque ese é o noso poder: desorganizar a produción burguesa de mercadorías, e tamén, cando se toma conciencia de clase, organizala doutra forma, socialista, como apuntaban os traballadores e traballadoras das eléctricas francesas, desconectando aos ricos e conectando aos pobres. Miren, por certo, señores reformistas que fácil acábase co eufemismo da "pobreza enerxética", sen subvencións nin nada de ong’s subvencionadas; expropien ás eléctricas e xa está. Como todo, o problema é de vontade política, de enfrontarse ás eléctricas ou ir de apagalumes socializando o pago dos que non poden pagar.
Aquí o día despois dunha Folga Xeral hai unha paz, que é a paz dos cemiterios da loita. No fondo, froito do seu atraso político, a clase obreira ten substituído a reverencia cara á igrexa pola reverencia cara ao dia de Folga. Non compañeiras e compañeiros, as loitas danse para gañar, e senón é mellor non dalas, loitar por loitar é lume de artificio, son formas sen contido. E derrotar a un inimigo como a UE e os gobernos non é cousa dun día, nin un problema formal, senón dunha mobilización constante, cos obxectivos ben precisos.
Está claro que unha loita se pode perder; non está escrito en ningures que o resultado dunha loita, salvo se esta convócase para perder, como fixo a burocracia española sempre. Converter nun fetiche a folga xeral é baleirala de contido, para convertela nun día de festa, non de loita. Para que isto non suceda, hai que seguir o exemplo francés, antes e despois do día de folga, hai mobilizacións en sectores estratéxicos da produción como as refinerías, as centrais de enerxía, o transporte,... que fortalecen a conciencia da clase na súa propia organización.
A clase traballadora poderá perder porque o inimigo a bater é moi forte, o goberno imperialista francés e a UE, e os medios de comunicación co apagamento informativo (se isto sucedese en Venezuela, sería titulares dia se e dia tamén), cuns aliados inestimábeis, as burocracias sindicais da propia Francia e do resto de Europa e, sobre todo, as forzas políticas do "cambio", como Syriza, Podemos, o Plan B, etc. etc., que a contundente resposta da clase obreira colleu co pé cambiado, uns convertidos nos Hollandes de Grecia, e os outros buscando nas eleccións o que Francia ou Grecia demostran que son un canellón sen saída para os traballadores e traballadoras. Tanto Hollande como Syriza chegaron ao goberno con programas e políticas antiausteridade que gañaban pola esquerda ó de Unidos Podemos, e xa vemos como están.
A clase obreira europea, como desde a Comuna de París até as ocupacións de refinerías do 2010, pasando pola revolución en 1936 ou o maio do 68, faría moi ben en aprender dun dos seus sectores que sempre pon no centro o que é o decisivo para a sociedade: a loita de clases, que existe, por moito que aos nosos intelectuais pequeno burgueses lles de por negala. O día que lles explote nos narices que non se digan que non avisamos: Francia demóstrao.

En Galiza no mes de xuño de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario