A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 13 de junio de 2016

PROCESO ELECTORAL E MEDIOS DE INFORMACIÓN



PROCESO ELECTORAL E MEDIOS DE INFORMACIÓN.

Carlos Dafonte

En poucos días @s galeg@s votaremos para elixi-l@s nos@s representantes provinciais nas Cortes do estado. Para o outono elixiremos a quen nos represente no Parlamento de Galicia; se di de ese momento, cando introducimos o voto na urna, que é o momento culminante nunha sociedade democrática xa que co noso acto estamos en disposición de cambia-lo rumbo da actividade política, modifica-las estruturas de poder, a situación persoal, premiando a quen durante o tempo do seu mandato levou a cabo políticas segundo o prometeu na campaña electoral e beneficiou cas mesmas á maioría da sociedade, e castigando a quen enganou ós seus electores. Pero non nos enganemos, para a grande maioría dos que votan, son as informacións dadas polos medios os que lle crean a necesidade de votar a uns ou a outros. O longo da miña vida política teño observado como moit@s votantes argumentaban a favor ou en contra dunha opción política, segundo a liña editorial de determinados medios, en grande medida son os responsables do voto emitido, aínda que cada vez teñen menos influenza.

Os medios de información están ó servizo da sociedade?
Polo tanto volve a estar de actualidade a información que durante o período de tempo que vai dunha elección a outra teñamos recibido, pois só con información honesta, non manipulada, ó servizo de crear cidadáns capaces de decidir con liberdade, poderemos ter a capacidade de elixir  libremente.
Senón é así, a democracia, como analizaron hai algúns anos  sociólogos norteamericanos, convértese en poliarquía.
Neste país existe o paradoxo de que un mesmo propietario teña dous medios de comunicación, un considerado de “esquerdas” e outro de “dereitas”, pero os límites da información sitúanse na defensa, en ámbolos dous, do capitalismo; dentro do capitalismo se poden facer algunhas críticas, como facelo máis “eficaz”, como máis “beneficioso” para quen o sofre, si debemos defender o keynesianismo ou o neoliberalismo, pero defender dun xeito reiterado outro sistema que sexa alternativa, non ten oco dentro de calquera dos medios.
Temos no estado español verdadeiramente liberdade de prensa?. Parto da afirmación de que en ningún país existe, que esta como toda outra serie de liberdades que se consagran nas Constitucións, está limitada pola defensa do modo de produción que é hexemónico na formación social existente, neste caso pola defensa do capitalismo e aínda máis, no caso español pola defensa dun modelo capitalista particular, o neoliberal: a saída que o poder económico impón, dende hai moitos anos, da crise que afectou a moitas partes do planeta ata chegar a partires de 2007 ó centro do sistema. A liberdade de prensa está en función da loita de clases e cal teña a hexemonía.
Hai pois elementos que limitan dun xeito moi determinante a liberdade de prensa. En principio todos os cidadás podemos ser propietarios dun medio de comunicación, pero os custos para materializar este feito son tan importantes que só os economicamente moi poderosos os poden posuír. Ademais dende o inicio da crise, así como o capital se concentra e centraliza, este proceso tamén se ten producido nos medios de comunicación do estado e non é difícil atopar algúns cuxo propietario é unha empresa transnacional.

Pero por outra banda, a propiedade privada dos medios e contraditoria ca función social que se lles atribúe. Si a función é social e a propiedade non, a sociedade non ten control algún sobre os medios, e nesta circunstancia é falso e demagóxico dicir que se soluciona o problema non mercando ese medio e así desaparecerá, pois coñecemos a capacidade dos grandes grupos empresariais autóctonos e internacionais, para manter activo un medio aínda que produza perdas, se cumpre co papel de influír dun xeito importante sobre sectores amplos da sociedade. Tamén poden corrixir estas perdas ca propaganda institucional e a privada. Polo tanto a función social hoxe a determina a propiedade e non a sociedade.
Nestas condicións hai que deixar claro que a liña editorial, o apoio a determinados partidos e o ataque constante a outros, sobre todo nos procesos electorais non a definen os periodistas, é a propiedade quen a establece e sempre haberá periodistas dispostos a levala adiante.
E  os medios de comunicación nestas condicións de crise e en mans da oligarquía, farán todo o posible para facernos crer diversas perspectivas que non deixan de ser enganos; a primeira que a alternancia no poder pode poñer en cuestión o sistema económico e para esa ficción levan inventando, dende o inicio da transición, “esquerdas” e “dereitas”, pero todas elas defensores do modelo, aínda que grupos importantes da sociedade podan chegar a cre-lo contrario; se é así, os medios acadaron os seus obxectivos. Moitos votantes pensan, por exemplo, que votar PSOE é votar pola esquerda. Ou que votar Unidos Podemos e de gañar, instauraríase o réxime bolivariano, o de Venezuela.
En segundo lugar outro engano moi propio da democracia liberal, a posibilidade de que vamos decidir co noso voto sobre quen vai te-lo poder, cando a realidade é que o poder é exercido por grupos económicos que contan ca avenencia de determinados partidos e organizacións. En todos os países baixo a ditadura do capital, a liberdade de prensa, é a liberdade do capital para dende os seus medios impoñe-la súa forma de pensar: converter a súa ideoloxía, as solucións que lle conveñen da crise, no “senso común”, o xeito de pensar da maioría da sociedade, aínda que ese xeito de pensar vaia en contra dos intereses da grande maioría da mesma. Acadar ese obxectivo e o papel que os medios teñen como fin.

