A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 6 de junio de 2016

AFONDANDO NA NOSA DEPENDENCIA DO ESTADO ESPAÑOL




 Xulia Mirón e Lorenzo Linares

A principal forza produtiva para calquera sociedade é o ser humano, a súa capacidade para producir bens que respondan ás necesidades sociais. Galiza, nestes momentos, ten menos poboación en idade laboral que fai 10 anos. 200 mil persoas foron obrigadas a emigrar polas políticas de desmantelamento de todos os sectores económicos, levado adiante pola Xunta do PP, en aplicación das medidas ditadas desde a UE e os gobernos españois do PPSOE.

Desde que comezou a crise no 2007, as desigualdades e a opresión de Galiza, do seu pobo traballador, non so se mantén, mas tamén que baixo as formas de dominación do capital, da concentración e centralización que lle é inherente, agudízanse as tendencias á súa marxinación; así a fenda coa renda media europea, nestes anos, baixou do 95% ao 83% actual.

Desmantelamento de Galiza
O seu papel no Estado Español é periférico, nun estado periférico da UE; ademais, a súa construción como nazón tivo camiños históricos diferenciados de Catalunya o Euzkadi. Tras grandes loitas sociais ocultas pola historiografía española –revoltas irmandiñas, guerra de 1846,...- foise moldeando a súa relación actual co Estado.
Galiza ten reservado pola forza, desde ha séculos, o aportar man de obra e materias primas para o resto do estado e Europa, sobre a base de baixos salarios, precariedade e a súa consecuencia, a emigración forzada. Calquera análise serio da situación económico-social da realidade galega ten que facerse no cadro das políticas que desde Bruxelas e Madrid teñen respecto dos sectores produtivos e a súa repercusión sobre o pobo traballador galego.
O longo destes anos a política de Feijóo profundou nas tendencias que xa viñan de antes, aplicando políticas conscientemente desindustrializadoras, destruíndo calquera posibilidade dunha banca galega pública (caixas de aforro) e recortando en todos os servizos públicos, cada vez mais en mans privada (o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo é o máximo expoñente).
Galiza é a principal produtora do leite do estado, mantendo preto dun 40% da produción española. Mas as políticas europeas favorecen aos produtores alemáns, holandeses ou franceses, que xunto á negativa sistemática da Xunta do PP de favorecer un Grupo Lácteo Cooperativo, publico e galego, que diversifique a transformación do leite, resulta nun monocultivo baseado exclusivamente na produción do leite virxe, vendendo para a súa transformación as grandes multinacionais e empresas foráneas (controlan o 75% da produción). O empobrecemento dos gandeiros e gandeiras galegas é a consecuencia.
O sector pesqueiro é un elo fundamental no tecido social e económico da Galiza, e un dos máis importantes de Europa. Constitúe o 10% do seu PIB, e é un dos principais xeradores de emprego: por un que ha no mar, ha catro na terra, ate un total de 120 mil persoas. Os repartos de cotas que todos os anos se negocian coa UE supón para a pesca galega vivir permanentemente no fío da balanza, pois os seus intereses son representados polo Estado Español, onde a pesca é un sector ultrasecundario da súa economía. Nesta contradición quen perde son os traballadores e traballadoras galegas que ven como empresarios e armadores deslocalizan os seus negocios, coa conseguinte perda de postos de traballo.
O sector naval na Galiza é un dos estratéxicos, mas desde a reconversión dos 80, feita ao servizo da entrada do Estado Español na CEE (actual UE), significou a perda de 27 mil empregos, e entre 1998 e 2003, 16 mil máis. A prohibición da UE e do goberno español de construción de buques no estaleiro de Fene, foi levantada no 2015, mas nos feitos mantense a parálise, como a maioría dos estaleiros de Vigo. Mentres a Xunta actúa de intermediaria entre empresas como PEMEX ou capital chinés, para a venda dos estaleiros mais rendibles.
