A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 27 de junio de 2016

ANÁLISE DOS RESULTADOS ELECTORAIS DO 20 X DE 2016 (I)



Carlos Dafonte

Un contexto internacional desfavorable para as políticas progresistas
O proceso electoral no estado español, cuxos resultados tentaremos analizar, deuse nun contexto internacional dominado, en primeiro lugar, por non haber unha saída clara da crise e polo tanto unha realidade que degrada cada vez máis a situación de moit@s traballador@s, que se traduce na conformación do voto nun senso conservador; todas as noticias producidas a nivel económico foron nestes meses anunciadoras de novos recortes e exixencias da UE para unha vez pasadas as eleccións; situación que creo se aguzou cos resultados do referendo en Gran Bretaña e as incertezas e as catástrofes que a grande maioría dos medios de comunicación hexemónicos, anunciaban, tentando esconde-la realidade das verdadeiras razóns do voto. En calquera caso o descrito leva ó inmobilismo e a non cambiar.

En segundo lugar, se ven dando en Europa un proceso claro de dereitización nos procesos electorais, sobre todo en países onde parecía máis difícil, como os nórdicos e en Alemaña, Austria, Holanda...e tamén está moi presente pola súa proximidade, non física, o caso de Grecia onde un programa reformista non é aceptado pola burocracia da UE e os servidores do capital, no estado español PP, PSOE e C's, someten ó goberno grego a toda unha serie de movementos desestabilizadores que teñen grande influenza sobre a poboación, e levan á traizón de Syriza, a creba dos seus compromisos e a someterse ó esixido pola “troika”; na memoria colectiva de moitos votantes do domingo 26, estes feitos o poden levar a cavilar que a pesar da precaria situación na que se atopan, aínda hai capacidade, como en Grecia, para facerlles empeorar, máxime cando non hai moita confianza, xa que pouco ten amosado na práctica e o seu discurso non ten firmeza, na “forza do cambio”. Cecais tamén a chamada “crise dos refuxiados” puido ter unha influenza nas votacións habida conta  que votantes insolidarios, xenófobos e racistas poden ver no PP unha posición máis contundente para negociar dun xeito restritivo e impedir a entrada dos mesmos.
En terceiro, fora de Europa o contexto tampouco é moi favorable; as forzas progresistas, e digo progresistas e non revolucionarias, que tentan modificar dun xeito moi suave determinadas estruturas en Venezuela, Bolivia, Brasil, Arxentina vense constantemente acosadas pola principal potencia imperialista do planeta, e retroceden a niveles electorais e de apoio de masas; campaña que non só se libra no continente, senón tamén en Europa, sumándose a este proceso retrógrado de tentar recuperar a xestión do “patio traseiro” por parte dos EEUU, forzas políticas do estado español, como PP-PSOE-C’s, introducindo dun xeito sesgado na propia campaña todos estes temas. A globalización a todos os niveis, fai que os conflitos do imperialismo cos pobos, estean presentes e sexan utilizados en todas partes, escondendo o carácter de loita de clases do conflito e facéndoo pasar como un conflito, a maioría das veces, entre democracia e totalitarismo.
En cuarto lugar un elemento que podía ser favorable para as forzas progresistas no proceso electoral, as loitas da clase obreira francesa xunto cos seus aliados contra as medidas de austeridade do goberno socialista, foi sistemáticamente silenciado no senso de non producirse os debates nos medios que situasen nun primeiro plano unha loita tan importante; case sempre o que aparecía nos medios era o enfrontamento da policía con xentes que provocan balbordos, pero séguese a introducir case a diario, a situación de boicot sistemático contra Venezuela e téntase facer pasar por demócratas ós golpistas.
Aínda que se pense que estas cuestións non teñen importancia na hora de emiti-lo voto, sempre as causas esóxenas existen. Poden ter maior ou menor influenza que as endóxenas, pero é un grave erro político non consideralas.