A manipulación dos resultados do 20 de decembro.
O 20 de decembro, sendo moi favorables os resultados para o verdadeiro poder, o que non se presenta ás eleccións e o seu réxime, non esquezamos que as forzas partidarias de pular políticas neoliberais, que se autodenominan “constitucionalistas” e favorables á Unión Europea actual, son moi maioritarias, a pesares diso,  o réxime sufriu un deterioro tan forte nos últimos anos, que non se conseguiu formar goberno.
Pois ben, o papel dos medios de información, os máis poderosos, neste período e nestas circunstancias,  foi moi importante e tivo varios obxectivos nidios. En primeiro lugar, facer de “interpretes” do que os votantes querían ca emisión do seu voto e pódese dicir que por unanimidade, chegaron a unha conclusión falsa, que tentaron que os votantes asumiran como certa, que querían pactos e a formación axiña dun goberno; os votantes o que queren e que se respecte o seu voto e o programa polo que votaron. E nas próximas votacións, de manterse a asistencia e non variar moito os resultados, confirmarán a miña aseveración.
En segundo amedrenta-los políticos e partidos para que a partires do 26 de xuño, sexa unha realidade a formación dun goberno aínda que se repitan os resultados; as posicións do PSOE afirmando que de repetirse os resultados se absterían para que o PP gobernase, parece o colofón da campaña.
En terceiro facer debates que escondan elementos importantes que debían estar no centro do debate político-electoral, como son a permanencia no euro e todo o relacionado ca Unión Europea, o problema da débeda que supera o 102 % do PIB; o Tratado de Libre Comercio cos EEUU, o Tratado de Estabilidade consubstancial ca modificación do artigo 135 da Constitución o que nos leva o tema dos recortes orzamentarios; falar dos servizos públicos sen falar de Europa e dos elementos con anterioridade expostos é tentar enganar ós electores...Nunca nunha campaña como a que culminou ca votación do 20 de decembro, se falou tan pouco sobre a U.E. e as consecuencias de pertencer a un modelo de construción de Europa imperialista e ó servizo das grandes empresas transnacionais. Cando sitúas sobre o taboleiro estes temas, a maioría dos periodistas e representantes de partidos, acusan a quen o fai, de non querer unha Europa unida, de ser antieuropeista, cando a construción da mesma se pode facer de moitos xeitos. Espero que na campaña iniciada recentemente, algunha forza política impoña discutir sobre estes temas a fondo que restan soberanía e atan as mans para outras políticas de defensa d@s traballador@s e as clases populares.

A crise do réxime e as súas consecuencias.
Como non  pode ser doutro xeito, a crise do réxime tamén é a crise dos partidos; das institucións por descontados, un rei tivo que abdicar, e nunca as institucións que configuran o sistema político, cunha parte dos políticos metidos en tramas de corrupción e as medidas económicas tomadas sobre todo as referentes ós servizos públicos, impostos, etc foron tan cuestionadas por sectores moi numerosos da sociedade.
Polo tanto o réxime e as súas empresas de información, tentarán por todos os medios que a crise non siga aguzándose e se non se pode recupera-la quenda do bipartidismo, que é un dos alicerces do mesmo, que PP ou PSOE, poda controla-las institucións a partires da sesión de investidura. O réxime necesita unha fonda reestruturación, analicei noutro artigo o concepto gramsciano de “revolución pasiva”, modificar algunhas premisas non moi importantes, sen intervención das masas populares e sobre todo, que é o que esta a acontecer, sen a presencia da clase obreira como tal clase.
Nesta reestruturación, partidos que hai poucos anos conseguiron maiorías absolutas, o 26 de xuño poden caer na marxinalidade e entrar nunha fonda crise; as maiorías simples dificilmente contarán co apoio dos nacionalismos burgueses da periferia; a división política ficticia entre esquerdas, PSOE, e dereita, AP ou PP, que tantos réditos lle deu ó poder, pode finalizar con ese formato; pero verdadeiramente os análise de todo tipo non me levan a poder afirmar que dentro das forzas emerxentes, “Unidos Podemos”, En Marea, Compromís, etc, se atopen os elementos para ser unha forza de esquerdas e polo tanto marxista, anticapitalista, que loiten por unha sociedade nova que poña fin a explotación do home polo home.
Acepto, con certas reticencias, que o seu sorpasso sobre o PSOE, poda servir para afondar a crise do réxime; que se queren e son capaces de mobiliza-la rúa e facer un labor de oposición dende as institucións, unida á mobilización popular, poden frear algunhas políticas do poder, pero o comprobado ata o de agora da súa presenza nas institucións, a precampaña e a campaña recen iniciada, as declaracións feitas por moit@s d@s seus dirixent@s, as rectificacións de elementos importantes do programa, a súa propia indefinición, me levan a pensar que hoxe non son máis que un magma, heteroxéneo, contraditorio, moi afastado do que debe ser unha forza de esquerdas, transformadora capaz de loitar por ser hexemónica na sociedade.
O que espero é, que baixo ningunha circunstancia se presten a xoga-lo papel de se-los que permitan a estabilidade do réxime.

En Galicia no mes de xuño de 2016.

No hay comentarios:

Publicar un comentario