Galiza, o “pais dos mil rios”, supón que produce o 10% de toda a enerxía do estado, que maioritariamente vai á exportación e esta nas mans de multinacionais como Iberdrola, Endesa ou Gas Natural. Elas deciden sobre a auga, o ar, os encoros e as centrais térmicas, contaminando ríos e terras; e a poboación pagando a electricidade o mesmo prezo que onde non se produce.
Este desmantelamento calculado da economía galega, coa consecuencia da sangría da poboación, serve de xustificación aos gobernantes, sexa a Xunta sexa o goberno central, para non investir en infraestruturas sociais (hospitais, centros de estudo, etc.) e ferroviarias que integre á sociedade, ás diferentes comarcas, vilas e cidades. Para que quere a poboación galega eses servizos, hospitais ou servicios de proximidades, se o seu papel é o de marchar fora ou limitarse a traballar para as multinacionais que, coa complicidade do PPSOE, van facéndose cargo dos principais sectores produtivos galegos. Para este proxecto recentralizador abonda coa obra faraónica do AVE, que devolve ao capital español, ás grandes construtoras, a meirande parte dos orzamentos que, din, invisten na Galiza; onde deixan, de novo, postos de traballo precarios que rematarán cando finalicen as obras.
Esta realidade de imposición dunhas condicións sociais, económicas e laborais concretas, que negan a realidade propria da Galiza en todos os eidos, como o cultural ou lingüistico, tradúcese nun freo sistemático das forzas de crecemento da sociedade, impostas historicamente por un aparato de estado alleo e os partidos que lle representan. Freos que aínda se manteñen polo réxime, os seus partidos e a Unión Europea, no que chamase “opresión nacional”. Galiza, o seu pobo traballador, non ten ningunha posibilidade de lexislar sobre as súas necesidades, e iso redunda nunha sociedade en permanente deconstrución.
A cara humana da opresión nacional
A opresión que sofre o pobo traballador galego ten ollos e cara, afecta ás persoas cunhas consecuencias de inestabilidade social constante, en todos os eidos, desde o idioma ate o desevolvemento do coñecemento e a investigación. A ameaza do desarraigo, da diáspora é a condena á que esta sometida, produto das políticas conscientes do estado e a UE, e aplicadas pola Xunta; salvo que admitamos as racistas afirmacións sobre o atraso galego, ou a teoría inventada polo franquismo do carácter “aventureiro” que lle caracteriza.
As imaxes da diáspora do pobo traballador galego son coñecidas. En 1980 a poboación galega era de 2 .753.836, no censo do 2015 era de 2.732.347; en 35 anos a poboación baixou, e como vimos non se foron voluntariamente.
Desde que comezou a crise esta tendencia non mudou; mais de 200 mil persoas saíron na procura dun futuro que lle negan. A emigración a Madrid incrementouse nun 40% na última década. As mulleres entre 15 e 34 anos emigran porque so se lles ofrece infraemprego, precariedade, desigualdade e pobreza. E despois falan do envellecemento, cando expulsan do país ás persoas na idade de se plantear o ter fillos.
Unha de cada tres persoas novas achase en risco de pobreza. Seis de cada dez fogares teñen dificultades para chegar ao fin de mes, pois o 31% das persoas cobran menos de 650 euros o mes. Os salarios atópanse 200€ por baixo da media española. O desemprego galego esta no 19.3% (222.800), e destas 162.900 non cobran ningunha prestación. Entre as mulleres esta situación esta 8.7 por cima dos home; e so un de cada 15 mozos e mozas percibe ningunha prestación. Un 25.6% ten contrato a tempo parcial.
Os recortes e as reformas laborais baten especialmente nos sectores mais feminizados da economía, que na Galiza constitúen algúns dos seus eidos fundamentais, como o téxtil, a conserva ou o marisqueo.
Froito destas políticas as cifras cantan: quen sufre a opresión nacional son as persoas da clase traballadora e os sectores populares, ten ollos e cara. Non é abstracta, nin invento de ninguén, senón consecuencia da estrutura capitalista da sociedade.