Os resultados no estado español.
Esta longa campaña electoral iniciábase cun proceso unitario que abriu demasiadas expectativas; o anuncio de presentarse xuntos Podemos e IU. Dixemos no seu momento que en política un máis un poucas veces é igual a dous; as veces son catro e outras restan. Aínda que moitos servidores do capital que este emprega nos seus medios, dixeran que Podemos se volvera comunista, se quitara a careta, hoxe as forzas coaligadas, son dous proxectos tanto no ideolóxico como no programático diferentes. E estou convencido que na base social de cada un deles considerouse o pacto como oportunista, contra natura e creou, en IU é coñecida a postura de dirixentes e tamén de militantes de base, un rexeite importante por parte de sectores da organización, e a vista dos resultados tamén na base social e electoral, posiblemente das dúas formacións políticas.
Polo tanto o fracaso de Unidos Podemos no obxectivo de seguir avanzando, de superar os resultados en escanos e votos conseguidos por separado o 20 de decembro por Podemos e IU, fracasou e tamén o que moitas enquisas reflectían, a posibilidade de conseguir o “sorpasso”, e dicir obter mais escanos e a ser posible, votos que o PSOE.
O PP avanzou en votos, poucos e escanos, recuperou algo do perdido o 20 de decembro, máis de sesenta escanos e cinco millóns de votos, pero si aquela derrota se considerou unha grande vitoria liderada polo seu “grande temoeiro”, os resultados do 26 deste mes van ser considerados polos seus palmeiros,  apoteósicos.
Para o PSOE un moi bo resultado, nesa tendencia a dicir todos, a pesares da realidade, que teñen gañado; e a realidade é que si Pedro Sánchez, tiña que ter dimitido despois do 20 D, o mesmo que Rajoy, hoxe na derrota parece que sae reforzado, a pesares de ter perdido tamén o primeiro posto no feudo e grande celeiro de votos, de Andalucía. A desastre do PSOE mídese polos obxectivos, cativos, que hoxe se marcan; hai un ano aspiraba a ser o primeiro partido e despraza-lo PP do goberno, hoxe amósanse contentos por ter evitado deixar de se-la segunda forza o que indica a situación na que se atopan.
C’s devolveu algúns votos e escanos ó PP, que no lugar onde máis casos de corrupción que lle afecten se teñen descuberto, a Comunidade Valenciana, e máis dirixentes ten implicados, avanza; non só acadan o escano máis que lle correspondía a comunidade polo aumento de poboación, senón que lle quitan un ó PSOE. C’s sen campaña propia, fíxolle a campaña contra Unidos Podemos ó PP, mentres este se centraba no PSOE incapaz de dar catro ideas claras do que quería e sobre todo o seu “especialista económico” Garicano, que no debate sobre economía fracasou estrepitosamente.
Como resumo, a realidade de todo este proceso é que as forzas que aplican políticas neoliberais a nivel estatal e son cómplices da burocracia de Bruxelas, do FMI e do Banco Central Europeo, son moi maioritarias, nin avanzaron nin retrocederon, o 26 de decembro tiñan 253 deputados, a partires do 26 de xuño teñen os mesmos; haberá máis austeridade e máis recortes para as economías menos poderosas, que ninguén o dubide.