NON NOS REPRESENTAN
Diante do cadro de desartellamento social do pobo traballador galego, teñen xurdido alternativas que desde as forzas progresistas ou de esquerda, levántanse para enfrontalo.
A situación é tal que foi definida de “emerxencia social e nacional”; mas para revertelo todo un sector desas forzas ergueron toda una política destinada a “tomar as institucións”, botando á “caste”, agora reducida ó PP, e así mudar as políticas que están a provocar ese desartellamento. Así, vimos como os “autoproclamados” herdeiros do 15M organizábanse, e tras unha campaña nas redes sociais e medios oficiais, acadaban moi bos resultados electorais, primeiro con AGE no Parlamento galego, despois con Podemos nas Europeas, e nas municipais do 2015, onde chegaron ás alcaldías de cidades como Coruña, Ferrol e Compostela, ou no estado en Madrid, Barcelona, Cádiz...
Nas eleccións do 20D, sobre a base dunha morea de pactos e alianzas, parecía claro que estas novas organizacións eran o único referente electoral para a xente que tentaba mudar algo. Na Galiza estas candidaturas levaron por diante o BNG.

O neoreformismo
Non pasou tanto tempo desde eses tempos electorais, e lembrase perfectamente as primeiras reivindicacións de ruptura co réxime de AGE, de non pago da débeda de Podemos, a primeira actitude das CUP ante Artur Mas, as promesas de Tsipras de non tragar máis coa austeridade da UE ou os chamados de Ada Colau a desobece-las leis inxustas. Pasado este tempo, vemos a AGE comodamente instalado no Parlamento, a Podemos reuníndose co PSOE, ás CUP rotas polo xiro de apoio a Artur Mas, Grecia peor do que estaba respecto á UE e a Colau non negociando cos traballadores / as do metro en folga, mentres había unha reunión de grandes empresas.
Chegado o momento da verdade, o momento onde si se podería comezar a forzar algún cambio, non mudan realmente nada respecto á vella política, agás o ton ou as formas utilizadas. O seu discurso sobre o consenso, a actitude dialógante, mellora dos métodos democráticos, xestión eficaz e códigos éticos, quedan como que é: un lavado de cara ó de sempre. Sen o estigma da corrupción pero o de sempre no resto das cuestións.
Este cambio, este disolver as perspectivas de cambio coa entrada nas institucións, basease nunha concepción que pode chamarse “neoreformista”. Ao entender o estado e o réxime como unhas institucións cuxa finalidade é o benestar da poboación, mas, que teñen sido “tomados” por xente ineficaz, corrupta, ao servizo do 1% que se aproveita do sistema para o seu beneficio, chegaría con tomar esas institucións por xente boa, do común. Xente que xestione para todos e todas. Chega con mudar a xestión e impedir que os corruptos sigan no poder.
Por iso son reformistas, chégalles con reformar o sistema. Mas son “neoreformistas”, porque o vello reformismo alo menos plantexábanse que no futuro, a través das reformas, chegaríamos á transformación socialista da sociedade. As novas forzas políticas limitan as reformas do sistema ao proprio sistema.
Fronte ás concepción neoreformistas dun estado “benfeitor”, o certo é que todas as súas institucións están construídas a imaxe e semellanza do que o capital quere, e por este motivo, son irreformábeis. O estado e o réxime son un xigantesco tíngallo legal e institucional, desde o local ate a cimeira, que expresan os intereses e as necesidades da clase dominante. Tentar mudar as políticas, a xestión, sen mudar as institucións so conduce á abdución pura e simple, por moitas boas intencións que se podan ter.

O virus do electoralismo
A máxima expresión desta confianza nas institucións como “mellorables” é o electoralismo; a ilusión que nace na propria poboación, de que a través do voto pódense mudar os xestores e, poren, as políticas que se poden facer desde as institucións.
Ninguén vai negar a importancia do sufraxio universal que foi unha conquista social arrancada á burguesía pola clase obreira, polas mulleres, polos negros e escravos. Mas, cando na realidade social concreta contraponse o voto individual á loita social, xorden os problemas.
No Galiza nos últimos anos, sen nos referir a Nunca Máis e a Guerra, vívemos unha morea de loitas sociais de gran calibre; desde o 15M ate folgas xerais, folgas parciais como o metal vigués, ... Grandes loitas que xunto coas que atravesaban o resto do estado, culminaron o 22 de marzo do 2014, canda as Marchas da Dignidade convocaron en Madrid. Pouco despois déronse as europeas e a dimisión do vello rei, acosado polo desprestixio social e a corrupción.
Eses días a burguesía, todos os seus representantes, asustáronse e fixeron piña para desactivar unha mobilización social que comezaba a ameazar as bases, non xa do goberno de quenda, senón do proprio réxime do 78. A dimisión do rei provocou manifestacións espontáneas polo dereito a decidir entre Monarquía ou República, que xuntáronse coas reivindicacións de independencia de Catalunya.
E como conseguiron desactivar toda a potencia deste movemento?; pois a través do virus do electoralismo. Da confianza no voto para mudar uns xestores corruptos, por outros “do común”, que fixeran cousas con “sentido”. Apoiándose nas ilusións da poboación nunha saída pacifica á crise, todas as forzas, nomeadamente as que proclaman ser “herdeiras” do 15M, ou no caso galego, o nacionalismo, volcaron todas as súas forzas nos procesos electorais, deixando nun segundo plano o que realmente conseguira mudar as cousas, a mobilización social.
O electoralismo é a maneira que ten de expresarse a concepción reaccionaria que é o neoreformismo, pois baixo palabras como “horizontalidade”, “os de abaixo”, “democrático” e “participativo”, o que se agocha é un chamado á poboación traballadora a abandonar a loita social e confiar nunhas persoas e organizacións, que se presentan como “transformadoras”. Fortalece a vella separación entre “electores” e “elixidos” que só cunha verdadeira política revolucionaria pode romper, unha política baseada na loita independente da clase traballadora e o pobo das institucións do estado capitalista.
Por este motivo, as forzas que se din transformadoras “non representan” os interese da clase traballadora, senón que son a canle para desviar as súas loitas ó pantano das institucións e as eleccións.

As limitacións do nacionalismo
Dentro da lóxica do electoralismo, o BNG, aínda mantendo unhas posicións de rexeitamento do réxime do 78, non deixa de ter unha tendencia case permanente á súa integración, pola vía dun “aliado” na burguesía galega que lle permita facer realidade o soño de “construír nazón”.
Mas a realidade é teimuda. A burguesía galega no seu conxunto apostou, ha tempo, por seren “cola de león” e non “cabeza de rato”. Iso significa que pola súa traxectoria histórica, na súa construción como clase social, o capital galego é dependente da súas relacións co estado, sentíndose cómodo como intermediario entre o capital alleo e a explotación da clase traballadora.
Pola súa banda, o gran capital galego, que existe, esta tremendamente internacionalizado facendo boa a máxima marxista de que “o capital non ten patria”; a este sector tanto lle ten os problemas da poboación traballadora galega.
So sectores da pequena e mediana burguesía, esencialmente rural ou ligada o mar, poden ser aliados na loita polos dereitos nacionais; mas, pola súa debilidade social, nunca serán protagonistas: xa non estamos no 1846, o seu tempo como clase revolucionaria, ha tempo que pasou.
O erro do BNG consiste en pór todas as forzas da clase obreira, sobre a que inflúe dun xeito decisivo a través da CIG, ao servizo deste proxecto social e electoral interclasista. Nestas condicións é precisa a construción dun partido da clase traballadora, que agrupe os sectores mais conscientes e activos da clase obreira, e teña como eixos da súa política a loita contra o réxime do 78 e a ruptura, pola república galega no cadro dunha libre unión de nacións ibéricas, e dos Estados Unidos Socialistas de Europa, a partir da loita independente e autoorganizada da clase obreira como clase internacional que é. 
Galiza, no mes de xuño de 2016


No hay comentarios:

Publicar un comentario