Algunhas razóns do fracaso de Unidos Podemos.
 Engadiríalle  ó dito noutro lugar deste mesmo artigo, que tivo que enfrontarse a unha campaña moi dura; os partidos autodenominados constitucionalistas con implantación estatal centraron a campaña en Unidos Podemos; pódese dicir que produciuse un enfrontamento do réxime coa nova formación, que non respondeu dun xeito adecuado, sobre todo ó PSOE que era o que máis dano podía producirlle ó acusar a Unidos Podemos constantemente de non lles permitir formar goberno.
Tamén houbo outros elementos que hai que ter en conta; en primeiro lugar, pola pouca firmeza programática, cedendo constantemente o que levaba á confusión; unha campaña como a que se deu, onde mirábase menos o balanzo da xestión do PP e máis as culpas por non se ter formado goberno, hai que enfrontala cun discurso, cun programa e cun proxecto forte e firme, sen concesións e no caso que nos ocupa as concesións foron constantes o programa descoñecido o proxecto inexistente e o discurso feble.
A algunha xente se lle pode enganar falando de socialdemocracia, pero as bases de IU e os seus electores saben que socialdemocracia é igual a keynesianismo, que o PSOE significa neoliberalismo e medidas contra os traballadores, o mesmo que moita xente da base social e electoral de Podemos.  O chamado estado de benestar, deuse nunhas circunstancias moi determinadas e como consecuencia dun pacto movemento obreiro-capital, hoxe imposible; para iso a oligarquía creou a actual UE.
Polo tanto ese discurso reiterado de tenderlle a man ó PSOE, sen respostar á dureza dos seus argumentos, a maioría das veces falsos, fai perder votos e a algúns que centrábamos o noso obxectivo en axudar para acada-lo “sorpasso”, obrigounos a votar co “nariz tapado”. Ademais moit@s terán pensado que si ides pactar co PSOE, se o meu voto non vai facer racha-lo bipartidismo, máis ben reforzalo, voto directamente ó PSOE.
Outro elemento que penso tivo importancia, moita, no que Podemos e IU parecen cortados polo mesmo patrón, é formular un horizonte electoral no que a mobilización popular esta ausente, e centrar todo obxectivo en conseguir votos, nun proceso de calma social. Pois ben pasado o espellismo do 20 de decembro xa teñen a resposta, os partidos burgueses necesitan convencer que por medio das institucións creadas pola propia burguesía para defende-los seus intereses, tamén se poden solucionar os problemas da clase antagónica; os partidos de esquerda deben comprender que nesa perspectiva sempre gañan os mesmos, só nun escenario de mobilizacións populares a esquerda pode avanzar; cando a xente esta mobilizada, cando rachou cas cadeas ideolóxicas cas con que a clase hexemónica a mantén sometida. Iso só se consigue facendo que loiten xuntos, que se discuta en conxunto e directamente sen os intermediarios dos medios de comunicación, que se amose a solidariedade de clase; e non entender iso é non loitar contra a esencia do neoliberalismo dominante, que Greespan, antigo xefe da Reserva Federal dos EEUU, puxo de manifesto nunha intervención diante do Congreso; o fundamental era, dixo, conseguir a inseguridade dos traballadores. Esta claro, nesa situación todo é máis fácil para o capital. Na situación actual de inseguridade, enfrontarse a un proceso electoral ca clase traballadora asalariada desmobilizada, sen obxectivos claros, recluída na súa propia individualidade é avanzar cara ó fracaso.

Como avanzar nesta situación.
Seguir mantendo a “man tendida ó PSOE” a nivel estatal, é seguir afondando na ferida.
En primeiro lugar, pola razón que co PSOE non hai posibilidades de levar a cabo políticas económicas progresistas e reformistas e menos de esquerdas, como se amosou co seu pacto con C’s una especie de “trágala” non aceptada, que utilizou contra Unidos Podemos na campaña e seguro que lle deu réditos. Políticas reformistas de todo tipo, que se enfronten á austeridade, fiscais, laborais, de recuperar servizos e empresas privatizadas, etc. E no caso hipotético de que os de Pedro Sánchez aceptasen, sempre estará vixiante a UE. Pode pensar alguén que o  PSOE ten disposición a enfrontarse á mesma con todas as consecuencias?.
En segundo, o número de deputados acadados por Unidos Podemos é o máis importante que forzas que se poden considerar enfrontadas ó réxime tiveron nunca no Congreso. Cunha situación de debilidade do PP no caso de gobernar, pódese facer un traballo moi importante se ó mesmo tempo hai o compromiso de manter unha constante mobilización, se non se pechan nas institucións, se se corrixen actuacións que se están a levar nas comunidades autónomas e nos concellos, se verdadeiramente se considera que a política institucional é unha parte da acción política, pero a acción política non se concibe só como acción institucional.
En terceiro necesítase proxecto, programa e discurso e aínda que haxa serias dificultades pola propia composición actual e as variacións que se podan dar despois de que se abra o debate sobre os resultados, se configure como se configure, estes aspectos son necesarios para consolida-la forza  política que actúe.

En Galicia no mes de xuño de 2016


No hay comentarios:

Publicar un comentario